Amosando publicacións coa etiqueta facultade de matemáticas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta facultade de matemáticas. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de xullo de 2025

Explícoche matemáticas 2025

O concurso Explícoche Matemáticas do SNL da Facultade de Matemáticas da USC pon en evidencia a radicalidade ultra da prohibición do ensino das matemáticas en galego. Xa vai pola súa 13ª edición.

Na edición deste ano do Explícoche Matemáticas o vídeo gañador foi o de Antía Fernández Paulos do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa) cun traballo titulado Xogando a aproximar pi:

 

 O segundo premio foi para Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez, Saúl López Souto do IES Díaz Pardo (Sada) cun vídeo titulado A tartaruga Fleury

 

martes, 11 de xullo de 2023

Explícoche Matemáticas 2.0. Edición 2023

Xa choveu desde aquela 1ª edición do concurso no ano 2012. A proba do acerto deste certame é que foi copiado por outros SNL ( ETSE, Facultade de Química, SNL da USC)  e que 11 anos despois continúa na fura de diante. 

Resulta que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas  resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 na edición do presente ano 2023. De seguido presentamos os gañadores:


Carmen Castelo Monteagudo, Inés Prado Justo e Noa Salinas González do IES Isaac Díaz Pardo, titorizadas pola profesora Beatriz Máquez Villamarín, proclamáronse vencedoras do certame ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ cun vídeo de animación moi orixinal titulado ‘Cero e os infinitos’

   

 O segundo galardón foi para Carla Dopazo Pavón, que amosou moita desenvoltura diante da cámara rexida por Santiago Vilas Subirán. Ambos son do IES Eusebio da Guarda e presentaron o vídeo ‘Teoría de grafos en 2 minutos’. A titora foi Beatriz Sixto Rodríguez

Dous terceiros premios

   

 Un dos terceiros premios foi para Rocío Rodicio González polo vídeo que leva por título ‘Domingo Fontán’do Colexio Santa Teresa de Jesús (Ourense)

   

‘Teoría de grafos’, titorizado por Rosa Mª Álvarez Nogueiras, é o título do traballo de Lucía Yáñez Carrasco, Mónica Diz Rodríguez e Mª José Dosil Villavicencio, do IES Otero Pedrayo (Ourense)

venres, 7 de outubro de 2022

Explícoche matemáticas 2022

Os premios
Van alá xa 10 edicións da convocatoria "Explícoche matemáticas 2.0". Dez veces dous minutos de matemáticas en galego. Un oasis no deserto xerado polo cambio climático que opera no ensino desde o ano 2010 co funesto decreto de prohibición de uso do galego nas matemáticas (e noutras materias). Gocemos con estes refachos de aire fresco que nos trae cada ano o SNL da Facultade de Matemáticas.


Este vídeo sobre os número de Mersenne, elaborado por Cristina Correa Segade, da facultade de Bioloxía, foi o gañador da edición 2022 do concurso convocado polo SNL da Facultade de Matemáticas "Explícoche matemáticas 2.0"
Na modalidade de ensino secundario os gañadores foron dous vídeos do IES Punta Candieira (Cedeira), un centro que tamén foi protagonista deste comezo de curso 2022-23 por ser onde se visibilizaron con máis forza os recortes sofridos polo ensino público.


Este vídeo sobre a medición do tempo foi realizado por Gema López Sixto, do citado IES de Cedeira foi o que recibiu o primeiro premio de Secundaria.
É unha mágoa que nesta ocasión non se recolleran todos estes vídeos nunha lista de reprodución da canle de You Tube da facultade.

Os accésits


Este segundo vídeo do IES de Cedeira acadou un dos accéits. A súa autora é Ema Lourido Ponde.


O segundo accésit foi para Noa Ferreiro Bellas e Laura Vispalia Díaz, estudantes do IES Castro da Uz (As Pontes) por tratar este tema clásico da trigonometría: como medir alturas usando un espello.

As mencións especiais.
Finalmente o xurado concedeu mencións aos vídeos ‘As matemáticas non serven para nada’ de Iván Rodríguez Vázquez, alumno do Colexio Marista Cristo Rey da Coruña; ‘Arte ou matemáticas’ de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, estudante do IES Adormideras (A Coruña); e ‘É 4,99... igual a 5?’ de Alba Casás Fuentes e Nadia Suárez Martínez, estudantes do IES Manuel Murguía (Arteixo)






Parabéns a todos. Un agarimoso agradecemento polo esforzo realizado.

luns, 7 de febreiro de 2022

A influencia de Vidal Abascal

Enrique Vidal Abascal foi o encargado de impartir o discurso inaugural do curso 1973-74 da Universidade de Santiago de Compostela. Agora, a USC tivo un duplo acerto ao publicalo, devolvéndolle así nesta edición unha parte do agradecemento que o primeiro decano da Facultade de Matemáticas merece. Se digo que o acerto é dobre é, por unha banda, polos propios méritos de Vidal Abascal, dos que falaremos despois, e pola outra, por realizarse a edición en galego. Calquera que lea a publicación, entenderá o porqué. Como xustificación recollo aquí un pequeno parágrafo desta obra que, como se verá, non só está escrito, tamén está pensado na nosa lingua. Os exemplos poderían multiplicarse:

En Galicia, a deserción da nobreza arrastrou as clases burguesas e acomodadas a arremedar o de fóra, aprendendo a falar castelán para se diferenciar do pobo

En moitas ocasións o profesor Vidal xogou o papel de defensor da lingua. Certifícano moitos artigos publicados na prensa nos ultimos anos da súa vida. Pero esta defensa non aparece neste momento vital, mantívoa de sempre. Teñamos presente que foi presidente do Partido Galeguista de Lalín desde 1935 ata o golpe de estado do ano seguinte. Moi significativo é un artigo en El Pueblo Gallego (03/06/1935), escrito durante a súa estancia en Zúrich onde estaba becado pola Junta de Ampliación de Estudios. Nese artigo relata as súas impresións da visita a unha escola infantil na que seguían os métodos pedagóxicos de Pestalozi para o ensino da lecto-escritura. Comenta que sufriu "a tristeza de comprender que estas novas formas non poderán implantarse en Galicia mentres siga dándose a ensinanza en castelán" pois o método consistía en escribir o nome debaixo dun debuxo de obxectos familiares. Claro que o nome debería ser o que lle dá o cativo (fento, feixe,...) non outro estraño que faría fracasar o procedemento. Outro aspecto que abrolla neste artigo é a súa sensibilidade coa atención á diversidade e a focalización do ensino no alumno, aspectos do ensino que eran sumamente inhabituais nesta época. 

O título do discurso, Influencia dalgúns matemáticos e universitarios no renacemento cultural de Galicia, indícanos as liñas principais polas que se vai desenvolver. De sempre Vidal Abascal tivo un vivo interese pola relación entre a investigación, o ensino e a sociedade. No ano 1945 ao ser nomeado director do Instituto Nacional "Arzobispo Gelmírez" preséntalle ao claustro as súas ideas sobre o ensino medio. Pensa que debe quedar atrás aquel profesor inasequible que exercía de xuiz en todo momento e que na práctica deixaba de ser profesor para converterse en exclusiva en examinador. Tratábase dun modelo elitista no que o instituto se adicaba en exclusiva á formación intelectual e deixaba a educación na man das familias. Cada profesor, illado dos demais, era rei exclusivo da súa materia. Unha materia puramente académica, sen ningún tipo de formación social. Isto non é do seu agrado, así el móstrase favorable aos encontros deportivos, ás prácticas de laboratorio, excursións, celebración de festividades e organización de actividades. Tamén criticaba duramente as reválidas nas que un auxiliar que non tiña por que ser licenciado na materia, daba o seu ditame cun exame oral de ¡¡7minutos!!. Vidal Abascal confrontaba isto cos 7 anos de clases de secundaria dadas por un catedrático "privado dunha función da que non se ve privado ningún outro profesor e isto é pouco xusto".

Os mesmos fundamentos e as mesmas preocupacións subxacen no seu discurso de ingreso na RAG no ano 1971, agora centrados na universidade. Se nos anos 40 E. Vidal Abascal detectaba unha crise no ensino medio debido ao acceso de cada vez máis estudantes e de clases máis populares, o mesmo diagnóstico aparece en A crisis da universidade europea . A vella universidade europea estaba pensada para minorías intelectuais. Esa universidade "non corresponde aos anceios a que é preciso dar paso para atopar unha sociedade sen privilexios frente á cultura e coa posibilidade de que todos poidan alcanzar os másimos coñecementos que o seu talento, vontade e discipliña merezan pra ser útiles á sociedade". Destaca como eiva a falta dun criterio para seleccionar acaídamente ao estudantado pois o único criterio existente reside na capacidade económica familiar. Con todo, afirma que o 80% do importe do ensino do univesitario é soportado polo estado; en conclusión as clases sociais máis modestas sosteñen a formación universitaria da burguesía. Neste marco, dunha "Universidade desfasada e anacrónica" é  lóxico que xurdan "mozos idealistas e audaces que desexan unha sociedade mellor" organizados nos movementos estudantís. 


O certo é que os intereses de Vidal Abascal sempre se mantiveron nos mesmos parámetros. Sabémolo porque dentro no amplo intervalo temporal que van entre os documentos que acabamos de citar publicou un libro no que volve outra vez sobre eses eixos: ensino, investigación e sociedade. Trátase de La nueva matemática (Editorial Dossat, 1961), un texto en boa medida divulgativo, no que intenta establecer as ideas básicas que orientan as matemáticas dese momento: o bourbakismo, o formalismo e o intuicionismo, a topoloxía, a xeometría diferencial, teoría de conxuntos, nocións da escola  matemática francesa,... Mais tamén recolle un capítulo no que reflexiona sobre o estado das matemáticas en España. A partir da idea de que nunha sociedade tan complexa e tecnificada como a de principios dos 60, defende a necesidade do incremento da formación de persoas con estudos especializados e fai un repaso histórico na procura do atraso científico español. Acaba concluíndo que así como Castela impuxo o seu idioma, tamén o fixo o caracter castelán, valente, decidido, pero dogmático, individualista e intraxisente e, sobre todo pouco propicio para a reflexión. Fronte a iso pon a súa esperanza en Galicia pois o caracter colaborativo das súas xentes é especialmente propicio para o cultivo da ciencia. Case 20 anos despois repite estas ideas nunha biografía de Ramón Mª Aller da serie Hombres que hicieron Galicia.

Entende que para cambiar as cousas cumpriría, por exemplo, multiplicar por dez o número de matemáticos, en consecuencia, bota en falta unha política que aposte pola educación. Cómpre unha  ampliación da universidade onde se formen profesionais pero engade que a ampliación debe ser tal que permita extraer un número suficiente de investigadores. Ademais a investigación non pode ser obra duns quixotes que teñan que enfrontarse a toda clase de penalidades; isto é, a investigación debe estar ben dotada. 

Vidal Abascal non só se preocupa polos estudos superiores pois atribúe á mala ordenación do ensino medio a causa que máis desfavorablemente contribúe ao mal estado do ambiente científico. Xustifícao botando man dalgunhas cifras. Para facer fronte a un total de 500.000 alumnos de secundaria hai só 117 catedráticos de matemáticas. Estaba claro que se necesitaba moito máis profesorado, pero non a calquera prezo. Vidal Abascal critica moi duramente o decreto 1723/1960 do 7 de setembro que permitía acceder ao ensino medio a persoas sen titulación especializada.

O discurso

Ao expoñer os principios baixo os que se movía o pensamento de Enrique Vidal poderemos centrar moito mellor o seu discurso de inauguración do curso 1973-74. Este ensaio está impregnado de moitas ideas que aparecerían posteriormente en artigos da prensa. Fálanos dunha Galicia espendorosa nos séculos iniciais do milenio recollendo o primeiro exemplo de parlamentarismo europeo co rei Alfonso IX nunhas cortes nas que a lingua era o galego. Porén ese esplendor decae e apágase desde o XIV chegando a extremos humillantes como o de estar representada nas Cortes Castelás por Zamora. Os séculos de prostración deron lugar á lenda de inferioridade do galego. Vidal Abascal fica perplexo ao debullar a nomina de desprezadores dos galegos. Fronte a isto considera que é preciso reforzar a dignidade a todo un país ofendido como pobo e cómpre facelo colectivamente. A consciencia da nosa personalidade como pobo débese a un conxunto excepcional de persoas nas que a universidade xoga un papel decisivo. Para demostralo cita a toda unha nómina de escritores e personalidades do XIX e principios do XX consignando a ligazón que tiveron coa universidade. 

O punto culminante do discurso é o adicado ao Seminario de Estudos Galegos que representa para Vidal Abascal "o expoñente máximo da longa historia da Universidade, o seu esforzo por contribuír ao acervo cultural autóctono e, ao mesmo tempo, a proba fidedigna do valor dunha obra impulsada por un espíritu xuvenil de amor á terra, cheo de fervor pola nosa cultura e de entusiasmo por este pobo". Non se poden ler estas liñas sen sentir a profunda amargura do profesor pola aniquilación do proxecto que representaba o seu ideal de universidade. Aínda quer destacar outro fito, o da creación de dous organismos universitarios. Un deles é a cátedra de galego detentada por Carballo Calero  (1965), e a outra a do ILG (1971).

Remata o seu discurso cunha breve biografía de catro matemáticos galegos:  o matemático de Bermés José Rodríguez (1770-1824), o autor da Carta Xeométrica de Galicia Domingo Fontán (1778-1836), o militar coruñés Juan Jacobo Durán Loriga (1854-1911), e o seu mestre e amigo D. Ramón Mª Aller Ulloa (1878-1966)

O legado de Vidal Abascal

Cando pronunciou este discurso estaba embarcado nun proxecto daquela incerto, o da creación dunha Academia Galega de Ciencias. El foi o primeiro primeiro promotor e xunto con Isidro Parga Pondal, Luís Iglesias Iglesias, Domingo García Sabell, Antonio Fraguas Fraguas e Eugenio Torre Enciso, comezaron os trámites co Ministerio de Educación que foron lentos e cheos de atrancos. Finalmente, despois de máis de cinco anos de espera, pode constituirse. Este foi un fito máis do que sería unha constante durante toda a vida de Vidal Abascal, a procura material da mellora do sistema educativo. Niso inverteu moito tempo e esforzos. Foron as súas xestións ante o rector Carlos Ruiz del Castillo as que levaron á chamada a Aller para impartir clases de matemáticas nunha universidade minguada despois da Guerra Civil. Foi tamén iniciativa de Vidal Abascal a creación no 1945 da Sección de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga", que intentaba recuperar a enerxía do Seminario Matemático do mesmo nome impulsado por José Rodríguez Sanz dez anos antes e que tivera unha impresionante produtividade nos escasos meses que estivo en funcionamento (outubro do 1935- xullo do 1936).

Vidal conta na súa biografía de Aller que ambos tiñan o proxecto de conseguir a dotación da cátedra de astronomía para a universidade santiaguesa pero "don Ramón non era doutor en ciencias, polo que pensamos na ceseidade de que conseguira ese tíduo". Entón Vidal toma de novo a iniciativa e ponse en contacto con D. Esteban Terradas para que lle apadriñara a tese. Así Aller obtén o doctorado no ano 1943, cando contaba con 65 anos. 

Uns anos máis tarde créase na Facultade de Ciencias a Sección de Matemáticas. Outra vez o mérito principal deste avance debémosllo a Vidal Abascal e ás súas moitas viaxes a Madrid. No libro A universidade, a cultura galega e outros ensaios (Edicións do Castro 1990) lembra orgulloso que "me corresponde a satisfacción  de inicia-la petición da sección de matemáticas de Santiago, falando directamente co ministro don Xesús Rubio". A de Santiago sería a primeira despois das históricas de Madrid, Barcelona e Zaragoza. Velaquí que grazas ao seu labor Galicia contou anticipadamente con estudos superiores de matemáticas. A primeira promoción de licenciados desta Sección é do curso 1962-63; estaba formada por cinco mulleres e un home. Nese curso tamén se celebra o Coloquio Internacional de Xeometría Diferencial, o primeiro destas características en España. O seu organizador foi Enrique Vidal Abascal e volvería a organizalos nos anos 1967 e 1972. Entre os 1966 e 1978 dirixe quince teses de doutoramento e aínda é quen de impartir cursos e conferencias no estranxeiro, esencialmente en Francia. Foi un pioneiro na xestión de profesores visitantes estranxeiros e na confianza do traballo en grupo. Así Xosé Masa atribúelle esta frase: "un máis un non son dous, fan once". Inesperadamente esta defensa do espírito colaborativo había de costarlle un disgusto. En abril do 1966 escribe un artigo no


xornal  La Noche,  "La Coruña en guerra contra Galicia" no que defende facer forza común para conseguir máis centros universitarios en Galicia e critica as actitudes localistas como as do diario La Voz de Galicia, que uns días antes reivindicaba a facultade de económicas para A Coruña. A resposta deste xornal á crítica de Vidal foi insultante tanto co contido do artigo como co propio autor. Contiña cualificacións tales como que o escrito era "una sentina de resentimientos y complejos del más torpe estilo" ou que Vidal "ni siquiera era gallego". Neses días, nunha praza de Santiago os estudantes queimaron  exemplares de La Voz nun acto simbólico de rexeitamento da actitude do diario que se negou a publicar unha queixa do propio Vidal Abascal.

Poderiamos dicir que ao profesor Vidal tería honra de ser o primeiro decano da Facultade de Matemáticas desde xaneiro do 1978 ata a súa xubilación en outubro dese mesmo ano pero máis preciso sería afirmar que a honra sería da da Facultade por telo a el como director. Fica claro, xa que logo, que a súa obra e os seus esforzos tiveron sempre como centro a universidade galega, da que di o seguinte no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (1971), cando ocupa a vacante deixada por Aller:

"Nela estudiéi e néla enseño hai trinta anos. As miñas ledicias e zozobras están en gran parte ligadas ás espranzas, ésitos e tristuras polas que nestes difíciles anos pasa a Universidade, néla paséi as máis das miñas horas, néla estudo, soño e enseño modestamente todo o que poido; a miña executoria pra merecer ser considerado galego no esprito, o mes escudo e o meu orgullo, é que nestes trinta anos, penséi, traballéi e loitéi pola Universidade, polo seu sentido da vida, motor e sublimación dos méritos e defeutos deste pobo galego [...]. A Universidade galega, será o refrexo consciente e  científico do impulso deste pobo que mansiñamamente vai tomando consciencia da rica e luminosa cultura que latexa no fondo das tradiciós e no esprito de estas xentes cheas de inquedanzas, pechadas ao desalento,..."



Bibliografía

Fernández Pérez, Iván et al, (2011) As Matemáticas e a Astronomía en Galicia, USC

García González, A. (2009) Historia de la empresa de La Voz de Galicia, Libros en Red

Souto Salorio, M.J. e Tarrío Tobar A.D.,(2016) Enrique Vidal Abascal (1908-1996). Un renacentista en el siglo XX, La Gaceta de la RSME. Vol. 19

Vidal Abascal, Enrique, (1945) Programa expuesto por el Sr. Director D. Enrique Vidal Abascal, con motivo de su toma de posesión

Vidal Abascal, Enrique,(1961) La nueva matemática, Editorial Dossat S.A. 

Vidal Abascal, Enrique,  Otero Pedrayo, Ramón, (1971)  A crisis da universidade europea, RAG 

Vidal Abascal, Enrique,(1979)  Hombes que hicieron Galicia. Ramón M. Aller Ulloa, Banco del Noroeste

Vidal Abascal, Enrique, (1990)  A universidade, a cultura galega e outros ensaios, Ediciós do Castro

Vidal Abascal, Enrique, Vidal Costa, E., Masa Vázquez, X., (1999) Dous matemáticos galegos, Consellería de Educación Universitaria, Lugo

 VV.AA.,(1982) Boletín da Academia Galega de Ciencias. Volumen I

VV.AA. (2008) D. Enrique Vidal Abascal. Sembrador de inteligencia colectiva. Discursos do Día do Científico Galego 2008 da RAGC.

sábado, 29 de xaneiro de 2022

Matemáticas: habelas hainas. 2021

 O pasado 24 de novembro do 2021 celebrouse unha nova xornada de Matemáticas: habelas, hainas

As presentacións dos intervientes correron a cargo da decana Mª Elena Vázquez Cendón. O primeiro turno foi para o profesor Xosé Masa que glosou a figura de Enrique Vidal Abascal. A razón foi que se estaba a presentar a publicación da USC do discurso inaugural do curos 1973-74 realizado por quen foi o primeiro decano da facultade titulado Influcencia dalgúns matemáticos e universitarios no renacemento cultural de Galicia. Mágoa que esta intervención case sexa inaudible. De seguido o técnico do SNL Manuel Bermúdez Castro destaca a valentía de Vidal Abascal pois lembra que a lectura do discurso fíxose sendo presidente Carrero Blanco e detentando a xefatura do estado Francisco Franco. Juan José Nieto Roig, director do IMAT tamén tivo unha breve intervención

  


M. Pilar Páez Guillán tróuxonos Matemáticas a través do espello Todos os nenos, a primeira vez que se miran nun espello, quedan abraiados. Algúns destes nenos, ao medraren, deciden estudar Matemáticas, e experimentan un proceso similar ao do espello cando lles explican o espazo dual. 

 

Xabier Pérez Couto (@astroxabi), como era de esperar, trouxo un tema astronómico. Baixo o título Catálogos, anuarios e bases de datos astronómicos aborda o tema da orixe e evolución dos diferentes catálogos astronómicos ao longo da historia,  unha das primeiras publicacións científicas da antigüidade. Nesta intervención, nada que envexar da súa canle de vídeos AstroXabi

 


Vide ver a Terra xirar  é o título da presentación de María Ferreiro Subrido. Esa foi o convite que Jean Bernard León Foucault fixo ao pobo francés para presenciar a súa famosa demostración da rotación do noso planeta no ano 1851. Cunha presentación coidadísima fixo unha intervención que é todo un exemplo de divulgación científica e claridade de ideas. 

 


Lorena Saavedra López presentou Sexamos positivas! Comeza preguntándose pola utillidade das matemáticas. Despois pasa ao tema. A positividade é unha característica moi importante dalgunhas funcións usadas en modelizacións sobre situacións da vida real. Nesta charla centrarémonos na importancia de garantir que as solucións de certos problemas sexan positivas. 

 


David Mosquera Lois interveu con Todos os camiños levan á topoloxía Nesta charla, partindo dun problema do deseño de algoritmos chegaremos de forma natural ao ámbito da topoloxía. Curiosa presentación, escrita con bolígrafos e con cartolinas de cores.


Sara Recondo Estévez chegou co relatorio As matemáticas nas bucinas de Nacho Porto. Nun dos TFMs propostos no Mestrado de Matemática Industrial embarcámonos co ceramista galego Nacho Porto na aventura de caracterizar o comportamento acústico das súas  bucinas cerámicas mediante o modelado matemático e a simulación numérica. 



Axudando a Pepa A Loba é o título da intervención de Andrea Vilar Álvarez. Pepa A Loba foi unha bandoleira galega de finais do século XIX, arquetipo do denominado ‘bandoleirismo xeneroso’, que lles roubaba ós caciques para logo repartir o botín entre as clases sociais máis desfavorecidas. Neste 2021, Pepa actualizou o seu modus operandi. Remata a súa intervención cunha fermoso e moi acaído parágrafo de Ángel Carracedo.

 

xoves, 1 de xullo de 2021

Os premios de Explícoche Matemáticas 2.0, edición 2021

 "Explícoche matemáticas 2.0" chega á súa novena edición. Trátase dun concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC no que se promove o galego como lingua de transmisión de coñecementos matemáticos fronte ao deostado decreto 79/2010 que prohíbe os materais didácticos na nosa lingua para materias de carácter científico no ensino non universitario. 

Outra vez o concurso foi todo un éxito de participación pois recibiron un total de 60 propostas. O traballo que recibiu o primeiro premio consiste nun vídeo sobre Ada Lovelace, realizado por Sara Ramos López e Uxía Varela Castro do IES Afonso X O Sabio (Cambre)


Dous foron os vídeos premiados cun accésit. Seguramente é casualidade, pero os dous tratan as progresións xeométricas. Son ‘Explícoche matemáticas cociñando e xogando’ de Aroa Blanco Guerreiro do IES Castro da Uz (As Pontes) e ‘Pódese chegar á lúa dobrando un papel?’ de Alba Casás Fuentes IES Manuel Murguía (Arteixo)

 

   

O xurado tamén outorgou mencións aos vídeos ‘As inecuacións’ de Andrea Freire Valiño do IES Pontepedriña (Santiago)e ‘Miúdo traxecto as matemáticas orientais: Bashkara II’ de Alexandre Lago Pereira e Pablo Savino Real do IES Mendiño (Redondela)

   


   

O traballo máis popular foi ‘Coñeces a banda de Möbius?’ de Hada Galán Lamas daEscola Waldorf Meniñeiros (Friol).  A categoría B dedicada a alumnado universitario ficou deserta.

 

Pola miña banda eu tamén faría referencia a un vídeo do Colexio San José de Cluny (Santiago) por estar técnicamente moi ben realizado, "Os corpos de revolución"
Penso que tanto os organizadores como os premiados merecen os parabéns. O que boto en falta é un portal que recolla todas as edicións e premios outorgados, pero polo menos temos unha escolma dos vídeos de varias edicións na canle de Youtube da Facultade de Matemáticas. Á correspondente á edición 2021 pódese acceder desde aquí.
Coma sempre o aspecto negativo foi a presenza na persoa da subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística deste organismo na entrega de premios. Supoño que agardaba que a ela tamén lle darían un, o da hipocrisía. Teno ben gañado.

martes, 26 de xaneiro de 2021

Habelas hainas, edición 2020

Desde o 2017  a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas celebra unha xornada  no mes de novembro destinada a estudantes de grao/máster co fin de divulgar a investigación matemática. É Habelas Hainas. Trátase dunha serie de presentacións curtas, duns 20 minutos, ao estilo das Ted talks.

Sempre tiveron a boa idea de gravar as sesións en vídeo, pero a mala decisión de colgar os resultados nunha plataforma de vídeos da USC sustentada co fenecido Flash Player. De aí que, cando menos polo momento, as dúas primeiras xornadas fiquen tras o muro da obsolescencia dixital. 

Agora a edición do pasado 26 de novembro 2020 témola na canle de You Tube da Facultade de Matemáticas. Dalgunhas conferencias hai dúas versións, procurei recoller aquí a que ofrece unha mellor visualización e son.

A xornada comezou con Existimos e... somos únicos?, por Jorge Rodríguez López . Seguro que algunha vez oíches falar do teorema do punto fixo


De seguido Ana Suárez Gamarra trata unha teima miña: a Carta Xeométrica de Domingo Fontán coa conferencia Seguindo os pasos de Fontán. na que presenta un traballo sobre o cálculo da altitude no famoso mapa.



Rodrigo Mariño Villar, baixo o título Rebozarse na lama . A súa intervención dou pé a algunha intervención sobre as posibilidades do traballo de investigación e as oportunidades dos programas de doutoramento, se as houbera.
 



Co título Un complemento ortogonal, Daniel Cao Labora tratou da relación entre as matemáticas e a música



Maribel Borrajo García falou sobre a validez e fiabilidade das probas diagnósticas con E se patentamos unha moeda como proba diagnóstica? 
 
 
 
 
A xornada rematou con Bourbaki, o matemático poldavo, por Jesús Conde Lago quen, como é evidente polo título, tratou sobre ese gran matemático, existira ou non.


venres, 28 de xuño de 2019

Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0". Edición 2019



‘A medición da liña costeira’, foi o traballo presentado pola alumna de 3º da ESO do IES As Bizocas ( O Grove) María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, é unha peza de Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da ESO no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Estes foron os audiovisuais premiados o pasado xoves 20/06/19 na 8ª edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola CNL da Facultade de Matemáticas da USC.


Na categoría de mellor valoración dos usuarios da arañeira o vídeo premiado foi‘Chiquicuriosidades’, realizado por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra.)


Ademais dos premios cos que estaba dotado este concurso, o alumnado galardoado recibiu como agasallo o libro Mate-Glifos, do que xa falamos noutra ocasión.
Parabéns a todos os premiados, e tamén a todos os participantes. Seica así, aos pouquiños, Explícoche Matemáticas 2.0 xa leva xuntado un par de centos de vídeos relatando diversos aspectos das matemáticas.
Un último comentario do que teño que deixar constancia. No que fora un rechío estridente, o secretario xeral de política lingüística participara na pasada entrega de premios. Desta vez non se soubo nada del. Parece que con aquela intervención xa lle chegou. Demasiada dose de matemáticas en galego para quen ten como función principal prohibir as matemáticas en galego.

mércores, 14 de novembro de 2018

Matemáticas: habelas, hainas

Desde o ano pasado a Facultade de Matemáticas da USC , o IMAT e a CNL organizan unha xornada de carácter divulgativo sobre investigación en matemáticas. As charlas, de menos de 20 minutos, presentan diversos usos das matemáticas dun xeito desenfadado e sinxelo.  Isto é certo ata o punto de que os vídeos ben poderían ser unha gorentosa fonte de recursos para o ensino secundario.
Un obxectivo destacable detas xornadas é que procura familiarizar aos participantes no uso do galego para a presentación das investigacións ao público non especialista. Coincidindo coas celebracións en novembro da Ciencia en Galego e como sinalan os promotores desta proposta, a intención é normalizar o uso do galego nas matemáticas deixando de lado prexuízos lingüísticos. 
Podemos acceder aos relatorios destas xornadas en vídeos aloxados nunha plataforma propia da USC. Se por unha banda este formato permite alternar entre a visualización da presentación e a do relator, pola outra é unha mágoa que non permita unha maior divulgación destas charlas.


Matemáticas: habelas, hainas, queremos contarchas!
Xornada celebrada o 9/11/17
Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas!
Xornada celebrada o 7/11/18

sábado, 18 de novembro de 2017

II Xornadas de terminoloxía matemática


Co obxectivo de reflexionar sobre a situación da lingua galega en diversos aspectos das matemáticas, a Comisión de Normalización Lingüística de Matemáticas organiza as II Xornadas de terminoloxía matemática que se celebrarán no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC os vindeiros días 28/11/17 e 29/11/17.
No seu día, hai 4 anos,  xa informamos da celebración das I Xornadas de léxico matemático (curiosamente cambiou a terminoloxía na denominación das xornadas), da que saíu unha comisión para elaborou unha proposta de mellora do vocabulario matemático para o dicionario da RAG e da que esperamos, a non tardar moito, teñamos confirmación da propia sección de terminoloxía da Academia das súas conclusións finais.
Estas xornadas demostran que hai lingüistas, matemáticos e profesores que están interesados e implicados na normalización da lingua galega desde a súa actividade profesional a pesar das prohibicións impostas desde un goberno da Xunta que demostra acotío ser un enemigo declarado do galego.

Toda a información, e formalización da inscrición, aquí

venres, 27 de maio de 2016

Explícoche matemáticas 2.0, un oasis no deserto

Antonte, na Facultade de Matemáticas entregáronse os  premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, na súa edición de 2016. O concurso está organizado polo SNL da Facultade, xunto coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A entrega destes premios trae de novo ao primeiro plano a prohibición do galego nas aulas de matemáticas e doutras moitas materias desde a imposición do decreto supremacista contra o galego, o autotitulado perversamente, como decreto do plurilingüismo, cuxa fundamento principal é precisamente o de impedir a docencia en galego das materias científicas no ensino obrigatorio. Por esta razón o concurso é un oasis no deserto no que a política lingüística do PP converteu o ensino das matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química.
 A gañadora na sección de universidade recaeu no vídeo 'Unha viaxe de París a San Francisco', de Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º curso do grao en Matemáticas, da Facultade de Matemáticas da USC.


O gañador do concurso deste ano é o vídeo 'As matemáticas que gañaron a Segunda Guerra Mudial', de Álvaro Cañete Rosell, Carolina Grille Sieira e Clara Vales Fernández, de 3º da ESO do Colexio Obradoiro da Coruña. Baixo a titorización de Jonás González Guinea. Parabéns tanto aos gañadores como a todos os participantes.

sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo. A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos. Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego. Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua. INSCRICIÓN A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni. Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es . Data límite: 24 de outubro. Homologación da Consellería de Educación, en trámite

xoves, 13 de setembro de 2012

Chámalle "xe". Invitación ás matemáticas en galego.

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC escolleron o lema Chámalle "xe" para promover o uso do galego no esotérico mundo das matemáticas. Pero fixeron máis. Redactaron un texto que non sería outra cousa que unha invitación inxenua ao uso do galego a aqueles universitarios que, nun futuro, desenvolvan a súa vida profesional en Galicia. Pero é tal o estado de cousas na política lingüística do actual goberno da Xunta, que facer esta morna indicación é unha chamada ao incumprimento do aldraxante decreto 79/2010, o publicitado como o do plurilingüismo e que prohíbe a impartición das clases de matemáticas en galego. Agora que vai dar comenzo o curso nas aulas de secundaria, convén que os profesores que estudáchedes matemáticas na USC poñades atención e, se aprendíchedes algo, que sexa polo menos isto. Velaquí o texto da CNL da Facultade de Matemáticas:
As matemáticas contan coa súa propia linguaxe, a linguaxe matemática. Comprendela e saber utilizala é unha das competencias que debedes adquirir nos estudos do grao en Matemáticas. Xunta esta habedes conseguir outra: comunicar, tanto por escrito como de forma oral, coñecementos, procedementos, resultados e ideas en matemáticas tanto a un público especializado como non especializado. Daquela, non só comprenderedes o que é senón que seredes quen de comunicárllelo a outras persoas. E para iso utilizaredes linguas naturais; calquera delas, a que mellor se adapte ao voso interlocutor; e que vós coñezades, naturalmente. Moitos de vós -probablemente, a maioría- atoparedes en Galicia a vosa saída profesional. Outros sairedes ao exterior. Debedes contar coa mellor preparación posible. Aprendede linguas. Mais seguide aprendendo e cultivando tamén a lingua deste país, o galego, para poderdes trasladarlles a beleza das matemáticas aos galegos e galegas.

martes, 22 de maio de 2012

Explícoche matemáticas 2.0

Non podo facer outra cousa que darlle os parabéns á iniciativa Explícoche Matemáticas 2.0, un concurso dirixido a todo o alumnado da Facultade de Matemáticas da USC que ten por obxectivo promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de 2 minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático. O xurado do concurso decidou darlle o premio ao vídeo Factorización en números primos do moañés Juan José Conde Veiga, debido á súa orixinalidade, a súa calidade técnica e ao logro de explicar os conceptos de número primo e factor primo ao grande público. O vídeo trata de dous amigos que manteñen unha conversa por Skype. Ela estuda matemáticas; el é xordo, e os dous falan nunha mistura de lingua de signos, lingua falada e mensaxes de texto. El viu hai pouco a película “The Cube" por recomendación dela, e non entende a parte que ten que ver cos números primos, e pídelle a ela que llo explique.
 O xurado tamén destacou o vídeo A característica de Euler-Poincaré pola súa calidade técnica, un traballo de animación cunha execución impecable. A característica de Euler-Poincaré permite identificar aquelas superficies compactas sempre e cando permitamos unha deformación continua das mesmas (por exemplo, tal e como vemos no vídeo, podemos transformar un cubo nunha esfera; pero nunca poderemos transformar a esfera nunha rosquilla pois para facelo teriamos que furala, e isto atentaría contra a premisa de continuidade). Así, dúas superficies compactas coa mesma característica de Euler-Poincaré, poderán transformarse unha noutra con continuidade.