Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta pregunta inesperada. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta pregunta inesperada. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

mércores, 13 de xaneiro de 2021

Outra pregunta inesperada

Noutra ocasión trouxen por este blogue o asunto dos problemas con preguntas inesperadas e incluso volvera a recoller noutra entrada outro problema que podía caer dentro desta agradecida categoría. Resulta que remexendo na Revista de Educación Matemática da Unión Matemática Argentina, sen querer achei outra proposta que tamén admitiría esta clasificación. Estoume a refeir a un dos problemas da sección que mantén Juán Pablo Rosseti, en concreto no Volume 35 (número 2) e que paso a presentar aquí:

Unha profesora escribe na pizara un número grande e pídelle aos 30 alumnos da clase que lle digan, un a un, distintos divisores do número. Os alumnos responden ordenadamente; o primeiro di que "o 1 é divisor do escrito na pizarra", o segundo di que "o 2 é un divisor", o terceiro alumnos di "o 3 é un divisor", o cuarto di "o 4 é un divisor", e así, sucesivamente ata que o trixésimo alumno di que "o 30 é un divisor". A profesora comenta que hai só dous alumnos que se equivocaron e que o fixeron de forma consecutiva. Cales son os dous alumnos que se equivocaron? [Velaquí a pregunta sorprendente, pois a esperada é a seguinte] Para os que resolveron o problema hai unha segunda pregunta: cal é o menor número que puido escribir a profesora?


luns, 7 de setembro de 2020

Preguntas inesperadas

Ao seu xeito, os problemas son relatos que rematan nunha pregunta. Poderiamos dicir que nos problemas tipo sería escusado escribir explicitamente a pregunta pois esta é tan obvia que se sobreentende cal é. Aínda cando se nos presenta un problema interesante e retador, o desenvolvemento do seu enunciado vainos levando cara a cuestión final. Pero hai algunhas ocasións nas que a pregunta é completamente inesperada. Velaquí algúns exemplos.

Vou comezar cun clásico. Recólloo da curiosa escolma feita por Vladimir Igorevich Arnold (1937-2010), Problemas para mozos de 5 a 15 anos, que se pode consultar no web do Imaginary

As dúas velliñas. Dúas velliñas partiron respectivamente desde A cara a B e desde B cara A ao amencer dirixíndose unha cara á outra (pola mesma estrada). Atopáronse ao mediodía pero non pararon, e cada unha continuou o seu camiño á mesma velocidade. A primeira señora chegou (a B) ás 4 p. m., e a segunda (a A) ás 9 p. m. A que hora amenceu aquel día?

O seguinte vai camiño de ser un clásico pois foi publicado por ese gurú arxentino da divulgación matemática, Adrián Paenza, quen non só foi o condutor de diversos programas televisivos de carácter científico (Alterados por piCientíficos. Industria Argentina ) senón que leva anos escribindo artigos de matemáticas nalgúns xornais como Página/12 ou Cohete a la luna. Ademais podemos acceder libremente aos seus libros de divulgación. Nun deles, Detectives, presenta esta cuestión. 

O ping-pong. Tres amigos (digamos A, B e C) pasan a tarde xogando ao ping-pong co método "o que perde vaise e entra a xogar o que está fóra". Ao acabar a tarde, a cantidade de partidos que xogou cada un foron as seguintes: A=10, B=15, C=17. A pregunta é: Quen perdeu o segundo partido?

Seguindo con Adrián Paenza, pero agora recollendo un problema doutro libro, ¡Un matemático ahí, por favor!, achamos outra proposta cun sabor semellante; tan semellante que a miña primeira intención, a de achegar problemas con preguntas sorprendentes, agora, case se ve frustrada.

Atletismo para o cerebro. Hai uns meses efectuouse unha competición de atletismo cunha curiosidade: soamente participaron tres mulleres: Alicia (á que vou chamar A), Beatriz (B) e Carme (C). Elas (e só que elas) interviñeron en todas as disciplinas e non participou ningunha outra atleta.

Os puntos que se obtiñan en cada un dos tres postos era a mesma cantidade: x por quedar de primeira, y por quedar segunda e z por quedar terceira. Os tres números (x, y, z) son números naturais (maiores ou iguais que 1), e naturalmente verifícase tamén: x > y > z.

Unha vez finalizadas todas as competición, estes son os datos que se obtiveron:

A obtivo 22 puntos en total
B gañou os 100 metros lisos e en total obtivo 9 puntos
C tamén terminou con 9 puntos.

Agora si, a pregunta: quen quedou segunda en salto de altura?


martes, 19 de setembro de 2017

O anódino problema 17

Desafortunadamente puiden comprobar en non poucas ocasións que a lectura de textos de matemáticas son a mellor ferramenta para acurtar as xornadas de acompañamento hospitalario na que o tempo se estarrica indefinidamente. Esta entrada ten que ver coa lectura dun texto que me acompañou non pouco tempo hai xa máis dun ano e que, por unha cousa ou pola outra, ata agora non soltei na arañeira.

8 de agosto en París, unha xornada de moita calor. Non se trataba dunha conferencia plenaria, ademais non era en francés. O relator tampouco chegaría a desenvolvela en toda a súa extensión, apenas tocaría a metade dos puntos do total. Con todo, nesa mañán do 1900, no anfiteatro da facultade de ciencias da Sorbona, pronunciouse unha das disertacións máis famosas da historia da ciencia dentro do marco do II Congreso Internacional de Matemáticas (CIM). David Hilbert, o seu autor, propoñía 23 problemas que, desde o seu punto de vista, serían cruciais para o desenvolvemento futuro das matemáticas. Tratábase dunha resposta a outra conferencia pronunciada no I CIM por Herin Poincaré. Se éste debuxara un panorama dunhas matemáticas que bebían da fonte da física e que estaban en condición de establecer cuestións irresolubles ou que posiblemente nunca se chegaran a resolver, Hilbert negaba a imposibilade da ignorancia nas matemáticas e presentou un programa no que se ofrecía unha ciencia autosuficiente.
Son moitas as razóns polas que Hilbert resultaba ser a persoa ideal para ofrecer as chaves da matemática que había de vir. Hilbert resolvera inesperadamente o problema de Gordan, aínda que o fixera dunha forma completamente inesperada. Se Gordan fixera o cálculo explícito dunha base finita de invariantes para unha forma binaria de calquera grao, Hilbert demostra a existencia xeral desas bases, pero sen dar unha demostración construtiva. De aí a famosa frase de Gordan ante este traballo: "isto non é matemática, é teoloxía!".
Hilbert elaborara un profundo e exhaustivo informe sobre a teoría de números e tamén publicara os Fundamentos da xeometría, un tratado en clave axiomática que se considera un clásico. Con toda esta bagaxe a intervención de Hilbert no II CIM tiña boas expectativas. Hoxe sabemos que as superou todas.
Os 23 problemas de Hilbert
un século despois
Un século despois, o experto en historia das matemáticas Jeremy Gray fixo un balance do sucedido neses 100 anos arredor deses 23 problemas.
Algúns deles son especialmente famosos e relevantes, incluso fóra do ámbito estrito das matemáticas. Citemos por exemplo a hipótese do continuo (problema 1) ou a cuestión da consistencia da aritmética (problema 2). No entanto aquí falaremos dun dos menos coñecidos, o problema número 17 desa lista. Como referencia comentaremos que Jeremy Gray só lle adica unha páxina escasa dun total das 320 páxinas das que consta o libro.

O problema 17
Antes de enunciar o problema temos que dar unha definición.
Sexa f un polinomio de n variables sobre un corpo R. Diremos que f é semidefinido positivo se $$\forall \left( { x }_{ 1 },{ x }_{ 2 },...,{ x }_{ n } \right) \in { \Re }^{ n }f\left( { x }_{ 1 },{ x }_{ 2 },...,{ x }_{ n } \right) \ge 0$$ Sexa R un corpo. R(x1, x2, ...,xn) é o conxunto dos polinomios de n variables sobre R. R[x1, x2,....,xn] é o conxunto das fraccións alxébricas sobre R.
Problema 17. Será certo que todo polinomio f de R(x1,x2,....,xn) semidefinido positivo, poderá poñerse como suma de cadrados de R[x1,x2,....xn]?
Realmente Hilbert non enunciara o problema para un corpo calquera, senón específicamente para o dos números reais. Con todo o enunciado é curioso. fixémonos que Hilbert non pregunta se é posible poñer f como suma de cadrados de polinomios, senón como suma de cadrados de fraccións alxébricas. Tiña as súas razóns para formular así a cuestión. Verémolo.

Converter un produto nunha suma
Comencemos pensando en cuestións máis simples. Sabemos que todos os números positivos son cadrados. A cuestión será intentar estudar se sucede o mesmo cos polinomios semidefinidos positivos dunha soa variable. O polinomio x 2+1 non se pode escribir como cadrado doutro polinomio de grao 1. Entón haberá polinomios que teñan que escribirse como suma de varios cadrados. Para poder abordar o problema, comenzaremos escribindo os números positivos como suma de cadrados
A seguinte fórmula, $$\left( { a }^{ 2 }+{ b }^{ 2 } \right) \left( { c }^{ 2 }+{ d }^{ 2 } \right) ={ \left( ac-bd \right)  }^{ 2 }+{ \left( ad+bc \right)  }^{ 2 }$$
de verificación inmediata,  demostra o
lema 1: un produto da suma de dous cadrados pódese poñer como suma de dous cadrados.

En xeral será certo o
lema 2: un produto  n sumas de dous cadrados pode poñerse como suma de dous cadrados.
Para comprobar este último procedemos por indución.
Está visto o caso dun produto de dous números que son suma de dous cadrados. Supoñámolo certo para un de n-1 factores e comprobemos que tamén o é cando consideramos n factores. Sexan a1, a2, ....an  os factores. Chamémoslle a=a1a2....an-1
$${ a }_{ 1 }^{ 2 }\cdot ....\cdot { a }_{ n-1 }^{ 2 }\cdot { a }_{ n }^{ 2 }={ { a }^{ 2 }\cdot  }{ a }_{ n }^{ 2 }$$
e polo lema 1, queda demostrado o lema 2 (se escribín todo isto dos lemas foi para poder poñer esta frase)
Convén ter presente que estes dous lemas non só se verifican no corpo dos números reais, senón que son certos en calquer anel conmutativo, en particular no anel dos polinomios dunha variable.

O caso dos polinomios dunha variable
Teorema 1: Sexa f(x) un polinomio dunha  variable sobre o corpo dos números reais. Se f é semidefinido positivo pode poñerse como suma dos cadrados de dous polinomios.
Vexamos por que isto é así. f terá varias raíces reais e/ou complexas.
Para cada raiz real c, de f, teremos un factor da forma x-c
Para cada raiz complexa a+bi, de f, como os seus soeficientes son reais, a-bi será tamén raiz polo que teremos factores da forma:
$$\left[ x-\left( a+bi \right)  \right] \cdot \left[ x-\left( a-bi \right)  \right] =\left[ \left( x-a \right) -bi \right] \cdot \left[ \left( x-a \right) +bi \right] ={ \left( x-a \right)  }^{ 2 }-{ \left( bi \right)  }^{ 2 }={ \left( x-a \right)  }^{ 2 }+{ b }^{ 2 }$$
Todos estes factores estarán elevados a unha determinada potencia. Podemos agrupar todos aqueles que teñan potencia par. O produto de todos eles dará un polinomio que pode escribirse como un cadrado: g2.
Así teremos a seguinte descomposición de f:
$$f={ g }^{ 2 }{ f }_{ 1 }\cdot ...\cdot { f }_{ r }{ h }_{ 1 }\cdot ...\cdot { h }_{ s }$$
Onde cada f i (x)=x - ci e cada h j(x)=(x-aj)2+ bj2
Está claro que h j en calquera punto será positivo. Sen perda de xeneralidade podemos supoñer que os valores c1,c2 ,..., cestán ordenados de menor a maior. Nese caso, podemos escoller un punto intermedio α do intervalo (c1, c2). Entón  fi(α )>0 para i=,2,.....r e f1(α ) < 0 . Nese caso, en contra do suposto,  f(α ) < 0 . A conclusión é que na descomposición de f non pode haber polinomios do tipo fi
$$f={ g }^{ 2 }\cdot { h }_{ 1 }\cdot ...\cdot { h }_{ s }$$
Como os j son sumas de cadrados, a descomposición anterior pode reducirse a un produto de factores que son todos e cada un deles suma de dous cadrados. Polos lemas comentados anteriormente, calquera polinomio f poderá escribirse como suma de dous cadrados.▢

O enunciado do problema 17
Visto isto podemos estar áinda máis confundidos polo enunciado do problema 17. Para os polinomios semidefinidos positivos dunha variable non cómpren fraccións alxébricas pois non só se poden poñer como suma de cadrados de polinomios senón que incluso esa suma se pode reducir a dous sumandos. Pero... Hilbert chegara a un resultado de existencia de polinomios de dúas variables, semidefinidos positivos, que non se podían poñer como suma de cadrados de polinomios pero si como cadrados de fraccións alxébricas.
No eido das matemáticas estamos afeitos a ver teoremas de existencia aínda sen ter exemplos concretos nos que substentar esa certeza ontolóxica. Esta foi a situación durante sete décadas ata que  no ano 1967 o polinomio de Motzkin tomou corpo. Velaquí o temos:$$H(x,y)={ x }^{ 4 }{ y }^{ 2 }+{ x }^{ 2 }{ y }^{ 4 }+1-3{ x }^{ 2 }{ y }^{ 2 }$$
Comprobar que é semidefinido positivo é moi sinxelo. Basta ter en conta que a media aritmética é sempre maior (ou igual) que a xeométrica e aplicarlla aos termos x4y2, x2y4 e 1:
$${ m }_{ a }=\cfrac { { x }^{ 4 }{ y }^{ 2 }+{ x }^{ 2 }{ y }^{ 4 }+1 }{ 3 } \ge { m }_{ x }=\sqrt { { x }^{ 4 }{ y }^{ 2 }\cdot { x }^{ 2 }{ y }^{ 4 }\cdot 1 } ={ x }^{ 2 }{ y }^{ 2 }$$
Tampouco é moi complicado comprobar que H(x,y) non pode escribirse como suma de cadrados de polinomios de dúas variables (remítome á páxina 3 do libro de Fernando e Gamboa)
Agora estamos en disposición de entender que Hilbert non podía pedir máis cando expuxo o seu problema 17.

A solución
A solución viría da man de Emil Artin no ano 1926 dentro do ámbito dos chamados corpos reais e as clausuras reais. Dise que un corpo é real cando o -1 non pode poñerse como suma de cadrados ou, equivalentemente, cando unha suma de cadrados do corpo dará cero únicamente no caso de que todos os elementos sexan cero.
Establecer unha ordenación nun corpo E consiste en determinar un subconxunto, o"dos números positivos". Este subconxunto, chamémoslle P,  debe conter todos os cadrados e debe ser cerrado para a suma e o produto: $${ E }^{ 2 }=\left\{ { x }^{ 2 };x\in E \right\} \subset P,\quad P+P\subset P,\quad P\cdot P\subset P$$
Un subconxunto P destas características denomínase cono, e se non contén ao -1, dise que é un cono propio. Un par (E,P) será un corpo ordenado, basta definir x≤y mediante a relación y-x∈P. Establecer o conxunto P equivale a establecer unha relación de orde no corpo E.
Un caso especialmente interesante dos corpos reais é o dos cerrados reais, que son aqueles que non admiten ningunha extensión real. Empregando o lema de Zorn establécese que os cerrados reais son aqueles corpos que só admiten unha ordenación. Máis concretamente, un corpo cerrado real só admitirá a ordenación na que os positivos son os cadrados. Todo corpo ordenado admitirá unha única extensión cerrada real, será a denominada clausura real.
Para un corpo cerrado real pódense demostrar o teorema de Bolzano e o  do valor medio. Estes resultados serán necesarios para establecer a solución ofrecida por Artin ao problema 17 de Hilbert. Esta solución ofrécese mediante o seguinte resultado:
Teorema de Artin. Sexa R un corpo cerrado real. Todo polinomio f de R(x1,x2,....,xn) semidefinido positivo, poderá poñerse como suma de cadrados de R[x1,x2,....xn]

luns, 18 de novembro de 2024

Problemas chegados desde Moscú. 3

Esta é a terceira e última entrada adicada a recoller problemas de Boris Kordemsky. As anteriores pódense consultar aquí e aquí.

Imos cun problema moi simple. Con todo moita xente dirá que lle faltan datos.

Un barco diésel e un hidroavión. Un barco diésel parte de viaxe. Cando está a 180 millas da costa envíase un hidroavión co correo que ten unha velocidade dez veces superior á do barco. A que distancia alcanza o barco?

O encantador do seguinte problema é que a pregunta é inesperada

En coche e a cabalo. Un mozo e un home maior saen da vila cara a cidade; un vai a cabalo e outro en coche. Pronto queda claro que se o home maior chegase tres veces máis lonxe de onde está, quedaríalle a metade para viaxar do que lle queda. E se o mozo viaxara a metade do que xa fixo, quedaríanlle tres veces máis para viaxar do que lle queda. Quen vai a cabalo?

Sei que non hai que recorrer á combinatoria para resolver a seguinte cuestión. Con todo, desde que o coñecín coloqueino entre os problemas a resolver cando trato na clase as técnicas de reconto combinatorio.

Novas estacións. Cada estación vende billetes a todas as outras estacións do percorrido. Cando se engaden algunhas estacións hai que imprimir 46 billetes adicionais. Cantas estacións se engadiron? Cantas había antes?

Teño preferencia polos problemas de matemáticas sen referencias externas. Matemáticas para estudar as propias matemáticas. Dentro deste ámbito está o estudo do propio sistema de numeración. Quizais o pouco traballo/reflexión sobre o sistema decimal, quizais a propia abstracción deste tipo de cuestións, o certo é que normalmente vólvenselle moi dificultosas ao alumnado.

Un número de cinco díxitos. Dime un número de cinco díxitos tal que se lle engades un 1 despois do mesmo é tres veces maior que se llo engades antes.

Cando un se enfronta ao seguinte enunciado cómprelle unha gran dose de imaxinación. Temos un avión, unha motocicleta e un cabalo andando dun lado para outro. O curioso é que non nos dan ningunha velocidade.

O motociclista e o xinete. Envían un motociclista desde a oficina de correos a tempo para a chegada dun avión ao aeroporto. O avión chega antes de tempo e o correo é transportado á oficina de correos a cabalo. Despois de media hora o xinete crúzase co motociclista e dálle o correo. A motocicleta volve á oficina de correos 20 minutos antes do esperado. Cantos minutos antes aterrizou o avión?

O tradutor do libro ao inglés, Albert Perry, especialista en ruso da Colgate University, fixo unha curiosa anotación ao seguinte problema:" Non hai árbores de nadal na URRS, oficialmente só os hai de aninovo". En canto ao contido, é un clásico.

Regalos de aninovo. O noso comité executivo do sindicato xestionou unha árbore de aninovo para os nenos. Despois de distribuir caramelos e galletas en paquetes de regalo, comezamos coas laranxas. Pero decatámonos de que se poñemos 10 laranxas por paquete, un paquete só terá 9, se colocamos 9, un paquete só derá 8; se poñemos 8, 7; e así sucesivamente ata dúas laranxas por paquete cun paquete con só 1. Cantas laranxas temos? 

Para entender os comentarios ao seguinte problema cómpre ler antes o enunciado.

Unha suma palindrómica. Este problema aínda non foi resolto. Suma a un enteiro o propio número invertido. Engade á suma o invertido da suma. Continúa ata que a suma sexa un palíndromo (que se le igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda) $$\begin{matrix} 38 & & 139 & & 48017 & & \\ \underline{83} & & \underline{931} & &\underline{71084} & & \\ 121& &1170 & &119101 & & \\ & &\underline{0711} & & \underline{101911 }& & \\ & & 1881 & & 221012 & & \\ & & & & \underline{210122} & & \\ & & & & 431134 & & \\ \end{matrix} $$

Pode que sexan necesarios moitos pasos. (de 89 a 8.813.200.023.188 precísanse 24 pasos). Unha hipótese é que calquera enteiro produce, antes ou despois, un palíndromo. Segundo Kordemsky, un traballador industrial de Riga chamado P. R. Mols, decatouse de que o número 196, despois de setenta e cinco pasos, non produce un palíndromo. Kordemsky pídenos que no canto de continuar a partir do número de 36 díxitos da septuaxésima quinta suma, intentemos refutar ou demostrar a conxectura mediante un razoamento.

Martin Gardner comenta que xa se realizaran daquela miles de sumas a partir do 196 e que non se achara ningún palíndromo. Tamén informa que a conxectura foi demostrada falsa para os números binarios. Sospéitase que hai números que non darán lugar a un palíndromo. A eses números chámaselles números de Lychrel. En concreto 196 é un candidato destacado para ser un número de Lychrel. É curioso que este tipo de números teñan nome, aínda que non se sabe se realmente existe algún.