Amosando publicacións coa etiqueta A Estrada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Estrada. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de abril de 2021

Os autores de Mate-glifos, unha gran vocación de divulgar as matemáticas

Nicanor Alonso e Miguel Mirás son dous profesores de matemáticas da Universidade de Vigo que escribiron un libro de divulgación titulado "Mate-glifos" (Xerais, 2019) do que temos falado neste mesmo blogue. O pasado 14 de marzo visitaron o IES Antón Losada (A Estrada) para ofrecer unha charla ao alumnado de 2º e de 4º da ESO. Ambos demostraron unha gran vocación de divulgación, unha actitude contínua de achegar as matemáticas aos rapaces botando man de múltiples recursos: ábacos, imaxes, xogos con números, un cubo máxico ou un simple folio.


Comezaron preguntando que é un mate-glifo. Esta palabra non existe nos dicionarios, pero si acharemos o termo glifo. Se sabemos o que é un petróglifo, ou un xeroglifo xa podemos enxergar o significado do vocablo mate-glifo. Efectivamente, estámonos referindo aos símbolos matemáticos. Os principais podémolos consultar neste póster que nos ensinaron no transcurso do seu relatorio. Vemos como a carón de cada símbolo temos o seu significado, quen e en que ano o usou por primeira vez. 

Póster Glifoteca by kiarqu2458

Durante as súas intervencións Nicanor e Miguel non só nos falaron dos símbolos matemáticos ou do significado da idea matemática de base dun sistema de numeración, senón que tamén compartiron diversos xogos matemáticos que desenvolvían as ideas matemáticas que estaban tratando.

Como se abordou o tema do uso do corpo humano como soporte para contar, presentouse un método para obter a táboa do 9 a partir dos dedos das mans. 

  

Nestas imaxes podemos ver ao alumnado en plena práctica de repaso da táboa de multiplicar.

Tamén se falu do sistema de numeración en base 2, e en relación con el, mediante o cubo das idades do matemago Werner Miller, os poñentes adiviñaron as datas de nacemento de varios alumnos. O cubo en cuestión é un artefacto moi curioso, con 5 das súas caras formando cadrados máxicos con números do 1 ao 31. Ademais cada un deses 5 cadrados máxicos verifica a propiedade de que todos os números que o forman comparte a propiedade de teren un 1 no mesmo lugar da súa escritura en forma binaria. Lembremos que un cadrado máxico consiste nunha táboa de 3x3, 4x4, 5x5,.... números de forma que a suma de todas as filas, a de todas as columnas e a das dúas diagonais dá sempre o mesmo resultado. Por exemplo, no cadrado máxico 4x4 da imaxe de abaixo, todas estas sumas dan 70. 

xoves, 1 de xuño de 2017

Premios do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", eidición 2017

Onte entregáronse os premios do concurso Explícoche matemáticas 2.0, convocado polo SNL da Facultade de Matemáticas. Velaquí as miñas orgullosas alumnas, do IES Antón Losada (A Estrada), Aroa Ríos Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias na recollida da mención especial polo traballo A piña de Regiomontano.
O acto, foi moi bonito. Ademais de dar lectura á acta do tribunal que valorou os traballos presentados e da entrega de premios en sí, proxectáronse os vídeos gañadores e a profesora Elena Vázquez Abal, da Área de Xeometría e Topoloxía da Facultade de matemáticas da USC, impartiu unha amena conferencia, Contos sobre mulleres científicas, que incidía sobre a discriminación da muller no mundo da ciencia. Deixo por aquí os gañadores desta edición.
Na Categoría A (2º Ciclo da ESO e Bacharelato e ciclos de Formación Profesional) ó traballo Fractais: copa de neve de Koch, de Irene Pereira Reboredo de 3º da ESO do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa)






Na Categoría B (Universidade)  vídeo gañador foi Poden os ourizos voar?, de Brais Fortes Novoa alumno de Mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.

venres, 26 de maio de 2017

Programación de Astronomía

En primeiro de bacharelato a LOMCE armou unha trampa coas optativas que consiste en que se un alumno quer cursar determinadas materias optativas, ten que "escoller" á forza Relixión, a única materia optativa que, por defecto, ten unha carga lectiva dunha hora. Só hai un camiño para impedir a imposición da Relixión é ofertar unha materia de libre configuración do centro. Velaquí unha proposta que elaboramos no Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada) e que solto por aquí por se lle pode ser útil a alguén.

martes, 9 de maio de 2017

A piña de Regiomontano


No IES Antón Losada (A Estrada) participamos na edición deste ano no concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC, Explícoche matemáticas 2.0. Facémolo con este vídeo no que rescatamos un problema do século XV. Entre outras cousas, trátase de poñer en evidencia que as matemáticas poden, e deben, ir da man da normalización lingüística, por moito que lles pese aos que defenden o decreto do plurilingüismo e a ideoloxía subxacente de expulsión da lingua galega do ensino do ámbito científico.

Resólvese un problema de optimización tomando como punto de referencia o monumento ao labrego, da parroquia de Lagartóns (A Estrada), erixido no ano 1916 en conmemoración dunha victoria agrarista do ano anterior. O problema en cuestión é esencialmente o mesmo que propuxo Regiomontano no 1471. Consiste en determinar a distancia á que se ten que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estua sexa máximo. Cos datos que aportamos (ver Ilustración 1), estamos diante dun típico problema de cáculo de máximos que pode ser resolto polo alumnado de 1º de bacharelato mediante o cálculo de derivadas.


Alternativamente, no vídeo propoñemos unha solución que está ao alcance dun alumno da secundaria obrigatoria pois únicamente bastaría ter en conta que os ángulos que abarcan o mesmo arco SI son iguais (ver Ilustración 2) e que, obviamente calquera ángulo α con vértice nun punto V da recta v é menor que o correspondente ángulo β en Q:


Para obter a solución precisamos trazar unha circunferencia que pase polos puntos superior (S) e inferior (I) da estatua e que sexa tanxente á recta que marca a altura do ollo do observador (v) (ver Ilustración 3). O centro desta circunferencia debe estar na mediatriz m de S e I. Chamémoslle a á distancia entre m e v, sabemos que o raio da circunferencia que nos dará a solución debe ser a .Así a circunferencia de raio a e centro S cortará á recta M no punto H, quen será o centro da circunferencia buscada.

mércores, 20 de febreiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878) Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo. A conferencia O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.
Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor. A seguir o relatorio desta presentación.
Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas
1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.

Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.

Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

sábado, 3 de novembro de 2012

Recursos sobre Ramón Verea e a súa calculadora

No ano 2010 realizáronse unhas xornadas de divulgación da figura de Ramón Silvestre Verea García n´A Estrada. A Asociación Cultural Vagalumes gravou algunha das conferencias impartidas. Para que a lembranza de Ramón Verea perdurase encargouse unha escultura da que deixamos aquí unha imaxe recollida da Galipedia. Tamén se presentou unha biografía, que vén sendo o mellor material para achegármonos á figura deste inventor e periodista da segunda metade do XIX. Xunto con todo este material hai moitos outros máis recursos que nos achegan ao perfil dun librepensador que foi quen de inventar unha máquina que por primeira vez na historia podía facer produtos sen ter que realizar unha serie de sumas sucesivas.
  • Ramón Verea. Inventor estradense, libro de Olimpio Arca Caldas. Editado por galeguizargalicia.com. Descargar o pdf
  • Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo mestre Olimpio Arca no Recreo Cultural d´A Estrada o 23 de abril de 2010
  • Ramón Verea García en Curantes, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo historiador Ricardo Gurriarán
  • Ramón Silvestre Verea, traballo do escultor Molares, por encargo do Foro Enrique Peinador e o Concello da Estrada, para a homenaxe do escritor e inventor de Curantes.
Biografías e artigos sobre Ramón Verea e a súa calculadora:
    Para situar históricamente o dispositivo mecánico que inventou Verea tamén podemos consultar:
    • Verea Direct Multiplier, referencia da calculadora multiplicadora de Verea no museo da IBM. Neste apartado 'Antique artefacts' ([1], [2] [3]) podemos situar históricamente o invento de Verea.
    • Timeline of computing hardware 2400 BC–1949, liña de temporal na que situar o invento de Verea, da Wikipedia

mércores, 31 de outubro de 2012

Ramón Verea. O librepensador que inventou a primeira calculadora

No que hoxe é a parroquia estradense de San Miguel de Curantes nacía o 11/12/1833 Ramón Silvestre Verea García, fillo de Juan Verea Filloy e Florentina García Porto, "pobres, pero de respectado abolengo" segundo informa un amigo de Ramón Verea. No ano 1845 chega a Santiago para estudar. Ingresa no Seminario no 1848 e recibe clases de teoloxía. Xa desencantado coa Igrexa, e logo dun desencontro co rector e o arcebispo abandona no 1854  a formación eclesiástica.  O historiador da USC Ricardo Gurriarán aventura que posiblemente Verea tivo contacto coa Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo Popular e alí recibiría formación en ámbitos alonxados da escolástica. Aos 22 anos, estamos no 1855, marcha a Cuba sen ningún tipo de protección nin título universitario que lle facilite abrirse camiño nunha terra descoñecida. Exerce de mestre en escolas dos campos cubanos. Pero pronto inicia a actividade que lle ocupará a maior parte da súa vida: o periodismo. Comenza publicando artigos nun xornal, El Progreso,  editado na cidade cubana de Colón e que dirixiría a partir do 1862.  Alí publica duas novelas: La Cruz de Piedra e Una mujer con dos maridos. No ano 1865 marcha a Nova York onde vende os dereitos dun invento seu a un especulador. Tratábase dun dobrador de xornais. Dous anos despois volve a Cuba co proxecto de crear unha empresa de maquinaria . O proxecto non obtivo o éxito que Verea imaxinaba. Ao cabo de dous anos establécese en Nova York onde exerce de profesor de español, tradutor público, corresponsal científico dun xornal, ou mesmo de comerciante. Obtén un bo capital e no 1875 establece unha "Axencia industrial para a compra de maquinaria e efectos de moderna invención". É no 1878 cando patenta a súa máquina de cálculo que recibiría a medalla de ouro dunha exposición en Matanzas (Cuba). O propio Verea é consciente da importancia do seu invento. El mesmo explica que as máquinas construídas ata o momento facían sumas engadindo unha cantidade sobre outra, isto é, limitábanse a contar. Pola contra o artefacto de Verea era unha máquina que calculaba. Así, ademais de sumas e restas podía realizar produtos e divisións facilitando resultados de ata quince cifras cun factor de nove cifras e outro de seis. Embarca para Galicia no 1879. Volve a Nova York dous anos despois. Durante un tempo traballa como redactor do xornal El Cronista do que chega incluso a exercer de director. Faise coa propiedade dunha imprenta e funda e dirixe unha revista quincenal: El Progreso. Este xornal non ten publicidade e substentaríase grazas a unha estensa rede de subscritores por todo o mundo. Edita ademais dous folletos (Catecismo librepensador ó cartas a un campesino e Contra el altar y el trono) e un libro (La religión universal ) nos que defende incisivamente as súas ideas. Os negocios comenzaron a irlle mal, así que farto do utilitarismo imperante en Nova York,  e buscando un lugar de clima máis benigno para os seus problemas de saúde abandona definitivamente a cidade norteamericana no ano 1895 con destino a Guatemala onde é recibido moi agarimosamente polo presidente Reina-Barros. Non tarda en entrar en conflito con altos cargos do goberno guatemalteco. Os puntos de descordo estaban relacionados coa interpretación da historia e da política hispanoamericana. Buscando un lugar onde as súas ideas fosen mellor acollidas marcha de Guatemala no 1897, desta vez con destino a Arxentina onde tiña algúns familiares. En Buenos Aires volve a poñer en marcha un xornal, tamén coa cabeceira de El Progreso. Nesta nova edición chega a publicar 164 números pero por mor dunha infección pulmonar Ramón Verea morre só dous anos despois da súa chegada á capital arxentina. Nunca deixou de ter relación con Galicia pois o mesmo ano da súa morte 1899, o xornal compostelano Gaceta de Galicia daba a noticia de que Ramón Verea donara á Universidade de Santiago dous tomos coa revista que publicaba en Nova York. Ao seu enterro asistiron dúas ducias de persoas entre as que destacaban personalidades do partido socialista arxentino. Os seus restos xacen no cemiterio bonaerense do Oeste nunha tumba sen lápida. Un librepensador
Verea cualificábase a si mesmo como un librepensador. Non se ten coñecemento de onde parten as súas ideas sociais e políticas. Nas notas biográficas que se lle fixeron establécese como un feito que  había de influirlle moito: a execución en Carral dos sublevados contra o goberno de Narváez que reivindicaban un trato máis xusto para Galicia e a restauración das liberdades abolidas. O historiador da USC Ricardo Gurriarán apunta a que posiblemente recibiu formación na Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo  Popular e alí entraría en contacto con ideas alonxadas da escolástica. As ideas políticas de Ramón Verea están tinxidas de republicanismo:
"O Rei pasou de moda nos países civilizados. Conserva o nome, pero foi despoxado das bárbaras facultades que asumira [...]. O poder que antes se supoñía vir de arriba, descubiruse agora que vén de abaixo. As árbores non están prendidas á atmosfera polas pólas; estano á terra polas raíces"
Tamén foi un firme defensor dos máis desfavorecidos. Nun seu artigo do que dá conta Waldo Álvarez Insua, denuncia que non se condene a un policía por asesinato dun mariñeiro galego. Moitas veces a súa crítica social vóvese en crítica política:
"Pesoume a morte deses compatriotas meus que traballan toda a vida, famentos e espidos, que viven en chozas que non serven para animais, e todo isto para manter na folganza un exército de gobernantes e pretendentes"
Dóelle que os gobernos actúen como opresores dun pobo ao que utilizan e esquilman para manter unhas estruturas de goberno atrasadas. Usa a súa voz para denunciar as inxustizas sociais e ataca o trato que o poder mantén cos que teñen menos recursos. Encol dos campesiños di que
"Cando os seus fillos son crecidos e poderían axulado, arrebátanllos para o servizo das armas, onde van ser sacrificados, tal vez por un principio político que el non entende ou non lle importa, e en todo evento para apoiar ao goberno que o oprime. Antes de comer ten que pagar as contribucións á Igrexa e ao Goberno. Se non lle chega, élle forzoso empeñar as súas terras ou polo menos, o produto das súas futuras colleitas, en mans dalgún usureiro"
Un exemplo mala xestión procedente de Europa, en concreto de España,  é para Verea o caso de Cuba, "levamos a Illa ás portas da bancarrota e da miseria". Pola contra é moi belixerante cos movementos pola independencia pois consideraba que se Cuba chegara a romper os vecellos coa metrópoli sería para caer nas gadoupas doutra potencia, posiblemente os Estados Unidos. Verea identifica a Europa co atraso e xustifica que moita xente queira fuxir do vello continente para fuxir da miseria ou librarse dunhas levas que recollen o mellor do sangue social para devolver un zume inútil cando se xa se lle sacaron os mellores produtos para utilizalos en guerras ou campañas sen xustificación algunha.
Para que serven eses millóns de homes que compoñes os exércitos permanentes, máis que para soster autócratas e defendelos dos seus mesmos pobos?
Dadas as circunstancias sociais, a extrema pobreza xustificaría que se promovese a emigración pois "neste caso non é obra de utilidade soamente: éo de humanidade". Pon como exemplo o edificio "Castle Garden" de Nova York onde empregados estatais e tradutores orientan aos inmigrantes como un caso de boa política de acollida que pode facerlle frente aos malvados que queren aproveitarse dos estranxeiros. Ramón Verea chega a ir moito máis alá ao opinar sobre o problema da emigración, problema que el ve como unha oportunidade chea de ventaxas:
"Cantos máis sexan os que se ausente, mellor estarán os que queden, porte faltando brazos será mellor remunerado o traballo"
O estradense ve en América as potencialidades do progreso. Trátase dun continente por construir e que pode ser levantado polos emigrantes procedentes de Europa. En América aínda son posibles os ideais de liberdade e avance. Un dos aspectos nos que destaca como adiantado ás ideas imperantes na súa época é no da defensa da igualdade para a muller:
"Mentres o home se considere o amo da muller, mentres lle negue a igualdade civil, menres non a mida coa mesma vara que a si mesmo, non poderá dicir con verdade que dou un paso no sendeiro do verdadeiro progreso"
Probablemente a bandeira da defensa das mulleres recóllea despois de romper coas forma tradicionais de poder simbolizadas polo altar e o trono (El altar y el trono é tamén o título dun dos seus libros). Do segundo xa falamos máis arriba. No relativo ás súas discrepancias coa Igrexa sabemos que xa as comenzara a dixerir estando no Seminario pois cando o abandona declara sentirse aliviado.
"Estudei a teoloxía e vin que era un castelo de naipes; que non resistía nin o máis leve sopro da razón"
Usa reiteradamente un argumento que revela o seu carácter humanista, superador dos chauvinismos. Consideremos que nacemos noutro lugar, entón no canto de crer fervorosamente no noso deus, serímos xudeos, musulmáns,... en consideraríamos por simple filiación estarmos en posesión da única verdade. Non ten sentido a idea dun deus que non incrustara en toda a humanidade a luz da fe, cunha claridade total semellante á que inspira as verdades matemáticas, agás que ese deus sexa un ser cruel:
"Os que eninan que fóra da verdadeira relixión non hai salvación, non teñen entrañas nin llas supoñen a Deus. Se o mundo fose creado por un xenio infinitamente malo, explicaríase que fose imposible distinguir a relixión verdadeira das falsas, porque era o xeito de perder ao home; pero o que fixo o aire para o pulmón e aluz para a vista non podía, sen deixar de ser quen é, ocultar o aire e a luz da via espirtual"
Así considera ás relixións como "as maiores pragas da humanidade". É especialmente crítico coa venda do perdón dos pecados, o cobro da impartición dos sacramentos,...en definitiva o abuso de poder da Igrexa
"A idea de Deus foi enxendrada polo medo, e as relixións positivas son enxendros da codida, alimentadas pola ignorancia"
A máquina de calcular
Non pode ser casualidade que cada vez que fundaba un xornal a súa cabeceira fose sempre El Progreso. Ramón Verea confiaba no desenvolvemento da sociedade por medio do avance na tecnoloxía , aseguraba que o futuro viría por este camiño e laiábase de que se ensinara únicamente
 "filosofía, ciencias, literatura. Temos sobrados médicos e avogados, algúns pintores e moitísimos literatos e poetas. Os enxeñeiros son moi escasos e educados case todos en países estranxeiros"
Nesta mesma liña propugna o ensino da mecánica desde a secundaria. En coherencia con estas ideas establece dicotomías entre o progreso e o atraso:
"O deber fórzanos a censurar aos mexicanos, país onde case todos os progresos son importados, aplicouse a luz eléctrica ás corridas de touros. Se ese adianto moderno non poidese ter mellor aplicación, prefiriríamos que se suprimise"
Despois de moitos esforzos e de dous intentos fracasados Ramón Verea consigue fabricar o que el mesmo cualifica como primeira máquina de calcular. Para alcanzar este obxectivo comenzara estudando a historia das máquinas aritméticas. Fai referencia á inventada por Pascal, a coñecida como Pascalina e presentada no 1642, tiña un mecanismo que só lle permitía facer sumas e restas. O invento de Leibniz, aínda que realizaba tamén produtos e divisións, nunca chegara a funcionar correctamente ata que a reloxería avanzou o suficiente Charles-Xavier Thomas de Colmar, director dunha compañía de seguros en París, inventara o seu aritmómetro mellorando o deseño de Leibniz, unha máquina da que fabricaría diferentes versións. Todas as máquinas aritméticas inventadas ata o 1878 partillaban un inconveniente pois os produtos efectuábanse con procedementos non automáticos. As multiplicacións obtíñanse por medio de adicións sucesivas. Verea explicaba isto moi claramente diferenciando entre os procesos de contar  versus o de calcular:
Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación? O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña.[...] Aquilo é contar, isto é calcular.
Sendo fieis ao sentido destas palabras, a máquina de Ramón Verea foi propiamente a primeira calculadora. Desafortunadamente o invento non chegou a comercializarse. Se atendemos ás súas declaracións foi porque o seu interese non residía nos cartos ou na celebridade que podía adquirir coa venda da calculadora, senón que o seu empeño era o de contribuir ao avance da ciencia e o de demostrar que a pesar da súa orixe era tan capaz na inventiva e na imaxinación como como un oriundo dunha nación culta. Despois de dous intentos sen éxito, o terceiro modelo,cun peso de 22 kg, funcionaba sen problemas. Tiña unha capacidade operativa para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor e para seis no multiplicador ou cociente. En consecuencia podíanse obter resultados de ata quince cifras. As súas dimensións en centímetros son de  36x30x20 cm. Para saber máis: ARCA CALDAS, Olimpio, Ramón Verea. Inventor estradense. Editado por galeguizargalicia.com

mércores, 24 de outubro de 2012

Mini-documental sobre Ramón Verea na TVE



 O III Día da Ciencia en Galego, xornada que reivindica a derrogación do funesto decreto 79/2010 que intenta erradicar o uso do galego do ámbito científico, está adicado a Leonardo da Vinci e Ramón Verea. 
Grazas aos compañeiros de Lalín, desde  A Marela Tarabela, enterámonos deste documental do programa tres14 da TVE que nos relata a importante aportación deste galego, Ramón Verea, á historia da tecnoloxía do cálculo coa invención da primeira máquina que multiplicaba.

mércores, 8 de agosto de 2012

A calculadora de Ramón Verea

Como profesor de matemáticas, en moitas ocasións teño que explicar o funcionamento de determinadas funcións dunha calculadora. Neses casos non podo deixar de lembrar a figura de Ramón Verea. Como teño a certeza de que é un descoñecido vou deixar aquí algúns apuntes sobre quen foi ese home. Nun acto celebrado en novembro do 2009 e organizado polo Foro Enrique Peinador ([1], [2]), homenaxeouse a Ramón Silvestre Verea García, natural da parroquia de Curantes (A Estrada) do que se destacaba o mérito de ser o inventor da calculadora. Despois do descubrimento dun busto realizado polo escultor Manuel Molares interveñen o historiador Ricardo Gurriarán e o mestre Olimpio Arca Caldas, autor do libro Ramón Verea. Para sermos máis precisos convén matizar o título que se lle asigna en moitos lugares a Ramón Verea como o de ser o inventor da calculadora. Non hai ningunha persoa á que se lle poida atribuir en exclusiva este invento. Os precursores xurdiron no XVII. Un deles foi o reloxo calculador de Wilhem Schikcard,, outros foron os  artefactos dos  ilustres matemáticos Leibniz e Pascal: a máquina artimética do primeiro e a pascalina do segundo.  No XIX patentaríanse moitas máquinas de calcular e faríanse importantes aportacións ao desenvolvemento da tecnoloxía do cálculo. Unha delas viría de Ramón Verea. Concretamente o seu invento, patentado no 1878 ten o mérito de poder realizar produtos directamente pois ata o momento realizábanse mediante unha repetición de sumas. Segundo as palabras do propio Verea:
A miña máquina, ademais de sumar e restar, multiplica e divide polo sistema abreviado que usamos, coa vantaxe de multiplicar todo o multiplicando á vez por cada número do multiplicador
Reivindicar a este noso veciño é tamén reafirmarse no orgullo do propio, do noso. Ramón Verea, un veciño da parroquia estradense de Curantes, mestre e redactor dun xornal, director doutro, escritor, tradutor, inventor e empresario, actividades que realiza en Cuba, Estados Unidos, Guatemala e finalmente Arxentina, onde morre no 1899. Se un profesor de matemáticas coma min, quixera aproveitar a figura e a proximidade de Verea para facer agromar ese orgullo aparellado á reafirmación da lingua de noso, tería un serio problema pois para facelo deberá enfrentarse aos ditames da Consellería de Educación. Creo que non hai que volver a recordar os funestos mandatos do decreto 79/20120, o chamado decreto do plurilingüismo que prohíbe, entre outras,  as clases de matemáticas en galego. E aínda Valentín García, o secretario xeral de política lingüística é quen de dicir que os decretos non son importantes. Pois na súa mesma lóxica tampouco importará cambiar un por outro e por comenzar a facer algo (non se sabe de nada que fixera ata o día de hoxe), Valentín García, que asistiu ás xornadas corr