martes, 28 de febreiro de 2023

Matemáticas próximas e números máxicos


"O saber e o sabor das matemáticas de proximidade" é o título da conferencia inaugural das xornadas "A Foto 51" impartida o pasado 10 de febreiro pola decana da Facultade de Matemáticas Elena Vázquez Cendón. Falou de Péter Lax e Rózsa Peter, anunciando a próxima publicación do famoso libro de Rózsa, "Xogando co infinito", con tradución de Felipe Gago.
Por suposto, Elena tamén falou de de Domingo Fontán e o seu mapa, a Carta Xeométrica de Galicia. Despois abordou unha chea de referentes en Matemáticas Industriais con elementos e lugares próximos: a ría de Pontevedra, os saltos para os peixes nos ríos galegos, ou a mina das Pontes. Finalmente podemos asistir a unha ampla rolda de preguntas. 
Ao día seguinte, 11 de frebreio, estaban programadas unha chea de charlas de divulgación científica. Entre elas unha de matemáticas, impartida pola máis destacada divulgadora desta ciencia, Elena  Vázquez Abal. O título da súa intervención foi "Números máxicos!" e tratou sobre os sistemas de numeración, incidindo nas vantaxes do sistema posicional. Para isto fixo uso dun xogo do repositorio NRICH, o Numbler Jumbler, co que se pode xogar nesta ligazón e que nos explica por que se a un número de dúas cifras lle restamos a suma desas cifras, o resultado sempre será múltiplo de 9.
Deixo aquí estas dúas perlas dunhas xornadas realmente extraordinarias, que ademais foron moi ben gravadas e editadas nunha serie de vídeos que agora podemos gozar e compartir.


xoves, 16 de febreiro de 2023

Reloxos triangulares, cadrados e redondos

Hai tempo que non imparto aulas nos primeiros cursos da ESO. Esta é a razón de que non se vexa por este blogue ningunha achega deste nivel. Coa presente entrada rompo esa liña. Todo foi por botarlle un ollo á revista Recreational Mathematics, en concreto a un artigo de George Teşeleanu e Simion Stoilow no Volume 10, Edición 17 (xaneiro 2023)  titulado "How to Read a Clock". 

Entre outras cousas nese artigo preséntanse un tipo de reloxos de forma triangular que poden dar algo de xogo nas aulas e invitan a reflexionar sobre o sistema de numeración ou sobre cales son os posibles restulados que podemos obter utilizando unha colección numérica restrinxida. 

Teşeleanu e Stoilow fan que teñamos presente que,  para poder dar a hora cunha precisión de minutos durante un período de 12 horas, debemos elaborar un mecanismo que distinga un total de $12\cdot 60=720=6!$ disposicións (ou minutos). Velaí que unha disposición triangular como a seguinte acáelle como unha luva a este valor. A imaxe explícase por sí mesma, con todo, explicarémola.

Cada fila ten asginado un valor en horas (h) ou minutos (m). Só teremos en conta os círculos azuis. Podemos considerar que os círculos azuis están encendidos e os brancos apagados. O mecanismo funciona coa seguinte regra: se nunha fila temos un círculo azul, os da súa esquerda tamén deberán ser azuis. Neste caso o reloxo está marcando as:
$$2h+30m+30m+6m+1m+1m+1m=3h\quad 9m$$
Todos os círculos en branco (apagados) indicarían as $0\ h \quad 0  m$. Se os prendemos podes comprobar que sumarán $11h\quad 59m$
Decatémonos de que, indo da fila inferior á superior, os círculos ven multiplicado o seu valor por 6, 5, 4 e 3 respectivamente e que o número de posicións distintas de cada fila (de abaixo cara arriba) é de 6 (0 encendidos, 1 encendido,..., 5 encendidos), 5, 4, 3 e 2. De aí o buscado $6!$
Nesta páxina de Jörg Pretz podemos xogar cun reloxo coa mesma idea subxacente. A única diferenza é que usa dúas cores para as bólas segundo a hora sexa anterior ás 12:00 (en verde) ou posterior (en vermello). Ten a curiosidade de que marca a hora real polo que podes adiviñar a que hora fixen a foto da imaxe
Que hora é?

Unha alternativa, quizais máis interesante, é a do reloxo triangular inverso.
Esta nova alternativa permitiría ver como o alumnado responde a como elaborar unha disposición para unha hora determinada. Aquí abordaríase o problema de traballar coa base 60. Por exemplo, nesta disposición hai que pasar de $24 m\cdot 3=72m$ a $1h\quad 12m$

Reloxos cadrados
Se estamos dispostos a perder precisión podemos botar man dos reloxos cadrados. Agora a disposición non vai por filas, senón por cadeas completando cadrados. Para elaborar un reloxo cadrado partimos, na esquina infeior cun círculo de 15 minutos, rodéano 3 de 30 minutos e a estes 5 de 2 horas. O primeiro círculo pode estar en 2 posicións distintas, a seguinte cadea, de 3 círculos, en 4 posicións, e a derradeira, de 5 círculos, en 6 posicións. Temos un total de $2\cdot 4\cdot 6=48$ posibilidades, xusto a cantidade de cuartos de hora que hai en 12 horas. A seguinte disposición marca as 8:15

Analogamente ao feito co caso triangular, non é dificil construir un reloxo cadrado inverso nun cadrado 3x3 onde a esquina inferior esquerda ofreza o valor máis alto e a cadea exterior de 5 unidades estea formada polos valores menores. Tamén cunha precisión de 15 minutos, cales deberían ser os valores que debemos asignar aos círculos de cada unha das cadeas?

Reloxos redondos
Como bono de regalo, recollo algunhas cuesitóns sobre reloxos redondos.
A primeira é un problema ben bonito que xa hai tempo achara en NRICH, e que a pesar de ser redondo chámase
Reloxo triangular. Todos sabemos que os números triangulares son os resultados da suma dos primeiros naturais consecutivos $\left \{ 1,3,6,15,21,... \right \}$. Reordena os 12 números das horas sobre a esfera dun reloxo de forma que cada par de números adxacentes sumen un número triangular. Podes comezar colocando o 12 no seu lugar.

O seguinte é unha cuestión absolutamente natural.

As agullas coincidentes. Cada canto tempo coinciden as dúas agullas dun reloxo? 

Quizais só serva para despistar, pero, tamén de forma natural xurde enseguida a seguinte pregunta: cada canto tempo coinciden as tres agullas dun reloxo? (agora engadímoslle o segundeiro).

Unha posible resposta dánola Cliff Stoll neste vídeo do Numberphile. Outra podería ser a que se explica deseguido,  inspirada no relato de Aquiles e a tartaruga. 

Partamos das 12 en punto. Despois de unha hora a agulla dos minutos volve á súa posición orixinal mentres a das horas andou $\frac{1}{12}$ de volta. Mentres a agulla dos minutos anda agora esta fracción de volta, a das horas tivo tempo a andar unha doceava parte deste valor, isto é $\frac{1}{12^{2}}$ de volta. O lector avispado xa enxerga o camiño. A solución virá dada pola suma dos termos dunha progresión xeométrica de razón $\frac{1}{12}$:

$$\frac{1}{12}+\frac{1}{12^{2}}+\frac{1}{12^{3}}+...=\frac{1}{1-\frac{1}{12}}=\frac{1}{\frac{11}{12}}=\frac{12}{11}$$

$\frac{12}{11}=1'\widehat{09}=$1 hora 5 minutos 27'27 segundos

Finalmente unha colección de reloxos matemáticos preséntanolos Antonella Perruca neste artigo de Plus Magazine

martes, 31 de xaneiro de 2023

Unha anotación xeométrica sobre as progresións xeométricas

Non fixen un reconto exhaustivo, pero teño a certeza de que o nivel que máis horas estiven dando clase foi o que anteriormente se correspondía con 1º de BUP, e que agora, e xa hai moito, se denomina 3º da ESO. 

Lembro moi ben que, sendo eu alumno dese curso (do BUP, claro), o tema que máis traballo me custou entender foi o relativo ás progresións aritméticas e xeométricas. Quizais por iso cando volvo a dar o paso, agora como profesor, de mergurllarme outra vez na selva das progresións, fágoo con pausa e mirando de esguello para todas partes. Esta actitude deriva nun traballo un tanto pachorrento, con todo, só o é para min, non para a xeneralidade do meu alumnado. Nesa tensión normalmente acaban gañando eles: ao final do tema chega o momento de explicarlles a suma infinita dunha progresión xeométrica de razón menor que 1 e véxoos tan saturados que a maioría das veces obvio ese apartado. Con todo, non é o máis dificil dos contidos a tratar neste tema. Pola contra, desde certo punto de vista é o máis simple. En efecto, paradoxalmente é máis simple deducir a suma dos infinitos termos dunha progresión xeométrica que a suma dunha cantidade finita. Aquí estou obviando a posible saturación cognitiva que poida ter un alumno ao ter que enfrontrarse ao que parece unha tarefa se Sísifo: sumar unha cantidade infinita de números. 

A razón de traer este asunto por aquí foi pola lectura casual dun pequeno artigo de Elon Lages Lima na Revista do Professor de Matemática nº 14 no que fai unha achega xeométrica a un asunto puramente aritmético, o da suma dunha progresión xeométrica. A cuestión pode desenvolverse da segunte maneira. Consideremos unha progresión xeométrica de razón $r, 0< r< 1$:

$a, ar, ar^{2},ar^{3},..., ar^{n},...$

Formemos un ángulo agudo con dous segmentos de lonxitude $a$. No extremo do segmento horizontal trazamos outro segmento paralelo de lonxitude $ra$. Isto dá lugar a dous triángulos semellantes, un de lados $a$ e $S$ e outro de lados $ra$ e $rS$, Está claro que a razón entre estes dous triángulos é $r$. 
Como $S=a+rS$ temos que:
$S(1-r)=a$
$S=S=\frac{a}{1-r}$
Resulta que $S$ é o valor da suma dos infinitos termos da progresión:

$$S=a+ar+a^{2}+ar^{3}+...=a+r\left ( a++ar+ar^{2}+... \right )=a+rS\\S-rS=a\\S\left ( 1-r \right )=a\\S=\frac{a}{1-r}$$

Se agora pretendemos calcular só unha suma finita de, digamos, só os $n$ primeiros termos:
$S_{n}=a+ar+ar^{2}+ar^{3}+...+ar^{n-1}$, multiplicando por $r$:
$rS_{n}=ar+ar^{2}+ar^{3}+ar^{4}...+ar^{n}$
A esta segunda suma lle rest+amoslle a primeira e cancélanse case todos os termos:
$rS_{n}-S_{n}=ar^{n}-a$. Sacando factor común e despexando:
$$S_{n}\left ( r-1 \right )=a\left ( r^{n}-1 \right )\\S_{n}=\frac{a\left ( r^{n}-1 \right )}{r-1}$$
Como prometimos, este caso dá lugar a unha expresión máis complicada que a do caso infinito. Para mitigar o esforzo podemos botarlle un ollo ao seguinte esquema, que nos axuda a conciliarnos coa cuestión.

mércores, 11 de xaneiro de 2023

Retallos do 2022

A primeira entrada de toda a historia deste blogue, II Día da Ciencia en Galego: María Wonenburger, nin tan siquera é deste blogue. Efectivamente, é da Carta Xeométrica, o único que tiña ao principio pero que acabou sendo de normalización lingüística. Co tempo recollín as entradas relacionadas coas matemáticas para incluílas noutro blogue no que pretendía colocar anotacións de carácter matemático. Estou, agora si, falando deste blogue. 

Por estas circunstancias non sei cal é a data de apertura destes Retallos, asi que se quero repasar a súa traxectoria, quizais a mellor época sexa co cambio de ano. 

O meu propósito é publicar un par de entradas por mes. A razón é simple: non me vexo con capacidade para que o número sexa maior. Con todo, a distribución do 2022 foi irregular. Hai un mes, o de agosto, con só unha entrada, porén o de novembro tivo catro, aínda que, como veremos, con pouco éxito. Non hai ningunha razón para esta distribución, simplemente, saiume así. Nunca publico algo co que non me preste. Basta comentar que por cada publicación deste blogue teño un borrador con anotacións que nunca desenvolvín. De aí que, se ao final houbo durante todo o ano un total de 24 entradas é máis unha casualidade que un acto premeditado.

 A influencia de Vidal Abascal, foi a de máis éxito (172 visualizacións), mais tamén foi a que máis traballo ten detrás. Neste caso coincidiron varias circunstancias para que saíse á luz. Tiña recollidas algunhas notas sobre Vidal Abascal e había pouco que a USC tivera a feliz idea de publicar a lección inaugural do curso 1973-74 do matemático lalinense. Con todo, o desorde das notas era tal que se non chega a ser porque caín enfermo da COVID-19 e tiven unha semana de baixa, boa saúde, aillamento e unha perspectiva de moitas horas sen nada produtivo que facer,  todos eses retallos seguirían desordenados agardando unha oportunidade. Agora ben, o traballada que estea unha publicación non ten unha relación directa co número de visualizacións. Só uns riscos nunha pedra. é unha entrada na que poucos repararon pero con moito tempo gastado en lecturas, rascuños e revisións.

A segunda na lista é Uns Bocados que abren o apetito, estaba adicada á publicación do libro Bocados matemáticos (Xerais 2021), de Paulo González Ogando. Curiosamente estas dúas entradas que encabezan a lista das máis visitadas son as que menos escritura estritamente matemática teñen. Quizais isto faga máis plausible a idea de que as matemáticas son "iso que non se entende".

O problema que me ocupou máis folios de versións ata a súa fasquía final foi o denominado Tíralle da corda, que aparece en Intuición esganada cunha corda.

Esta revisión tráeme algúns recordos persoais. Por exemplo, lembro que escapei dun castigador sol de verán a refuxiarme na escasa sombra dun pino para ler Os enigmas de Canterbury, de Henry Dudeney. Esta fuxida estival daría lugar a tres entradas: O enigma do mercader, Tres enigmas de Dudeney e Un cadrado sen adubos. As entradas anteriores a estas son algo incompatible comigo xa que tratan de papiroflexia. Eu son un desastre coas manualidades e sempre fuxín de todas as comunicacións nos cursos e congresos que tiñan que ver coa arte de dobrar papeis. Con todo, un comentario sobre os números construíbles mediante as técnicas de origami despertoume a curiosidade, de aí Dobrando un papel. Os racionais e Dobrando papel. Dobrando o cubo. Iso si, xuro que non dobrei ningún papel para elaborar estas entradas.

Non é habitual que se repita unha imaxe, pero este foi o caso das publicacións do mes de novembro. A imaxe é a seguinte:


E o certo é que todo o que escribín ese mes trataba sobre o mesmo, pero desde puntos de vista distintos: Catro resultados elegantes, Tres cadrados, moitas solucións.1, Tres cadrados, moitas solucións, 2 e Un resultado sobre arcocotanxente
Finalmente fago un par de listas. Unha primeira coas 9 entradas máis vistas (de máis a menos)
Unha segunda lista coas tres entradas de menos éxito do 2022, publicadas todas no mes de novembro (de máis a menos) 
  1. Tres cadrados, moitas solucións, 2
  2. Un resultado sobre acocotanxentes
  3. Catro resultados elegantes
Adenda
Unha mención aparte para o portal web do mesmo nome que este blogue: Retallos de matemáticas (web)  que seguín mantendo durante todo este ano. 


mércores, 28 de decembro de 2022

Catro problemas aritméticos

Sei que en distintos momentos teño visto os problemas que vou presentar pero nunca os vira todos xuntos ata que os vin nun capítulo do libro Compreender os números na matemática escolar, de Hung-Hsi Wu (Porto Editora 2017) , editado en colaboración coa Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM). O texto parte da preocupación do autor por como se lle ensinan os números aos nenos durante a educación primaria e secundaria. A tese principal é que o profesorado debe coñecer, e en boa medida dar a coñecer, os números como un sistema ben fundamentado en definicións precisas e traballado con regras lóxicas. Entende que non se lle poden ofrecer aos estudantes visións dos números confusas e incoherentes. Por exemplo, se se lles presenta aos alumnos o concepto de fracción como un pedazo de pizza, que sentido terá pedirlles despois que multipliquemos dous pedazos de pizza?

Hung-Hsi Wu considera que debemos coñecer as razóns de calquera resultado, aínda que non sexa posible explicarllo en toda a súa profundidade aos alumnos. Poñamos un caso crítico, o produto de números negativos. Por que $\left ( -n \right )\left ( -m \right )=nm$? 

Primeiro xustificaremos que $\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=1$. Comecemos sumándolle $-1$

$-1+\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=$             como $1$ é o neutro do produto

$-1\cdot 1+\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=$             aplicando a propiedade asociativa

$-1\cdot \left ( 1+\left ( -1 \right ) \right )=$             tendo en conta que $1$ e $-1$ son inversos para a suma

$ -1\cdot 0=0$             finalmente aplicamos que o produto por $0$ sempre dá $0$

Así temos que $-1+\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=0$ polo que $\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=1$ pois ten que ser o oposto de $-1$.

Vexamos agora, aplicando a propiedade distributiva, que $-1\cdot \left ( -m \right )=m$

$$-1\cdot \left ( -m \right )=-1\cdot \left ( \left ( -1 \right ) +...^{(m}...+\left ( -1 \right )\right )= \\=\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )+...^{(m}...+\left ( -1 \right )\left ( -1 \right )=1+...^{(m}...+1=m$$

Finalmente veremos que $\left (-n  \right )\left (  -m\right )=mn$ aplicando outra vez a propiedade distributiva

$$\left (-n  \right )\left (  -m\right )=\left ( \left ( -1 \right ) +...^{(n}...+\left ( -1 \right )\right )\left ( -m \right )=\\=\left ( -1 \right )\left ( -m \right )+...^{(n}...+\left ( -1 \right )\left ( -m \right )= m+...^{(n}...+m=nm$$

Calquera, un pouco afeito a traballar con este tipo de razoamentos observará que o presentado aquí está construído no ar: está xustificada a propiedade distributiva de números enteiros?, onde se demostrou que o produto dun número enteiro por $0$ sempre dá $0$?, e o resultado de que $x+(-1)=0\Rightarrow x=1$?... Efectivamente, este tipo de deducións necesitan montar un edificio ben estruturado e fundamentado. Iso é o que fai Hung-Hsi Wu nese libro. Quizais noutra ocasión comente con máis vagar estas ideas. Agora paso a recoller o que el chama "problemas interesantes". Veremos que, aínda que só cómpre saber sumar, restar, multiplicar e dividir, tamén se precisa unha capacidade de comprensión e reflexión de certa profundidade.


Problema 1. O Paul viaxou na moto ata Lanterntown a unha velocidade constante de 15 quilómetros por hora. Para a viaxe de volta decidiu aumentar a velocidade (aínda constante) a 18 quilómetros por hora. Cal foi a velocidade media da viaxe de ida e volta?


Problema 2. Un tren deprázase entre dúas cidades a velocidade constante. Se aumentase a velocidade nun terzo, en que porcentaxe se reduce o tempo da viaxe?


Problema 3. O 99% do peso duns pepinos frescos está constituído por auga. 300 quilos deses cogombros foron almacenados durante un tempo, así que cando foron postos á venda evaporárase parte desa auga resultando que o peso en auga era dun 98%. Canto pesarán estes cogombros parcialmente deshidratados?


Problema 4. Disponse dunha xerra de viño e unha cunca de auga. Retírase da cunca unha culler de auga e bótase na xerra de viño. A mestura reméxese ben e, de seguido, unha culler da mestura bótase na cunca. Haberá máis auga na xerra que viño na cunca ou viceversa? Resolve tamén o problema sen supoñer que a mestura fose remexida. 

mércores, 7 de decembro de 2022

Un novo método para as ecuacións cuadráticas

A finais do 2019 espallábase unha nova bastante peculiar sobre a resolución da ecuación cadrática. Por ter a súa orixe nos EEUU alcanzou unha gran difusión e debeu chegar a todo aquel que tiña que ver coas matemáticas, especialmente co ensino das matemáticas. Anunciábase como "un novo método para abordar a resolución das ecuacións cuadráticas" no que se evita o doloroso esforzo de memorización da fórmula. O máis sorprendente era que ese inédito método, que podía entender calquer escolar, foi ignorado durante 4000 anos. Como se pode ver, a cousa non tiña traza. O peor de todo é que houbo quen lle fixo caso. Con 8000 millóns de persoas paseando polo planeta non é de estrañar que haxa unha boa manchea de crédulos.

Cómpre moita fachenda para realizar esas afirmacións. A miña impresión era que se trataba dun proxecto puramente crematístico. Se hoxe imos á páxina do presunto descubridor poderemos inscribirnos nunha chea de cursos on-line de matemáticas por un prezo duns 399$ cada un. A educación para quen a poida pagar. Unha bonita materialización da competencia emprendedora (da LOMCE ou da LOMLOE, tanto me ten). Tamén é un excelente exemplo de como contribuír a edificar unha educación discriminatoria. 

Sobre o contido da publicación que prometía evitar a fórmula da ecuación cuadrática, pouco se pode dicir. Calquera que teña un mínimo de experiencia docente sabe que o que menos importa é a fórmula. É mentira que esta sexa un impedimento para a aprendizaxe. Incluso aqueles alumnos con máis dificultades acábana aprendendo sen ningún doloroso esforzo de memorización. Basta con facer unha boa colección de exercicios na que a teñan que aplicar. Usar o algoritmo argallado por Po-Shen Loh, que así se chama o autor desta argallada, non melloraría as cousas. O que si é importante é enfrontar ao alumnado a diversos achegamentos a este tópico. Convén que recoñezan como usar as identidades notables para resolver algunhas ecuacións cuadráticas. Tamén é importante que aprendan a estudalas sistemáticamente. Por exemplo deben recoñecer a relación entre o discriminante e o número de solucións reais así como as fórmulas de Viète que relacionan os coeficientes da ecuación coa suma e o produto das solucións. Convén que saiban manipular este tipo de expresións para que o coeficiente de $x^{2}$ sexa a unidade. Teñen que comprender a relación entre as solucións e os polinomios irreducibles que descompoñen a expresión alxébrica. Cómpre que interioricen a relación entre os coeficientes e a gráfica da parábola asociada e que identifiquen os puntos de corte do eixo de abscisas como as solucións da ecuación. Deberían discernir o eixo de simetría desa parábola, o vértice da mesma e saber a súa relación tanto cos coeficientes como coas solucións da ecuación. É unicamente sobre este aspecto sobre o que se centra o artigo de Po-Shen Loh, claro que el non fai referencia ningunha ás parábolas pois xoga todo no campo alxébrico e só se centra na dedución da maldita fórmula, como se o estudo das ecuacións cuadráticas se limitara a iso. Pola contra, critica o métido de completar o cadrado por ser máis incómodo e menos directo. Resulta que o que se vende como novo tamén ten o defecto de ser máis incómodo e menos directo... que a fórmula.

Vexamos e comparemos ese *novo método co arcaico de completar o cadrado

Un *novo método

Partimos da ecuación xeral de segundo grao:   $ax^{2}+bx+c=0$

Sabemos que se dividimos por $a$ obteremos unha expresión na que o coeficiente de $x^2$ pasará a ser a unidade: $$x^{2}+\frac{b}{a}x+\frac{c}{a}=0$$

Por outra banda, se $x_{1}$ e $x_{2}$ son as solucións, poderemos descompoñer a anterior expresión nun produto:

$$x^{2}+\frac{b}{a}x+\frac{c}{a}=\left ( x-x_{1} \right )\left ( x-x_{2} \right )=x^{2}-\left (x_{1} +x_{2}\right )x+\left ( x_{1} x_{2}\right )=x^{2}-Sx+P$$

Disto podemos concluir que buscar as solucións é equivalente a pescudar dous números que sumen $S=-\frac{b}{a}$ e que teñan como produto $P=\frac{c}{a}$. Agora ben, dous números que sumen $S$ deben ter media $\frac{S}{2}$, de aí que serán da forma $\frac{S}{2}\pm z$ e o seu produto será:

$$\left (\frac{S}{2} +z \right )\left ( \frac{S}{2} -z\right )=\left (  \frac{S}{2}\right )^{2}-z^{2}=P$$

Despexando $z$

$$z= \sqrt{\left ( \frac{S}{2} \right )^{2}-P}$$

Unha vez calculado $z$ xa temos as dúas solucións:

$$x=\frac{S}{2}\pm z=\frac{S}{2}\pm \sqrt{\left ( \frac{S}{2} \right )^{2}-P}$$

Aínda que noutra orde e con outra presentación todas estas cousas téñoas contado ducias de veces na aula. U-la a novidade?

O método de completar o cadrado

Agora si que vou compartir algo que presento na clase desta maneira, normalmente en 3º da ESO. 

Al-Jwarizmi (IX) foi un matemático que traballou na Casa da Sabiduría, un centro de estudos en Bagdad, único no mundo nesta época. É o autor do libro Al-Kitāb al-mukhtaṣar fī ḥisāb al-jabr wa-l-muqābala. Tal é a súa importancia que o vocablo al-jabr é o que lle dá nome a unha enorme rama das matemáticas: a álxebra

Vexamos como Al-Jwarizmi nos explica a resolución das ecuacións de segundo grao. Debemos ter en conta que daquela aínda non se desenvolvera a notación que usamos actualmente, polo que tiña  que presentar todas as ecuacións en forma literal. Ademais nunca usaba números negativos; pensemos que ata finais do século XIX non se aceptan plenamente. Por exemplo, cando presenta a ecuación $x^{2}+10x-39=0$ prefire facelo na forma $x^{2}+10x=39$, con todos os valores positivos. Claro que Al-Jwarizmi escribe no seu lugar algo así como " un cadrado máis dez raíces é igual a trinta e nove". O orixinal da súa visión é que imaxina esta ecuación en forma xeométrica. Algo semellante a isto:

Agora cortamos o rectángulo pola metade, tal e como está indicado. Pegamos eses dous anacos ao cadrado, obtendo a seguinte figura en forma de L invertido e de área 39.
Finalmente completamos a figura construíndo un cadrado. Para iso temos que engadir un cadrado 5x5, de área 25. De aí que a área do cadrado grande sexa $x^{2}+10x+25=39+25=64$

Entón o lado do cadrado grande será $8=x+5$. De aí que $x=3$
As vantaxes desta representación son a súa contextualización histórica e a relación que se establece entre a álxebra e a xeometría. A primeira delas amósanos unha ciencia en construción fronte a un resultado aparentemente caído do ceo. Achéganos así un saber máis próximo e humano. Tamén se identifican algunhas debilidades que se irían superando con tempo e esforzo como a inexistencia dunha notación matemática ou a incapacidade para traballar con números negativos. A segunda das vantaxes é unha conexión da que non podemos prescindir nin na práctica das matemáticas nin no seu ensino, a de poder abordar un problema desde mundos aparentemente distintos, neste caso o xeométrico e o alxébrico. 

Un novo método para as ecuacións cuadráticas
Agora si, despois dos parágrafos anteriores que non contiñan ningunha novidade, por fin vou presentar o motivo para elaborar esta entrada. Trátase dun problema tan anódino coma o seguinte:
Problema. Resolve $\sqrt{x+5}=5-x^{2}$
Non parece nada apaixonante. Un coma tantos deses exercicios que se propoñen para practicar a resolución de ecuacións irracionais. "Nada que me poida chamar a atención", pensei e equivoqueime. 
A resolución que propoñen no libro La matemática elegante (URSS 2007) é encantadora. Comeza, como é de esperar, elevando ambos membros ao cadrado: 
$$x+5=5^{2}-2\cdot 5x^{2}+x^{4}\quad\quad [1]$$
O habitual é que continuemos operando e simplificando a expresión ata obter unha ecuación polinomial de grao 4:
$$x^{4}-10x^{2}-x+20=0$$
Pero esta ecuación non ten raíces enteiras, nin tan siquera racionais. De aí que pensemos que debemos intentar botar man dalgún método que nos aproxime algunha delas... ou, e aquí está a novidade, escribir a expresión [1] deste outro xeito:
$$5^2-\left ( 2x^{2}+1 \right )5+\left ( x^{4}-x \right )=0$$
Para aplicarlle a maldita fórmula a esta forma cuadrática en función do $5$, no canto de facelo en función de $x$!:
$$5=\frac{2x^{2}+1\pm \sqrt{\left ( 2x^{2} +1\right )^{2}-4\left ( x^{4}-4x \right )}}{2}=\frac{2x^{2}+1\pm \left ( 2x+1 \right )}{2}$$
Que dá lugar a un par de ecuacións de segundo grao, agora en $x$;
$$10=2x^{2}+1\pm \left ( 2x+1 \right )$$
Se escollemos o signo positivo obtemos a ecuación $$2x^{2}+2x-8=0\\x^{2}+x-4=0$$
Que ten como solucións $$x=\frac{-1\pm \sqrt{17}}{2}$$
Para o signo negativo obremos a ecuación $$2x^{2}-2x-10=0\\x^{2}-x-5=0$$
Que ten como solucións $$x=\frac{1\pm \sqrt{21}}{2}$$

mércores, 23 de novembro de 2022

Un resultado sobre arcocotanxentes

Non imos dar un resultado sobre arcotanxentes, vai ser sobre arcoCOtanxentes. Se liches mal e pensabas que trataría sobre as insulsas arcotanxentes, podes abandonar este artigo.

As dúas anteriores entradas deste blogue ([1] e [2]) estiveron adicadas ofrecer solucións do seguinte problema recollido do libro Circo Matemático (Alianza Editorial) de Martin Gardner:

Tres cadrados. Demostra que $\alpha$ é a suma dos ángulos $\beta$ e $\gamma$

A última de todas elas facía uso dun concepto matemático moi en desuso, o arcocotanxente. En concreto utilizaba a seguinte fórmula: $$arccot1+arccot2+arccot3=90$$
A definición das razóns trigonométricas seno, coseno e tanxente é moi clara. O mesmo podemos dicir das correspondentes razóns inversas cosecante, secante e cotanxente. De aí que as súas funcións inversas sexan, nun principio, conceptos da mesma dificultade: arcoseno, arcocoseno, arcotanxente, arcocosecante, arcosecante e arcocotanxente. Porén, como as razóns inversas só son iso, razóns inversas, apenas ten sentido o traballo coas mesmas. Isto leva que que as funcións inversas das razóns inversas fiquen marxinadas. Pero remexendo no problema dos tres cadrados achei un resultado no que si resulta natural o uso do arcocotanxente. Ademais o resultado realmente fermoso.
Vou reproducir un artigo de Charles W. Trigg aparecido no ano 1973 na revista The Fibonacci Quaterly porque, efectivamente, o resultado sobre arcocotanxentes é un resultado sobre a sucesión de Fibonacci. 
Para comezar temos que recordar unha propiedade moi coñecida polos afeccionados a esta sucesión, a identidade de Cassini. 
Identidade de Cassini. $F_{k+1}F_{k}-F_{k}^{2}=\left ( -1 \right )^{k}$
Non é complicado atopar na rede algunha dedución desta fórmula, como a seguinte, debida a Donald Knut:$$F_{k+1}F_{k-1}-F_{k}^{2}=det\begin{pmatrix} 1 &1 \\ 1 & 0 \end{pmatrix}^{k}=\left (det\begin{pmatrix} 1 &1 \\ 1 & 0 \end{pmatrix} \right )^{k}=\left ( -1 \right )^{k}$$

Para $k=2n+1$ a identidade de Cassini será: $$F_{2n+2}F_{2n}-F_{2n+1}^{2}=-1$$ Cambiando de signo obtemos outra fórmula $$F_{2n+1}^{2}-F_{2n+2}F_{2n}=1$$
Que usaremos para calcular a seguinte expresión:$$F_{2n+1}F_{2n+2}-F_{2n}F_{2n+3}=F_{2n+1}\left ( F_{2n+1}+F_{2n} \right )-F_{2n}\left ( F_{2n+2}+F_{2n+1} \right )=$$ $$=F_{2n+1}^{2}+F_{2n+1}F_{2n}-F_{2n}F_{2n+2}-F_{2n}F_{2n-1}=F_{2n+1}^{2}-F_{2n}F_{2n-1}=1$$
Temos pois que:$$F_{2n+1}F_{2n+2}-F_{2n}F_{2n+3}=1$$
Aplicando a propiedade fundamental de formación da sucesión de Fibonacci a $F_{2n+3}$ ($F_{2n+3}=F_{2n+2}+F_{2n+1}$ ) e sumando $F_{2n}^{2}$:

$$F_{2n+1}F_{2n+2}-F_{2n}\left ( F_{2n+2} +F_{2n+1}\right )+F_{2n}^{2}=F_{2n}^{2}+1\\ \left ( F_{2n+1}-F_{2n} \right )\left ( F_{2n+2} -F_{2n}\right )=F_{2n}^{2}+1$$ Consideremos o seguinte esquema no que o punto $Q$ está a unha distancia $F_{2n}$ de $N$. $R$ dista $F_{2n+1}$ unidades de $N$ e $R$ dista $F_{2n+2}$ de $N$. Aplicando a última fórmula deducida:

$$\frac{QP}{MP}=\frac{F_{2n+1}-F_{2n}}{\sqrt{F_{2n}^{2}+1}}=\frac{\sqrt{F_{2n}^{2}+1}}{F_{2n+2}-F_{2n}}=\frac{MP}{RP}$$
Onde calculamos MP aplicando o teorema de Pitágoras ao triángulo rectángulo $MNP$
Os triángulos $RPM$ e $QPN$ son semellantes xa que os lados que determinan o ángulo en $P$ son proporcionais. Entón o ángulo coloreado no vértice M, $ \angle QMP=\gamma $ e, como xa temos visto anteriormente, isto significa que $\alpha=\beta+\gamma$, ou
$$arccotF_{2n}=arccotF_{2n+1}+arccotF_{2n+2}$$
Lembremos a sucesión: $$\begin{matrix} F_{0} &F_{1} & F_{2} &F_{3} & F_{4} & F_{5} &F_{6} & F_{7} &F_{8}... \\ 0& 1& 1 & 2&3 &5 &8 &13 & 21... \end{matrix}$$
De aí que poidamos facer un desenvolvemento telescópico da seguinte suma:
$$arccot1=arccot2+arccot3=arccot2+arccot5+arccot8=....=\sum_{i=1}^{\infty }arccotF_{2i+1}$$