Os 50 títulos máis lidos nos clubs de lecura 17-18 |
Botémoslle un ollo ás mochilas viaxeiras. De entre todas escollamos a de Matemáticas de Secundaria. Ten 31 títulos, 28 deles en castelán e os outros 3 en galego (menos dun 10%). Teñamos en conta que se trata dunha das actividades do "Mes da ciencia en galego". Significativamente un dos títulos en galego é precisamente "Alicia no país das marabillas". Aínda que foi escrito por un matemático, non se trata dun libro de divulgación científica, pero explica moi ben a situación. A Xunta, a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Rede de Bibliotecas, e como ovelliñas unha recua de bibliotecas e incluso de Equipos de Normalización din que se fai lectura en galego de obras de divulgación científica. A realidade é xusto a contraria; nin hai lectura de ciencia, e moito menos, de ciencia en galego.
Creando un club de lectura matemática
Se eu quixera facer unha mochila viaxeira ou crear un club de lectura matemática en galego, podería facelo? Cal é o panorama? De que libros dispoño? Antes de nada, e para valorar a situación, vou indagar a mesma cuestión no caso de que procurara exclusivamente libros en castelán. Neste caso, as primeiras coleccións que me veñen á cabeza son:
- El mundo es matemático, (2016) colección da RBA de 59 exemplares
- Genios de las matemáticas, (2017) colección da RBA, 59 exemplares
- La matemática en sus personajes, (1999-2018), da editorial Nivola, 54 exemplares
Vou comenzar, xa desde o principio, ampliando este hábitat ao incluir tamén aquelas publicacións que teñan como tema a astronomía, e non só as matemáticas. Por comenzar por aquí podemos iniciar a pescuda con *¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016) de Jorge Mira. Deste mesmo autor hai outro libro de divulgación xeral pero que contén algún toque de matemáticas, *A ciencia no punto de mira (Auga Editora, 2010). Continuemos con *E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará, que forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero aparentemente gorentosos títulos. Dos outros non,sei, pero deste de Salvador Bará si que podo afirmar que é excelente.
Seguindo coa astronomía non podemos deixar de citar a edición do libro de Ramón Mª Aller, Astronomía a ollo ceibe (USC, 2016), que estaba chamado a ser o primeiro libro de divulgación científica en galego, e así se anunciou ao Seminario de Estudos Galegos segundo se indica nunha nova do 20 de maio de 1936 no xornal El Compostelano. O golpe de estado de 1936 e a posterior dictadura frustaron esta iniciativa, retrasando décadas a apertura da lingua galega ao mundo da ciencia.
De pasar a centrármonos naqueles libros nos que traten dalgún xeito algún tema relacionados coas matemáticas, ou mellor áinda, que traten en exclusiva desta ciencia, teriamos que iniciar a escolma cos libros da "Colección Lemniscata", editados por AGAPEMA e Anaya, agás o último no que Anaya xa non colaborou:
1. Resolución de problemas. Seminario "Ramón Aller", AGAPEMA-Anaya, 2002
*2. 13 matemáticos galegos, Ricardo Moreno Castillo, AGAPEMA-Anaya, 2004
3. Matemáticas para disfrutar, AGAPEMA-Anaya, 2005
4. Competicións matemáticas escolares, AGAPEMA-Anaya, 2006
5. Paseos matemáticos, AGAPEMA-Anaya, 2005
*6. Un conto xeométrico, Julio Rodríguez Taboada, AGAPEMA-Anaya, 2008
7. Geometría dinámica, INTERGEO, AGAPEMA-Anaya, 2009. Este está escrito en partes en galego e noutras en castelán.
8. Moodle con Geogebre e unhas pinceladas de Wiris, Grupo Xeodín, AGAPEMA-Anaya, 2011
9. Estatística no ensino medio, AGAPEMA-Anaya, 2013
10. O Pórtico da Gloria. Miradas matemáticas, Luís Puig Mosquera, AGAPEMA, 2015
De seguirmos rastrexando publicacións da primeira década do XXI chegaríamos a un oasis nun deserto, *As mulleres nas matemáticas (Bahía, 2008) de Matilde Ríos Fachal, que hai tempo que está descatalogado. Desta época é o libro de Cecilia Alvarellos, O xornal na clase de matemáticas (Alvarellos, 2009), neste outro aso estamos diante dun manual escolar.
Hoxe en día está publicándose a colección de Xerais Básicos da Ciencia onde temos as seguintes referencias matemáticas:
- O universo matemático , Antom Labranha, Xerais, 2018, unha especie de libro de texto con contidos propios do bacharelato.
- *Introdución ás relatividades de Einstein de Ramón Vilalta López Xerais, 2018. Ramón Vilalta tamén é o autor doutro moi recomendable libro Astronomía práctica e outras cousas. (Toxosoutos 1999).
- *Mate-glifos , José Nicanor Alonso e Miguel Mirás, Xerais, 2019, un texto do que xa teño falado noutra ocasión.
Textos científicos en galego, 1916-1936 os inicios (CCG, 2016) coordinado por Alfonso Mato, contén os artigos de D. Ramón Mª Aller publicados na revista Logos orixinalmente en galego. Tamén publicaron Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral (CCG, 2017), de Albert Einstein. Un campo desfortunadamente moi pouco traballado nas publicacións de divulgación científica é o que ten que ver coa historia da ciencia. Outra vez o Consello da Cultura Galega intenta tapar este oco co libro *Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas (CCG, 2018) coordinado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xosé Antón Fraga e Alfonso Mato. Trátase dun volume fermosísimo que recolle algunhas das contribucións do portal do CCG, Álbum da ciencia.
De seguido facemos referencia a dúas unidades didácticas, adicadas a dúas grandes figuras galegas nas matemáticas: María Wonenburger, unha matemática adiantada ao seu tempo (Xunta, 2015) de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, e Domingo Fontán e a Carta Geométrica de Galicia (CCG, 2018), coordinada por Xosé Antón Fraga e Elena Vázquez Cendón.
Durante unha temporada a Fundación Barrié, en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, publicaron unidades didácticas adicadas a algún científico destacado:
- Enrique Vidal Abascal (Fundación Barrié-RAGC, 2008)
- Ramón Mª Aller Ulloa (Fundación Barrié-RACG, 2011)
- Benito Jerónimo Feijóo (Fundación Barrié-RAGC, 2013)
- Volume XXX, 2011. Contén o artigo A estadía de José Rodríguez González en Alemaña (1815-1817). Tradución dunha publicación súa de Iván Fernández Pérez e outro de José Ángel Docobo Durántez, Ramón María Aller Ulloa, pioneiro da investigación astronómica en Galicia.
- Volume XXI, 2012. Contén o artigo O estado da astronomía en España a comezos do século XX e a eclipse de sol do 17 de abril de 1912 en Galicia de José Ángel Docobo Durántez e outro de Salvador Bará Innovación tecnolóxica e astronomía social na eclipse de sol do 17 de abril de 1912 no Barco de Valdeorras
- Volume XXXV, 2016. Contén un artigo de Iván Fernández Pérez, Novos apuntamentos para a biografía de José Rodríguez González, o matemático do Bermés
- A Ciencia en Galicia, Revista da RAGC nº 37, 2018, adicada a D. Domingo Fontán, que tamén se pode consultar en versión html.
Hai uns poucos libros de matemáticas pero xa de carácter universitario, cítoos aquí por continuar a ampliar a nómina pero sabendo que nunca poderían formar parte dunha escoma divulgativa.
- Topoloxía Xeral. Introducción aos espacios euclidianos, métricos e topolóxicos, (USC, 1999), de Masa Vázquez, Xosé M.
- Matemáticas para Química, (Universidade de Vigo, 2008), de Besada Morais, Manuel et al.
- Matemáticas á Boloñesa, (Universidade de Vigo, 2014), de Besada Morais, Manuel et al. Este manual orientado á docencia tivo que ser modificado para adaptalo á novas normas e esixencias, asi xurdiu:
- Un mar de Matemáticas. Matemáticas para os graos de Ciencias, (Universidade de Vigo, 2016)
Imos pasar aos clásicos. O primeiro deles, o *Sidereus nuncius (MUNCYT, 2010) de Galileo foi traducido ao galego no V centenario da súa publicación. Este non está á venda, mais podemos descargalo legalmente (!) en PDF. Púxeno porque é un dos que recomendo aos meus alumnos a partir de 4º ESO. A seguinte lista procede da colección Clásicos do pensamento universal, editada polo servizo de publicacións da USC:
- *Unha breve historia do tempo, (USC-Fundación BBVA, 2018), de Stephen Hawking. Este tivo moito éxito de vendas na edición en castelán. Pódese dicir que é divulgativo. O resto dos da colección son "ladrillos" para especialistas. Pódese pensar se ten algún sentido adquirilos para unha biblioteca escolar se van facerse consultas puntuais e dirixidas.
- O sistema de mundo (USC-Fundación BBVA, 2015), de Isaac Newton
- Elementos (USC-Fundación BBVA, 2013), de Euclides, cunha excelente tradución de Ana Gloria Rodríguez Alonso e Celso Rodríguez Fernández, así como cun gorentoso prólogo de José Luís Gómez Pardo, que mesmo podería constituír un libro en sí mesmo. Quen lle dera ter en castelán unha versión dos Elementos coma esta!. Ademais basta premer na ligazón para poder descargalo en PDF.
En resumo
Pode ser que haxa máis publicacións, e pode haber mellores maneiras de escolmalas, porén, se nos quedamos co relatado ata aquí, o seguinte gráfico pode ser un bo resumo:
Concretando, neste período de 20 anos (1999-2019) só temos 4 libros que cualificar como de divulgación matemática:
- 13 matemáticos galegos, Ricardo Moreno Castillo, AGAPEMA-Anaya, 2004
- Un conto xeométrico, Julio Rodríguez Taboada, AGAPEMA-Anaya, 2008
- As mulleres nas matemáticas , Matilde Ríos Fachal, Bahía, 2008
- Mate-glifos , José Nicanor Alonso e Miguel Mirás, Xerais, 2019
Por outra banda, aínda que moi escasa, si que hai literatura científica en galego de carácter non especializado. Os seus destinatarios serían maioritariamente os docentes de secundaria. Basta comprobar que boa parte da escolma está formada por material didáctico. Con todo, as necesidades deste tipo de lecturas non están cubertas nin de lonxe e este colectivo ten que fornecerse nas edicións noutras linguas. Velaí que o campo para normalización neste eido está por cubrir en todas as direccións imaxinables. A situación é tan precaria que calquera paso que se dea, é un paso adiante.
Para finalizar vou desvelar o significado dos asteriscos que aparecen por esta entrada. Servíronme para marcar aqueles títulos que poderían formar parte da caixa coa que fornecer un club de lectura matemático. Ademais dos 4 citados hai outros 9 que abeiran os campos da física, a astronomía ou as ciencias naturais. Aínda con todos eles non se poderían cubrir todos os niveis. Imposible facer un intento para os primeiros cursos da ESO. Noutros casos a imposibilidade é do acceso a materiais que en moitos casos xa tiveron unha difusión bastante limitada. En definitiva, intentar crear un club de lectura de matemáticas en galego é un labor heroico... no caso de que sexa posible.