Amosando publicacións coa etiqueta Agrupación Astronómica Ío. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Agrupación Astronómica Ío. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de xuño de 2020

Grandes ideas da astronomía

Agora que estamos a prácticamente un ano da celebración das 19 JAEM, véñenme á memoria as IX JAEM, as de Lugo no ano 1999. Foi a raíz destas últimas que acabei creando e impartindo a materia de Astronomía na ESO no CPI Aurelio Marcelino Rei García (Cuntis). Trataba de facer fronte a un problema educativo cando tiña que impartir aulas en 4º da ESO. Unha e outra vez comprobaba o rexeitamento e as dificultades coas que o alumnado presentaba ao enfrontarse ao estudo da trigonometría.
Un mantra que se repite sempre en relación co ensino das matemáticas o que se ensina, ou a forma de ensinar "non ten aplicación práctica". Disto derívase unha consecuencia fatal, a desmotivación e ábrese o camiña cara o fracaso educativo. Curiosamente a trigonometría ten unha aplicación práctica inmediata, a de permitir obter medicións nun principio inaccesibles. O único atranco sería, en todo caso, que para conseguir este premio cómpre traballar durante algún tempo nun campo presuntamente máis árido, o das ideas básicas da trigonometría: medición de ángulos, semellanza, a definición das razóns trigonométricas, as razóns de determinados ángulos, algunhas propiedades das razóns,...
Quizais un bo punto de partida podería ser a astronomía. As raíces da trigonometría están na ciencia dos ceos. As primeiras referencias trigonométricas son as do libro I do "Almaxesto". O "De Revolutionibus" copernicano comenza como un tratado de trigonometría. Ter certa perspectiva histórica sobre a evolución da astronomía e coñecer algunhas das cuestións coas que se enfrontaba podería ser unha boa base sobre a que asentar a necesidade do estudo da trigonometría na secundaria.
De aquí xurdiu a elaboración dunha programación dunha materia optativa para a ESO, Astronomía, que impartín durante dous cursos no CPI de Cuntis. Tempo despois quixen levar esa materia ao IES de Silleda pero a loita pola defensa a toda costa do seu pombal por parte departamento frustrou o intento. No meu actual centro, no IES Antón Losada (A Estrada) volvín a facer o intento hai un par de anos, agora como materia optativa de unha hora en 1º de bacharelato (vs. a de Relixión). Aquí foi a estulticia da inspectora o que o impediu. O argumento para denegar a solicitude era que o Departamento xa tiña 73 horas de docencia e que se debían priorizar os reforzos ou afondamentos.
Toda esta introdución foi quizais para xustificar un tépedo interese pola astronomía de alguén que, podendo cursar esta materia na facultade, non o fixo. O interesante é o que vén de seguido, un documento ao que lle poden dar bo uso aqueles poucos que teñan a posibilidade de impartir astronomía nalgún centro de ensino do país.
A finais de febreiro deste ano a Agrupación Astronómica Io publicaba a primeira tradución mundial da publicación da Unión Astronómica Internacional,  “Big Ideas in Astronomy: A Proposed Definition of Astronomy Literacy” . Trátase dun texto cunha serie ordenada de conceptos chave da astronomía que deberían formar parte da cultura xeral de calquera persoa ben informada nesta materia
A tradución foi obra de Martin Pawley e a deseñadora gráfica Marta Cortacans adaptou o formato orixinal.

luns, 26 de setembro de 2016

A perda da escuridade

 

No Sermos 214 inclúese un A Fondo adicado á contaminación luminosa coordinado pola Agrupación Astronómica Ío e na que atopamos aportacións de Juan Antonio Alducin, Salva Bará, Marcos Pérez, Martin Pawley e un impagable artigo de Xabier P. Docampo. A desaparición dos vagalumes. Este especial coincidu coa publicación na canle de Youtube da International Dark-Sky Association da versión galega do documental de 6 minutos A perda da escuridade. A trdución foi realizada por Salva Bará (USC) e Martin Pawley e contaron coa voz da locutora Belén Regueira. Deste xeito o galego súmase ás outras 17 linguas nas que se divulga este vídeo. Hai un ano que o parlamento aprobara unánimemente unha declaración institucional en defensa do ceo nocturno, declaración que nunca foi máis alá. Debería ser a base para o establecemento dun protocolo de actuación de redución da emisión de fontes de luz artificial innecesarias que establecese as pautas polas que se deberían guiar as administracións neste ámbito. Algunhas recomendacións témolas na seguinte presentación.

Pódese consultar tamén o blogue da asociación Calidade do ceo