Nun principio todos os resultados poderían nomearse como teoremas, pero en certas ocasións, se facemos uso dun resultado secundario dentro do relato, diremos que está xogando o papel de lema. Consideremos o seguinte caso:
Ao unir os puntos medios A', do lado AC, e B', do lado BC, obtemos un triángulo A'B'C, semellante a ABC, de razón de semellanza ½ polo que:
Lema. Dado un triángulo ABC, sexan A' e B' os puntos medios dos lados AC e BC. Entón A'B'||AB e A'B'=½AB. Ademais [A'B'C]=¼ [ABC] (onde [ABC]= área do polígono ABC)Este lema facilitaranos a demostración do seguinte teorema que foi publicado no 1731 por Pierre Varignon (1654-1722). Trátase dun resultado dobremente sorprendente. Por unha banda está a xeneralidade do seu enunciado e por outra chama a atención que non fose descuberto ata data tan tardía.
Teorema de Varignon. En calquera cuadrilátero ABCD os puntos medios dos lados W, X, Y, Z, forman un paralelogramo.Para demostralo consideramos o triángulo ABD construído ao trazar a diagonal BD do cuadrilátero. Este triángulo é do tipo dos considerados no lema, de aí que XW||BD e XW=½BD.
Análogamente para o triángulo BDC: YZ||BD e YZ=½BD. Polo tanto XW||YZ e XW=YZ.
Trazando a diagonal AC obtemos o triángulo ADB para o que XY||AC e XY=½AC.
Análogamente para o triángulo CBD: WZ||AC e WZ=½AC. Polo tanto XY||WZ e XY=WZ.
En definitiva, o cuadrilátero WXYZ é un paralelogramo. Chamarémoslle paralelogramo de Varignon asociado ao cuadrilátero ABCD.
Corolario 1. A área do paralelogramo de Varignon é a metade da do cuadrilátero.Para demostrar este corolario calcularemos a área que queda fóra do paralelogramo de Varignon. Para iso basta ter en conta o que nos di o lema sobre as áreas dos triángulos:
$$\begin{matrix} \left[ AXW \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABD \right] \\ \left[ CYZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ BCD \right] \end{matrix}\Longrightarrow \left[ AXW \right] +\left[ CYZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABCD \right] $$ $$\begin{matrix} \left[ BXY \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABC \right] \\ \left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ACD \right] \end{matrix}\Longrightarrow \left[ BXY \right] +\left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 4 } \left[ ABCD \right] $$ $$\left[ AXW \right] +\left[ CYZ \right] +\left[ BXY \right] +\left[ DWZ \right] =\frac { 1 }{ 2 } \left[ ABCD \right] $$ $$\left[ XYWZ \right] =\frac { 1 }{ 2 } \left[ ABCD \right] $$
Se repasamos a demostración do teorema veremos que cada par de lados oposto do paralelogramo de Varignon mide a metade da diagonal do cuadrilátero á que son paralelos. De aí que teñamos o seguinte
Corolario 2. As diagonais dun cuadrilátero son iguais ⇔ o seu paralelogramo de Varignon é un romboIsto é porque os rombos son os cuadriláteros cos 4 lados iguais.
Outra vez, sacándolle o zume á demostración do teorema, veremos que cada par de lados opostos do paralelogramo de Varignon é paralelo a cada súa diagonal do cuadrilátero polo que:
Corolario 3. As diagonas dun cuadrilátero son perpendiculares ⇔ o seu paralelogramo de Varignon é un rectánguloEstes dous últimos corolarios establecen un nexo de caracterización entre as diagonais do cuadrilátero e o paralelogramo de Varignon. De aí que poidamos obter unha nova consecuencia, o coñecido como teorema de Finsler-Hadwiger. Trátase dun teorema especialmente atractivo pola súa simplicidade de elementos tanto nas premisas como na conclusión.
Corolario 4. (Teorema de Finsler-Hadwiger). Dados dous cadrados OABC e OA'B'C' cun vértice común O, os puntos medios dos segmentos AA' e CC' xunto cos centros dos cadrados forman tamén un cadrado (isto é: WXYZ é un cadrado)Sexa o cuadrilátero AA'C'C, demostraremos que o seu paralelogramo de Varignon WXYZ é un cadrado. Para iso consideremos os triángulos AOC' e A'OC:
$$\widehat { AOC' } =\theta +90=\widehat { A'OC } \\ OC'=OA'\\ OC=OA$$ Polo tanto os triángulos AOC' e A'OC son congruentes e AC'=A'C. (no caso de non formarse un triángulo por ser θ=90º, aínda se verificaría que AC'=A'C). Unha rotación de 90º transforma OAC' en A'OC, polo que AC' e A'C son perpendiculares.
Pois ben, A'C e AC' son as diagonais do cuadrilátero AA'C'C polo que o seu paralelogramo de Varignon WXYZ é un rombo (por seren iguais as diagonais e aplicando o corolario 2) e tamén é un rectángulo (por seren perpendiculares as diagonais e aplicando o corolario 3). Isto é, WXYZ é un cadrado.
Curiosamente, a pesar da evidente relación entre o teorema de Varignon e o de Finsler-Hadwiger, nunca a vin descrita por texto ningún. De certo que alguén por aí fóra hai quen si a tiña visto polo que a miña conclusión é que leo pouco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario