Amosando publicacións coa etiqueta Silleda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Silleda. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2015

Esopías 2015

Se o ano pasado facíamos unha publicación dixital de 22 esopías, este ano achegamos unha escolma doutras 37. E iso que só estan recollidas as que máis lle gustaron ao xurado entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda) convocou este curso. Como novidade, nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática Por se alguén non o recorda, unha esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π.

venres, 16 de maio de 2014

A altura da torre de bombeiros de Silleda


O que máis me gusta poñer neste blogue son aquelas entradas que, facendo sempre referencia á normalización, tratan algún aspecto das matemáticas.
Con completo acerto desde a Comisión de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC convocaron hai 3 anos o primeiro concurso de vídeos 'explícoche matemáticas 2.0" (o de 2.0 fai referencia a que deben durar 2 minutos). Este ano volve a dar na diana pois ampliaron a participación aos centros de ensino non universitario. Velaquí os vídeos finalistas.
Con todo, o vídeo que presento aquí non é ningún deses pero como foi o relizado por tres alumnos meus de 1º de bacharelato (Alberto Fariña, Isidro Gil e Román Estévez), fago referencia a el. Nesta peza audiovisual quixeron mostrar unha aplicación práctica das matemáticas que coñecen xa de cursos anteriores para actuar sobre o entorno. Escolleron unha construcción moi visible desde a N-540 situada na estrada de Silleda a Lalín, no polígono industrial de Silleda. Trátase da torre de bombeiros da localidade.
Aplicando a semellanza de triángulos e tendo en conta a propiedade que determina que o ángulo de incidencia coincide co de reflexión, bastábanos un espello e un observador .Marcaron sobre o espello o punto no que o observador vía o punto máis alto da torre. Medimos:
  • A distancia dos ollos do observador ao chan.
  •  A distancia do observador o punto do espello
  •  A distancia da torre ao punto do espello
A partir disto, calcular a altura da torre é ben simple, basta con aplicar o concepto de semellanza de triángulos. Finalmente, non deixedes de botarlle un ollo aos vídeos escollidos, especialmente o gañador da edición deste ano, "O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol", realizado polo alumnado do IES do Camiño (Palas de Rei), seguro que cos bos consellos de Manuel Vilariño, o seu profesor de matemáticas.

martes, 29 de abril de 2014

22 esopías

Podían ser moitas máis, pero estas 22 foron as que máis nos gustaron aos membros do xurado do IES Pintor Colmeiro (Silleda).
En primeiro lugar, que é unha esopía? Unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi: 3,14159265.... Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía. O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías ( unha pequena parte do total das entregadas neste concurso) que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.

O noso alumno David Cabaleiro (3ºB),  foi o gañador do concurso de esopías convocado pola Fundación Educabarrié en colaboración con AGAPEMA na categoría de ESO e Bacharelato. David tamén foi o gañador do concurso co convocado no centro e co que o ENDL e o Departamento de Matemáticas promovían a elaboración deste curioso tipo de creación escrita. Dáse o caso curioso de que a esopía coa que David Cabaleiro gañou o concurso convocado por Educabarrié e AGAPEMA era distinta daqueloutra pola que recibiu o premio no noso centro. Primeiro achegámosvos a esopía coa que gañou o certame do centro:
Son o mito, o fogar acolledor, os berros feros; voz veraz, palabras olvidadas, romance enmeigado, son de Lúa, inmortal soño: lingua de utopía pura
E a obra pola que recibiu o premio esta fin de semana no transcurso da VII Feira Matemática nas instalacións de Palexco (A Coruña):
Vou á cama e durmo, tranquila. Os ventos calan sen razón, silencio alarmante. Síntome esquecida, soa na Lúa. Fantasía, soño, engano de agonía cega.

mércores, 20 de febreiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878) Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo. A conferencia O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.
Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor. A seguir o relatorio desta presentación.
Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas
1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.

Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.

Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.