martes, 24 de abril de 2018

Conway en Vila de Cruces




É enorme a cantidade de vídeos de matemáticas subidos á canle de You Tube Tales no Camballón Films, do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces). Había tempo que tiña ganas de falar dela e este vídeo que comparto aquí ofreceume a escusa perfecta. Aproveito para felicitar con verdadeira ansia aos autores da canle polo seu fantástico traballo e voume a atrever a engadir unha recomendación e unha petición. A recomendación é a de que fagan uso dunha lingua de calidade, como por exemplo o uso da denominación xe no canto da incorrección *equis. A petición é a de que continúen o seu labor.
Para quen non saiba do tema que se trata no vídeo quizais lle conveña, antes de darlle ao play, ler antes esta entrada.

Un libriño de Miguel de Guzmán
O problema dos soldados no deserto coñecíao dun libriño de Miguel de Guzmán, Cuentos con cuentas (Labor bolsillo Juvenil, 1984). Custárame 520 pesetas. Con bastante optimismo, penso eu, o texto estaba recomendado "a partir de 12 anos". Tempo despois foi reeditado en Nivola.
Neste texto  preséntase a cuestión como a do xogo da "ra saltadora". Unha excelente explicación do xogo tamén a temos nun artigo de Adrián Paenza.
Partimos dun taboleiro cuadriculado todo o grande que queiramos, cunha liña horizontal destacada ou fronteira que divide a rexión superior da rexión inferior. En cada cela da rexión inferior podemos colocar unha ficha. Os movementos permitidos recordan ao xogo das damas cando se come: saltamos por enriba dunha ficha e movémonos ata a seguinte cela baleira. Só podemos movernos en horizontal ou vertical.

movementos
O reto consiste en colocar todas as fichas que queiramos por debaixo da fronteira co obxectivo de alcanzar a fila máis alta posible por enriba da fronteira realizando os movementos permitidos. Vemos de seguido un exemplo cunha disposición inicial de 4 fichas, coa cal o resultado final dos movementos pode ser a cela marcada cunha ficha clara.

Con 4 fichas podemos
alcanzar a segunda fila

Cantas fichas necesitamos (e como debemos colocalas) para alcanzar a fila 1 da rexión superior?
E para a fila 2? e para a 3? e para a 4? e para a n-ésima?
Un bo exercicio consiste en desentrañar estas cuestións. Para obter a resposta a algunha delas podes premer aquí abaixo, aínda que, como é habitual nestes casos, antes recoméndase reflexionar un pouco.

xoves, 12 de abril de 2018

Corolarios do teorema de Varignon

Non é inferecuente que nos textos de matemáticas encontremos distintas denominacións para os resultados: teoremas, lemas, corolarios. Vou intentar ofrecer un exemplo no que se poñen en evidencia as características principais destas etiquetas.
Nun principio todos os resultados poderían nomearse como teoremas, pero en certas ocasións, se facemos uso dun resultado secundario dentro do relato, diremos que está xogando o papel de lema. Consideremos o seguinte caso:
Ao unir os puntos medios A', do lado AC, e B', do lado BC, obtemos un triángulo A'B'C, semellante a ABC, de razón de semellanza  ½ polo que:
Lema. Dado un triángulo ABC, sexan A' e B' os puntos medios dos lados AC e BC. Entón A'B'||AB e A'B'=½AB. Ademais [A'B'C]=¼ [ABC] (onde [ABC]= área do polígono ABC)
Este lema facilitaranos a demostración do seguinte teorema que foi publicado no 1731 por Pierre Varignon (1654-1722). Trátase dun resultado dobremente sorprendente. Por unha banda está a xeneralidade do seu enunciado e por outra chama a atención que non fose descuberto ata data tan tardía.
Teorema de Varignon. En calquera cuadrilátero ABCD os puntos medios dos lados W, X, Y, Z, forman un paralelogramo.
Para demostralo consideramos o triángulo ABD construído ao trazar a diagonal BD do cuadrilátero. Este triángulo é do tipo dos considerados no lema, de aí que XW||BD e XW=½BD.
Análogamente para o triángulo BDC:  YZ||BD e YZ=½BD. Polo tanto XW||YZ e XW=YZ.
Trazando a diagonal AC obtemos o triángulo ADB para o que XY||AC e XY=½AC.
Análogamente para o triángulo CBD: WZ||AC e WZ=½AC. Polo tanto XY||WZ e XY=WZ.
En definitiva, o cuadrilátero WXYZ é un paralelogramo. Chamarémoslle paralelogramo de Varignon asociado ao cuadrilátero ABCD.

Corolario 1. A área do paralelogramo de Varignon é a metade da do cuadrilátero.
Para demostrar este corolario calcularemos a área que queda fóra do paralelogramo de Varignon. Para iso basta ter en conta o que nos di o lema sobre as áreas dos triángulos:
$$\begin{matrix} \left[ AXW \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABD \right] \\ \left[ CYZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ BCD \right] \end{matrix}\Longrightarrow \left[ AXW \right] +\left[ CYZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABCD \right] $$ $$\begin{matrix} \left[ BXY \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABC \right] \\ \left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ACD \right] \end{matrix}\Longrightarrow \left[ BXY \right] +\left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABCD \right] $$ $$\left[ AXW \right] +\left[ CYZ \right] +\left[ BXY \right] +\left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 2 } \left[ ABCD \right] $$ $$\left[ XYWZ \right] =\frac { 1 }{ 2 } \left[ ABCD \right] $$
Se repasamos a demostración do teorema veremos que cada par de lados oposto do paralelogramo de Varignon mide a metade da diagonal do cuadrilátero á que son paralelos. De aí que teñamos o seguinte
Corolario 2. As diagonais dun cuadrilátero son iguais ⇔ o seu paralelogramo de Varignon é un rombo
Isto é porque os rombos son os cuadriláteros cos 4 lados iguais.

Outra vez, sacándolle o zume á demostración do teorema, veremos que cada par de lados opostos do paralelogramo de Varignon é paralelo a cada súa diagonal do cuadrilátero polo que:
Corolario 3. As diagonas dun cuadrilátero son perpendiculares ⇔ o seu paralelogramo de Varignon é un rectángulo
Estes dous últimos corolarios establecen un nexo de caracterización entre as diagonais do cuadrilátero e o paralelogramo de Varignon. De aí que poidamos obter unha nova consecuencia, o coñecido como teorema de Finsler-Hadwiger. Trátase dun teorema especialmente atractivo pola súa simplicidade de elementos tanto nas premisas como na conclusión.

Corolario 4. (Teorema de Finsler-Hadwiger). Dados dous cadrados OABC e OA'B'C' cun vértice común O, os puntos medios dos segmentos AA' e CC' xunto cos centros dos cadrados forman tamén un cadrado (isto é: WXYZ é un cadrado)
Sexa o cuadrilátero AA'C'C, demostraremos que o seu paralelogramo de Varignon WXYZ é un cadrado. Para iso consideremos os triángulos AOC' e A'OC:

$$\widehat { AOC' } =\theta +90=\widehat { A'OC } \\ OC'=OA'\\ OC=OA$$ Polo tanto os triángulos AOC' e A'OC son congruentes e AC'=A'C.  (no caso de non formarse un triángulo por ser θ=90º,  aínda se verificaría que AC'=A'C). Unha rotación de 90º transforma OAC' en A'OC, polo que AC' e A'C son perpendiculares.
Pois ben, A'C e AC' son as diagonais do cuadrilátero AA'C'C polo que o seu paralelogramo de Varignon WXYZ é un rombo (por seren iguais as diagonais e aplicando o corolario 2) e tamén é un rectángulo (por seren perpendiculares as diagonais e aplicando o corolario 3). Isto é, WXYZ é un cadrado.

Curiosamente, a pesar da evidente relación entre o teorema de Varignon e o de Finsler-Hadwiger, nunca a vin descrita por texto ningún. De certo que alguén por aí fóra hai quen si a tiña visto polo que a miña conclusión é que leo pouco.

martes, 3 de abril de 2018

Matemaxia ou o decreto de plurilingüismo en evidencia


A banda de Möbius, a numeración binaria, as propiedades das mesturas por arrastre...Calquera profesor de matemáticas pode explicar sen dificultade calquera dos trucos que o mago Paco presenta neste excelente vídeo que gravaron no CEIP do Carballal (Marín). Está claro que a actividade resultou gorentosa para a rapazada que tivo a sorte de participar nela. Aprenderon matemáticas e, a un tempo, asistiron a espectáculo de maxia. 
A cara escura desta actividade non está na actividade en si, senón en que, para os absurdos parámetros da Xunta de Galicia, esta é unha actividade ilegal. Efectivamente, trátase dunha clase de matemáticas en galego, prohibida polo funesto decreto do plurilingüismo. O monstruoso do asunto sería que ésta fose a única clase en galego que este alumnado de 5º de primaria tivese en toda a súa vida escolar. Vendo un exemplo concreto do que prohíbe a Xunta é máis evidente de ata onde chega o nivel de odio á lingua galega dos gobernantes que padecemos. 
Unha vez máis, parabéns ao profesorado do CEIP do Carballal por achegaren ao alumnado unha actividade lúdica e formativa. Parabéns que fago extensivos ao mago Paco, por botar man das matemáticas nun dos seus espectáculos, ofrecendo unha nova perspectiva para o achegamento desta materia ás aulas.

martes, 27 de marzo de 2018

Experimento Eratóstenes 2018



O IES Antón Losada (A Estrada) volveu a participar no Experimento Eratóstenes. A primeira parte do proceso consiste en medir a sombra dun pau de 1 metro colocado perpendicular á horizontal. Desta vez contamos coa axuda do Ciclo Medio de fabricación a medida e instalación de carpintería e moble, que nos fixo o obelisco que se pode ver nas fotos para intentar unha medida o máis precisa posible. A ferramenta utilizada neste apartado foi a seguinte:
Material

  • unha construción cun pau vertical de 1 metro
  • unha cinta métrica
  • unha escuadra de carpintería para poder realizar a medición máis cómodamente trasladando a posición do extremo da sombra ao borde do taboleiro sobre o que se realizaban as medidas
  • un nivel para asegurarnos de que mediamos na horizontal. Pódese ver nas fotografías que o chan das pistas deportivas está inclinado pois tivemos que calzar a mesa cun libro (para algo teñen que servir estes obxectos). Cómpre comentar que o ano pasado realizaramos as medicións sobre esta pista.
  • un móbil co que consultar a hora solar local para verificar que as medicións se realizaban ao mediodía

Desenvolvemento do experimento
Os libros son útiles
serven para nivelar o instrumental
O día estivo despexado, ata que comenzou a encherse de nubes xusto no momento de realizar as medicións. Tivemos bastantes problemas para realizalas. Había que esperar a que o sol aparecese entre as nubes e aproveitar a toda présa ese momento para efectuar a medición. Tiñamos feitos varios grupos de 3 ou 4 alumnos. Cada grupo realizaba a súa propia medición. Posteriormente, na segunda parte da experiencia cada grupo debía localizar outro centro escolar que participara no experimento Eratóstenes 2018 e, utilizando o google maps, medir a distancia entre ese centro e o noso e xa con eses datos calcular a lonxitude da circunferencia da Terra.

A maior parte do traballo
 realizouse na aula
Para simplificar o traballo ofrecinlles o resultado obtido o ano pasado por un centro que está no noso mesmo meridiano, o GDSR Youssoufia, en Marrocos. Alí a sombra era de 0,63 m polo que o ángulo de incidencia do sol sería de αY =arctan(0,63)= 32,21º. Hai unha alternativa consistente en escoller o punto do ecuador que teña a mesma lonxitude ca nós. Neste caso a ventaxa é que no ecuador non hai sombra ao mediodía, isto é, o ángulo de incidencia do sol é de 0º e así a explicación do experimento vólvese máis sinxela ao asemellarse ao relato que se fai do experimento realizado por Eratóstenes.
Con esta opción non temos que xustificar que para obter o ángulo no centro da Terra teñamos que restar os ángulos obtidos nas medicións dos dous institutos.
O alumnado estraba distribuído en grupos de 3 ou 4 alumnos. Cada un obtivo os seus propios datos e, consecuentemente os seus propios resultados. Estes foron todos distintos e distribuíronse entre os 21.201 km (!) e os 41.430 km. A maioría deron resultados na veciñanza dos 40.190 km, o cal non está nada mal tendo en conta que a medida do meridiano é de 40.013 km.




martes, 20 de marzo de 2018

Onde está a Meca



A Meca está aquí, en cada un de nós. A nosa Meca é o galego. 
Isto é o que deberon pensar no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago (USC) e por iso se meteron ao traballo de elaborar unha serie de vídeos  didácticos na que diversos especialistas desenvolven unha cuestión con rigor científico e académico. Ademais realizan as explicacións de forma moi clara, o cal os convirte en ferramentas didácticas para o ensino secundario de aproveitamento prácticamente obrigado.
Entre os primeiros vídeos que nos achega esta canle quixera destacar o que aparece nesta entrada porque trata un aspecto das matemáticas ..en galego! . Gustaríame que isto servira  para vergoña da Consellería de Educación que é quen prohíbe, vía o funesto decreto 79/2010, se poidan reproducir estes vídeos nunha aula do ensino secundario. Eu animo a todos os docentes a que o fagan, e de paso expliquen nas súas aulas a atrabiliaria prohibición emanada dunha Xunta enemiga do uso da lingua que debería defender.
A peza Onde está a Meca,  está protagonizada pola incansable profesora Elena Vázquez Abal, que sempre parece disposta a colaborar en proxectos de divulgación das matemáticas (nunca llo agradeceremos os sufiente). Trátase dunha  fermosa introdución á xeometría da esfera. O obxectivo é reflexionar sobre cales son as xeodésicas na superficie terrestre (se se me permite a redundancia).
O discurso do audiovisual que acabamos de desvelar tamén o usou Elena nesta segunda peza que deixo de regalo de seguido. O primeiro vídeo ben podería ser un anuncio promocional do segundo,  que formou parte das xornadas de divulgación científica Achegando a ciencia desenvolvidas noprogramadas noVello Cárcere de Lugo. Eu xa presenciei esta conferencia na Facultade de Matemáticas, na que se fala de xeometría e de mulleres no mundo científico. Un pracer que me encantou rememorar.
Velaquí O sexto sentido:

martes, 13 de marzo de 2018

Palabras secuestradas, palabras liberadas



Parémonos un momento a reflexionar en como valoraríamos un goberno que prohibe palabras como democracia,  referéndumliberdade de expresión,...
A mesma valoración merecía un goberno que non mermitise o uso destas palabras no seu contexto natural, isto é, no debate político, na lexislación, no sistema educativo....Nunha sociedade occidental actual iso sería inimaxinable.
Se o secuestro terminolóxico se referise a palabras como cotanxentegrafomultiplicación ou topoloxía, a nosa consideración iría aínda máis alá. Efectivamente, alén da valoración moral e política cualificaríamos a situación con adxectivos como kafkiana, irracional, surrealista.,...
E se vos dixera que isto está a suceder agora e aquí?
O pasado luns (11/03/18) o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o responsable do Seminario de Lexicografía desa mesma institución, Manuel González, presentaron xunto a uns representantes dun grupo de traballo de terminoloxía matemática, a actualización de 168 termos do dicionario da Academia. Esta boa nova non o é só desde o punto de vista puramente lingüístico. Chega máis alá porque “un paso imprescindible para a normalización é o establecemento dunha terminoloxía suficiente e precisa”. Nesta mesma liña, destácase a preocupación "pola prohibición do emprego da terminoloxía matemática no ensino non universitario vía o decreto 79/2010 "pois un segundo paso esencial para a normalización é o uso natural da lingua no seu contexto. No caso dos termos matemáticos este contexto está nas aulas de matemáticas, especialmente do ensino non universitario, que é onde se aprende o significado dos mesmos.
Velaquí un grupo de palabras secuestradas. Pídovos que as liberedes nas aulas de matemáticas. Son vosas:

anelaplicaciónarranxobasebicadráticabilinealcentenaconxunto (baleiro), cordacosecantecotanxentecovarianciacrebadocubocadrado (perfecto), desviacióndesvíodeterminantedivisorelipseesferafocofracción , grupografohomeomorfismohomomorfismohexadecimalimaxeinterpolacióninterpolarintervalolímitemaximizarmedianamediaminimizarmodamódulomultiplicaciónmultiplicadornegativonúmero (abstracto, alxébrico, composto, e, i mixto, perfecto, pi, números_congruentes), optimizaroctalóvaloparámetroperimetralpipolinomialrecíprocaregresiónrestasecantesecuenciasucesiónsumatanxentetopoloxíatransitivaunidadeuniónunitario (conxunto)varianciavarianza

Como vedes, non son todas mais en todas elas poderase ver unha mensaxe como na da imaxe que acompaña esta entrada, informando da actualización. Certamente hai máis palabras que estas que se referencian aquí, pero non teñades medo a usalas. Non se gastan. Máis ben ao contrario, canto máis se usan máis forza cobran.
E quen pode ter medo de que as palabras, e con elas a lingua, cobre forza?

xoves, 1 de marzo de 2018

Prentententoonstelling

Cacao recursivo
Acabo de rematar estes días unha lectura moi agradable, a os libros coordinados por Fernando Blasco, e editados pola RSME e SM, Gardner para principiantes e Gardner para aficionados. Cada un dos capítulos é dun autor distinto, polo tanto está asegurada a variedade. Iso si, o espírtito de Martin Gardner está por detrás de todos eles, o cal non deixa de ser unha garantía. Un efecto secundario destas lecturas foi a volta ao repaso dalgún daqueles libros de Gardner que había xa moitos anos, en moitos casos, que non tocaba.
O segundo dos volumes, Gardner para aficionados, tróxome á memoria a análise complexa, algo que nalgunha ocasión tiven que estudar (ou iso creo) xa que nun dos seus capítulos faise referencia ás funcións exponenciais e logarítmicas no plano complexo pois esta foi a forma en que o profesor Hendrik Lenstra, da Universidade de Leiden,  conseguiu reelaborar a transformación que fixera o artista M. C. Escher na súa obra Prentententonnstelling (Galería de gravados).
O capítulo que trata sobre estas cuestións fala do efecto Droste, unha forma de nomear unha forma de recursividade nas imaxes que fai referencia ao deseño das caixas de chocolate da firma do mesmo nome.
Con estes vimbios elaboránrose audiovisuais que poden dar medida do mareante e suxerente que pode ser o estudo da análise complexa.




Unha segunda versión: