Amosando publicacións coa etiqueta portugués. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta portugués. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de maio de 2020

A división de Terence Tao

Terence Tao (1975-...) gañou a medalla de ouro das Olimpíadas Internacionais de Matemáticas cando tiña 13 anos. Nos dous anos anteriores conseguira as de bronce e prata. Na XXV IMC déronlle a medalla Fields. Estes só son algúns dos recoñecementos recibidos por estea figura extraordinaria das matemáticas.
A súa participación nas Olimpíadas fixo que na súa mocidade mantivese un profundo interese por este tipo de competicións. Isto levouno, con 15 anos, a escribir un libro centrado neste tipo de probas, Solving mathematical problems, que foi editado tamén en portugués pola SPM, dentro dunha colección de libros... sobre as olimpíadas. Non é de estrañar porque o libro recolle tanto algúns problemas deste tipo de probas, así como outros que ben poderían formar parte do adestramento para as mesmas. Con todo, Tao non se limita só a dar a solución, senón que explica como abrir liñas de ataque ao problema, como avalialas, como ir acurralandoo con mestría. Fica claro que Terence Tao xoga noutra división.
O primeiro capítulo do libro é un tanto especial, pois facendo honra ao seu título, Estratexias de reslución de problemas, dá unhas orientacións xerais, ao mellor estilo Polya. Para iso toma como referencia o seguinte problema:
As lonxitudes dos lados dun triángulo forman unha progresión aritmética de diferenza d. A área do triángulo é t. Calcule os lados e os ángulos do triángulo.
Tao desenvolve unha abordaxe fundamentada nos seguintes pasos:
  • Entender o problema
  • Distinguir os datos
  • Percibir o obxectivo
  • Escoller unha boa notación
  • Escribir o que sabemos na notación que escollemos; facer un diagrama
  • Modificar lixeiramente o problema
  • Modificar grandemente o problema
Como mostra, recollo aquí algún dos problemas escollidos por Tao, comencemos por un de números:
Sexan k e n números naturais con k impar. Mostre que a suma 1k+2k+... +nk é divisible por 1+2+---+n
Tamén propón algúns exercicios, como o seguinte:
Determine o maior enteiro positivo n, tal que n3+100 sexa divisible por n+10
Varios son das Olimpíadas Australianas de Matemáticas, velaquí un exemplo:
Un polígono regular con n vértices está inscrito nunha circunferencia de raio 1. Sexa L o conxunto de todos as posibles lonxitudes de todos os segmentos ligando dous vértices do polígono. Cal é a suma dos cadrados dos elementos de L?
No capítulo final, mesmo hai problemas inclasificables dentro do esquema usual de estruturación das matemáticas (aritmética, álxebra, xeometría, cálculo,...); son máis ben propostas relacionadas coa matemática recreativa. Por exemplo estuda o problema do xogo do yucky choccy , ou do chocolate asqueroso, que había de facer famoso Ian Stewart na súa columna do Scientific American,  e que posteriormente aparecería en Locos por las matemáticas (Crítica, 2004): dada unha tableta de chocolate de 6྾10 pezas cada xogador elimina no seu turno, ben filas, ben columnas da mesma. Perde o que se ve na obriga de coller a peza asquerosa situada nunha esquina da tableta. Terence Tao propón estudar o mesmo problema nunha versión tridimensional. Cal será a estratexia gañadora para un chocolate de 3×6×10? Cal dos xogadores gañará?
Unha fonte da que recolle algúns dos problemas é a competición internacional Tournament of the Towns , unha proba paralela ás olimpíadas nacida no 1979 en Rusia e que tivo moi boa acollida en Australia (ver aquí unha recompilación). O seguinte enunciado foi tirado desta competición.
Nunha certa illa hai 13 camaleóns cincentos, 15 camaleóns castaños e 17 vermellos. Se dous camaleóns de cores diferentes se encontran, mudan ambos para a terceira cor (por exemplo un castaño e un cincento mudaríam ambos para vermello), mais non mudan de cor en ningunha outra situación. Será posible que a certa altura os camaleóns fiquen todos da mesma cor?
Para rematar, un deses gorentosos problemas que che pegan unha volta coa pregunta final
Dous irmáns venderan un rabaño de ovellas. Cada ovella foi vendida por un número de rublos igual ao número de ovellas do rabaño, e o total obtido foi dividido do seguinte modo: o irmán máis vello colleu 10 rublos, despois o máis novo colleu 10 rublos, despois o máis vello colleu outros 10 rublos, e así sucesivamente. Ao final da división, o irmán máis novo, a quen tocaba a vez, verificou que había menos de 10 rublos, e polo tanto embolsou o que sobraba. Para tornar a división xusta, o irmán máis vello dou ao máis novo o seu canivete, que valía un número enteiro de rublos. Canto valía o canivete?

martes, 5 de abril de 2016

O grande poder da matemática


Documental do programa Observatório do mundo, emitido pola canle TVI24 no que se desenvolven algúns tópicos básicos da matemáticas, das súas aplicacións e a súa versatilidade para permintirnos a comprensión do mundo.
Vía SPM

sábado, 19 de setembro de 2015

Grigori Perelman sen a conxectura de Poincaré



Documental ruso centrado na repercusión mediática que tivo a resolución da conxectura de Poincaré. Achego aquí unha versión con subtítulos en portugués, polo que é de fácil seguimento para nós (nós sempre somos os galegos).
A figura central do vídeo é o esquivo matemático Grigori Pereman. Fálase do carácter de Perelman, da súa aversión polos medios, o seu rexeitamento dun premio Clay (os famosos premios dun millón de dólares), a súa negativa a recibir a medalla Fields, a polémica xenerada polo célebre artigo de Nassar e Gruber no New Yorker   (por exemplo: [1][2][3]). En definitiva, o documental aproveita a particular forma de ser e de actuar de Perelman para relatar o batifondo que se desenvolveu despois de que o matemático ruso colgara os seus artigos no arXiv.
Mágoa que nos 44 minutos non se lle fixera un oco para unha explicación de en que consiste a conxectura de Poincaré xa que desa forma contribuiría a divulgar e popularizar un anaquiño das matemáticas, que boa falta fai. Pola contra, a forma de desfacerse do asunto pode etiquetarse incluso de insultante, descualificando todas as explicacións divulgativas e sen ofertar nada a cambio.
Para tapar este defecto, podemos botar man dun excelente artigo de Antonio J. López Moreno, publicado naquela revista dixital de matemáticas, Matematicalia, desafortunadamente pechada no 2011. Aínda que repasando o artigo un decátase do pouco que se lle acorda daquelas clases de topoloxía alxébrica.
Como último complemento, un libro que é boa mostra dun texto moi ben composto dentro do campo da divulgación científica. Trátase de La conjetura de Poincaré. En busca de la forma del universo, de Donal O´Shea
Con todo, pasei un rato moi entretido vendo o vídeo. Por iso lle adiquei esta entrada.


mércores, 28 de agosto de 2013

Flatland

Escrito en 1884 por Edwin Abbott Abbott, Flatland, Unha Aventura en moitas dimensións, é unha novela satírica pero tamén é coñecida por facer uso das propiedades matemáticas das figuras en diversas dimensións. O protagonista, un cadrado no mundo bidimensional. Comenza describíndonos a sociedade e as leis que rexen o seu mundo. Despois de soñar cun mundo unidimensional é transportado a outro tridimensional onde se cuestiona a existencia de catro, cinco, ou máis dimensións. Recollo aquí a serie de 8 vídeos traducida ao porltugués: Episodio 1 Episodio 2 Episodio 3 Episodio 4 Episodio 5 Episodio 6 Episodio 7 Episodio 8

xoves, 8 de agosto de 2013

Calcule mais: Noção intuitiva de limites


 Vadeir Vioti, estudante de enxeñería, despois de coñecer o material da Khan Academy, pensou en que podía aproveitar esta idea para facer realidade o seu soño: ensinar matemáticas a persoas sen posibilidades económicas. Elaborou así 600 vídeo aulas que hoxe son seguidas diariamente por máis de 4.000 persoas.
O portal de acceso é Calcule mais. Temos aquí unha enorme colección de materiais para o ensino mediante material audiovisual e que pode ser aproveitado desde Galicia por seren creados en portugués. Outra vez batemos de frente cunha posibilidade de aprendizaxe que o funesto decreto 79/2010 rexeitaría por tratarse de aprendermos matemáticas nunha lingua distinta do castelán.

xoves, 1 de agosto de 2013

A soma das medidas dos ângulos em um triângulo é 180°. Ciencias en portugués

Noutra entrada anterior xa falamos do material da Khan Academy traducido ao portugués por Portugal Telecom e que está a ser divulgado pola Sociedade Portuguesa de Matemática. Daquela, nese portal dispoñíamos de 70 vídeos traducidos ao portugués. Agora fun dar con outro portal que debe ter aproximadamente uns 300 vídeos da Khan Academy tamén traducidos ao portugués por medio da Fundação Lemann. Ademais hai outros poucos centos de vídeos de bioloxía, física e química. Todo un mundo de utilidades para ese mundo arrasado polo decreto para o plurilingüismo que é o ensino das materias de ciencias en galego. Escollín para esta entrada a demostración de que a suma dos ángulos dun triángulo é de 180º, un teorema que é equivalente ao V postulado de Euclides. A aventura deste teorema no transcurso da historia levaríanos a facer un repaso da xeometría desde a antigüidade ata o desenvolvemento da teoría da relatividade no século XX. Hai un libro, marabilloso, que trata xustamente esta idea: Historias de espacio, de Jaremy Gray, editado por Mondadori (1992).

xoves, 8 de novembro de 2012

'Isto é matemática'. Programa de divulgación da TV portuguesa


Un que sempre anda na procura de materiais de matemáticas en galego fiquei gratamente sorprendido ao enterarme de que na canle portuguesa de televisión SIC Notícias, comenzou a emisión dun mini-espazo de divulgación matemática: 'Isto é matemática'. O programa emítese os sábados ás 20:50. Condúceo o matemático Rogério Martins con simpatía e procurando facer accesible esta ciencia a todos os públicos. Así se presenta:
A matemática vai muito para além dos números e das equações. A matemática são ideias. Ela acontece sempre que há um padrão... Sempre que algo se repete... no seu quotidiano, nas ruas, no trânsito. São ideias que se materializam em todos os objectos que alguma vez observou... e talvez nunca tenha dado conta. A matemática é vida. A sua vida... e a minha.Sou o Rogério Martins... e sou matemático.
'Isto é matemática' está promovido pola Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM). Os programas emitidos ata o momento tráenme á cabeza o Ben Falado! da TVG, quizais pola pouca duración que teñen. Isto, no canto de ser un desventaxa, creo eu, é o seu maior valor. Cun guión e unha realización moi coidadas cada un destes capítulos é unha perla da divulgación matemática. Eu non os perderei de vista. Podemos seguir as novidades do programa nunha conta de facebook ou no seu portal da canle de televisión. Capítulo 1. Reinventar a roda. Capítulo 2. Como é que o google goola Capítulo 3. O bilhar, o dentista e o Teatro São Carlos Capítulo 4. O efeito borboreta