Agora que estamos a prácticamente un ano da celebración das 19
JAEM, véñenme á memoria as IX JAEM, as de Lugo no ano 1999. Foi a raíz
destas últimas que acabei creando e impartindo a materia de Astronomía
na ESO no CPI Aurelio Marcelino Rei García (Cuntis). Trataba de facer
fronte a un problema educativo cando tiña que impartir aulas en 4º da
ESO. Unha e outra vez comprobaba o rexeitamento e as dificultades coas
que o alumnado presentaba ao enfrontarse ao estudo da trigonometría.
Un
mantra que se repite sempre en relación co ensino das matemáticas o que
se ensina, ou a forma de ensinar "non ten aplicación práctica". Disto
derívase unha consecuencia fatal, a desmotivación e ábrese o camiña cara
o fracaso educativo. Curiosamente a trigonometría ten unha aplicación
práctica inmediata, a de permitir obter medicións nun principio
inaccesibles. O único atranco sería, en todo caso, que para conseguir
este premio cómpre traballar durante algún tempo nun campo presuntamente
máis árido, o das ideas básicas da trigonometría: medición de ángulos,
semellanza, a definición das razóns trigonométricas, as razóns de
determinados ángulos, algunhas propiedades das razóns,...
Quizais
un bo punto de partida podería ser a astronomía. As raíces da
trigonometría están na ciencia dos ceos. As primeiras referencias
trigonométricas son as do libro I do "Almaxesto". O "De Revolutionibus"
copernicano comenza como un tratado de trigonometría. Ter certa
perspectiva histórica sobre a evolución da astronomía e coñecer algunhas
das cuestións coas que se enfrontaba podería ser unha boa base sobre a
que asentar a necesidade do estudo da trigonometría na secundaria.
De
aquí xurdiu a elaboración dunha programación dunha materia optativa
para a ESO, Astronomía, que impartín durante dous cursos no CPI de
Cuntis. Tempo despois quixen levar esa materia ao IES de Silleda pero a
loita pola defensa a toda costa do seu pombal por parte departamento frustrou o
intento. No meu actual centro, no IES Antón Losada (A Estrada) volvín a
facer o intento hai un par de anos, agora como materia optativa de unha
hora en 1º de bacharelato (vs. a de Relixión). Aquí foi a estulticia da
inspectora o que o impediu. O argumento para denegar a solicitude era
que o Departamento xa tiña 73 horas de docencia e que se debían priorizar os reforzos ou afondamentos.
Toda
esta introdución foi quizais para xustificar un tépedo interese pola
astronomía de alguén que, podendo cursar esta materia na facultade, non o
fixo. O interesante é o que vén de seguido, un documento ao que lle
poden dar bo uso aqueles poucos que teñan a posibilidade de impartir
astronomía nalgún centro de ensino do país.
A finais de febreiro deste ano a Agrupación Astronómica Io publicaba a primeira tradución mundial da publicación da Unión Astronómica Internacional, “Big Ideas in Astronomy: A Proposed Definition of Astronomy Literacy” . Trátase dun texto cunha serie ordenada de conceptos chave da astronomía que deberían formar parte da cultura xeral de calquera persoa ben informada nesta materia
A tradución foi obra de Martin Pawley e a deseñadora gráfica Marta Cortacans adaptou o formato orixinal.