Na anterior entrada presentaba este problema que aparecía no libro Circo matemático (Alianza Editorial) de Martin Gardner.
Tres cadrados. Demostra que $\alpha$ é a suma dos ángulos $\beta$ e $\gamma$
Alí xa indicaba que $\alpha=45$, polo que o problema é equivalente a demostrar que $\alpha+\beta+\gamma=90$. Tamén daba cinco solucións ao mesmo. Continuamos (e rematamos) a serie de solucións
6. Sen palabras
Quizais esta sexa a demostración máis simple
7. Números complexos
Despois da demostración máis simple, a máis complexa.
Os ángulos $\alpha$, $\beta$ e $\gamma$ son os argumentos dos números complexos $1+i$, $2+i$ e $3+i$:
$$\left ( 1+i \right )\left ( 1+2i \right )\left ( 1+3i \right )=r_{1}r_{2}r_{3}e^{\alpha+\beta +\gamma}$$
$$\alpha +\beta +\gamma =arg\left [ \left ( 1+i \right ) \left ( 2+i \right )\left ( 3+i \right )\right ]=arg\left ( 10i \right )=90$$
8. Ángulo inscrito
Tanto este resultado como o seguinte recollinos dese país das marabillas que é Cut the Knot. Como se verá, dúas pedras preciosas.
∠RPS é un ángulo inscrito na circunferencia que abrangue o mesmo arco que ∠RQS, polo que son iguais. Xa na solución 5 a este mesmo problema vimos que $\alpha$ é a suma de $\beta$ e $\gamma$ por ser exterior ao triángulo QRS.
9. Circunferencia inscrita nun cadrado
Isto é unha adaptación de Cut of de Knot
Sobre unha circunferencia de raio 5 trazamos todos os segmentos que se poden ver na imaxe. Consideremos o triángulo isóscele de ángulos $2\gamma$, $\theta$ e $\theta$. Como a súa suma é de 180º debe verificarse que $\theta=90-\gamma$. De aí que as denominacións dos ángulos $\gamma$, $2\gamma$, $\beta$ e $2\beta$ sexan coherentes. Nótese que continuamos coa mesma denominación para $\gamma$ e $\beta$ que nos apartados anteriores.
Como $2\gamma+2\beta=90$ tamén se verifica a igualdade que buscamos: $\gamma+2\beta=45$
10. As arcotanxentes
Foi esta solución a que me moveu a escribir estas entradas no blogue. Nalgunha outra ocasión xa presentara esta atractiva fórmula ([1], [2])protagonizada por arcotanxentes, de apariencia completamente inútil.
$$arctan1+arctan2+arctan3=180$$
Está claro que $arctan1=90-\alpha$, $arctan2=90-\beta$ e que $arctan3=90-\gamma$ de aí que$$90-\alpha+90-\beta+90.\gamma=180 \Rightarrow \alpha=90-\alpha=\beta+\gamma$$
11, As arcocotanxentes
$\alpha=arctan\left ( a \right ) \Rightarrow 90-\alpha=arccot\left ( a \right )$ polo tanto $arctan\left (a \right )=90-arccot\left ( a\right )$
Teño que confesar que esta solución é esencialmente igual á anterior, pero apetecíame introducir un este termo practicamente desaparecido da linguaxe matemática: arcocotanxente. Veremos que non é a derradeira vez que o utilice pois a iso estará adicada a seguinte entrada deste blogue.
$\alpha=arctan\left ( a \right ) \Rightarrow 90-\alpha=arccot\left ( a \right )$ polo tanto $arctan\left (a \right )=90-arccot\left ( a\right )$
Recollo outra vez a atractiva fórmula do apartado anterior
$$arctan1+arctan2+arctan3=180$$
E escríboa en función de arcocotanxentes para obter unha nova e non menos atractiva fórmula:
$$\left (\Rightarrow 90-arccot1 \right )+\left (\Rightarrow 90-arccot2 \right )+\left (\Rightarrow 90-arccot3 \right )=180\\arccot1+arccot2+arccot3=90$$
Pero resulta que $arcotan1=\alpha$, $arcotan2=\beta$ e $arcotan3=\gamma$, o que significa que $\alpha+\beta+\gamma=90$, que era o que queriamos demostrar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario