Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de xullo de 2025

Explícoche matemáticas 2025

O concurso Explícoche Matemáticas do SNL da Facultade de Matemáticas da USC pon en evidencia a radicalidade ultra da prohibición do ensino das matemáticas en galego. Xa vai pola súa 13ª edición.

Na edición deste ano do Explícoche Matemáticas o vídeo gañador foi o de Antía Fernández Paulos do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) cun traballo titulado Xogando a aproximar pi:

 

 O segundo premio foi para Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez, Saúl López Souto do IES Díaz Pardo (Sada) cun vídeo titulado A tartaruga Fleury

 

venres, 28 de xuño de 2019

Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0". Edición 2019



‘A medición da liña costeira’, foi o traballo presentado pola alumna de 3º da ESO do IES As Bizocas ( O Grove) María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, é unha peza de Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da ESO no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Estes foron os audiovisuais premiados o pasado xoves 20/06/19 na 8ª edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola CNL da Facultade de Matemáticas da USC.


Na categoría de mellor valoración dos usuarios da arañeira o vídeo premiado foi‘Chiquicuriosidades’, realizado por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra.)


Ademais dos premios cos que estaba dotado este concurso, o alumnado galardoado recibiu como agasallo o libro Mate-Glifos, do que xa falamos noutra ocasión.
Parabéns a todos os premiados, e tamén a todos os participantes. Seica así, aos pouquiños, Explícoche Matemáticas 2.0 xa leva xuntado un par de centos de vídeos relatando diversos aspectos das matemáticas.
Un último comentario do que teño que deixar constancia. No que fora un rechío estridente, o secretario xeral de política lingüística participara na pasada entrega de premios. Desta vez non se soubo nada del. Parece que con aquela intervención xa lle chegou. Demasiada dose de matemáticas en galego para quen ten como función principal prohibir as matemáticas en galego.

luns, 29 de outubro de 2018

O último rechío da politica lingüística

De contemplarmos esta foto sen máis información só veremos catro persoas posando. Se nos proe algo a curiosidade e prememos na ligazón que nos ofrece o chío, quedarémonos con que Valentín García participou na entrega de premios do concurso "Explícoche matemáticas 2.0".  Neste caso pensariamos que temos a información completa cando o certo é que nese intre saberemos menos que antes. Para explicar a foto cómpre relatar algunhas das febras historia de como se chega ata ela.
Unha desas febras comenza cando as ansias de galego desta terra levaron a que un grupo de usuarios se organizase para proporcionarnos unha versión do Twitter en galego. Un goberno da Xunta que leva o vergoñento carimbo de ser unha peste para a lingua galega, quixo apropiarse o traballo de todos eses usuarios para venderse perante a opinión pública como a peza fundamental da galeguización da rede social despois de actuar con completo desinterese pola cuestión.
Como é habitual nos procesos de implantación dun novo vocabulario, naquel traballo comunitario de de galeguización do Twitter houbo vacilacións. Como designar o vocablos "tweet" e "retweet"? Algúns avogaban por empegar directamente a versión orixinal en ingles, porén a opción que comenzou a usarse nun principio foi a de "chío" e "rechío".
Con moito acerto, unha intervención do Portal das Palabras avisaba da existencia de "rechío" con outra acepción: "son áspero e desagradable que produce unha cousa dura ao rozar". Aqueles que habilitaramos o noso Twitter en galego non tardamos en ver como a tradución de "retweet" pasaba a ser "rechouchío", ampliándose así os chíos e rechouchíos dos xílgaros e reiseñores a todos os usuarios da rede social.
Outra das febras da prehistoria da foto é máis coñecida aínda que non se ten o suficientemente presente. No 2004 publícase baixo o paraugas do consenso o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), un documento con 445 medidas que marcaban as directrices da política lingüística para os seguintes anos. No 2007 ponse en funcioknamento o decreto para a promoción da lingua galega para o ensino non universitario seguindo estritamente as directrices do PXNL, entre elas a 2.1.26 e a 2.1.27 que recomendaban que as matemáticas (e a tecnoloxía) figurasen entre as materias a impartir en galego. Contra todo acordo previo os gobernos dirixidos por Feijóo prohibiron a partir do ano 2010 tanto a docencia como a publicación de materiais didácticos en galego para as materias científicas. Coa aprobación da LOMCE increméntanse o número de clases de matemáticas, e polo tanto de exclusión da lingua galega no ensino non universitario. A partir do ano 2018 a Consellería de Educación comenza unha campaña de promoción das STEM, onde o galego está vetado, co que indirectamente se reforza a súa discriminación oficial.
Agora, que temos presente toda a información, volvamos a mirar a foto. Por unha banda está o secretario xeral de política lingüística, responsable último de prohibir tanto a impartición de aulas de matemáticas en galego como o uso de material didáctico desta materia nesa lingua. Pola outra dúas mozas que acaban de recibir de mans dese secretario xeral un premio por elaborar material didáctico de matemáticas en galego. Velaí o último rechío, ata o día de hoxe, da política lingüística que nos tocou padecer. Haberá máis.

xoves, 1 de xuño de 2017

Premios do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", eidición 2017

Onte entregáronse os premios do concurso Explícoche matemáticas 2.0, convocado polo SNL da Facultade de Matemáticas. Velaquí as miñas orgullosas alumnas, do IES Antón Losada (A Estrada), Aroa Ríos Torres, Sandra Vázquez Silva e Nerea Iglesias na recollida da mención especial polo traballo A piña de Regiomontano.
O acto, foi moi bonito. Ademais de dar lectura á acta do tribunal que valorou os traballos presentados e da entrega de premios en sí, proxectáronse os vídeos gañadores e a profesora Elena Vázquez Abal, da Área de Xeometría e Topoloxía da Facultade de matemáticas da USC, impartiu unha amena conferencia, Contos sobre mulleres científicas, que incidía sobre a discriminación da muller no mundo da ciencia. Deixo por aquí os gañadores desta edición.
Na Categoría A (2º Ciclo da ESO e Bacharelato e ciclos de Formación Profesional) ó traballo Fractais: copa de neve de Koch, de Irene Pereira Reboredo de 3º da ESO do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa)






Na Categoría B (Universidade)  vídeo gañador foi Poden os ourizos voar?, de Brais Fortes Novoa alumno de Mestrado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Bilbao.