Primeiro algo de historia sobre estes Retallos de matemáticas.
Debido á irregularidade nos seus comezos, non sei exactamente cando botou a andar este blogue. Ao principio colguei aquí algunha entrada específica de matemáticas pero con posterioridade, algunha entrada do outro meu blogue, o adicado á normalización( Carta Xeométrica) repetina aquí con idea de ter neste todas as que tiveran que ver coas matemáticas. Así que este blogue debe levar uns 15 anos de funcionamento. Ata o momento leva un total de 164.000 visitas e 320 publicacións (e máis de 200 borradores que seguramente ficarán ocultos para sempre). O curioso é que neste último ano, sobre todo desde que deixei de colgar novidades da miña autoría incrementáronse enormemente o número de visitas ata sumaren case a metade do total, chegando a ser unhas 75.000 neste último período de 365 días. Aproveito para agradecerlle ao outro contribuínte deste blogue, Andrés Ventas, que mantivera a frecuencia de publicación durante os últimos meses do pasado ano.
Con diferenza, as dúas entradas máis exitosas en toda a serie histórica foron
- A utilidade da terminoloxía matemática en galego (22/11/2012) con 1622 visitas
- A Consellaría de Educación elimina 169 unidades de Matemáticas en galego (25/05/2023) con 876 visitas.
Continúo co repaso do ano 2025 escollendo as entradas que máis éxito obtiveron:
- 2025 e o número áureo (01/01/2025) foi a primeria entrada e tamén a máis vista. Lembro que a escribín na madrugada do primeiro de ano.
- Que matemáticas debería coñecer todo cidadán? (26/09/2019) Curiosamente esta entrada non é do ano pasado. Con todo, por algunha razón, foi do máis visitado no 2025. Sucede o mesmo con outra entrada, a situada no cuarto lugar.
- Xogando coa lei dos grandes números (07/02/2025) Esta entrada e todas as anteriores superan as 200 visitas. Ademais forma parella con outra de título semellante Xogando co teorema central do límite (14/02/2025)
- Erros na aula de matemáticas (22/01/2024) Trata sobre algunhas ideas do libro de Tomás Ortega del Rincón. Tal e comentei unhas poucas liñas máis arriba é unha entrada doutro ano que, estrañamente, recibiu moitas máis visitas no 2025. Aproveito para citar outra entrada, xa do 2025, relacionada con esta, na que o número áureo fai unha aparición sorprendente, trátase de A derivada e a inversa. Unha conexión dourada (25/03/2025)
- Criptografía e maxia no Losada (28/05/2025) Aquí fago espoiler dun truco de maxia que Nicanor Alonso e Miguel Mirás realizaron na súa visita ao meu IES. Isto daría lugar a unha serie de novas entradas, todas elas con moitas visualizacións: O Teorema de Hall. O teorema dos matrimonios (15/07/2025) O teorema de Hall. O caso dos trucos de maxia de Cheney (08/07/2025) e Teorema de Hall. Aplicacións (12/08/2025)
- Retallos do 2024 (07/01/2025) É realmente anómalo que unha entrada comentando o funcionamento do blogue do ano anterior acabe entre as máis vistas. Quizais alguén con coñecemento de tráfico na rede poida aventurar algunha indicación de por que as cousas sucederon así.
- Relación entre series infinitas, fraccións continuas teito e constantes. Series hiperxeométricas. Final (02/06/2025) Esta é unha das 9 entradas que Andrés Ventas publicou neste blogue durante o 2025.
Xa que falamos do asunto, velaquí todas as entradas de Andrés Ventas durante o 2025:
- Relación entre series infinitas, fraccións continuas teito e constantes. Aplicacións (Parte I) (14/04/2025)
- Relación entre series infinitas, fraccións continuas teito e constantes. Parte 2: Conxectura de Erdős-Straus.(02/05/2025)
- Relación entre series infinitas, fraccións continuas teito e constantes. Series hiperxeométricas. Final.(02/06/2025)
- Acurtar o cálculo da exponenciación modular (22/07/2025)
- Relación entre os números de Stirling e os números harmónicos xeneralizados (18/10/2025)
- Números de Catalan (A000108) e triángulo de Narayana (A001263) (01/11/2025)
- Sábese se unha sucesión pode ser xerada por un polinomio?(22/11/2025)
- Fórmula para a suma dos residuos cadráticos dos primos p=4k+3 (10/12/2025)
- Simplificando a recorrencia da ecuación de Pell (21/12/2025)
Se seguísemos colocando entradas no podio tocaríalle o turno a unha terna adicada aos logaritmos que é a que máis ten que ver co meu traballo na aula,
- Os logaritmos (12/05/2025)
- Buscando unha base para os logaritmos (19/05/2025)
- Os logaritmos de Napier (23/06/2025)
Vou nomear unha última entrada porque nesta listaxe andaba empatada coa máis popular desta última terna e que tamén ten relación coa profesión de profesor. Trátase da titulada O deostado algoritmo da raíz cadrada (17/09/2025)
O portal Retallos
Non podo podo pechar este espazo autoreferencial sen nomear o portal web Retallos de matemáticas no que recollo o material de matemáticas en galego e que continuei actualizando durante todo este 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario