xoves, 10 de novembro de 2016

Congreso, xeometria e finalmente cine

Elena V. A. antes de cortar o cogombro
Comentaba estes días cunha compañeira que había moito que non asistía aos congresos de AGAPEMA e notaba como se estaba oxidando. Pola contra, cada vez que acudía, chegaba con algo novo para levar á aula.
Xa vai alá máis dun mes desde que se celebrou o VII congreso polo que conviña non tardar máis en facer referencia del, aínda que só sexa, como é o caso, de comentar únicamente ás conferencias plenarias.
O congreso botou a andar coa conferencia de Elena Vázquez Abal, "A xeometría de verdade ten curvatura". Polo menos unha charla semellante xa a escoitara noutra ocasión, pero desta vez estaba mellorada. O seu obxectivo, plenamente conseguido, era o de explicar ao non versado nas matemáticas, os fundamentos da xeometría diferencial. O momento culminante foi o do corte do cogombro. Concluín que era fundamental o uso desta planta para introducir o teorema egrexio de Gauss. Supoño que a partir de agora os departamentos de xeometría farán coincidir a explicación deste teorema co da recollida do cogombro.
Se estes foron os comenzos, debo confesar que non estaba moi convencido de ter un final á mesma altura. Eu son moi desconfiado cando vexo as matemáticas emparelladas con outras artes (matemáticas e literatura, matemáticas e música, ou como era o caso, matemátcas e cine) porque é moi fácil deixarse levar polo obvio e acabar vendendo unha trapallada con envoltura de ouro. Non foi o caso. A conferencia de clausura "Cine e teleseries en clase de Matemáticas" foi realmente entretida e divertida. Os aspectos que destacaría é a orde e claridade con que a levou o autor, José María Sorando, así como a súa grandiosa declaración de humildade. As súas palabras foron algo así como que os cortes cinematográficos que tanto traballo lle levou recompilar  pode que lle sirvan a alguén para darlle unha picelada a algunha aula.
No portal de José María Sorando podemos acceder a unha enorme colección de películas reseñadas. Fálasenos do argumento da película pero tamén dos aspectos matemáticos da mesma, e en moitos casos achamos entradas que van máis alá.
Hai outras formas de ligar as matemáticas co cine. Jack Nugent ten unha canle, Now you see it, na que sube vídeos nos que analiza algún tópico cinematográfico. Ten un adicado á análise de como as figuras xeométricas teñen un significado dentro da narrativa audiovisual. Os personaxes malvados reforzan esta característica cando se  nos presentan con narices e orellas puntiagudos e dedos longos; os triángulos acutángulos son as formas predominantes. Os círculos e as formas redondeadas consolidan as características de bondade. Un caso paradigmático é o de Mickey Mouse. Os cadrados e rectángulos indican rixidez, lentitude ou fortaleza e cando un personaxe aparece enmarcado nun rectángulo o director está transmitindo que está preso. O encuadramento circular indica vixiancia ou espionaxe. E se a imaxe está determinada por paralelas ou por liñas converxentes,... o mellor é ver o vídeo no que se explica todo isto.



Aproveito para darlle os parabéns aos organizadores do congreso de AGAPEMA. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario