mércores, 31 de outubro de 2012

Ramón Verea. O librepensador que inventou a primeira calculadora

No que hoxe é a parroquia estradense de San Miguel de Curantes nacía o 11/12/1833 Ramón Silvestre Verea García, fillo de Juan Verea Filloy e Florentina García Porto, "pobres, pero de respectado abolengo" segundo informa un amigo de Ramón Verea. No ano 1845 chega a Santiago para estudar. Ingresa no Seminario no 1848 e recibe clases de teoloxía. Xa desencantado coa Igrexa, e logo dun desencontro co rector e o arcebispo abandona no 1854  a formación eclesiástica.  O historiador da USC Ricardo Gurriarán aventura que posiblemente Verea tivo contacto coa Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo Popular e alí recibiría formación en ámbitos alonxados da escolástica. Aos 22 anos, estamos no 1855, marcha a Cuba sen ningún tipo de protección nin título universitario que lle facilite abrirse camiño nunha terra descoñecida. Exerce de mestre en escolas dos campos cubanos. Pero pronto inicia a actividade que lle ocupará a maior parte da súa vida: o periodismo. Comenza publicando artigos nun xornal, El Progreso,  editado na cidade cubana de Colón e que dirixiría a partir do 1862.  Alí publica duas novelas: La Cruz de Piedra e Una mujer con dos maridos. No ano 1865 marcha a Nova York onde vende os dereitos dun invento seu a un especulador. Tratábase dun dobrador de xornais. Dous anos despois volve a Cuba co proxecto de crear unha empresa de maquinaria . O proxecto non obtivo o éxito que Verea imaxinaba. Ao cabo de dous anos establécese en Nova York onde exerce de profesor de español, tradutor público, corresponsal científico dun xornal, ou mesmo de comerciante. Obtén un bo capital e no 1875 establece unha "Axencia industrial para a compra de maquinaria e efectos de moderna invención". É no 1878 cando patenta a súa máquina de cálculo que recibiría a medalla de ouro dunha exposición en Matanzas (Cuba). O propio Verea é consciente da importancia do seu invento. El mesmo explica que as máquinas construídas ata o momento facían sumas engadindo unha cantidade sobre outra, isto é, limitábanse a contar. Pola contra o artefacto de Verea era unha máquina que calculaba. Así, ademais de sumas e restas podía realizar produtos e divisións facilitando resultados de ata quince cifras cun factor de nove cifras e outro de seis. Embarca para Galicia no 1879. Volve a Nova York dous anos despois. Durante un tempo traballa como redactor do xornal El Cronista do que chega incluso a exercer de director. Faise coa propiedade dunha imprenta e funda e dirixe unha revista quincenal: El Progreso. Este xornal non ten publicidade e substentaríase grazas a unha estensa rede de subscritores por todo o mundo. Edita ademais dous folletos (Catecismo librepensador ó cartas a un campesino e Contra el altar y el trono) e un libro (La religión universal ) nos que defende incisivamente as súas ideas. Os negocios comenzaron a irlle mal, así que farto do utilitarismo imperante en Nova York,  e buscando un lugar de clima máis benigno para os seus problemas de saúde abandona definitivamente a cidade norteamericana no ano 1895 con destino a Guatemala onde é recibido moi agarimosamente polo presidente Reina-Barros. Non tarda en entrar en conflito con altos cargos do goberno guatemalteco. Os puntos de descordo estaban relacionados coa interpretación da historia e da política hispanoamericana. Buscando un lugar onde as súas ideas fosen mellor acollidas marcha de Guatemala no 1897, desta vez con destino a Arxentina onde tiña algúns familiares. En Buenos Aires volve a poñer en marcha un xornal, tamén coa cabeceira de El Progreso. Nesta nova edición chega a publicar 164 números pero por mor dunha infección pulmonar Ramón Verea morre só dous anos despois da súa chegada á capital arxentina. Nunca deixou de ter relación con Galicia pois o mesmo ano da súa morte 1899, o xornal compostelano Gaceta de Galicia daba a noticia de que Ramón Verea donara á Universidade de Santiago dous tomos coa revista que publicaba en Nova York. Ao seu enterro asistiron dúas ducias de persoas entre as que destacaban personalidades do partido socialista arxentino. Os seus restos xacen no cemiterio bonaerense do Oeste nunha tumba sen lápida. Un librepensador
Verea cualificábase a si mesmo como un librepensador. Non se ten coñecemento de onde parten as súas ideas sociais e políticas. Nas notas biográficas que se lle fixeron establécese como un feito que  había de influirlle moito: a execución en Carral dos sublevados contra o goberno de Narváez que reivindicaban un trato máis xusto para Galicia e a restauración das liberdades abolidas. O historiador da USC Ricardo Gurriarán apunta a que posiblemente recibiu formación na Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo  Popular e alí entraría en contacto con ideas alonxadas da escolástica. As ideas políticas de Ramón Verea están tinxidas de republicanismo:
"O Rei pasou de moda nos países civilizados. Conserva o nome, pero foi despoxado das bárbaras facultades que asumira [...]. O poder que antes se supoñía vir de arriba, descubiruse agora que vén de abaixo. As árbores non están prendidas á atmosfera polas pólas; estano á terra polas raíces"
Tamén foi un firme defensor dos máis desfavorecidos. Nun seu artigo do que dá conta Waldo Álvarez Insua, denuncia que non se condene a un policía por asesinato dun mariñeiro galego. Moitas veces a súa crítica social vóvese en crítica política:
"Pesoume a morte deses compatriotas meus que traballan toda a vida, famentos e espidos, que viven en chozas que non serven para animais, e todo isto para manter na folganza un exército de gobernantes e pretendentes"
Dóelle que os gobernos actúen como opresores dun pobo ao que utilizan e esquilman para manter unhas estruturas de goberno atrasadas. Usa a súa voz para denunciar as inxustizas sociais e ataca o trato que o poder mantén cos que teñen menos recursos. Encol dos campesiños di que
"Cando os seus fillos son crecidos e poderían axulado, arrebátanllos para o servizo das armas, onde van ser sacrificados, tal vez por un principio político que el non entende ou non lle importa, e en todo evento para apoiar ao goberno que o oprime. Antes de comer ten que pagar as contribucións á Igrexa e ao Goberno. Se non lle chega, élle forzoso empeñar as súas terras ou polo menos, o produto das súas futuras colleitas, en mans dalgún usureiro"
Un exemplo mala xestión procedente de Europa, en concreto de España,  é para Verea o caso de Cuba, "levamos a Illa ás portas da bancarrota e da miseria". Pola contra é moi belixerante cos movementos pola independencia pois consideraba que se Cuba chegara a romper os vecellos coa metrópoli sería para caer nas gadoupas doutra potencia, posiblemente os Estados Unidos. Verea identifica a Europa co atraso e xustifica que moita xente queira fuxir do vello continente para fuxir da miseria ou librarse dunhas levas que recollen o mellor do sangue social para devolver un zume inútil cando se xa se lle sacaron os mellores produtos para utilizalos en guerras ou campañas sen xustificación algunha.
Para que serven eses millóns de homes que compoñes os exércitos permanentes, máis que para soster autócratas e defendelos dos seus mesmos pobos?
Dadas as circunstancias sociais, a extrema pobreza xustificaría que se promovese a emigración pois "neste caso non é obra de utilidade soamente: éo de humanidade". Pon como exemplo o edificio "Castle Garden" de Nova York onde empregados estatais e tradutores orientan aos inmigrantes como un caso de boa política de acollida que pode facerlle frente aos malvados que queren aproveitarse dos estranxeiros. Ramón Verea chega a ir moito máis alá ao opinar sobre o problema da emigración, problema que el ve como unha oportunidade chea de ventaxas:
"Cantos máis sexan os que se ausente, mellor estarán os que queden, porte faltando brazos será mellor remunerado o traballo"
O estradense ve en América as potencialidades do progreso. Trátase dun continente por construir e que pode ser levantado polos emigrantes procedentes de Europa. En América aínda son posibles os ideais de liberdade e avance. Un dos aspectos nos que destaca como adiantado ás ideas imperantes na súa época é no da defensa da igualdade para a muller:
"Mentres o home se considere o amo da muller, mentres lle negue a igualdade civil, menres non a mida coa mesma vara que a si mesmo, non poderá dicir con verdade que dou un paso no sendeiro do verdadeiro progreso"
Probablemente a bandeira da defensa das mulleres recóllea despois de romper coas forma tradicionais de poder simbolizadas polo altar e o trono (El altar y el trono é tamén o título dun dos seus libros). Do segundo xa falamos máis arriba. No relativo ás súas discrepancias coa Igrexa sabemos que xa as comenzara a dixerir estando no Seminario pois cando o abandona declara sentirse aliviado.
"Estudei a teoloxía e vin que era un castelo de naipes; que non resistía nin o máis leve sopro da razón"
Usa reiteradamente un argumento que revela o seu carácter humanista, superador dos chauvinismos. Consideremos que nacemos noutro lugar, entón no canto de crer fervorosamente no noso deus, serímos xudeos, musulmáns,... en consideraríamos por simple filiación estarmos en posesión da única verdade. Non ten sentido a idea dun deus que non incrustara en toda a humanidade a luz da fe, cunha claridade total semellante á que inspira as verdades matemáticas, agás que ese deus sexa un ser cruel:
"Os que eninan que fóra da verdadeira relixión non hai salvación, non teñen entrañas nin llas supoñen a Deus. Se o mundo fose creado por un xenio infinitamente malo, explicaríase que fose imposible distinguir a relixión verdadeira das falsas, porque era o xeito de perder ao home; pero o que fixo o aire para o pulmón e aluz para a vista non podía, sen deixar de ser quen é, ocultar o aire e a luz da via espirtual"
Así considera ás relixións como "as maiores pragas da humanidade". É especialmente crítico coa venda do perdón dos pecados, o cobro da impartición dos sacramentos,...en definitiva o abuso de poder da Igrexa
"A idea de Deus foi enxendrada polo medo, e as relixións positivas son enxendros da codida, alimentadas pola ignorancia"
A máquina de calcular
Non pode ser casualidade que cada vez que fundaba un xornal a súa cabeceira fose sempre El Progreso. Ramón Verea confiaba no desenvolvemento da sociedade por medio do avance na tecnoloxía , aseguraba que o futuro viría por este camiño e laiábase de que se ensinara únicamente
 "filosofía, ciencias, literatura. Temos sobrados médicos e avogados, algúns pintores e moitísimos literatos e poetas. Os enxeñeiros son moi escasos e educados case todos en países estranxeiros"
Nesta mesma liña propugna o ensino da mecánica desde a secundaria. En coherencia con estas ideas establece dicotomías entre o progreso e o atraso:
"O deber fórzanos a censurar aos mexicanos, país onde case todos os progresos son importados, aplicouse a luz eléctrica ás corridas de touros. Se ese adianto moderno non poidese ter mellor aplicación, prefiriríamos que se suprimise"
Despois de moitos esforzos e de dous intentos fracasados Ramón Verea consigue fabricar o que el mesmo cualifica como primeira máquina de calcular. Para alcanzar este obxectivo comenzara estudando a historia das máquinas aritméticas. Fai referencia á inventada por Pascal, a coñecida como Pascalina e presentada no 1642, tiña un mecanismo que só lle permitía facer sumas e restas. O invento de Leibniz, aínda que realizaba tamén produtos e divisións, nunca chegara a funcionar correctamente ata que a reloxería avanzou o suficiente Charles-Xavier Thomas de Colmar, director dunha compañía de seguros en París, inventara o seu aritmómetro mellorando o deseño de Leibniz, unha máquina da que fabricaría diferentes versións. Todas as máquinas aritméticas inventadas ata o 1878 partillaban un inconveniente pois os produtos efectuábanse con procedementos non automáticos. As multiplicacións obtíñanse por medio de adicións sucesivas. Verea explicaba isto moi claramente diferenciando entre os procesos de contar  versus o de calcular:
Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación? O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña.[...] Aquilo é contar, isto é calcular.
Sendo fieis ao sentido destas palabras, a máquina de Ramón Verea foi propiamente a primeira calculadora. Desafortunadamente o invento non chegou a comercializarse. Se atendemos ás súas declaracións foi porque o seu interese non residía nos cartos ou na celebridade que podía adquirir coa venda da calculadora, senón que o seu empeño era o de contribuir ao avance da ciencia e o de demostrar que a pesar da súa orixe era tan capaz na inventiva e na imaxinación como como un oriundo dunha nación culta. Despois de dous intentos sen éxito, o terceiro modelo,cun peso de 22 kg, funcionaba sen problemas. Tiña unha capacidade operativa para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor e para seis no multiplicador ou cociente. En consecuencia podíanse obter resultados de ata quince cifras. As súas dimensións en centímetros son de  36x30x20 cm. Para saber máis: ARCA CALDAS, Olimpio, Ramón Verea. Inventor estradense. Editado por galeguizargalicia.com

domingo, 28 de outubro de 2012

A máquina de calcular, por Ramón Verea

No número XVIII de La Ilustración Gallega y Asturiana, publicado en Madrid o 28 de xuño do 1881  é  noticia a unha nova máquina de calcular creada por "un inventor galego". Tratábase de  Ramón Verea. Nese mesmo número reprodúcese un artigo de Verea aparecido no xornal Las Novedades de Nova York que reproducimos aquí. Nel o inventor explica con moita claridade o significado da súa aportación. As características principais da calculadora xa as explicara así: "A máquina que teño é a terceira que fixen: a súa capacidade é para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor, seis no multiplicador ou cociente, e quince no produto ou dividendo" e pasa a dar as súas dimensións: 36x30x20 cm. É impresionante a lucidez con que Verea nos explica a importancia do seu invento:
Das numerosas invencións hoxe coñecidas, non hai unha soa na que fracasaran tantos e tan eminentes xenios como na máquina de calcular. Entre outros moitos, os nomes de Pascal e Leibniz, tan célebres no mundo das ciencias exactas son testemuña deste, polo que parece, atrevido aserto. Antes de ir máis lonxe debo facer notar a diferenza esencial que existe entre as máquinas de contar e as de calcular para demostrar que o terreo relativamente facil no que traballaron os inventores das primeiras e as dificultades coas que loitou o que subscribe para substituir un mecanismo que calcule, palabras que a primeira vista se rexeitan, e que parece imposible dixerilas xuntas. Non sei se algún dos inventores que me precederon soñou algunha vez cunha máquina de calcular; pero sei que todos os aparatos ata o de hoxe inventados non fan máis que contar, pois o seu alcance non fai máis que sumar e restar, operacións que nada teñen de cálculo. Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación? O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña. Para pescudar cantas son nove veces nove, contan nove, dez, once, etc., ata oitenta e unha. Eu saco o resultado a un golpe facendo aparecer simultanemente 8 nunha roda e 1 na que lle segue á dereita; e se no canto de 9x9 poñemos 846.728.235x9, o produto de cada cifra do multiplicando aparecerá a un tempo, formando o total completo. As primeiras, á maneira da materia non poden ir dun punto a outro sen pasar polos puntos intermedios; a segunda, como o espíritu pasa dos factores ao produto como se entre éstes non mediara distancia ningunha. Aquilo é contar, isto é calcular. Por ser precisamente tan mal aritmético, pensei nunha máquina que fixese máis ca min: que non se equivocase. Con este pensamento púxenme a estudar a historia da invención, e o que a outro o faría desistir do proxecto, a min animoume: Parecíame por unha parte excesiva presunción acometer unha empresa onde homes tan grandes sucumbiran; pero, por outra parte, seducíame a idea de deixar atrás esa falanxe de celebridades. Tiña as miñas presuncións de mecánico e inventor: e onde probalas mellor que nunha máquina de calcular? Cábeme a satisfación de dicir que de nada me serviron os traballos dos que me precederon. Non mellorei ningunha das máquinas existentes: inventei unha enteiramente nova no principio fundamental e nos seus detalles máis esenciais. Ata aquí fixéronse máquinas para substituir as mans do home, para facer traballos mecánicos; pero ningunha para executar os traballos puramente intelectuais; nunca unha combinación de pezas metálicas substituíra ao entendemento; nunha a máquina competira, nin tan siquera igualara, ao espíritu en rapidez Coñezo os principios da mecánica; teño unha idea dos mecanismos máis difíciles; pero non souben nunca dunha máquina que encerrara tantas dificultades O meu obxecto ao emprender unha invención a primeira vista imposible non foi a esperanza de reembolsar xamais nin unha parte dos vaios miles de pesos que gastei; nin será tampouco coa celebridade qeu outros por menos adquiriron, e que eu non ambicionei; os meus móbiles foron: 1) un pouco de amor propio; 2) moito de amor nacional, o desexo de probar que en xenio inventivo un español pode deixar atrás ás eminencias das nacións máis cultas; 3) o afán de contribuir con algo ao adianto da ciencia; e 4) o último, un entretemento conforme aos meus gostos e inclinacións

xoves, 25 de outubro de 2012

Evariste Galois. Curta do 1965



Curta do ano 1965 que foi premiada no festival de Cannes. dirixida por Alexandre Astruc, periodista e director de cine francés. AstrucTamén publicou un libro sobre o matemático francés.
Galois naceu un día coma hoxe, 25 de outubro, no ano 1811.

mércores, 24 de outubro de 2012

Mini-documental sobre Ramón Verea na TVE



 O III Día da Ciencia en Galego, xornada que reivindica a derrogación do funesto decreto 79/2010 que intenta erradicar o uso do galego do ámbito científico, está adicado a Leonardo da Vinci e Ramón Verea. 
Grazas aos compañeiros de Lalín, desde  A Marela Tarabela, enterámonos deste documental do programa tres14 da TVE que nos relata a importante aportación deste galego, Ramón Verea, á historia da tecnoloxía do cálculo coa invención da primeira máquina que multiplicaba.