A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC resolveu o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 da edición deste ano. Outra vez este concurso tráeme novas que me alegran inmensamente porque o traballo presentado desde o meu centro recibiu o 2º premio. As alumnas de 4º da ESO Alba Albarellos Pose, Noa Otero Calviño e Carla Prieto Loureiro do IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), axudadas polos profesores María Paz e Emilio Villanueva tiveron a feliz idea de crear un vídeo musical co título "A trigonometría non é un tostón". Desde que vin o vídeo hai un par de meses, estaba agardando a que saíra a resolución do premio, tiña a certeza de que estas rapazas recibirían un recoñecemento.
O primeiro premio foi para o traballo de Julia Rama González co traballo "Por que a raíz cadrada de 2 é irracional?" no que, mediante o uso de recursos de animación desenvolve unha fermosa demostración da irracionalidade de $\sqrt{2}$ que publicara o portal Gaussianos o ano pasado, recollida á súa vez da canle de Michael Penn, quen dicía tela recollido dun artigo de Theodor Stermann (1902-1991) publicado no 1961. Parece ser que esta demostración "fascinou a moitos matemáticos". Paga a pena coñecela.
O último traballo premiado é o deste vídeo de Teo Calo Suárez, "As matemáticas de Google Maps e máis alá". Magníficamente editado, Teo explícanos algunhas das características máis interesantes dos grafos.
Os premios "Explícoche Matemáticas 2.0" [ver en Retallos Webl] unha exitosa iniciativa da CNL da Facultade de Matemáticas da USC, tiveron a súa primeira edición no 2012. Desde aquela, e coa salvedade do ano 2020 (o da pandemia COVID) veñen outorgándose todos os anos polo que esta é a súa 12ª edición.
Van alá xa 10 edicións da convocatoria "Explícoche matemáticas 2.0". Dez veces dous minutos de matemáticas en galego. Un oasis no deserto xerado polo cambio climático que opera no ensino desde o ano 2010 co funesto decreto de prohibición de uso do galego nas matemáticas (e noutras materias). Gocemos con estes refachos de aire fresco que nos trae cada ano o SNL da Facultade de Matemáticas.
Na modalidade de ensino secundario os gañadores foron dous vídeos do IES Punta Candieira (Cedeira), un centro que tamén foi protagonista deste comezo de curso 2022-23 por ser onde se visibilizaron con máis forza os recortes sofridos polo ensino público.
Este vídeo sobre a medición do tempo foi realizado por Gema López Sixto, do citado IES de Cedeira foi o que recibiu o primeiro premio de Secundaria.
Este segundo vídeo do IES de Cedeira acadou un dos accéits. A súa autora é Ema Lourido Ponde.
O segundo accésit foi para Noa Ferreiro Bellas e Laura Vispalia Díaz, estudantes do IES Castro da Uz (As Pontes) por tratar este tema clásico da trigonometría: como medir alturas usando un espello.
As mencións especiais.
Finalmente o xurado concedeu mencións aos vídeos ‘As matemáticas non serven para nada’ de Iván Rodríguez Vázquez, alumno do Colexio Marista Cristo Rey da Coruña; ‘Arte ou matemáticas’ de Irene González Calvo e Raquel González Calvo, estudante do IES Adormideras (A Coruña); e ‘É 4,99... igual a 5?’ de Alba Casás Fuentes e Nadia Suárez Martínez, estudantes do IES Manuel Murguía (Arteixo)
Parabéns a todos. Un agarimoso agradecemento polo esforzo realizado.
Nunha serie de entradas anteriores ([1], [2], [3]) trouxéramos por aquí unha serie de problemas da United Kingdom Mathematics Trust (UKMT). Vou acrecentar esa lista cunha proposta máis. Ten a salientable característica de que, aínda que se pide unha solución numérica, non ofrece ningún dato numérico.
Dous cadrados. ABCD é un cadrado. P e Q son cadrados debuxados nos triángulos ADC e ABC, tal e como se ve na figura. Cal é a razón da área do cadrado P entre a do cadrado Q?
Cando un intenta resolver un problema procura buscar na memoria se hai algún problema semellante a este que lle poida achegar algunha pista. No intento que fixen para abordalo eu tiña a seguridade de que xa o atacara algunha outra vez. Incluso máis, creía lembrar que fora un deses problemas daquel concurso sustentado moitos anos por AGAPEMA chamado Rallye Matemático sen fronteiras. Cando fun á procura daqueles papeis non só me decatei de que estaba equivocado, senón que puiden comprobar que a mente humana, incluso a miña, percorre uns camiños realmente curiosos. Velaquí o problema do que tiña un impreciso recordo, que aparecera no Rallye Matemático do ano 2002:
Do cadrado grande ao pequeno. A área de un dos cinco cadrados da figura adxunta esta indicado en
cm2 . Cal é a área do cadrado negro?
‘A medición da liña costeira’, foi o traballo presentado pola alumna de 3º da ESO do IES As Bizocas ( O Grove) María Sanmartín Cabanas, e ‘Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría’, é unha peza de Francisco Estévez e Paula Mourille, estudantes de 4º da ESO no IES Celanova Celso Emilio Ferreiro. Estes foron os audiovisuais premiados o pasado xoves 20/06/19 na 8ª edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, organizado pola CNL da Facultade de Matemáticas da USC.
Na categoría de mellor valoración dos usuarios da arañeira o vídeo premiado foi‘Chiquicuriosidades’, realizado por Sara Marco Andrade, Carmen Caeiro Arca e Sofía Caramés Lage, alumnas de 4º de ESO do IES Frei Martín Sarmiento ( Pontevedra.)
Ademais dos premios cos que estaba dotado este concurso, o alumnado galardoado recibiu como agasallo o libro Mate-Glifos, do que xa falamos noutra ocasión.
Parabéns a todos os premiados, e tamén a todos os participantes. Seica así, aos pouquiños, Explícoche Matemáticas 2.0 xa leva xuntado un par de centos de vídeos relatando diversos aspectos das matemáticas.
Un último comentario do que teño que deixar constancia. No que fora un rechío estridente, o secretario xeral de política lingüística participara na pasada entrega de premios. Desta vez non se soubo nada del. Parece que con aquela intervención xa lle chegou. Demasiada dose de matemáticas en galego para quen ten como función principal prohibir as matemáticas en galego.
Acaba de facerse pública a resolución do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 do presente ano. En cada un dos audiovisuais recollidos polo xurado veremos desenvolto un tópico das matemáticas en menos de 2 minutos e medio. Cada un deles é unha labazada nas fazulas dos zunantes que manteñen as mentiras sobre o galego no ensino. O único certo a día de hoxe é que continúa a prohibición para impartir matemáticas en galego no ensino obrigatorio, unha medida que coadxuvada co prestixio e o aumento de carga lectiva dos últimos anos das materias de matemáticas, afonda no ataque á lingua galega no seu punto fulcral, o ensino.
Moi especialmente desde a posta en marcha do funesto decreto 79/2010 (o que chaman algúns do plurilingüismo), sabemos que a escola actúa, , como elemento desgaleguizador. Con todo, un grupo de afoutos rapaces elaboraron un material que divulga (en galego) un aspecto das matemáticas e deben recibir o premio do noso recoñecemento. Destacamos algúns deles.
Aarón Vilariño Folgueira, alumno de 4º da ESO do IES Lamas de Abade (Santiago) , foi o premiado na categoría A (2º ciclo da ESO, bacharelato e Formación Profesional) cun gorentoso traballo no que debulla como calcular o tamaño da Terra, experiencia da que demos conta noutras entradas.
Na cateboría B (Universidade), houbo dous premiados. Un deles foi o víedo "Diagramas de Voronói", de María Navarro Martínez e Iria Lago Portela, alumnas de grao de Matemáticas da USC
O outro premio da categoría B foi para "O problema do camiño máis rápido: a cicloide", de Jesús Conde Lago, alumno de doutoramento en Matemáticas da USC. Certamente as aplicacións da cicloide e a súa traxectoria estelar na historia das matemáticas serán sempre fonte de inspiración.
Nesta última moxalidade de alumnado de mestrado ou doutoramento, o xurado acordou conceder un accésit ao vídeo "O teorema da pizza", de Brais Prieto Moure, alumno de doutoramento en Ciencias da Comunicación da USC. Non podo negar que foi o que máis me prestou por levar á excelencia o guión e a realización.
Finalmente, Clara Rey Barona e Laura Álvarez Barbosa, do IES Escolas Proval (Nigrán) demostraron ser as máis populares pois o seu vídeo "Buscando aproximacións do número Pi mediante o método de Arquímedes", foi o máis valorado polos internautas. O título do tema dá pistas sobre o tema que trata.
O dito: parabéns a todos os participantes e agradecemento aos organizadores.
No IES Antón Losada (A Estrada) participamos na edición deste ano no concurso convocado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC, Explícoche matemáticas 2.0. Facémolo con este vídeo no que rescatamos un problema do século XV. Entre outras cousas, trátase de poñer en evidencia que as matemáticas poden, e deben, ir da man da normalización lingüística, por moito que lles pese aos que defenden o decreto do plurilingüismo e a ideoloxía subxacente de expulsión da lingua galega do ensino do ámbito científico.
Resólvese un problema de optimización tomando como punto de referencia o monumento ao labrego, da parroquia de Lagartóns (A Estrada), erixido no ano 1916 en conmemoración dunha victoria agrarista do ano anterior.
O problema en cuestión é esencialmente o mesmo que propuxo Regiomontano no 1471. Consiste en determinar a distancia á que se ten que situar unha persoa para que o ángulo de visión dunha estua sexa máximo. Cos datos que aportamos (ver Ilustración 1), estamos diante dun típico problema de cáculo de máximos que pode ser resolto polo alumnado de 1º de bacharelato mediante o cálculo de derivadas.
Alternativamente, no vídeo propoñemos unha solución que está ao alcance dun alumno da secundaria obrigatoria pois únicamente bastaría ter en conta que os ángulos que abarcan o mesmo arco SI son iguais (ver Ilustración 2) e que, obviamente calquera ángulo α con vértice nun punto V da recta v é menor que o correspondente ángulo β en Q:
Para obter a solución precisamos trazar unha circunferencia que pase polos puntos superior (S) e inferior (I) da estatua e que sexa tanxente á recta que marca a altura do ollo do observador (v) (ver Ilustración 3). O centro desta circunferencia debe estar na mediatriz m de S e I. Chamémoslle a á distancia entre m e v, sabemos que o raio da circunferencia que nos dará a solución debe ser a .Así a circunferencia de raio a e centro S cortará á recta M no punto H, quen será o centro da circunferencia buscada.
Se o ano pasado facíamos unha publicación dixital de 22 esopías, este ano achegamos unha escolma doutras 37. E iso que só estan recollidas as que máis lle gustaron ao xurado entre as participantes no II Concurso de Esopías que o ENDL do IES Pintor Colmeiro (Silleda) convocou este curso.
Como novidade, nesta ocasión contamos coa colaboración do Departamento de Plástica coas ilustracións que fixeron alumnos de 3º da ESO
Entre as creacións aquí recollidas está a que obtivo o premio do 2º ciclo da ESO e Bacharelato do III Concurso de Esopías celebrado na IX Feira Matemática
Por se alguén non o recorda, unha esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π.
O que máis me gusta poñer neste blogue son aquelas entradas que, facendo sempre referencia á normalización, tratan algún aspecto das matemáticas.
Con completo acerto desde a Comisión de Normalización da Facultade de Matemáticas da USC convocaron hai 3 anos o primeiro concurso de vídeos 'explícoche matemáticas 2.0" (o de 2.0 fai referencia a que deben durar 2 minutos). Este ano volve a dar na diana pois ampliaron a participación aos centros de ensino non universitario. Velaquí os vídeos finalistas.
Con todo, o vídeo que presento aquí non é ningún deses pero como foi o relizado por tres alumnos meus de 1º de bacharelato (Alberto Fariña, Isidro Gil e Román Estévez), fago referencia a el.
Nesta peza audiovisual quixeron mostrar unha aplicación práctica das matemáticas que coñecen xa de cursos anteriores para actuar sobre o entorno.
Escolleron unha construcción moi visible desde a N-540 situada na estrada de Silleda a Lalín, no polígono industrial de Silleda. Trátase da torre de bombeiros da localidade.
Aplicando a semellanza de triángulos e tendo en conta a propiedade que determina que o ángulo de incidencia coincide co de reflexión, bastábanos un espello e un observador .Marcaron sobre o espello o punto no que o observador vía o punto máis alto da torre. Medimos:
A distancia dos ollos do observador ao chan.
A distancia do observador o punto do espello
A distancia da torre ao punto do espello
A partir disto, calcular a altura da torre é ben simple, basta con aplicar o concepto de semellanza de triángulos.
Finalmente, non deixedes de botarlle un ollo aos vídeos escollidos, especialmente o gañador da edición deste ano, "O xadrez, as progresións e a rapaciña de Friol", realizado polo alumnado do IES do Camiño (Palas de Rei), seguro que cos bos consellos de Manuel Vilariño, o seu profesor de matemáticas.
Podían ser moitas máis, pero estas 22 foron as que máis nos gustaron aos membros do xurado do IES Pintor Colmeiro (Silleda).
En primeiro lugar, que é unha esopía? Unha esopía é un relato, comentario ou poema cun máximo de 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número pi: 3,14159265....
Por primeira vez, e en vista do éxito que tivera noutros centros o concurso de esopías, decidímonos a mergullarnos nel colaborando conxuntamente o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Matemáticas co fin de demostrar, unha vez máis, que a lingua galega e os números fan boa compañía.
O resultado foi sorprendente. Tanto que nos animamos a editar esta escolma coas 22 esopías ( unha pequena parte do total das entregadas neste concurso) que máis nos chamaron a atención e que son unha boa mostra das dificultades que tivo o xurado para escoller aos premiados. Calquera das creacións que se poden ver aquí é merecedora do noso recoñecemento.
O noso alumno David Cabaleiro (3ºB), foi o gañador do concurso de esopías convocado pola Fundación Educabarrié en colaboración con AGAPEMA na categoría de ESO e Bacharelato.
David tamén foi o gañador do concurso co convocado no centro e co que o ENDL e o Departamento de Matemáticas promovían a elaboración deste curioso tipo de creación escrita.
Dáse o caso curioso de que a esopía coa que David Cabaleiro gañou o concurso convocado por Educabarrié e AGAPEMA era distinta daqueloutra pola que recibiu o premio no noso centro. Primeiro achegámosvos a esopía coa que gañou o certame do centro:
Son o mito, o fogar acolledor, os berros feros; voz veraz, palabras olvidadas, romance enmeigado, son de Lúa, inmortal soño: lingua de utopía pura
E a obra pola que recibiu o premio esta fin de semana no transcurso da VII Feira Matemática nas instalacións de Palexco (A Coruña):
Vou á cama e durmo, tranquila. Os ventos calan sen razón, silencio alarmante. Síntome esquecida, soa na Lúa. Fantasía, soño, engano de agonía cega.