A que profesor de matemáticas non lle preguntaron algunha vez sobre a utilidade do que se trataba nas clases?
Nos primeiros anos de docencia respondía falando dun clásico: o estudo das cónicas por Apolonio de Perga (III a.C.). un traballo que parecía completamente inútil ata que despois de case dous milenios Johannes Kepler (1571-1630) aplicara o coñecemento das cónicas ao estudo das traxectorias dos planetas. Efectivamente, os astros errantes movíanse en traxectorias elípticas arredor do Sol, situándose éste nun dos seus focos. A cara do alumnado nese momento era un poema. Non lle vían a utilidade ao coñecemento da primeira lei de Kepler, e confimánranse aínda máis na súa primeira opinión.
Máis recentemente faláballes da seguridade na internet. A garantía de poder facer compras seguras está fundamentada nas propiedades aritméticas. Por exemplo, a encriptación RSA parte da enorme dificultade de descompoñer números grandes (centos de cifras) en factores primos. Pode que sexa cousa miña, pero finalmente quedábame coa impresión de que cando o alumnado asentía sobre a complexidade da factorización estaban entendendo que iso de andar remexendo nos números primos era a un tempo unha lata e improdutivo. E logo non era certo que os ordenadores traballaban con programas e aplicacións? Que pinta aí o mínimo común denominador? De certo que vían o meu relato demasiado forzado.
Agora tendo a facer o mesmo que Elena Vázquez nesta conferencia. Adopto a postura de G. H. Hardy (1877-1947) no seu celebérrimo (?) libro Apoloxía dun matemático e con toda a amargura respondo que, efectivamente, as matemáticas, agás quizais para min e outros coma min que vivimos de contar catro cousas sobre elas, non serven para nada. Así que a alternativa estalles moi clara. Se o alumnado é coherente, debe abandonar calquera esforzo e asumir sen paliativos o suspenso final. No caso de seren inconsecuentes, mellor selo ata o final estudando a materia esfordamente. Con algo de fortuna estes últimos matricularanse finalmente nun sitio coma éste co fin de formar un elo máis nesta cadea dos que, non sen certo sadismo, torturamos as mentes da rapazada con problemas, fórmulas e números absolutamente inútiles e que ademais son realmente insufribles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario