Amosando publicacións coa etiqueta léxico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta léxico. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de novembro de 2017

II Xornadas de terminoloxía matemática


Co obxectivo de reflexionar sobre a situación da lingua galega en diversos aspectos das matemáticas, a Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas organiza as II Xornadas de terminoloxía matemática que se celebrarán no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC os vindeiros días 28/11/17 e 29/11/17.
No seu día, hai 4 anos,  xa informamos da celebración das I Xornadas de léxico matemático (curiosamente cambiou a terminoloxía na denominación das xornadas), da que saíu unha comisión para elaborou unha proposta de mellora do vocabulario matemático para o dicionario da RAG e da que esperamos, a non tardar moito, teñamos confirmación da propia sección de terminoloxía da Academia das súas conclusións finais.
Estas xornadas demostran que hai lingüistas, matemáticos e profesores que están interesados e implicados na normalización da lingua galega desde a súa actividade profesional a pesar das prohibicións impostas desde un goberno da Xunta que demostra acotío ser un enemigo declarado do galego.

Toda a información, e formalización da inscrición, aquí

sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo. A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos. Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego. Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua. INSCRICIÓN A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni. Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es . Data límite: 24 de outubro. Homologación da Consellería de Educación, en trámite

xoves, 22 de novembro de 2012

A utlidade da terminoloxía matemática en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC promove unha rolda de discusión de terminoloxía matemática: o LEXI_GA_MATH, aberta a todos os interesados no uso correcto do vocabulario específico desta ciencia. Esta anotación quer ser tamén unha invitación a apuntarse nesta lista a todos os interesados en fornecernos dunha terminoloxía correcta no ámbito das matemáticas.  Apelo a un interese que non se pode desligar do uso. Para iso paso a facer algo de memoria.
Principios
No ano 1979 publícase o que , segundo o seu editor,  Xulián Maure, sería o primeiro libro "non só de Europa, senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en galego". Tratábase dun libro de texto para 1º de bacharelato, elaborado por un grupo de máis de medio cento de profesores coñecido como  Colectivo Vacaloura. Os seus integrantes tiveran que facer o traballo sen referencia terminolóxica algunha. A súa achega respondía a unha necesidade imperiosa da sociedade galega de prestixiar unha lingua prohibida, a súa lingua. Para continuar este traballo e facelo como correspondía, con rigor científico, precisábase un vocabulario de termos especializados que fose o resultado dun traballo que non nos aportara simples traducións do castelán. Compría que alguén que sentira a lingua e con coñecementos da área dera o primeiro paso. Velaí que por fin no ano 1995 se presenta na Facultade de Matemáticas un libro editado pola USC e coordinado por X. M. Masa Vázquez e  A. B. Fortes López. O seu título: Vocabulario de Matemáticas.  [Pode descargarse o documento de texto desde aquí.]. O amigo e compañeiro Manuel Vilariño tivo a feliz idea de subilo á plataforma Scribd para que a súa consulta fose máis accesible a todos
As matemáticas en galego comenza a ocupar o seu lugar De certo que este traballo contribuíu en moi boa medida a que a edición de libros de texto de matemáticas en galego nos anos seguintes se fixera de forma máis coordinada e pisando en chan firme. É o caso que cos comenzos do século XXI as normalización comenza a notarse no eido do ensino das matemáticas. Todas as editoriais que querían estar realmente presentes nos centros escolares, tiñan que ter o seu libro de matemáticas en galego. Isto contribuiría a que tradutores, pedagogos, profesores, e moitos outros profesionais desenvolveran un traballo que se agradecía acotío nas aulas. As matemáticas comenzaban a andar o seu viaxe da man da normalización lingüística, sobre todo co impulso dado polo decreto 124/2007 que establecía que o ensino das matemáticas se desenvolvería en galego. Esta decisión non foi otra cousa que a ratificación do que se indicaba no PXNLG, aprobado por todos os grupos políticos  do parlamento galego no ano 2004. Desta época temos dous traballos máis, desta vez da Universidade da Coruña, incluídos dentro dun listado de vocabularios que desenvolven a campaña 'Profesionaliza a túa lingua', gañadora do primeiro premio Luísa Vilalta ás iniciativas normalizadoras. Estámonos a referir a:
  • Pérez Vázquez, L.; P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2006): Profesionaliza a túa lingua: matemática. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
  • Pereiro Felípez, M. C. et alii (2008): Profesionaliza a túa lingua: estatística. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
Todos estes documentos son esenciais para abordar a edición de propostas didácticas na nosa lingua. Así o foi, por exemplo, na elaboración de EDAD en galego que contén unha lista de 60 unidades didácticas que abarcan todos os contidos de matemáticas da ESO e accesible desde aquí. Hoxe este material é como un oasis no deserto da imposición do español. O estado actual.  A ruptura do consenso establecido no PXNL levou ao defenestrado estado actual de prohibición de impartición das aulas en galego no ensino non univeristario, asinado no funesto decreto 79/2010. Unha materia que sempre gozou de prestixio, a matemática, non podía ser explicada nunha lingua que se quería desprestixiar. Isto non significa que o traballo normalizador esté completamente pechado. Acaba de sair a noticia de que o Insituto Galego de Estatística (IGE) elaborou un vocabulario estatístico galego-inglés-castelán.   Grazas ao traballo do SNL da USC temos unha ferramenta terminolóxica que nos permite buscar, caso por caso, o termo no que estemos interesados. Trátase do bUSCatermos, aberto a todos os internautas desde comenzos do novembro pasado. Precisamente este buscador incorpora na súa base de datos o vocabulario publicado no ano 1995 e que agora se está a revisar na rolda do LEXI_GA_MATH.

A utilidade da terminoloxía matemática en galego. A cuestión central que se suscita despois de comprobarmos que dispoñemos de toda unha serie de recursos para establecer o vocabulario matemático é: para que queremos todo isto? A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) financia a base de datos bUSCatermos. Pola contra esa mesma SXPL é o maior valedor do decreto que prohíbe o uso do galego no ensino das matemáticas que é precisamente o eido natural que lle pode dar máis valor e uso a toda esta recompilación terminolóxica. En ningún outro caso se pode ver con máis claridade unha das características fundamentais da política lingüística dos úlitmos anos. Trátase dunha política que parte de considerar ao galego como unha lingua de museo.  Algarismo,  alxébrico, arranxo ... Que triste é ver todos eses termos disecados!  Contra unha política lingüística forense debemos propugnar unha medicina de habitos saudables pois única postura coherente é a que correlaciona interese pola lingua co seu uso. Temos que recuperar a necesidade imperiosa de prestixiar unha lingua prohibida e iso pasa por impartir as aulas de matemáticas en galego.