Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta retallos 2024. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta retallos 2024. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

martes, 7 de xaneiro de 2025

Retallos do 2024

Durante o ano 2024 neste blogue publicáronse 23 entradas, unha mágoa non dar redondeado esta cifra ata as 24, o que nos daría un ritmo de dúas por mes (escribir esta frase, nun blogue de matemáticas avergoña un pouco). Houbo un total de 14.500 visitas.

Aínda que moitas veces escribo entradas soltas, que non teñen nada que ver coas anteriores ou coas posteriores, non é infrecuente que siga o fío dun tema nunha serie de publicacións. O ano pasado houbo unha restra de entradas que tiñan como obxectivo final dar conta dunha xeometría, que a pesar de ser euclidiana, ten unha fasquía non estándar. Desde o meu punto de vista esta xeometría debería ser máis coñecida. Considero que tería ser parte da formación de calquera estudante de Matemáticas. Velaquí o listado que remata cun bonus, a contextualización histórica da protagonista de moitas desas entradas, Marta Svéd, dentro do "Círculo Anónimo" de Budapest. Veredes que as primeiras son unha introdución á xeometría inversiva, necesarias para o seu uso nas últimas.

Coas liñas anteriores xa cubrimos case a terceira parte do publicado o ano pasado. 

En relación coa anterior lista está a última referencia da seguinte lista que está formada por aquelas entradas que non escribín eu, senón Andrés Ventas, e que, por certo, son das que máis visitas tiveron durante todo o ano. O comentario vén a conto de que tanto Svéd como Vázsonyi formaron parte do Círculo Anónimo.

O seguinte listado está adicado a Kordemsky, divulgador ruso do que ata este momento non tiña noticia (así compróbase a falta de cultura matemática do mantedor deste blogue)

Remato os listados coas entradas adicadas a cuestións da aula. Por algún sitio se tería que ver que un ao que se adica é a impartir clase de matemáticas, non?

Xa van  alá case todas as entradas do ano pasado e aínda non fixen referencia a un par delas que teñen o mérito der seren das máis visitadas. Unha delas é Explícoche matemáticas 2024, na que se dá conta dos vídeos premiados por ese magnífico concurso argallado desde a Facultade de Matemáticas da USC (nunca me cansarei de darlles os parabéns). A outra das entradas ás que facía referencia é a adicada á recompilación de información sobre Xosé Rodríguez González, o matemático de Bermés que foi o científico do ano 2024, nomeamento que lle outorgou a RACG.

Despois de toda esta panoplia, aínda hai un artigo sen citar. Non é, nin de lonxe dos máis visitados pero é un dos que máis me gustou escribir porque nel trátase un tópico desde un punto de vista que me sorprendeu. Constrúese unha colección de intervalos abertos que cabería esperar que recubirse sobradamente o intervalo $(0,1)$ pois todos e cada un dos números racionais é centro dun deses intervalos. Incluso se ve que a suma das lonxitudes dos intervalos é infinita. A pesar de todo hai un número $\frac{\sqrt{2}}{2}$ que fica fóra do recubrimento. Este fermoso exemplo dá conta da enrevesada forma en que están distribuídos racionais e irracionais dobre a recta, de aí o seu título, Asuntos irracionais.

O portal Retallos

Da páxina web Retallos non teño datos de tráfico. O que é certo é que fixen moitas actualizacións durante todo o ano. 






xoves, 8 de xaneiro de 2026

Retallos do 2025

Primeiro algo de historia sobre estes Retallos de matemáticas.

Debido á irregularidade nos seus comezos, non sei exactamente cando botou a andar este blogue. Ao principio colguei aquí algunha entrada específica de matemáticas pero con posterioridade, algunha entrada do outro meu blogue, o adicado á normalización( Carta Xeométrica) repetina aquí con idea de ter neste todas as que tiveran que ver coas matemáticas. Así que este blogue debe levar uns 15 anos de funcionamento. Ata o momento leva un total de 164.000 visitas e 320 publicacións (e máis de 200 borradores que seguramente ficarán ocultos para sempre). O curioso é que neste último ano, sobre todo desde que deixei de colgar novidades da miña autoría incrementáronse enormemente o número de visitas ata sumaren case a metade do total, chegando a ser unhas 75.000 neste último período de 365 días. Aproveito para agradecerlle ao outro contribuínte deste blogue, Andrés Ventas, que mantivera a frecuencia de publicación durante os últimos meses do pasado ano.

Con diferenza, as dúas entradas máis exitosas en toda a serie histórica foron 

Continúo co repaso do ano 2025 escollendo as entradas que máis éxito obtiveron:

  1. 2025 e o número áureo  (01/01/2025)  foi a primeria entrada e tamén a máis vista. Lembro que a escribín na madrugada do primeiro de ano. 
  2. Que matemáticas debería coñecer todo cidadán? (26/09/2019) Curiosamente esta entrada non é do ano pasado. Con todo, por algunha razón, foi do máis visitado no 2025. Sucede o mesmo con outra entrada, a situada no cuarto lugar.
  3. Xogando coa lei dos grandes números (07/02/2025) Esta entrada e todas as anteriores superan as 200 visitas. Ademais forma parella con outra de título semellante Xogando co teorema central do límite (14/02/2025)
  4. Erros na aula de matemáticas  (22/01/2024) Trata sobre algunhas ideas do libro de Tomás Ortega del Rincón. Tal e comentei unhas poucas liñas máis arriba é unha entrada doutro ano que, estrañamente, recibiu moitas máis visitas no 2025. Aproveito para citar outra entrada, xa do 2025, relacionada con esta, na que o número áureo fai unha aparición sorprendente, trátase de A derivada e a inversa. Unha conexión dourada (25/03/2025)
  5. Criptografía e maxia no Losada (28/05/2025)  Aquí fago espoiler dun truco de maxia que Nicanor Alonso e Miguel Mirás realizaron na súa visita ao meu IES. Isto daría lugar a unha serie de novas entradas, todas elas con moitas visualizacións: O Teorema de Hall. O teorema dos matrimonios (15/07/2025) O teorema de Hall. O caso dos trucos de maxia de Cheney (08/07/2025) e Teorema de Hall. Aplicacións (12/08/2025)
  6. Retallos do 2024  (07/01/2025) É realmente anómalo que unha entrada comentando o funcionamento do blogue do ano anterior acabe entre as máis vistas. Quizais alguén con coñecemento de tráfico na rede poida aventurar algunha indicación de por que as cousas sucederon así.
  7. Relación entre series infinitas, fraccións continuas teito e constantes. Series hiperxeométricas. Final (02/06/2025)  Esta é unha das 9 entradas que Andrés Ventas publicou neste blogue durante o 2025.

Xa que falamos do asunto, velaquí todas as entradas de Andrés Ventas durante o 2025:

Se seguísemos colocando entradas no podio tocaríalle o turno a unha terna adicada aos logaritmos que é a que máis ten que ver co meu traballo na aula,

Vou nomear unha última entrada porque nesta listaxe andaba empatada coa máis popular desta última terna e que tamén ten relación coa profesión de profesor. Trátase da titulada O deostado algoritmo da raíz cadrada (17/09/2025) 


O portal Retallos

Non podo podo pechar este espazo autoreferencial sen nomear o portal web Retallos de matemáticas no que recollo o material de matemáticas en galego e que continuei actualizando durante todo este 2025.
Aproveito para pedir que, se alguén nota algunha falta ou erro no mesmo mo comunique para seguir mellorándoo.


martes, 11 de xuño de 2024

Explícoche matemáticas 2024

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da edición deste ano. Outra vez este concurso tráeme novas que me alegran inmensamente porque o traballo presentado desde o meu centro recibiu o 2º premio. As alumnas de 4º da ESO Alba Albarellos Pose, Noa Otero Calviño e Carla Prieto Loureiro do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), axudadas polos profesores María Paz e Emilio Villanueva tiveron a feliz idea de crear un vídeo musical co título "A trigonometría non é un tostón". Desde que vin o vídeo hai un par de meses, estaba agardando a que saíra a resolución do premio, tiña a certeza de que estas rapazas recibirían un recoñecemento.

O primeiro premio foi para o traballo de Julia Rama González co traballo "Por que a raíz cadrada de 2 é irracional?" no que, mediante o uso de recursos de animación desenvolve unha fermosa demostración da irracionalidade de $\sqrt{2}$ que publicara o portal Gaussianos o ano pasado, recollida á súa vez da canle de Michael Penn, quen dicía tela recollido dun artigo de Theodor Stermann (1902-1991) publicado no 1961. Parece ser que esta demostración "fascinou a moitos matemáticos". Paga a pena coñecela.


O último traballo premiado é o deste vídeo de Teo Calo Suárez, "As matemáticas de Google Maps e máis alá". Magníficamente editado, Teo explícanos algunhas das características máis interesantes dos grafos.

Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0" [ver en Retallos Webl] unha exitosa iniciativa da CNL da Facultade de Matemáticas da USC, tiveron a súa primeira edición no 2012. Desde aquela, e coa salvedade do ano 2020 (o da pandemia COVID) veñen outorgándose todos os anos polo que esta é a súa 12ª edición.