domingo, 20 de marzo de 2022

Uns Bocados que abren o apetito

Foto da Libraría Paz

O pasado 23 de febreiro presentouse na Libraría Paz de Pontevedra o libro Bocados matemáticos (Xerais 2022), de Paulo González Ogando. Así foi como puiden desvirtualizar ao autor. Achei unha persoa que me dou a impresión de ser moi sistemática e ordenada e á que lle gustan os libros de divulgación das matemáticas. Todas estas cualidades son puntais fundamentais para un autor desa clase de libros.

O primeiro en intervir na presentación foi Fran Alonso, moi preocupado polos resultados dos informes da lectura, especialmente da lectura en galego. Só un 4% da poboación le na nosa lingua, todo un síntoma dun enorme problema que non recibe nin a atención nin as solucións que precisa. Fran Alonso enmarcou os Bocados matemáticos baixo dous parámetros. En primeiro lugar identificouno como pertencente á tradición anglosaxona da divulgación. En segundo lugar, é un volume máis da colección Básicos de ciencia, unha colección que todos aos que nos gusta a divulgación agradecemos infititamente e que certifica que a editorial é fiel á súas orixes. O director de Xerais lembrounos que o primeiro libro da editorial foi un libro de texto de matemáticas de 1º de BUP, o do colectivo Vacaloura. Un libro, que baixo a lexisación actual estaría prohibido publicar por ser un libro de texto de matemáticas en galego. Con esta intervención, Fran Alonso pisou o que tiña preparado eu, con todo, aproveitei para lembrar que o libro do colectivo Vacaloura publicouse a comezos do curso do ano 1979. Uns poucos meses antes publícase o "Decreto do bilingüismo", que segundo a propaganda oficial do momento era o da incorporación da lingua galega ao sistema educativo. Na realidade, se un profesor quería impartir aulas en galego, debía pedir permiso á dirección, ao claustro de profesores, aos pais do alumnado e, de ter o permiso de todos eles, podería elaborar un informe solicitando ao Ministerio de Educación a aprobación do uso da lingua galega na docencia. Para o castelán non había ningún requisito: iso era o bilingüismo. Co soporte dese decreto non se impartiu nin unha hora en galego; pola contra, serviu para fustigar a represión do uso da lingua no ensino. Basta lembrar os casos de Alfonso Castro no colexio do Foxo, na Estrada ou o de Pepa Bahamonde en Rois.

O decreto do bilingüismo do século XXI chámase "decreto de plurilingüismo". Era imprescindible falar del na presentación deste libro, aínda con máis razón se sabemos que nas primeiras páxinas faise referencia ao mesmo:

[este libro] Foi escrito nun tempo en que a materia de Matemáticas na Educación Secundaria Obrigatoria se debe impartir obrigatoriamente en castelán, o cal contribuiu notablemente a ocultarlle ao alumnado o vocabulario específico en galego e a minimizar nesta nosa lingua tanto a expresión oral das matemáticas como a produción escrita de material, tanto didáctico coma tamén divulgtivo. [o subliñado é meu]

Fálase de minimizar. Respecto aos libros de texto foise máis alá: aniquilación completa da lingua galega. Fálase de ocultar. Un verbo terrible cando estamos tratando de educación. A ocultación implica descoñecemento. O descoñecemento leva ao desleixo, ao desprezo e incluso ao dodio á lingua. Todo iso é o decreto 79/2010. 

Tamén se fala de divulgación científica. A este respecto, cal é o panorama? Cantos libros de divulgación das matemáticas en galego se publicaron no século XXI?. Como non son moitos, vou citalos todos:

Podémolo poñer nun gráfico:

Parece un número escrito en binario


Para entender mellor a situación, comparémolo co caso do castelán. Cantos libros divulgativos de matemáticas se publicaron neste século en castelán?. Isto non é fácil de responder. Por sorte hai un portal, Divulgamat,  que fai recensión de moitos deles. Se o consultamos veremos que no mesmo período teñen un rexistro dun 985 (coa data desta entrada). Isto significa que seguro que hai máis de 1000. A poboación española é unhas 17 veces a galega. 1000 dividido entre 17 dá aproximadamente 60. Para falarmos dunha situación parella (de bilingüismo?) terían que terse publicado 60 libros de divulgación das matemáticas durante este século. Publicáronse 6. Xa temos unha cifra redonda que nos aclara que vivimos 10 veces por debaixo das nosas necesidades. Esa é a a medida da exclusión do galego no ámbito da divulgación das matemáticas.

Centrémonos agora algo nos Bocados matemáticos. Non vou facer spoiler, pero si dar trazas dos sabores que nos deixan eses petiscos, pois tal e como explicou Paulo, trátase dunha colección de 36 relatos independentes sobre curiosidades matemáticas que lle interesaron. Ao seren independentes podémolas ler en calquera orde. 
Nun dos capítulos contrapóñense as matemáticas centradas nos algoritmos fronte a outras máis profundas, asentadas nos por que, nas ideas, as razóns. Por exemplo, todos sabemos que non se pode dividir por 0, pero por que? Se facemos memoria da época escolar recordaremos que $a^{0}=1$, pero cal é a razón? Velaquí onde residen as matemáticas fermosas, nesta indagación.
Outro lugar onde esperariamos achar beleza matemática sería na xeometría. No libro hai un capítulo adicado a ela, pero non se falará dunha xeometría con listados de fórmulas de áreas, perímetros ou volumes. Falarase, por exemplo da forma dos folios como os DIN A3 ou A4. Por que esa esa proporción entre os lados e non outra? A seguinte figura suxírenos algunha resposta
Un dos problemas a afrontar para achegar as matemáticas á xente é o da utilidade. Cando se presenta un tema de carácter matemático é habitual escoitar a acusación de que non serve para nada: "cando vou eu usar un espazo vectorial?, se vou á compra non necesito polinomios.... " Fronte a isto, podemos retrucar co xa tratado asunto do tamaño das follas de papel da norma DIN, ou incluso co contido dun capítulo completo dos Bocados adicado ás chamadas matemáticas do reloxo, a aritmética modular que trata os segredos do NIF, o IBAN, o ISBN ou os sistemas de encriptación.
O propio Paulo repasaría os aspectos máis importantes de moitos dos bocados do seu libro. Tamén comentaría que todo comezara da lectura doutros libros divulgativos, dos que foi tomando notas para uso persoal. Só cando tivo unha boa cantidade acumulada decidiu dar o paso de expurgar, organizar e reelaborar o que acabaría sendo o contido dos Bocados matemáticos.

Para finalizar non resisto comentar unha impresión persoal que me asaltou cando lin o libro. Un dos capítulos está adicado aos paradoxos. Alegroume moito esta escolla porque o primeiro libro de divulgación científica que lin foi precisamente ¡Ajá! Paradojas que hacen pensar, de Martin Gardner nesa marabillosa edición de Labor do ano 1983. E por que paradoxos? Unha das características máis ligadas á esencia das matemáticas é o ben construídas que están. Na matemática todo funciona de forma excepcionalmente coherente. É o que en lóxica se chama consistencia. Ata onde Gödel nos permite, as matemáticas conforman unha excepcional maquinaria perfectamente engraxada, sen contradicións. Por iso mostrar un paradoxo dentro do ámbito das matemáticas chama moito máis a atención que en calquera outro campo. Os paradoxos matemáticos enganchan porque sentimos unha necesidade perentoria de desfacernos deles. Aí reside o acerto de Paulo en escoller este tema como o fío condutor dun dos capítulos dos Bocados
Ademais das miñas teimas, comentei catro aspectos dun libro que agardo lle abran o apetito a quen pase os ollos por estas liñas. O bo é que quen lea o libro non vai empachar, quedará con gañas de máis bocados de matemáticas. 

6 comentarios:

  1. Quero aproveitar este espazo para reflexar de forma pública a miña gratitude a que tiveras a ben acompañarme, Cibrán, e explicar moi atinadamente a situación da nosa lingua no ensino e na divulgación matemática. E, como ben dis, "desvirturalizarnos" ti e mais eu.

    Nada me alegraría máis que este pequeno gran de area que aporto ao eido da divulgación matemática en galego, lle poida servir a alguén como pulo para animarse con máis títulos no futuro. Se alguén se atreve, que conte comigo como lector, pois para que as editoriais publiquen é imprescindible que existan lectores.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Son eu o agradecido.
      O que me dá algo de xenio é non ter escrito esta entrada no seu día... aínda que así tamén se enxerga o intervalo entre o momento en que pretendo poñer algo por aquí e o momento en que se fai efectivo

      Eliminar
  2. O Colectivo Vacaloura a comezos dos oitenta non estivera mal. Porén, póñolle un pequeno pero. Nel figuraba un profesor, Manuel Fidalgo Rodríguez, que era auténticamente lamentable. Ese señor non valía para impartir clase polas súas carencias tanto pedagóxicas coma psicolóxcas. A min, persoalmente, humilloume diante dos compañeiros, co que lle collín xenreira ás Matemáticas, materia farto imprescindible en calquera tempo. Mágoa que non tivera un bo profesor desta asignatura ao longo da miña vida. En tempos universitarios coincidín con alumnos de ciencias nun colexio maior madrileño cos que aprendín máis matemáticas, con sinxelas explicacións, que aprendera nos dous anos de bacharelato con nefastos mestres, entre eles este señor, así coma con Carmen Peña Rodríguez, sobriña dun galeguista, Lois Peña Novo, que en nada lembraba as leccións de liberdade do seu tío. Insisto, o señor Fidalgo é un persoeiro para esquecer, que se as daba de galeguista, pero tiña un galego penoso. Só coñecía a palabra biosbardos e para de contar. Amais, como persoa era auténticamente lamentable. O malo de todo é que logo chegaría a catedrático de instituto, case por decreto lei. Incrible, penoso e lamentable.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas por pasar o traballo de escribir. Non sei quen é ese do que falas, aínda que entendo que comentarios coma este son preferibles darllos á persoa en cuestión antes que publicalos pola rede. Hai un profesor da Facultade de Matemáticas que non podo ver por motivos semellantes e, como tiven a oportunidade, xa llo comentei a el.
      Ben é certo que unha mala experiencia pode ser fatal para calquera alumno, por iso os profesores debemos ser coidadosos e responsables. Eu tiven a sorte de ter a experiencia contraria. Tiven moi bos profesores de matemáticas no bacharelato no Instituto de Bacharelato Mixto de Ribeira e agora si que non resisto dicir quen foron: Cesáreo e Ricardo Moreno.

      Eliminar
    2. Grazas a ti por tan magnífico blog, que visito con certa frecuencia. Malia non ser de ciencias, teño que dicir que me comezou a interesar a materia cando xa era vinteaneiro e coa carreira de Xornalismo rematada, polo que che comentaba no anterior post. Có paso dos anos entendín a importancia desta materia que está moi presente nas nosas vidas. Entre elas, as propias tecnoloxías que agora usamos tan a cotío está presente esta ciencia. Incluso na propia Medicina o emprego dun bisturi obedece a unha operación matemática, así coma tamén algunhas investigacións científicas arredor do cancro. O dito, moitas grazas.

      Eliminar
    3. Cada quen ten as súas querencias e as súas teimas. Alégrame que compartamos unha certa valoración das matemáticas. Ti falas do seu valor noutras ciencias ou na vida cotiá. Curiosamente eu nunca sentín necesidade deses aspectos. O meu gosto sempre estivo nas matemáticas en si mesmas, ao estilo Hardy no seu libro "Apoloxía dun matemático" (editado por Toxosoutos, por certo).
      E grazas por darlle algo de valor a este blogue.

      Eliminar