sábado, 6 de xullo de 2019

Os secretos matemáticos do triángulo de Pascal


Velaquí o famoso vídeo de TEDed sobre o triángulo de Pascal con subtítulos en galego. A cousa empezou nos XXI Encontros para a normalización lingüística organizados polo Consello da Cultura Galega. Alí Xusto Rodríguez explicou como funcionaba o proxecto de tradución de vídeos TED.
O proceso de aprendizaxe de uso da plataforma de tradución é simple. Basta con seguir os pasos indicados nesta serie de vídeos.
A ventaxa principal deste tipo de traballo, penso eu, é a simplicidade de todo o proceso. O peor é que para que se publique unha tradución é que hai que agardar a que outro tradutor, nun principio máis experto, che revise o traballo e non sempre vai haber alguén do outro lado da arañeira de internet mirando a ver o que fas. Cumpriría ter un grupo de traballo organizado para sacar adiante tanto as traducións feitas e sen publicar, como as que vaian chegando. Unha dificultade engadida, segundo me pareceu ver, é que na primeira tradución gozas dunha serie de ventaxas que xa non se dan nas seguintes (agás que soltes a xarda). Ademais de facer a tradución, hai que colocar cada secuencia dentro dun intervalo de tempo. A primeira vez podes usar a temporalización doutro idioma. Non poder seguir facéndoo nas seguintes é unha carga de traballo engadida, e non pequena. Con todo, no momento da publiación desta entrada, xa hai unhas 300 traducións ao galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario