sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo. A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos. Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego. Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua. INSCRICIÓN A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni. Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es . Data límite: 24 de outubro. Homologación da Consellería de Educación, en trámite

martes, 1 de outubro de 2013

Box

Curiosa curta chea de visualizacións xeométricas. O máis increíble é que os autores aseguran que foi gravada mediante unha cámara controlada robóticamente e a proxección de superficies en movemento, sen ningún tipo de post-produción. Pura xeometría.