Amosando publicacións coa etiqueta universidade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta universidade. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de outubro de 2021

A revolución do "De Revolutionibus"

De revolutionibus orbium coelestium, ou máis brevemente De revolutionibus, é o volume, en seis libros, escrito por Copérnico (1473-1643) e publicado, coma quen di, póstumamente, no 1643 pois cóntase que cando saiu do prelo o autor xa estaba no seu leito de morte. Deste xeito tan tráxico o astrónomo presentaba públicamente o seu sistema dun mundo heliocéntrico. O escritor Arthur Koestler (1905-1983) cualificaríao no best-seller Os sonámbulos como "o libro que niñguén puido ler". As razóns desta descrición aséntanse na prosa técnica e pouco amable que destila o texto copernicano xa que a partir do segundo libro o texto é unha obra especializada de astronomía matemática que intentaba competir co Almaxesto de Ptolomeo e os seus epígonos. A confrontación entre os dous sistemas fundamentábase nunha serie de mecanismos matemáticos moi técnicos. Con toto, o apelativo de Koestler é moi inxusto xa que o De revolutionibus, desde o momento da súa publicación, sería un punto de referencia ineludible para os astrónomos posteriores. 

A Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo O libro que ninguén puido ler, unha publicación cun título digno de Raymond Smullyan, elaborada polos matemáticos Nicanor Alonso e Miguel Mirás xunto co profesor, tradutor e poeta Raul G. Pato. Esta edición, xira arredor da tradución dun manuscrito do Libro I do De revolutionibus. Nese manuscrito non aparecían os tres últimos capítulos dese Libro I, precisamente os de contido matemático. En consecuencia, non se adentra nos esotéricos artefactos mecánico-astronómicos copernicanos senón que trata da exposición e argumentación dunha revolucionaria visión do mundo. Tan revolucionaria que se enfronta aos fundamentos ideolóxicos dominantes. Non se podía remover a crenza da inmobilidade da Terra sen que se visen afectadas as estruturas de poder que controlaban o coñecemento, a visión e a organización do mundo. Isto xa se sente desde un primeiro momento. Nas primeiras edicións do De revolutionibus aparecía un aviso Ao lector sobre as hipóteses desta obra que non foi redactado por Copérnico nin polo seu axudante Rheticus (1514-1574), senón polo substituto deste, o teólogo protestante Andreas Osiander, Sorprendentemente, neste curioso prólogo retíraselle toda a credibilidade ao corpo do libro:

"E non é necesario que estas hipóteses sexan verdadeiras, nin sequera verosímiles, senón que basta con que amosen tan só un cálculo congruente coas observacións"

Porén, unhas poucas páxinas máis adiante, Copérnico (agora si é el quen escribe) é moi claro:

"Se por casualidade aparecen rexoubeiros que, alegando ser capaces de emitir un xuízo sobre calquera cousa relacionada coas matemáticas, aínda sendo ignorantes delas e terxiversando maliciosamente algunha psasaxe da Escritura para o seu propósito, ousen atacar e rexeitar esta miña empresa, eu non fago caso deles ata o punto de desprezar o seu xuízo cualificándoo de temerario"

Velaquí que Copérnico non só tiña un coñecemento  profundo dos ceos, tamén era quen de desentrañar as reviravoltas da sociedade do seu tempo ata o punto que neste parágrafo parece adiviñar cal vai ser o futuro das teses do De Revolutionibus.  Efectivamente, se por unha banda Lutero e Calvino son os primeiros en opoñerse firmemente ao heliocentrismo, a igrexa católica prohíbe defendelo ou sostelo no ano 1616 ao tempo que inclúe a obra copernicana no índice de libros prohibidos. Esta foi a atroz resposta a unha convincente campaña de Galileo na que todos e cada un dos seus descubrimentos co telescopio son punzantes argumentos pro-heliocéntricos. A pesar das prohibicións da Igrexa Galileo non ficaría inmóbil. Nunca deixaría de argumentar contra a física aristotélica, o principal sustento do modelo ptolemaico. 

A  xenialidade de Galileo destaca especialmente no Diálogo, publicado no 1632 despois de entrevistarse co propio papa Urbano VIII e de que se lle impuxeran varias condicións. Obrigóselle a que cambiara o título: xa non sería Do fluxo e refluxo das mareas, senón Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo. Outra esixencia consistía na inclusión dun aviso ao lector (outro máis!) no que se forzou a Galileo a declarar que adoptaba o copernicanismo como se fose unha hipótese puramente matemática. Tamén se lle impuxo a conclusión final do libro na que debían aparecer as teses de Urbano VIII establecendo que o infinito poder de Deus podía presentarnos os fenómenos de múltiples maneiras. Noutras palabras: a indagación científica é un inútil sinsentido. Ademais o Diálogo foi revisado polo Maestro do Sacro Palacio de Roma, con atribucións plenas para dar permisos de edición. Galileo aceptou todas as condicións, por inxustas que fosen. Con todo, ao pouco da publicación o Diálogo foi secuestrado e Galileo tivo que enfrontarse a un xuízo inquisitorial que o acabaría condenando.

A publicación da Universidade de Vigo ofrécenos como apéndices tanto a sentenza como a abxuración de Galileo Galilei. Son dous documentos de innegable importancia na historia da ciencia e un bo epílogo para O libro que ninguén puido ler. Como prólogo ofrécesnos un estudo sobre Copérnico e a súa obra. En definitiva, temos diante unha publicación que pon o foco nun capítulo central no desenvolvemento do pensamento científico. Tamén, por ser unha das escasas publicacións de temática científica en galego, unha contribución á dignificación da nosa lingua que todos deberiamos agradecer.

venres, 10 de xuño de 2016

Matemáticas en galego (na USC)

Ao botar un ollo ao pasado, podo certificar que fun realmente afortunado por recibir un número de horas de clase en galego bastante alto, un 35%, de comparármolo co que cabría esperar segundo as cifras que nos achega anualmente O Cartafol, a revista dixital do SNL da USC. De repasarmos os datos do uso do galego na docencia na USC, veremos que nunca chegaron aos niveis dos que gozei eu. Os valores máis altos dos que se ten referencia é desde o curso 2002-2003, un 20%, que foi incrementándose ata o curso 2009-2010, un 32%. Nese momento, é cando se aproba o funesto decreto de plurilinguismo  (casualidade?) e tamén comenza un descenso do galego na universidade compostelá ata un 21% do último ano. Un paso adiante e outro atrás, Galiza. Claro que, se falo do meu caso particular,  a docencia dos departamentos de matemáticas está moito máis galeguizada que a dos da rama biolóxico-sanitaria, onde o galego é unha rara avis. Por concretar, darei os datos da porcentaxe da docencia en galego do último ano nos departamentos de matemáticas:
  • Álxebra: 19,36%
  • Xeometría e Topoloxía: 22,35%
  • Análise Matemática: 66,25%
  • Matemática Aplicada: 33,19%
  • Estatística e Investigación Operativa: 12,15%
Con este panorama é moi de agradecer, e de louvar, o esforzo que están a facer moitos docentes desta universidade, que desde o ano 2008 contribuíron á publicación de unidades didácticas, sumando ata o momento un total de 231 títulos.
Unha vez máis vemos o esforzo de parte do SNL da USC e dos que colaboran co mesmo, un esforzo escasamente recompensado e que se enfronta a unha estrutura social montada para a exclusión da lingua galega. Vivimos nunha política lingüística supremacista que mantén e protexe todas as vantaxes para a lingua A ao tempo que se divulga un discurso no que se aparenta protexer e potenciar a lingua B. Así ésta ten que cargar co discurso, mentras que a outra queda cos privilexios, o cal multiplica as desvantaxes da primeira e as prerrogativas da segunda, ao preparar así o campo ideal para o discurso de que se impón a lingua B. Deste xeito, iniciativas coma esta do SNL, de publicar unidades didácticas en galego, adquiren o nivel de accións heróicas.
Como mínima contribución á honra que merece todo este esforzo, recollo aquí as unidades de matemáticas que hai publicadas ata hoxe. O caso non deixa de ter o seu punto subversivo xa que, recordémolo unha vez máis, cargouse sobre as matemáticas a prohibición de impartila en galego baxo un decreto autotitulado equilibrista. Curiosamente non se elaborou un decreto das mesmas características para o ensino unversitario, onde polas cifras que vimos aquí, si que levaría a un incremento da docencia en galego.
Álxebra

  • Rodríguez Fernández, C. e Fernández Vilaboa, J.M. (Dpto. Álxebra): Espazos vectoriais, para a materia "Espazos Vectoriais e Cálculo Matricial", 2013 


Xeometría e Topoloxía



Análise Matemática



Matemática Aplicada



Uso do galego na USC: artigos do Cartafol
Para completar a entrada, pódense consultar os artigos que desde a publicación dixital do SNL nos achegan sobre o uso do galego na univerisade compostelá:

venres, 27 de maio de 2016

Explícoche matemáticas 2.0, un oasis no deserto

Antonte, na Facultade de Matemáticas entregáronse os  premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, na súa edición de 2016. O concurso está organizado polo SNL da Facultade, xunto coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A entrega destes premios trae de novo ao primeiro plano a prohibición do galego nas aulas de matemáticas e doutras moitas materias desde a imposición do decreto supremacista contra o galego, o autotitulado perversamente, como decreto do plurilingüismo, cuxa fundamento principal é precisamente o de impedir a docencia en galego das materias científicas no ensino obrigatorio. Por esta razón o concurso é un oasis no deserto no que a política lingüística do PP converteu o ensino das matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química.
 A gañadora na sección de universidade recaeu no vídeo 'Unha viaxe de París a San Francisco', de Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º curso do grao en Matemáticas, da Facultade de Matemáticas da USC.


O gañador do concurso deste ano é o vídeo 'As matemáticas que gañaron a Segunda Guerra Mudial', de Álvaro Cañete Rosell, Carolina Grille Sieira e Clara Vales Fernández, de 3º da ESO do Colexio Obradoiro da Coruña. Baixo a titorización de Jonás González Guinea. Parabéns tanto aos gañadores como a todos os participantes.

luns, 20 de xaneiro de 2014

Matemáticas en pé de igualdade

Matemáticas en pé de igualdade é título do material elaborado por Amelia Verdejo Rodríguez, profesora Titular de Análise Matemática, do que tiven noticia grazas a este chío. Este traballo foi premiado co accésit do Primeiro Premio Antonia Ferrín Moreiras, un galardón coa finalidade de promocionar creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero. Matemáticas en pé de igualdade tamén é un portal da Universidade de Vigo ao que podemos acceder desde o pasado 16 de xaneiro. O fundamental do proxecto está contido na páxina Biografías desde a que podemos acceder a breves minibiografías de máis de 60 matemáticos, a maioría mulleres. Premendo na ligazón  titulada Memoria accedemos a un pdf onde se fai unha reflexión sobre o papel das Matemáticas na reprodución dos valores sexistas e se relata  a metodoloxía didáctica e a implantación deste material na práctica docente. A este respecto, hai todo un capítulo adicado a informar sobre a aplicación práctica en aulas de Primaria Tendo en conta a exclusión do galego das aulas de matemáticas que a Xunta propugna desde o seu funesto decreto 79/2010, é unha enorme alegría poder contar con este material para achegar ao noso alumnado á coñecida como ciencia dos números. E esta alegría multiplícase por establecer novas ligazóns coas matemáticas precisamente desde un punto do que gosto especialmente, o do desenvolvemento histórico deste saber. Unha das características que está presente por todo este traballo é a de expoñer a utilidade dos avances matemáticos na nosa vida e na nosa historia, e isto é un gran acerto por seren estes aspectos dos máis dificultosos de facer ver ao alumnado cando están sentados nos seus pupitres. Que se vexa un interese comprometido por divulgar o coñecemento e a utillidade das matemáticas é unha actitude merecedora dos máis sentidos parabéns da comunidade educativa. O portal conta cun apartado de Novas desde o que se pretende informar das novidades e actualizacións do proxecto. Deséxolle longa e próspera vida a esta iniciativa.