domingo, 3 de novembro de 2013

Biografía de Flocence Nightingale

Na IV edición do Día da Ciencia en Galego homenaxéase a figura de Florence Nightingale como un referente fundamental na historia da estatística. Para facer outra aproximación a Nightingale, ofrecemos aquí unha adaptación da biografía de: J. J. O'Connor e E. F. Robertson dun espazo web fundamental para consultas sobre a historia das matemáticas: o MacTutor History of Mathematics Arquive
Florence Nightingale é recordada sobre todo polo seu traballo como enfermeira durante a guerra de Crimea e pola súa contribución á reforma das condicións sanitarias nos hospitais de campo militares. No entanto, o que non se coñece tan ben sobre esta incrible muller é a súa paixón polas matemáticas, especialmente pola estatística, e de como esta paixón xogou un papel importante nos labores que realizou durante a súa vida. Nightingale leva o nome da cidade onde naceu, a Vila Colombia en Florencia, Italia, o 12 de maio de 1820. Os seus pais, William Edward Nightingale e a súa esposa Frances Smith, viaxaron por Europa durante os primeiros dous anos do seu matrimonio. A irmá maior de Nightingale nacera un ano antes en Nápoles. Os Nightingale chamaron ao seu primoxénita o nome grego da cidade, Parthenope. William Nightingale apellidábase Shore pero cambiouno a Nightingale despois de herdar dun parente rico, Peter Nightingale de Lea, preto de Matlock, Derbyshire. A nenas creceron no campo e pasaban moito tempo en Lea Hurst en Derbyshire. Cando Nightingale tiña uns cinco anos o seu pai comprou unha casa chamada Embley preto de Romsey en Hampshire. Así a familia pasaba os veráns en Derbyshire e o resto do ano en Embley. Entra as viaxes dun lugar para outro, achegábanse a Londres, á Illa de Wight e visitaban a parentes. Nun principio, a educación de Parthenope e Florence estivo en mans dunha institutriz, despois o seu pai, educado en Cambridge, asumiu esa responsabilidade. A Nightingale encantábanlle as súas leccións e tiña unha habilidade natural para estudar. Baixo a influencia do seu pai Nightingale familiarizouse cos clásicos, Aristóteles, Euclides, a Biblia e temas políticos. En 1840 Nightingale suplicou aos seus pais que a deixasen estudar matemáticas en vez de:
... traballo de agulla e practicar bailes,
pero a súa nai non aprobaba esta idea. Aínda que William Nightingale amaba as matemáticas e transmitira este amor á súa filla, exhortouna a que seguise estudando temas máis apropiados para unha muller. Despois de moitas batallas emocionais, os pais de Nightingale finalmente déronlle permiso para que se lle ensinase matemáticas. Entre os seus titores estivo Sylvester, quen desenvolveu a teoría de invariantes xunto con Cayley. Dise que Nightingale foi a alumna máis destacada de Sylvester. As leccións incluían aritmética, xeometría e álxebra e, antes de que Nightingale empezase coa enfermaría, pasou tempo ensinando estes temas a nenos. O interese de Nightingale nas matemáticas ía máis alá da materia en si. Unha das persoas que tamén influíron nela foi o científico belga Quetelet. El aplicara métodos estatísticos a datos de varios campos, incluíndo as estatísticas morais ou ciencias sociais. A relixión xogou un papel importante na vida de Nightingale. A súa visión imparcial da relixión, inusual na súa época, debíase á actitude liberal que atopou no seu fogar. Aínda que os seus pais fosen da Igrexa Unitaria, Frances Nightingale preferiu que as nenas se criasen na fe anglicana. O 7 de febreiro de 1837, Nightingale creu escoitar o chamado de Deus, mentres camiñaba polo xardín de Embley, aínda que nese momento non sabía o contido dese chamado. Nightingale desenvolveu un interese nos temas sociais da súa época, pero en 1845 a súa familia opoñíase firmemente á suxestión de Nightingale de adquirir experiencia nun hospital. Ata ese entón, o único traballo de enfermaría que fixera fora coidar de parentes e amigos enfermos. A mediados do século XIX a enfermaría non era considerada unha profesión axeitada para unha muller educada. Ás enfermeiras da época faltáballes adestramento e tiñan fama de ser mulleres vulgares e ignorantes, dadas á promiscuidade e ás borracheiras. Mentres Nightingale estaba nunha viaxe por Europa e Exipto iniciada en 1849, cos amigos da familia Charles e Selina Bracebridge, tivo a oportunidade de estudar os distintos sistemas hospitalarios. A principios de 1850, Nightingale empezou o seu adestramento como enfermeira no Instituto de San Vicente de Paul en Alejandría, Exipto, que era un hospital da Igrexa Católica. Nightingale visitou o hospital do Pastor Theodor Fliedner en Kaiserwerth, cerca de Dusseldorf en xullo de 1850. Nightingale regresou a esa cidade en 1851 para practicar como enfermeira durante tres meses no Instituto para Diaconisas Protestantes e despois de Alemaña mudouse un hospital en St. Germain, cerca de París, dirixido polas Irmás da Caridade. Ao seu regreso a Londres en 1853, Nightingale ocupou o posto sen paga de Superintendente no ‘Establecemento para Damas Enfermas’ no número 1 da rúa Harley. Marzo de 1854 trouxo consigo o inicio da Guerra de Crimea na que a Gran Bretaña, Francia e Turquía lle declararon a guerra a Rusia. Aínda que os rusos foron derrotados na batalla do Río Alma o 20 de setembro de 1854, o xornal The Times criticou as instalacións médicas británicas. En resposta a iso, o seu amigo Sidney Herbert, Secretario de Guerra británico, pediulle nunha carta a Nightingale que se convertese en enfermeira-administradora para supervisar a introdución de enfermeiras nos hospitais militares. O seu título oficial era ‘Superintendente do Sistema de Enfermeiras dos Hospitais Xerais Ingleses en Turquía’. Nightingale chegou com 38 enfermeiras a Escutari, un suburbio asiático de Constantinopla (hoxe Estambul) o 4 de novembro de 1854:
... o seu entusiasmo, a súa devoción e a súa perseveranza non cederían ante ningún rexeitamento ou dificultade. Firme e infatigablemente ocupábase do seu traballo con tal criterio, autosacrificio, valor, tenrura e todo iso cunha actitude tranquila e sen ostentación que gañaba os corazóns de todos aqueles aos cales os seus prexuízos de oficiais non lles impedían apreciar a nobreza do seu traballo e do seu carácter.
O feito de ser muller implicaba que Nightingale tiña que loitar contra as autoridades militares a cada paso para ir reformando o sistema hospitalario. Baixo condicións que se caracterizaban por soldados tirados sobre o chan rodeados de insectos e ratos e con operacións efectuadas em condicións anti- hixiénicas, non debe sorprendernos que cando Nightingale chegou a Escutari as enfermidades como a cólera e o tifo fosen comúns nos hospitais. Isto implicaba que os soldados feridos tivesen unha probabilidade sete veces maior de morrer no hospital dunha enfermidade que de morrer no campo de batalla. Mentres estivo en Turquía, Nightingale reuniu datos e organizou un sistema para levar un rexistro; esta información foi usada despois como ferramenta para mellorar os hospitais civis e militares. Os coñecementos matemáticos de Nightingale volvéronse moi efectivos cando usou os datos que reunira para calcular a taxa de mortalidade no hospital. Estes cálculos demostraron que unha mellora nos métodos sanitarios empregados, produciría unha diminución no número de mortes. Para febreiro de 1855 a taxa de mortalidade caera do 60% ao 42.7%. Mediante o establecemento dunha fonte de auga potable así como usando o seu propio diñeiro para comprar froita, vexetais e equipamento hospitalario, para a primavera seguinte a taxa decrecera outro 2.2%.
Nighingale usou esta información estatística para crear o seu Diagrama de Área Polar, ou 'coxcombs' como os chamou ela. Estes foron usados para dar un representación gráfica das cifras de mortalidade durante a Guerra de Crimea (1854-1856). A área de cada cuña coloreada, medida dende o centro é proporcional á estatística que representa. A parte exterior azul representa mortes debidas a
... enfermidades infecciosas mitigables
ou, noutras palabras, enfermidades contaxiosas como a cólera e o tifo. Os anacos centrais vermellos mostran as mortes por todas as demais causas. As mortes nos hospitais de campo británicos alcanzaron o seu máximo en xaneiro de 1855 cando 2.761 soldados morreron por enfermidades contaxiosas, 83 por feridas e 324 por outras causas, cun total de 3.168 mortes. A media de homes na armada ese mes foi de 32.393. Usando esta información, Nightingale calculou unha taxa de mortalidade de 1.174 por cada 10 000, dos cales 1.023 de cada 10.000 debíanse a enfermidades infecciosas. De continuar así e sen a substitución frecuente de tropas, entón as enfermidades por si mesmas rematarían totalmente co exército británico en Crimea. Mentes estas condicións insalubres non se limitaban aos hospitais militares de campo. Ao volver a Londres en agosto de 1856, catro meses despois da sinatura do tratado de paz, Nightingale descubriu que en época de paz, os soldados de entre 20 e 35 anos de idade tiñan unha taxa de mortalidade do dobre da dos civís. Usando as súas estatísticas, ilustrou a necesidade dunha reforma sanitaria en todos os hospitais militares. Ao impulsar a súa causa, Nightingale conseguiu chamar a atención da Raíña Victoria e o Príncipe Alberte así como a do Primeiro Ministro, Lord Palmeston. Os seus desexos de levar a cabo investigación formal fóronlle concedidos en maio de 1857 e levaron ao establecemento da Comisión Real para a Saúde do Exército. Nightingale sen chamar a atención pública e empezou a preocuparse polas tropas apostadas na India. En 1858 converteuse na primeira muller electa socia da Royal Statistical Society polas súas contribucións ás estatísticas do exército e hospitalarias. En 1860 abriu a ‘Escola de Adestramento’ e o ‘Fogar Nightingale para Enfermeiras’ no hospital de St. Thomas en Londres, con 10 estudantes. Era financiada por medio do Fondo Nightingale, un fondo de contribucións públicas establecido na época en que Nightingale estivo en Crimea e que contaba con £50.000. A escola baseábase en dous principios. O primeiro, que as enfermeiras debían adquirir experiencia práctica en hospitais organizados especialmente con ese propósito. O outro era que as enfermeiras debían vivir nun fogar adecuado para formar unha vida moral e disciplinada. Coa fundación desta escola Nightingale lograra transformar a mala fama da enfermaría no pasado nunha carreira responsable e respectable para as mulleres. Nightingale respondeu á petición da oficina de guerra británica de consello sobre os coidados médicos para o exército en Canadá e tamén foi consultora do goberno dos Estados Unidos sobre saúde do exército durante a Guerra Civil estadounidense. Case durante o resto da súa vida Nightingale estivo encamada debido a unha enfermidade contraída en Crimea, o que lle impediu continuar co seu traballo como enfermeira. Entrementes, a enfermidade non a detivo de facer campaña para mellorar os estándares de saúde; publicou 200 libros, relatorios e panfletos. Unha desas publicacións foi un libro titulado Notas sobre enfermaría (1860). Este foi o primeiro libro para uso específico no ensino da enfermaría e foi traducido a moitos idiomas. As outras obras publicadas de Nightingale inclúen Notas sobre os hospitais (1859) e Notas sobre a enfermaría para as clases traballadoras (1861). Florence Nightingale cría firmemente que o seu traballo fora o seu chamado de Deus. En 1874 converteuse en membro honorífico da American Statistical Association e en 1883 a Raíña Victoria outorgoulle a Cruz Vermella Real polo seu labor. Tamén foi a primeira muller en recibir a Orde ao Mérito de man de Eduardo VII en 1907. Nightingale morreu o 13 de agosto de 1910 aos 90 anos. Está enterrada na Igrexa de St. Margaret, en East Wellow, preto de Embley Park. Nightingale nunca casou, aínda que non por falta de oportunidades. Cría que Deus decidira que ela debía ser alguén a quen: ... seleccionara claramente... para que fose solteira. O Monumento de Crimea, foi erixido en 1915 en Waterloo Place, Londres, para honrar a contribución que fixo Florence Nightingale a esa guerra e á saúde do exército.

sábado, 2 de novembro de 2013

Florence Nightingale. A película


 
Florence Nightingale é unha das figuras escollidas para homenaxear nesta xornada reivindicativa que é o 'Día da ciencia en galego'. A elección de Florecence débese seguramente a que, aínda que é a precursora da fundamentación do traballo de enfermería, é tamén unha das figuras fundamentais na historia da estatística e este ano 2013 foi designado como Ano Internacional da Estatística Nesta ocasión recollo unha película que recrea aspectos fundamentais da súa biografía

quinta-feira, 17 de outubro de 2013

sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo. A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos. Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego. Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua. INSCRICIÓN A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni. Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es . Data límite: 24 de outubro. Homologación da Consellería de Educación, en trámite

terça-feira, 1 de outubro de 2013

Box

Curiosa curta chea de visualizacións xeométricas. O máis increíble é que os autores aseguran que foi gravada mediante unha cámara controlada robóticamente e a proxección de superficies en movemento, sen ningún tipo de post-produción. Pura xeometría.

segunda-feira, 23 de setembro de 2013

Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?



 A algunha xente gústalle a poesía, a outras observar cadros e tamén hai quen desfruta coa resolución de problemas. O que problema que se presenta aquí é, como se podía supoñer, o seguinte:
Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?
O enunciado deste problema vírao por primeira vez na revista Cacumen. Agora 30 anos despois atopeino neste simpático vídeo, un dos gañadores de videoMaT, un concurso catalán de vídeos para o alumnado non universitario no que solicitaban traballos nos que se respondese a preguntas que evidencien a aplicación das matemáticas no entorno. Imaxinemos  que a Consellería de Educación copia a idea e quer trasladala a Galicia. Para respectar o espírito do funesto decreto do plurilingüismo nas bases do concurso deberíase prohibir que o vídeo fose elaborado en galego, non si? Ah! e intendade resolver o problema antes de mirar o vídeo. É un gustazo dar coa solución, tan simple e inesperada!

quarta-feira, 28 de agosto de 2013

Flatland

Escrito en 1884 por Edwin Abbott Abbott, Flatland, Unha Aventura en moitas dimensións, é unha novela satírica pero tamén é coñecida por facer uso das propiedades matemáticas das figuras en diversas dimensións. O protagonista, un cadrado no mundo bidimensional. Comenza describíndonos a sociedade e as leis que rexen o seu mundo. Despois de soñar cun mundo unidimensional é transportado a outro tridimensional onde se cuestiona a existencia de catro, cinco, ou máis dimensións. Recollo aquí a serie de 8 vídeos traducida ao porltugués: Episodio 1 Episodio 2 Episodio 3 Episodio 4 Episodio 5 Episodio 6 Episodio 7 Episodio 8

quinta-feira, 8 de agosto de 2013

Calcule mais: Noção intuitiva de limites


 Vadeir Vioti, estudante de enxeñería, despois de coñecer o material da Khan Academy, pensou en que podía aproveitar esta idea para facer realidade o seu soño: ensinar matemáticas a persoas sen posibilidades económicas. Elaborou así 600 vídeo aulas que hoxe son seguidas diariamente por máis de 4.000 persoas.
O portal de acceso é Calcule mais. Temos aquí unha enorme colección de materiais para o ensino mediante material audiovisual e que pode ser aproveitado desde Galicia por seren creados en portugués. Outra vez batemos de frente cunha posibilidade de aprendizaxe que o funesto decreto 79/2010 rexeitaría por tratarse de aprendermos matemáticas nunha lingua distinta do castelán.

quinta-feira, 1 de agosto de 2013

A soma das medidas dos ângulos em um triângulo é 180°. Ciencias en portugués

Noutra entrada anterior xa falamos do material da Khan Academy traducido ao portugués por Portugal Telecom e que está a ser divulgado pola Sociedade Portuguesa de Matemática. Daquela, nese portal dispoñíamos de 70 vídeos traducidos ao portugués. Agora fun dar con outro portal que debe ter aproximadamente uns 300 vídeos da Khan Academy tamén traducidos ao portugués por medio da Fundação Lemann. Ademais hai outros poucos centos de vídeos de bioloxía, física e química. Todo un mundo de utilidades para ese mundo arrasado polo decreto para o plurilingüismo que é o ensino das materias de ciencias en galego. Escollín para esta entrada a demostración de que a suma dos ángulos dun triángulo é de 180º, un teorema que é equivalente ao V postulado de Euclides. A aventura deste teorema no transcurso da historia levaríanos a facer un repaso da xeometría desde a antigüidade ata o desenvolvemento da teoría da relatividade no século XX. Hai un libro, marabilloso, que trata xustamente esta idea: Historias de espacio, de Jaremy Gray, editado por Mondadori (1992).

segunda-feira, 29 de julho de 2013

Galega desde o cariño

Encantoume o título desta entrada, "Galega desde o cariño" que vin no blogue lingualiza do Equipo de Normalización do IES Rodeira (Cangas). Disfrutei escoitando esta entrevista, feita nun ambiente relaxado, moi distinta do que esperamos dun vídeo que nos chega dun centro de ensino. Desde o principio o salón que vemos neste audiovisual convértese no salón na nosa casa. Gocei infinitamente cando ao escoitar que a entrevistada,  a profesora de matemáticas de orixe canaria, Carmen de las Casas, respondía ao nome de Carmiña. Ana, Nerea e Luís son os que lle fan as preguntas as preguntas a Carmiña sobre como foi o proceso de descubrimento de Galicia, un descubrimento que segundo a profesora comprobou con sorpresa, mesmo lle é alleo a moitos galegos. Carmiña fala da nosa cultura, especialmente da nosa lingua, da impartición das clases de matemáticas en galego, e sobre todo do cariño que sinte polo galego, sentimento que non achamos entre as autoridades da Consellería de Educación, cousa que se fai ben evidente ao premer o play deste vídeo.

segunda-feira, 15 de julho de 2013

Ondas versus voltas


Moitas filas de círculos que se intersecan. En cada círculo temos un punto xirando. E a impresión que dá todo o conxunto é o dun movento ondulatorio.
Tirado de aquí.

terça-feira, 7 de maio de 2013

Ilusións matemáticas

No IES de Rodeira celebraron a Semana da Ciencia con diversos traballos. Destaco o de matemáticas porque é o que máis me tira, pero tamén fixeron achegas sobre mundo da informática ou da tecnoloxía, que son tamén tres formas de amosar un mundo normalizado desde o ensino na exposición da Semana da Ciencia do IES de Rodeira. Este ano, o traballo de matemáticas tivo un carácter divulgativo-xeométrico xa que se centrou nas ilusións ópticas. O alumnado explica como xogando coa perspectiva, cor, movemento e tamaño dos obxectos  pode mos enganar aos sentidos. Isto non é máis que o primeiro paso para compendermos como xogando coa lingua e as mentiras podemos enganar ao entendemento, que é o que fai decote a Consellería de Educación ao tratar o tema da normalización e do uso do galego no ensino. Parabéns ao IES de Rodeira polo bonito traballo desenvolvido.

sexta-feira, 5 de abril de 2013

Linguas na arañeira de internet

A arañeira web é un enleado mundo que nos ofrece retratos de como tecemos tamén as nosas redes lingüísticas. Segundo o estudo presentado no Research Blog a maior parte das páxinas ligan con outras do mesmo web. En todo caso, o resto das ligazóns van a outros webs da mesma lingua. No entanto hai un pequeno pero significativo número de ligazóns que van a webs doutras linguas. Este último tipo de vectores son os estudados e representados nestes gráficos construídos a modo de grafos orientados.
Os grafos non son outra cousa que unha colección de puntos (chamados vértices), conectados ou non, mediante liñas (os matemáticos chámanlle arestas). Chámanselle grafos orientados ou dirixidos a aqueles nos que as arestas teñen unha dirección que vai dun nodo de saída a outro de chegada. No que temos aquí arriba  aparecen representadas todas as linguas que teñen polo menos 100.000 webs , entre elas, a galega que pode apreciarse máis claramente nesta ampliación. O ano estudado é o 2008 e neste gráfico non aparece a lingua hexemónica na rede, o inglés. Nese momento vemos como o 3% das páxinas galegas que ofrecen direccións cara portais noutras linguas conectan con webs en portugués mentres que un 27% se dirixen cara outros en español. Os portais vascos ou cataláns amosan porcentaxes similares pero algo inferiores. Con respecto ás ligazóns cara ao inglés, o galego cun 17% sitúase no entorno dos valores medios Vía cousas d' o paco

segunda-feira, 25 de fevereiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea

O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878) Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo. A conferencia O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.
Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor. A seguir o relatorio desta presentación.
Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas
1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.

Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.

Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

quarta-feira, 20 de fevereiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878) Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo. A conferencia O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.
Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor. A seguir o relatorio desta presentación.
Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas
1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.

Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.

Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

domingo, 13 de janeiro de 2013

Lux Aeterna


LUX AETERNA from Cristóbal Vila on Vimeo.
Nova animación de Cristóbal Vila con referencias astronómicas e xeométricas. Comenza a animación coa galaxia espiral Messier 74 e a rexión LH 95, un lugar de formación estelar na Gran Nube de Magallaes. Continúa con espectaculares imaxes do Sol e da Terra.
O vídeo tamén contén referencias a Ibn Sahl, un matemático e físico persa que descubridor da chamada Lei de Snell. As notas manuscritas que aparecen xunto a unhas tazas de café fan referencia a traballos de Albert Einstein que chega a este traballo sobre a luz por medio das lentes gravitacionais. O alter ego de Einstein, Isaac Newton tamén aparece referido por medio da portada do seu libro Opticks e unha outra animación sobre un prisma. En fin, otro novo vídeo de Cristóbal Vila cargado de referencias ao coñecemento científico. Un gusto para os sentidos e a intelixencia.
Para saber máis sobre o vídeo, consultar este web do autor: Etérea

sábado, 12 de janeiro de 2013

Dúas unidades didácticas para dous matemáticos galegos: Ramón M. Aller e Vidal Abascal

No ano 1999 celebráronse en Lugo as IX Xornadas de Aprendizaxe e Ensino das Matemáticas (JAEM). Para que os congresistas tiveran un recordo duradeiro desas datas a Consellería de Educación e o Cefocop editaran un libro titulado Dous matemáticos galegos que trataba sobre dúas figuras fundamentais nas matemáticas galegas: Ramón Mª Aller Ulloa e Enrique Vidal Abascal. Nos últimos tempos EducaBarrién ven de editar varias unidades didácticas sobre figuras da nosa ciencia. No ámbito das matemáticas as dúas persoas escollidas son precisamente as nomeadas anteriormente. Ramón María Aller Ulloa. Na unidade didáctica de EduBarrié adicada a Aller xunto a uns pequenos apuntes biográficos achégansenos unha introdución á astronomía usando múltiples recursos da rede. Velaquí a unidade que tamén se pode descargar en PDF.
Como complemento engado as seguintes ligazóns sobre Ramón María Aller:
Enrique Vidal Abascal
A unidade didáctica de Vidal Abascal editada por EducaBarrié pódese descargar en PDF ou desde esta presentación:
Velaquí algunhas ligazóns para coñecermos mellor a Enrique Vidal Abascal:

quinta-feira, 10 de janeiro de 2013

Dúas unidades didácticas para dous matemáticos galegos: Ramón M. Aller e Vidal Abascal

No ano 1999 celebráronse en Lugo as IX Xornadas de Aprendizaxe e Ensino das Matemáticas (JAEM). Para que os congresistas tiveran un recordo duradeiro desas datas a Consellería de Educación e o Cefocop editaran un libro titulado Dous matemáticos galegos que trataba sobre dúas figuras fundamentais nas matemáticas galegas: Ramón Mª Aller Ulloa e Enrique Vidal Abascal. Nos últimos tempos EducaBarrién ven de editar varias unidades didácticas sobre figuras da nosa ciencia. No ámbito das matemáticas as dúas persoas escollidas son precisamente as nomeadas anteriormente. Ramón María Aller Ulloa. Na unidade didáctica de EduBarrié adicada a Aller xunto a uns pequenos apuntes biográficos achégansenos unha introdución á astronomía usando múltiples recursos da rede. Velaquí a unidade que tamén se pode descargar en PDF.
Como complemento engado as seguintes ligazóns sobre Ramón María Aller:
Enrique Vidal Abascal
A unidade didáctica de Vidal Abascal editada por EducaBarrié pódese descargar en PDF ou desde esta presentación:
Velaquí algunhas ligazóns para coñecermos mellor a Enrique Vidal Abascal:

segunda-feira, 7 de janeiro de 2013

10 Most Important Numbers In The World

Aínda que ten algunha inexactitude, ou precisamente por iso, quixen compartilo aquí. Pero sobre todo polo gratificante empeño posto en destacar a utilidade dos números que se presentan. Unha cuestión: son precisamente eses os números máis improtantes do mundo?