sábado, 28 de abril de 2012
Album da ciencia: os matemáticos galegos
O Consello da Cultura Galega (CCG) tráenos á arañeira da rede un novo recurso que creo moi recomendable para o ensino e divulgación da ciencia. Trátase do Album da Ciencia, unha especie de dicionario on-line de biografías de científicos galegos. Polo momento temos un gorentoso adianto do que vai ser unha colección de 300 entradas cunha calidade excepcional, posiblemente debida aos coñecementos dunha considerable nómina de especialistas que podemos consultar aquí.
Polo de agora contamos cunha pequena mostra de biografías. Como por afición e traballo o que máis me interesa é o apartado dos matemáticos, recollo o publicado ata o momento polo CCG
Os matemáticos galegos
José Antonio López y Nobal (1763-1824). Exerceu como profesor de matemáticas na Academia de Guardas Marinas de Ferrol e estivo destinado no seu Observatorio Astronómico, o primeiro dunha institución en Galicia. É o autor dunha obra enciclopédica, Consideraciones Generales, na que se fai evidente a súa formación matemática.
Ángel Laborde Navarro (1773-1834). Foi o primeiro profesor de matemáticas do Real Colegio Militar de Santiago. Edita un libro de matemáticas básicas para o seu uso docente, probablemente o primeiro libro destas características imprimido en Galicia.
Pedro Antonio Cerviño Núñez (1757-1816). Natural de Campolameiro, destaca o seu labor como director da Escola de Náutica de Buenos Aires, onde impulsou un plan de estudos centrado nas matemáticas, sendo precursor desta ciencia na Arxentina.
Juan Jacobo Durán Loriga (1854-1911). Membro fundador da RSME, publicou unha gran cantidade de artigos de matemáticas. Destacan as súas investigacións nunha rama das matemáticas moi de moda a finais do XIX, a xeometría do triángulo.
Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). Coñécese por ser o precursor do estudo da astronomía en Galicia. Foi profesor de Xeometría analítica e Análise Matemática na universidade compostelana. Como dato curioso e significativo querría destacar que no ano 1936 anunciase o que posiblemente podería ser o primeiro libro de divulgación científica en galego: Astronomía a ollo ceibe. A guerra civil e a dictadura impediron que isto fose posible.
Ademais deste Album da Ciencia, o Consello da Cultura Galega xa tiña outra colección ben interesante do mesmo estilo, o Album de Mulleres. Del destacaría o apartado dedicado a María Josefa Wonenburger Planells. Unha figura mundial das matemáticas [web]. Contén gran cantidade de recursos.O 28 de novembro do 2010 celebrouse nas dependencias do Consello da Cultura Galega a xornada María Josefa Wonenburger Planells na creación de coñecemento [web]. Inclúense audios coas intervencións da xornada.
Otra muller deste Album, tamén figura destaca nas matemáticas e astronomía (traballou con Aller Ulloa), foi Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009), coñecida como a contadora de estrelas.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario