Amosando publicacións coa etiqueta recurso educativo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recurso educativo. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xullo de 2021

Marzo, mes das matemáticas; en galego

Marzo, mes das matemáticas. Sempre me pareceu un mal nome para esta enorme iniciativa pois sobarda con moito o citado mes. A rede de divulgación das matemáticas DIMa, a partir da proclamación por parte da UNESCO do 14 de marzo como Día das Matemáticas, decidiu participar cunha serie de eventos durante todo o mes. Pero parece que o asunto botou por fóra e o listado de actividades xa ocupa máis de medio ano e non se lle ve trazas de que teña finalización. 

Entre outros proxectos divulgativos hai unha gorentosa colección de exposicións. Agora podemos acceder á versión en galego dalgunha delas. En concreto:

O primeiro destes recursos lévanos á descarga do material desta exposición. O segundo é un portal no que podemos acceder á exposición Matemáticas para un mundo mellor, con 10 pósteres distintos xunto con outra exposición de 12 fotografías matemáticas comentadas.

De toda esta colección de recursos sabemos grazas a Elena Vázquez Abal, profesoa do Departamento de Matemáticas na Área de Xeometría e Topoloxía da USC quen comparte todo isto coa seguinte petición:

A descarga de todo este material é libre, o único que pedimos é que no caso de realizar unha exposición pública se nos informe (por motivo de recollida de impacto) ao enderezo marzomates@ull.edu.es do lugar e período da exposición e, se é posible, que nos envíen fotos. Se comparten información en redes da exposición, por favor, inclúan #MarzoMates DiMa - Divulgación Matemáticas F E C Y T ·

Sen dúbida ningunha son unha boa colección de recursos que permiten abordar novas miradas ás matemáticas. Tamén aparecen recollidos no web Retallos de matemáticas, no seu apartado de Material didáctico.

 

martes, 1 de xuño de 2021

Problemas da 'American Mathematics Competitions' para secundaria

En entradas anteriores recollera neste blogue unha escolma de problemas da UKMT tanto para o alumnado da ESO (primeira etapa, segunda etapa) como para o do bacharelato. Desta volta non cambio de idioma pero salto o charco.

Nas competicións AMC (American Mathematics Competitions) preséntanse 25 problemas con cinco respostas posibles a escoller para realizar nun tempo limitado: 40 minutos (AMC 8) ou 75 minutos (AMC 10 e AMC 12). Hai varias categorías, segundo o nivel (a idade) do alumnado. Os AMC 8 están pensados para alumnos dunha idade correspondente a 2º da ESO, os AMC 10 para 4º da ESO e os AMC 12 para 2º de bacharelato. De seguido recollo algúns exemplos, aínda que lles retirei as respostas pois prefiro enfocar a resolución de problemas sen ter que escoller a solución entre un grupo de respostas dadas. Os títulos tamén son obra miña.

Os dous seguintes problemas son do AMC 8 do ano 2005. Do primeiro estrañáronme moito as dúas primeiras liñas, adicadas a describir o campo de xogo, que non é outro cousa que un reloxo. Neste caso engadinlle a ilustración.

A saltos polo reloxo. Alice e Bob participan nun xogo que se desenvolve nunha circunferencia dividida  en 12 puntos igualmente espazados. Os puntos están numerados no sentido das agullas dun reloxo, do 1 ao 12. Ambos comezan no punto 12. Alice móvese no sentido das agullas dun reloxo e Bob no sentido contrario. En cada turno do xogo Alice móvese 5 puntos no sentido das agullas do reloxo e Bob móvese 9 puntos no sentido contrario. O xogo remata cando ambos paran no mesmo punto. Cantos turnos lles levará rematar?

Puntos e triángulos. Cantos triángulos distintos se poden debuxar usando tres dos seguintes puntos como vértices? 



Vai agora un da AMC 10, do ano 2004

Diferenza triangular. Na figura ∠ EAB  e   ∠ABC son ángulos rectos. AB=4, BC=6, AE=8 e AC e BE intersécanse en D. Cal é a diferenza entre as áreas dos triángulos  △ABE  e △BDC






Outro do mesmo nivel, pero doutro ano, en concreto, do AMC 10 do ano 2014


 

Catro cubos. Catro cubos de lonxitudes de aresta 1, 2, 3 e 4 están amontoados como se mostra. Cal é a lonxitude da porcións de XY contida no cubo de aresta 3?













Para rematar, un par de problemas do nivel 12. O primeiro deles é do AMC 12 do ano 2011.

Medias. A media aritmética de dous naturais distintos x e y é un número natural de dous díxitos. A media xeométrica de x e y obtense invertendo os díxitos da media aritmética. Cal é o valor de |x-y| ?





A figura do seguinte problema chamoume a atención porque é a dun spinner, ese artefacto que non hai tanto foi obxecto dunha moda efémera, sobre todo entre os rapaces. Collíano polo centro entre dous dedos e non paraban de darlle voltas. Haiche gustos!
 O problema apareceu no AMC 12 do 2012. Neste caso non me gustou a redacción  porque dá demasiados datos e ofrece unha vía para a súa resolución polo que pecha a posibilidade de razoala desde cero, que é o realmente interesante. Por iso ofrezo no "meu spinner" un enunciado alternativo. 

O spinner. A curva cerrada da figura está formada por 9 arcos circulares congruentes, cada un de lonxitude 2π/3 onde cada un dos centros das circunferencias correspondentes está nos vértices dun hexágono regular de lado 2. Cal é a área delimitada pola curva?



O meu spinner. A curva cerrada da figura está formada por 9 arcos circulares congruentes debuxados tomando como centros os 6 puntos marcados con raios de lonxitude 1. Cal é a área delimitada pola curva?


Isto de aquí é unha pequena mostra. Na wiki do Art of Problem Solving hai como estes, a centos.  Dá para entreterse unha boa temporada.

domingo, 14 de outubro de 2018

Recursos sobre Domingo Fontán



Coa designación de Domingo Fontán como Científico Galego 2018 por parte da Real Academia das Ciencias de Galicia (RAGC), incrementouse a divulgación e o interese por este matemático do XIX. Ademais da revista da RAGC especialmente centrada na figura de Fontán, (portal, PDF) e o vídeo que abre esta entrada, o Consello da Cultura Galega publicou unha unidade didáctica.
Todas estas achegas súmanse ao diverso material que podemos recoller pola arañeira da rede. Velaquí se recollen algúns deses recursos.


Xeral

Artigos


Blogues


Vídeos


Libros
  • Pensamento matemático en Galicia, Edicións do Castro (1992), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • 13 matemáticos galegos, Grupo Anaya (2004), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • Fontán, Editorial Galaxia 2015, autor: Marcos Calveiro. IX Premio Narrativa Breve Repsol 2015. Novela biográfica con moita información, case podería pasar por un ensaio sobre a vida de Domingo Fontán.
  • A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia”, Minerva (repositorio institucional da USC) (2015), tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso
  • Carta Geométrica de Galicia 1817-2017, Teófilo comunicación (2017)
Revistas

Carta Xeométrica

xoves, 11 de outubro de 2018

Explícoche matemáticas 2.0, edición 2018

Acaba de facerse pública a resolución do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 do presente ano. En cada un dos audiovisuais recollidos polo xurado veremos desenvolto un tópico das matemáticas en menos de 2 minutos e medio. Cada un deles é unha labazada nas fazulas dos zunantes que manteñen as mentiras sobre o galego no ensino. O único certo a día de hoxe é que continúa a prohibición para impartir matemáticas en galego no ensino obrigatorio, unha medida que coadxuvada co prestixio e o aumento de carga lectiva dos últimos anos das materias de matemáticas, afonda no ataque á lingua galega no seu punto fulcral, o ensino.
Moi especialmente desde a posta en marcha do funesto decreto 79/2010 (o que chaman algúns do plurilingüismo), sabemos que a escola actúa, , como elemento desgaleguizador. Con todo, un grupo de afoutos rapaces elaboraron un material que divulga (en galego) un aspecto das matemáticas e deben recibir o premio do noso recoñecemento. Destacamos algúns deles. Aarón Vilariño Folgueira, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade (Santiago) , foi o premiado na categoría A (2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional) cun gorentoso traballo no que debulla como calcular o tamaño da Terra, experiencia da que demos conta noutras entradas.


Na cateboría B (Universidade), houbo dous premiados. Un deles foi o víedo "Diagramas de Voronói", de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC


O outro premio da categoría B foi para "O problema do camiño máis rápido: a cicloide", de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Certamente as aplicacións da cicloide e a súa traxectoria estelar na historia das matemáticas serán sempre fonte de inspiración.


Nesta última moxalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo "O teorema da pizza", de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC. Non podo negar que foi o que máis me prestou por levar á excelencia o guión e a realización.


Finalmente, Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, do IES Escolas Proval (Nigrán) demostraron ser as máis populares pois o seu vídeo "Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes", foi o máis valorado polos internautas. O título do tema dá pistas sobre o tema que trata.


O dito: parabéns a todos os participantes e agradecemento aos organizadores.

Éxito de participación no concurso de vídeos da USC ‘Explícoche Matemáticas’ (10/10/18) en GCiencia

martes, 24 de abril de 2018

Conway en Vila de Cruces




É enorme a cantidade de vídeos de matemáticas subidos á canle de You Tube Tales no Camballón Films, do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Había tempo que tiña ganas de falar dela e este vídeo que comparto aquí ofreceume a escusa perfecta. Aproveito para felicitar con verdadeira ansia aos autores da canle polo seu fantástico traballo e voume a atrever a engadir unha recomendación e unha petición. A recomendación é a de que fagan uso dunha lingua de calidade, como por exemplo o uso da denominación xe no canto da incorrección *equis. A petición é a de que continúen o seu labor.
Para quen non saiba do tema que se trata no vídeo quizais lle conveña, antes de darlle ao play, ler antes esta entrada.

Un libriño de Miguel de Guzmán
O problema dos soldados no deserto coñecíao dun libriño de Miguel de Guzmán, Cuentos con cuentas (Labor bolsillo Juvenil, 1984). Custárame 520 pesetas. Con bastante optimismo, penso eu, o texto estaba recomendado "a partir de 12 anos". Tempo despois foi reeditado en Nivola.
Neste texto  preséntase a cuestión como a do xogo da "ra saltadora". Unha excelente explicación do xogo tamén a temos nun artigo de Adrián Paenza.
Partimos dun taboleiro cuadriculado todo o grande que queiramos, cunha liña horizontal destacada ou fronteira que divide a rexión superior da rexión inferior. En cada cela da rexión inferior podemos colocar unha ficha. Os movementos permitidos recordan ao xogo das damas cando se come: saltamos por enriba dunha ficha e movémonos ata a seguinte cela baleira. Só podemos movernos en horizontal ou vertical.

movementos
O reto consiste en colocar todas as fichas que queiramos por debaixo da fronteira co obxectivo de alcanzar a fila máis alta posible por enriba da fronteira realizando os movementos permitidos. Vemos de seguido un exemplo cunha disposición inicial de 4 fichas, coa cal o resultado final dos movementos pode ser a cela marcada cunha ficha clara.

Con 4 fichas podemos
alcanzar a segunda fila

Cantas fichas necesitamos (e como debemos colocalas) para alcanzar a fila 1 da rexión superior?
E para a fila 2? e para a 3? e para a 4? e para a n-ésima?
Un bo exercicio consiste en desentrañar estas cuestións. Para obter a resposta a algunha delas podes premer aquí abaixo, aínda que, como é habitual nestes casos, antes recoméndase reflexionar un pouco.

martes, 3 de abril de 2018

Matemaxia ou o decreto de plurilingüismo en evidencia


A banda de Möbius, a numeración binaria, as propiedades das mesturas por arrastre...Calquera profesor de matemáticas pode explicar sen dificultade calquera dos trucos que o mago Paco presenta neste excelente vídeo que gravaron no CEIP do Carballal (Marín). Está claro que a actividade resultou gorentosa para a rapazada que tivo a sorte de participar nela. Aprenderon matemáticas e, a un tempo, asistiron a espectáculo de maxia. 
A cara escura desta actividade non está na actividade en si, senón en que, para os absurdos parámetros da Xunta de Galicia, esta é unha actividade ilegal. Efectivamente, trátase dunha clase de matemáticas en galego, prohibida polo funesto decreto do plurilingüismo. O monstruoso do asunto sería que ésta fose a única clase en galego que este alumnado de 5º de primaria tivese en toda a súa vida escolar. Vendo un exemplo concreto do que prohíbe a Xunta é máis evidente de ata onde chega o nivel de odio á lingua galega dos gobernantes que padecemos. 
Unha vez máis, parabéns ao profesorado do CEIP do Carballal por achegaren ao alumnado unha actividade lúdica e formativa. Parabéns que fago extensivos ao mago Paco, por botar man das matemáticas nun dos seus espectáculos, ofrecendo unha nova perspectiva para o achegamento desta materia ás aulas.

martes, 20 de marzo de 2018

Onde está a Meca



A Meca está aquí, en cada un de nós. A nosa Meca é o galego. 
Isto é o que deberon pensar no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago (USC) e por iso se meteron ao traballo de elaborar unha serie de vídeos  didácticos na que diversos especialistas desenvolven unha cuestión con rigor científico e académico. Ademais realizan as explicacións de forma moi clara, o cal os convirte en ferramentas didácticas para o ensino secundario de aproveitamento prácticamente obrigado.
Entre os primeiros vídeos que nos achega esta canle quixera destacar o que aparece nesta entrada porque trata un aspecto das matemáticas ..en galego! . Gustaríame que isto servira  para vergoña da Consellería de Educación que é quen prohíbe, vía o funesto decreto 79/2010, se poidan reproducir estes vídeos nunha aula do ensino secundario. Eu animo a todos os docentes a que o fagan, e de paso expliquen nas súas aulas a atrabiliaria prohibición emanada dunha Xunta enemiga do uso da lingua que debería defender.
A peza Onde está a Meca,  está protagonizada pola incansable profesora Elena Vázquez Abal, que sempre parece disposta a colaborar en proxectos de divulgación das matemáticas (nunca llo agradeceremos os sufiente). Trátase dunha  fermosa introdución á xeometría da esfera. O obxectivo é reflexionar sobre cales son as xeodésicas na superficie terrestre (se se me permite a redundancia).
O discurso do audiovisual que acabamos de desvelar tamén o usou Elena nesta segunda peza que deixo de regalo de seguido. O primeiro vídeo ben podería ser un anuncio promocional do segundo,  que formou parte das xornadas de divulgación científica Achegando a ciencia desenvolvidas noprogramadas noVello Cárcere de Lugo. Eu xa presenciei esta conferencia na Facultade de Matemáticas, na que se fala de xeometría e de mulleres no mundo científico. Un pracer que me encantou rememorar.
Velaquí O sexto sentido:

domingo, 23 de abril de 2017

Matemáticas en galego, tamén coa LOMCE

Hai uns días publicouse a versión galega da unidade didáctica Xeometría analítica do plano. Como todas as outras 68 unidades, pode facerse un uso non comercial dela, incluso se pode modificar e adaptar. Só se pide citar a fonte. Trátase do último chanzo na edición de material didáctico de matemáticas en galego, que se pode consultar, traballar on-line, ou descargar do portal de materiais ed@d en galego para a LOMCE e que forma parte do excelente e xeneroso Proyecto Descartes, unha web en continua renovación e chea de recursos.
 
Xeometría analíca do plano Fonte: Proyecto Descartes Licenza: Creative Comons BY- NC-SA Ao premer na icona da impresora obtemos, en formato PDF, un libro de texto adaptado a esta unidade didáctica dixital. Tamén temos un caderno de traballo, tanto en formato PDF, como en formatos editables (.doc e .odt). A proposta metodolóxica asociada a estes cadernos de traballo consiste en que o alumnado os use como guía para ir realizando as actividades da unidade.
Premendo nas frechas da parte inferior, ou navegando polo índice da esquerda, podemos acceder a cada un dos apartados da unidade. En todos eles temos actividades en xanelas emerxentes e unha escena interactiva especialmente preparada para a aprendizaxe da cuestión tratada en cada momento. No menú superior temos os seguintes apartados: Antes de empezar, Contidos, Exercicios [1] e [2], Auto-avaliación, Para enviar ao titor, Para saber máis. Invítovos a premer nos dous listados de exercicios (un de vectores e outro de rectas) ou no último apartado, no que se trata un tema algo máis avanzado, neste caso o da circunferencia dos nove puntos. E así, podemos repetir isto ata nun total de 69 unidades didácticas. Unha pequena fenda na que furar contra o funesto decreto do plurilingüismo, que forza a desligar as matemáticas, e en xeral o saber científico, do emprego da lingua galega.
Matemáticas en galego do Proxecto ED@D
Velaquí o listado de todas as unidades. Que as desfrutes.

1º ESO
Os números naturais
Múltiplos e divisores
Os números enteiros
Números decimais
Fraccións
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Rectas e ángulos no plano
Polígonos, perímetros e áreas
A circunferencia e o círculo
Taboas e gráficas Estatística e probabilidade

2º ESO
Potencias e raíces con números enteiros
Fraccións
Decimais
Proporcionalidade
Expresións alxébricas
Ecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza. Teorema de Pitágoras
Corpos xeométricos
Áreas de corpos xeométricos
Volume dos corpos xeométricos
Funcións
Estatística

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística Probabilidade

3ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Os números racionais
Polinomios
Ecuacións de segundo grao
Sistemas de ecuacións
Progresións
Figuras planas. Propiedades métricas
Movementos no plano
Corpos xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións lineais e cuadráticas
Estatística

 4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Académicas
Os números reais Potencias e radicais
Polinomios
Ecuacións e sistemas
Inecuacións
Semellanza
Trigonometría
Xeometría analítica do plano
Funcións e gráficas
Funcións polinómicas
Funcións racionais, exponenciais e logarítmicas

 4ºESO. Orientación ás Ensinanzas Aplicadas
Números enteiros e racionais
Os números reais
Problemas aritméticos
Polinomios
Ecuacións e inecuacións
Sistemas de ecuacións
Semellanza e trigonometría
Problemas xeométricos
Funcións e gráficas
Funcións elementais

xoves, 10 de novembro de 2016

Congreso, xeometria e finalmente cine

Elena V. A. antes de cortar o cogombro
Comentaba estes días cunha compañeira que había moito que non asistía aos congresos de AGAPEMA e notaba como se estaba oxidando. Pola contra, cada vez que acudía, chegaba con algo novo para levar á aula.
Xa vai alá máis dun mes desde que se celebrou o VII congreso polo que conviña non tardar máis en facer referencia del, aínda que só sexa, como é o caso, de comentar únicamente ás conferencias plenarias.
O congreso botou a andar coa conferencia de Elena Vázquez Abal, "A xeometría de verdade ten curvatura". Polo menos unha charla semellante xa a escoitara noutra ocasión, pero desta vez estaba mellorada. O seu obxectivo, plenamente conseguido, era o de explicar ao non versado nas matemáticas, os fundamentos da xeometría diferencial. O momento culminante foi o do corte do cogombro. Concluín que era fundamental o uso desta planta para introducir o teorema egrexio de Gauss. Supoño que a partir de agora os departamentos de xeometría farán coincidir a explicación deste teorema co da recollida do cogombro.
Se estes foron os comenzos, debo confesar que non estaba moi convencido de ter un final á mesma altura. Eu son moi desconfiado cando vexo as matemáticas emparelladas con outras artes (matemáticas e literatura, matemáticas e música, ou como era o caso, matemátcas e cine) porque é moi fácil deixarse levar polo obvio e acabar vendendo unha trapallada con envoltura de ouro. Non foi o caso. A conferencia de clausura "Cine e teleseries en clase de Matemáticas" foi realmente entretida e divertida. Os aspectos que destacaría é a orde e claridade con que a levou o autor, José María Sorando, así como a súa grandiosa declaración de humildade. As súas palabras foron algo así como que os cortes cinematográficos que tanto traballo lle levou recompilar  pode que lle sirvan a alguén para darlle unha picelada a algunha aula.
No portal de José María Sorando podemos acceder a unha enorme colección de películas reseñadas. Fálasenos do argumento da película pero tamén dos aspectos matemáticos da mesma, e en moitos casos achamos entradas que van máis alá.
Hai outras formas de ligar as matemáticas co cine. Jack Nugent ten unha canle, Now you see it, na que sube vídeos nos que analiza algún tópico cinematográfico. Ten un adicado á análise de como as figuras xeométricas teñen un significado dentro da narrativa audiovisual. Os personaxes malvados reforzan esta característica cando se  nos presentan con narices e orellas puntiagudos e dedos longos; os triángulos acutángulos son as formas predominantes. Os círculos e as formas redondeadas consolidan as características de bondade. Un caso paradigmático é o de Mickey Mouse. Os cadrados e rectángulos indican rixidez, lentitude ou fortaleza e cando un personaxe aparece enmarcado nun rectángulo o director está transmitindo que está preso. O encuadramento circular indica vixiancia ou espionaxe. E se a imaxe está determinada por paralelas ou por liñas converxentes,... o mellor é ver o vídeo no que se explica todo isto.



Aproveito para darlle os parabéns aos organizadores do congreso de AGAPEMA. 

xoves, 18 de febreiro de 2016

Grafos e divisores.1

Do portal NRICH
Remexendo pola arañeira batín con este entretido xogo do web NRICH (enriching mathematics).   Participan dous xogadores alternativamente escollendo da grella de números da esquerda que, como se ve, contén os 100 primeiros naturais. As regras son moi sinxelas:
Regra 1.O primeiro xogador pode escoller calquera número menor que 50 (no exemplo puxen o 45).
Regra 2. O seguinte número debe ser sempre un múltiplo ou un divisor do anterior.
Finalización. Perde aquel que non poida coller ningún número máis.
O xogo pode propoñérse en calquera aula dos primeiros cursos da ESO xa que permite desenvolver o cálculo e a familiarización cos conceptos de múltiplo, divisor, número primo, número composto, coprimos,...
NRICH suxire dar novos enfoques ao xogo, como o de presentalo sen a restricción dada pola primeira regra para logo poñer en evidencia a súa necesidade se non queremos ter un xogo trivial. Tamén podemos investigar se hai algunha estratexia gañadora, ou se hai números que nos convén evitar. Claro que as posibilidades non rematan aquí. De ser moi complicada a abordaxe deste xogo, podería restrinxirse a outras versións que tiveran unha menor cantidade de números: 15, 20, 30, 50,... ou, se cadra, somos quen de aventurar que é o que sucede cando partimos de 101 números, ou 200, ..., 1000,...n,...
Tamén está a cuestión de cal é a maior cadea de números que podemos formar na grella da dereita. Por exemplo, na imaxe anterior tiñamos unha cadea de 11 números susceptible de ser ampliada. Para estudar o problema podemos ver que é o que pasa cos primeiros casos.
O problema parece que pode abordarse botando man dos grafos. Partimos dun conxunto de vértices numerados polos n primeiros números
$$S=\left\{ { v }_{ 1 },{ v }_{ 2 },{ v }_{ 3 },...{ v }_{ n } \right\}$$
Para establecermos as arestas usaremos a seguinte definición
$${ \forall i\neq j\quad v }_{ i }\quad e\quad { v }_{ j\quad  }\quad forman\quad unha\quad aresta\quad \Longleftrightarrow \quad i|j\quad ou\quad _{ \quad  }j|i$$
A un grafo así determinado podémoslle chamar grafo de divisores. No grafo de divisores dado polos cinco primeiros números está claro que a cadea máis longa que podemos formar ten unha lonxitude de 4 vértices: 3, 1, 2, 4.
Pero a pouco que pasemos dos primeiros casos, como era de esperar, o grafo vaise complicando. Para o grafo de divisores dos 13 primeiros números naturais teremos polo menos unha cadea de lonxitude 10 a seguinte: 9, 3, 6, 12, 4, 8, 1, 5, 10, 2 (ou 11, 1, 5, 10, 2, 8, 4, 12, 3, 9) que parece difícil de superar




Se lle chamamos f(n) ao valor da lonxitude da máxima cadea que podemos formar nun destes grafos de n números, acabamos de ver que f(4)=f(5)=4 e que f(13)=10. Podemos intentar obter unha táboa que nos ofreza pistas para intentar aventurar o resto dos valores de f(n). Pero a cuestión non é nada simple.
Parece ser que P. Erdös, R. Freud e N. Hegyvári estableceron que para valores de n o suficientemente grandes (nas fórmulas log indica o logaritmo neperiano):
$$f(n)\le (1-log2)n$$
Se quixeramos unha limitación inferior teriamos esta de A. D. Pollington:
$$\forall c>0\quad \exists N/n\ge N\Longrightarrow f(n)\ge n\cdot { e }^{ -(2+c)\sqrt { logn\cdot log(logn) }  }$$
O artigo de Erdös e cia. non falaba de grafos senón de permutacións a1, a2 ,a3, ..., an , dos primeiros enteiros 1,2,3,....,n. Ou máis suxerententemente, trataba das permutacións a1, a2,a3, ..., a,....de todos os números naturais. Concretamente dábanse resultados sobre o mínimo común múltiplo  e o máximo común divisor de dous elementos consecutivos nesas permutacións. Un dos teoremas cualificábano os propios autores de pobre resultado. Di o seguinte:
Dada unha permutación de todos os naturais a1, a2,a3, ..., a,....:
$$\bar { \underset { i }{ lim }  } \frac { \left[ { a }_{ i },{ a }_{ i+1 } \right]  }{ i } \ge \frac { 1 }{ 1-log2 } \simeq 3,26$$
Certamente é difícil imaxinar unha permutación  na que este límite fique dentro do ámbito da finitude.

xoves, 24 de setembro de 2015

A escala: o sistema solar


Cando vin o chío de Martin Pawley non puiden deixar de reproducir aquí esta curta que, ademais vén con subtítulos en galego. Supoño que o responsable é o autor da entrada no blogue Acto de primavera. Unha marabilla elaborada por Wylie Overstreet e Alex Gorosh.
Isto tráeme á memoria unha actividade que realizáramos no CPI Aurelio Marcelino Rey García... hai xa 13 anos. Fixéramolo nas aulas da materia optativa de astronomía. Consistía precisamente en facer o mesmo que neste vídeo: realizar unha maqueta a escala do sistema solar respectando tanto os tamaños dos planetas (na medida do posible), como as distancias entre os mesmos. Claro que os planetas eran puntos (case) invisibles nos metros e metros de papel de embalar que utilizamos para facer o traballo. Mágoa que non teña fotos xa que daquela as cámaras dixitais non estaban tan popularizadas coma hoxe en día. Se non me equivoco a escala que utilizáramos era $$1:{ 10 }^{ 12 }$$ xa que tivéramos o coidado de pintarmos un sol de aproximadamente 1 mm de diámetro. O traballo completábase cunha comparación a unha escala bastante maior, entre unha restra de mapas do mundo colocados en liña, e a Vía Láctea. Estou tentado de repetilo este curso co alumnado dese invento LOMCE: as matemáticas aplicadas.

sábado, 20 de setembro de 2014

Cadenos de matemáticas da ESO

Quedei encantado de ver publicados na plataforma Isuu os caderniños de traballo de matemáticas da ESO, unha pequena parte do material ED@D do Proxecto educativo Descartes. Pegándolle un repaso a calquera destas publicacións podemos enxergar o enorme esforzo e compromiso do profesorado para integrar as novas tecnoloxías na aula de matemáticas para diversificar e mellorar as posibilidades dos procesos de ensino-aprendizaxe. Para quen non coñeza estes materiais, pode comprobar as posibilidades que nos ofrece navegando por unha das 60 unidades didácticas, consultando os apuntes desa unidade en PDF e finalmente traballando co caderno correspondente a esa mesma unidade.
Ligazón aos caderniños de 2º ESO
Ligazón aos caderniños de 3º ESO
Ligazón aos caderniños de 4º ESO Matemáticas A
Ligazón aos caderniños de 4º ESO. Matemáticas B

xoves, 8 de agosto de 2013

Calcule mais: Noção intuitiva de limites


 Vadeir Vioti, estudante de enxeñería, despois de coñecer o material da Khan Academy, pensou en que podía aproveitar esta idea para facer realidade o seu soño: ensinar matemáticas a persoas sen posibilidades económicas. Elaborou así 600 vídeo aulas que hoxe son seguidas diariamente por máis de 4.000 persoas.
O portal de acceso é Calcule mais. Temos aquí unha enorme colección de materiais para o ensino mediante material audiovisual e que pode ser aproveitado desde Galicia por seren creados en portugués. Outra vez batemos de frente cunha posibilidade de aprendizaxe que o funesto decreto 79/2010 rexeitaría por tratarse de aprendermos matemáticas nunha lingua distinta do castelán.

xoves, 1 de agosto de 2013

A soma das medidas dos ângulos em um triângulo é 180°. Ciencias en portugués

Noutra entrada anterior xa falamos do material da Khan Academy traducido ao portugués por Portugal Telecom e que está a ser divulgado pola Sociedade Portuguesa de Matemática. Daquela, nese portal dispoñíamos de 70 vídeos traducidos ao portugués. Agora fun dar con outro portal que debe ter aproximadamente uns 300 vídeos da Khan Academy tamén traducidos ao portugués por medio da Fundação Lemann. Ademais hai outros poucos centos de vídeos de bioloxía, física e química. Todo un mundo de utilidades para ese mundo arrasado polo decreto para o plurilingüismo que é o ensino das materias de ciencias en galego. Escollín para esta entrada a demostración de que a suma dos ángulos dun triángulo é de 180º, un teorema que é equivalente ao V postulado de Euclides. A aventura deste teorema no transcurso da historia levaríanos a facer un repaso da xeometría desde a antigüidade ata o desenvolvemento da teoría da relatividade no século XX. Hai un libro, marabilloso, que trata xustamente esta idea: Historias de espacio, de Jaremy Gray, editado por Mondadori (1992).

xoves, 10 de xaneiro de 2013

Dúas unidades didácticas para dous matemáticos galegos: Ramón M. Aller e Vidal Abascal

No ano 1999 celebráronse en Lugo as IX Xornadas de Aprendizaxe e Ensino das Matemáticas (JAEM). Para que os congresistas tiveran un recordo duradeiro desas datas a Consellería de Educación e o Cefocop editaran un libro titulado Dous matemáticos galegos que trataba sobre dúas figuras fundamentais nas matemáticas galegas: Ramón Mª Aller Ulloa e Enrique Vidal Abascal. Nos últimos tempos EducaBarrién ven de editar varias unidades didácticas sobre figuras da nosa ciencia. No ámbito das matemáticas as dúas persoas escollidas son precisamente as nomeadas anteriormente. Ramón María Aller Ulloa. Na unidade didáctica de EduBarrié adicada a Aller xunto a uns pequenos apuntes biográficos achégansenos unha introdución á astronomía usando múltiples recursos da rede. Velaquí a unidade que tamén se pode descargar en PDF.
Como complemento engado as seguintes ligazóns sobre Ramón María Aller:
Enrique Vidal Abascal
A unidade didáctica de Vidal Abascal editada por EducaBarrié pódese descargar en PDF ou desde esta presentación:
Velaquí algunhas ligazóns para coñecermos mellor a Enrique Vidal Abascal:

xoves, 22 de novembro de 2012

A utlidade da terminoloxía matemática en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC promove unha rolda de discusión de terminoloxía matemática: o LEXI_GA_MATH, aberta a todos os interesados no uso correcto do vocabulario específico desta ciencia. Esta anotación quer ser tamén unha invitación a apuntarse nesta lista a todos os interesados en fornecernos dunha terminoloxía correcta no ámbito das matemáticas.  Apelo a un interese que non se pode desligar do uso. Para iso paso a facer algo de memoria.
Principios
No ano 1979 publícase o que , segundo o seu editor,  Xulián Maure, sería o primeiro libro "non só de Europa, senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en galego". Tratábase dun libro de texto para 1º de bacharelato, elaborado por un grupo de máis de medio cento de profesores coñecido como  Colectivo Vacaloura. Os seus integrantes tiveran que facer o traballo sen referencia terminolóxica algunha. A súa achega respondía a unha necesidade imperiosa da sociedade galega de prestixiar unha lingua prohibida, a súa lingua. Para continuar este traballo e facelo como correspondía, con rigor científico, precisábase un vocabulario de termos especializados que fose o resultado dun traballo que non nos aportara simples traducións do castelán. Compría que alguén que sentira a lingua e con coñecementos da área dera o primeiro paso. Velaí que por fin no ano 1995 se presenta na Facultade de Matemáticas un libro editado pola USC e coordinado por X. M. Masa Vázquez e  A. B. Fortes López. O seu título: Vocabulario de Matemáticas.  [Pode descargarse o documento de texto desde aquí.]. O amigo e compañeiro Manuel Vilariño tivo a feliz idea de subilo á plataforma Scribd para que a súa consulta fose máis accesible a todos
As matemáticas en galego comenza a ocupar o seu lugar De certo que este traballo contribuíu en moi boa medida a que a edición de libros de texto de matemáticas en galego nos anos seguintes se fixera de forma máis coordinada e pisando en chan firme. É o caso que cos comenzos do século XXI as normalización comenza a notarse no eido do ensino das matemáticas. Todas as editoriais que querían estar realmente presentes nos centros escolares, tiñan que ter o seu libro de matemáticas en galego. Isto contribuiría a que tradutores, pedagogos, profesores, e moitos outros profesionais desenvolveran un traballo que se agradecía acotío nas aulas. As matemáticas comenzaban a andar o seu viaxe da man da normalización lingüística, sobre todo co impulso dado polo decreto 124/2007 que establecía que o ensino das matemáticas se desenvolvería en galego. Esta decisión non foi otra cousa que a ratificación do que se indicaba no PXNLG, aprobado por todos os grupos políticos  do parlamento galego no ano 2004. Desta época temos dous traballos máis, desta vez da Universidade da Coruña, incluídos dentro dun listado de vocabularios que desenvolven a campaña 'Profesionaliza a túa lingua', gañadora do primeiro premio Luísa Vilalta ás iniciativas normalizadoras. Estámonos a referir a:
  • Pérez Vázquez, L.; P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2006): Profesionaliza a túa lingua: matemática. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
  • Pereiro Felípez, M. C. et alii (2008): Profesionaliza a túa lingua: estatística. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
Todos estes documentos son esenciais para abordar a edición de propostas didácticas na nosa lingua. Así o foi, por exemplo, na elaboración de EDAD en galego que contén unha lista de 60 unidades didácticas que abarcan todos os contidos de matemáticas da ESO e accesible desde aquí. Hoxe este material é como un oasis no deserto da imposición do español. O estado actual.  A ruptura do consenso establecido no PXNL levou ao defenestrado estado actual de prohibición de impartición das aulas en galego no ensino non univeristario, asinado no funesto decreto 79/2010. Unha materia que sempre gozou de prestixio, a matemática, non podía ser explicada nunha lingua que se quería desprestixiar. Isto non significa que o traballo normalizador esté completamente pechado. Acaba de sair a noticia de que o Insituto Galego de Estatística (IGE) elaborou un vocabulario estatístico galego-inglés-castelán.   Grazas ao traballo do SNL da USC temos unha ferramenta terminolóxica que nos permite buscar, caso por caso, o termo no que estemos interesados. Trátase do bUSCatermos, aberto a todos os internautas desde comenzos do novembro pasado. Precisamente este buscador incorpora na súa base de datos o vocabulario publicado no ano 1995 e que agora se está a revisar na rolda do LEXI_GA_MATH.

A utilidade da terminoloxía matemática en galego. A cuestión central que se suscita despois de comprobarmos que dispoñemos de toda unha serie de recursos para establecer o vocabulario matemático é: para que queremos todo isto? A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) financia a base de datos bUSCatermos. Pola contra esa mesma SXPL é o maior valedor do decreto que prohíbe o uso do galego no ensino das matemáticas que é precisamente o eido natural que lle pode dar máis valor e uso a toda esta recompilación terminolóxica. En ningún outro caso se pode ver con máis claridade unha das características fundamentais da política lingüística dos úlitmos anos. Trátase dunha política que parte de considerar ao galego como unha lingua de museo.  Algarismo,  alxébrico, arranxo ... Que triste é ver todos eses termos disecados!  Contra unha política lingüística forense debemos propugnar unha medicina de habitos saudables pois única postura coherente é a que correlaciona interese pola lingua co seu uso. Temos que recuperar a necesidade imperiosa de prestixiar unha lingua prohibida e iso pasa por impartir as aulas de matemáticas en galego.

sábado, 28 de abril de 2012

Album da ciencia: os matemáticos galegos

O Consello da Cultura Galega (CCG) tráenos á arañeira da rede un novo recurso que creo moi recomendable para o ensino e divulgación da ciencia. Trátase do Album da Ciencia, unha especie de dicionario on-line de biografías de científicos galegos. Polo momento temos un gorentoso adianto do que vai ser unha colección de 300 entradas cunha calidade excepcional, posiblemente debida aos coñecementos dunha considerable nómina de especialistas que podemos consultar aquí. Polo de agora contamos cunha pequena mostra de biografías. Como por afición e traballo o que máis me interesa é o apartado dos matemáticos, recollo o publicado ata o momento polo CCG Os matemáticos galegos José Antonio López y Nobal (1763-1824). Exerceu como profesor de matemáticas na Academia de Guardas Marinas de Ferrol e estivo destinado no seu Observatorio Astronómico, o primeiro dunha institución en Galicia. É o autor dunha obra enciclopédica, Consideraciones Generales, na que se fai evidente a súa formación matemática. Ángel Laborde Navarro (1773-1834). Foi o primeiro profesor de matemáticas do Real Colegio Militar de Santiago. Edita un libro de matemáticas básicas para o seu uso docente, probablemente o primeiro libro destas características imprimido en Galicia. Pedro Antonio Cerviño Núñez (1757-1816). Natural de Campolameiro, destaca o seu labor como director da Escola de Náutica de Buenos Aires, onde impulsou un plan de estudos centrado nas matemáticas, sendo precursor desta ciencia na Arxentina. Juan Jacobo Durán Loriga (1854-1911). Membro fundador da RSME, publicou unha gran cantidade de artigos de matemáticas. Destacan as súas investigacións nunha rama das matemáticas moi de moda a finais do XIX, a xeometría do triángulo. Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). Coñécese por ser o precursor do estudo da astronomía en Galicia. Foi profesor de Xeometría analítica e Análise Matemática na universidade compostelana. Como dato curioso e significativo querría destacar que no ano 1936 anunciase o que posiblemente podería ser o primeiro libro de divulgación científica en galego: Astronomía a ollo ceibe. A guerra civil e a dictadura impediron que isto fose posible. Ademais deste Album da Ciencia, o Consello da Cultura Galega xa tiña outra colección ben interesante do mesmo estilo, o Album de Mulleres. Del destacaría o apartado dedicado a  María Josefa Wonenburger Planells. Unha figura mundial das matemáticas  [web]. Contén gran cantidade de recursos.O 28 de novembro do 2010 celebrouse nas dependencias do Consello da Cultura Galega  a xornada María Josefa Wonenburger Planells na creación de coñecemento  [web]. Inclúense  audios coas intervencións da xornada. Otra muller deste Album, tamén figura destaca nas matemáticas e astronomía (traballou con Aller Ulloa), foi Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009), coñecida como a contadora de estrelas.

mércores, 14 de marzo de 2012

Xeometría en galego: a páxina de Paulo Porta

Andaba pola arañeira da rede buscando recursos de matemáticas que me poideran ser de utilidade e fun dar cunha impresionante perla. Menos mal que existe unha plataforma catalá, Creamat, que si mantén unha ligazón aos contidos aos que me estou a referir: a páxina de Paulo Porta, xa que estrañamente (?),  este portal non está ligado desde o proxecto Abalar, a pesar de que algúns recursos do web foron premiados pola Xunta dentro do programa SIEGA (Sistema de Información da Educación Galega).  Un dos apartados, que levou un premio SIEGA no 2003  trata sobre tanxencias. O outro traballo premiado é un impresionante percorrido polos poliedros e as súas propiedades. Ademais dunha presentación dos poliedros regulares, semiregulares e estrelas, o web ofrécenos arquivos pdf co desenvolvemento plano dunha enorme colección de poliedros e un apartado sobre a teselación do espazo.
Isto non é todo. No web de Paulo Porta tamén temos acceso a 18 demostracións visuais do teorema de Pitágoras.
 E aínda hai máis. Case 30 métodos xeométricos para obter a cuadratura do cículo. Trátase, como se pode supoñer, de métodos que aproximan a área do círculo. Entre outras marabillas podemos ver un par de cuadraturas do padre Sarmiento, unha delas cunha aproximación excepcional, que nos daría un valor para  =3,1415926628 (as súas primeiras cifras son =3,141592653589). O método de Sarmiento ofrécenos un método para a obtención da área do cículo equivalente  unha precisión de  con 7 cifras decimais correctas! Ademais de todo isto a páxina contén outros recursos relacionados co debuxo ou coa obra artística do autor.