xoves, 2 de xuño de 2016

CEIP Frian-Teis: Vivimos nun mundo matemático

Xa levo tempo seguindo as noticias que o CEIP Frián-Teis (Vigo) vén deixando no blogue da biblioteca, O lar de Frianciño. Pode que a alguén se lle faga recoñecible o centro pois foi onde se argallou aquela excelente proposta titulada A lingua sabe a pan. Podería suceder que este proxecto fose unha marabillosa casualidade e que, unha vez rematado mesmo se lle virasen as costas á lingua pois oportunidades para isto é o que nos ofrece a Xunta mediante o funesto decreto do plurilingüismo. Mais éste non é o caso, a lingua segue sabendo a un pan gorentoso. Nesta ocasión a protagonista é a matemática e celebramos que, contra vento e marea, se fixera en galego.
Desde que Galileo comentara en Il Sagiatore, que a explicación do mundo estaba escrito na naturaleza en linguaxe matemática, a daquela chamada filosofía natural,  avanzou sobre esta premisa e fíxoo mellor ca nunca en toda a súa historia. En relación coas matemáticas, isto é o que se debe aprender na escola. A importancia das matemáticas como ferramenta para interpretar o mundo. Así, o alumnado de primaria ten que practicar as múltiples destrezas aritméticas que utilizamos e debe comprender cales son as principais figuras xeométricas. É un clásico que esta segunda cuestión sexa unha tortura en moitos libros de texto. Alí aparece un listado dunha chea de figuras xeométricas con toda a súa terminoloxía, unha enmarañada clasificación, fórmulas a esgalla..., en definitiva, algo que podería representar o inferno.
O profesorado do CEIP Frián-Teis, acompañado de toda a comunidade educativa, converteu isto no paraíso. Durante todo o curso, moitas das familias do centro estiveron pescudando en busca de imaxes matemáticas presentes no entorno. Así obtiveron fotografías na propia casa, de sinais de tráfico, referentes ao ámbito deportivo, do tranporte,....En todas elas aparecía a súa mascota, o moucho Frianciño, e en todas elas podemos abstraer unha figura xeométrica. Tal e como dixo Galileo, vivimos nun mundo matemático. Para comprobármolo basta con percorrer aquí abaixo o traballo que fixeron durante o curso. De certo que moitos outros pais sentirán, como min, unha sana envexa dos que teñen matriculados aos seus fillos nese centro.

venres, 27 de maio de 2016

Explícoche matemáticas 2.0, un oasis no deserto

Antonte, na Facultade de Matemáticas entregáronse os  premios do concurso Explícoche Matemáticas 2.0, na súa edición de 2016. O concurso está organizado polo SNL da Facultade, xunto coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A entrega destes premios trae de novo ao primeiro plano a prohibición do galego nas aulas de matemáticas e doutras moitas materias desde a imposición do decreto supremacista contra o galego, o autotitulado perversamente, como decreto do plurilingüismo, cuxa fundamento principal é precisamente o de impedir a docencia en galego das materias científicas no ensino obrigatorio. Por esta razón o concurso é un oasis no deserto no que a política lingüística do PP converteu o ensino das matemáticas, a tecnoloxía, a física e a química.
 A gañadora na sección de universidade recaeu no vídeo 'Unha viaxe de París a San Francisco', de Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º curso do grao en Matemáticas, da Facultade de Matemáticas da USC.


O gañador do concurso deste ano é o vídeo 'As matemáticas que gañaron a Segunda Guerra Mudial', de Álvaro Cañete Rosell, Carolina Grille Sieira e Clara Vales Fernández, de 3º da ESO do Colexio Obradoiro da Coruña. Baixo a titorización de Jonás González Guinea. Parabéns tanto aos gañadores como a todos os participantes.

luns, 23 de maio de 2016

Fórmulas ou non

Hai varias razóns polas que intento que ofrecer nas clases o menor número de fórmulas posibles. Posiblemente unha delas sexa que eu, nas clases de matemáticas, recibín a mesma educación. Retrospectivamente, ao reflexionar sobre isto, acabei agradecendo que os meus profesores o fixeran así. En coherencia procuro facer agora o mesmo. Concretamente, na materia de Matemáticas II, de 2º de bacharelato, hai que estudar xeometria tridimensional linear desde un punto de vista esencialmente alxébrico. Ademais da caracterización das rectas e os planos, estúdanse os produtos escalar, vectorial e mixto. Isto, xunto coa fórmula que nos dá a distancia entre un punto en un plano, é o único que se necesita para superar os contidos esixidos neste bloque da materia.
Claro que un pode multiplicar o número de fórmulas ou dar múltiples pautas de resolución dependendo do tipo de problema que teñamos que resolver. Coas ferramentas comentadas no primeiro parágrafo espero que ante un problema como o seguinte:

Calcula a distancia entre as rectas r  e s: $$r:\frac { x }{ 3 } =\frac { y }{ 6 } =\frac { z }{ 2 } \quad \quad \quad \quad s:x-1=\frac { y-1 }{ -1 } =\frac { z }{ 2 } $$

a forma de proceder sexa máis ou menos esta:
Os datos que temos son: un punto e un vector de cada unha das rectas. Se obtivéramos o plano π paralelo a r que contén á recta s, a solución virá de calcular a distancia dun punto calquera de r (como Pr) a ese plano π.


Este era un dos exercicios dun exame. A miña sorpresa foi ver que non poucos o resolvían (correctamente) usando este outro método:
Calculaban primeiro a área do paralelepípedo determinado polos vectores $$ { \vec { { u }_{ r } }  },\vec { { u }_{ s } } ,\overrightarrow { { P }_{ r }{ P }_{ s } } $$
Despois obtíñan a área da base mediante o produto vectorial dos dous primeiros vectores. Dividindo as dúas cantidades anteriores achaban a altura do paralelepípedo, isto é, a distancia entre as rectas.
Ben, en realidade o que facían era aplicar esta fórmula:
$$d(r,s)=\frac { \left| \left[ { \overrightarrow { u }  }_{ r },{ \overrightarrow { u }  }_{ s },\vec { { P }_{ r }{ P }_{ s } }  \right]  \right|  }{ \left| { \vec { u }  }_{ r }\times { \vec { u }  }_{ s } \right|  } $$
O problema é que, ao preguntarlles por este método de resolución ninguén me falou nin de volumes, nin de alturas, era simplemente a fórmula que aprenderan nas clases particulares para aplicar a este tipo de exercicios. E por que digo que é un problema, se finalmente daban a solución correcta? Polo seguinte: no mesmo exame tiñan outra pregunta, quizais menos estándar:
Dado o plano α: x+2y+3z-5=0 , calcula a ecuación dun plano paralelo a α que diste 3 unidades da orixe de coordenadas.
Os mesmos alumnos que me deron a resposta que me disgustou no primeiro problema, fixeron mal este segundo. Ningún contestou o que se lle pedía. Usando outra fórmula inédita nas (miñas) clases, calculaban os planos paralelos e distantes 3 unidades de α. Parece que o asunto non era resolver problemas, senón usar fórmulas.


Hai máis razóns para non cargar a clase de matemáticas con fórmulas pero quizais a máis importante sexa a de procurar o traballo na resolución de problemas. A alternativa consiste no relato de algoritmos sen xustificación.
Lembro que as clases de física do bacharelato me resultaban especialmente pesadas e triviais. Os problemas consistían nunha serie de datos. Bastaba con saber unha lista de fórmulas e, á vista dos datos, tiñamos unha na que aparecían todas as variables, agás unha (ou dúas fórmulas das que non coñeciamos dúas incógnitas). Resolver este tipo de problemas facíase moi pesado.

venres, 29 de abril de 2016

Lembrar a lista das 100 primeiras cifras decimais de π



Ben, é unha frikada, pero tamén é unha forma ben fácil de sacar adiante unha entrada no blogue. Velaquí a Joshua Foer, gañador dun concurso norteamericano de memoria explicando como fai para lembrarse das primeiras 100 cifras decimais do número π
Aínda me estou preguntando que ten que ver isto coas matemáticas, ou co coñecemento. Polo menos neste caso as cifras son as correctas, non como sucedeu no caso do colombiano Jaime García, aínda que para ser precisos, Joshua Foer só recita 99 cifras decimais, (o situado no lugar número cen é un 9)

martes, 5 de abril de 2016

O grande poder da matemática


Documental do programa Observatório do mundo, emitido pola canle TVI24 no que se desenvolven algúns tópicos básicos da matemáticas, das súas aplicacións e a súa versatilidade para permintirnos a comprensión do mundo.
Vía SPM

domingo, 13 de marzo de 2016

Coruña imposble



Cando fun mirar no blogue Son de noso, do ENDL do IES de Curtis (blogue que recomendo vivamente que sigades) non esperaba atopar esta sorpresa da que gosto especialmente pois permíteme facer unha entrada tanto neste blogue como no que teño adicado á lingua, especialmente á normalización.. Precisamente entre a curiosa comunidade do profesorado de matemáticas é moi coñecida a figura do artista neerlandés Maurits Cornelis Escher, autor de gravados que se usaron mil e unha veces para ilustrar conceptos como o da recursividade. Exemplo destacado disto é o libro de Douglas R. Hofstadter, Gödel, Escher, Bach: An Eternal Golden Braid, libro galardoado co Púlitzer no 1980. A obra de Escher é o eixo arredor do que xira esta curta multipremiada, que, entre outros, recibiu o premio da IGAPI á mellor curtametraxe no 1995-96 e no ano 2000 foi considerada polo CGAI como a mellor curta de ficción dos anos 90. Decontado pensei que esta peza audiovisual podería formar parte dun proxecto que veño seguindo durante todo este curso. Trátase de Curtas.gal, Os xoves, na biblioteca do IES Félix Muriel (Rianxo) proxentan unha curga galega. Unha iniciativa que debería ter imitadores en moitos outros centros e que conta xa cunha boa escolma que podemos consultar aquí. "Coruña imposible", dirixida por Paco Rañal, era unha das pezas que formaba parte de Flocos e que desapareceu no exiguo catálogo da esquecida e inútil substituta, Canle.tv. Ante este panorama o propio director decidu subila ao You Tube 

martes, 1 de marzo de 2016

Cóncavo ou convexo?


Ao ver en El espejo lúdico este vídeo, non resistín a tentación de compartilo. Aínda máis cando, clase tras clase, comprobaba que o alumnado de 2º de bacharelato non acababa de aprender a relación entre a segunda derivada dunha función e que ésta sexa cóncava ou convexa nun determinado intervalo. Ao ver o vídeo de Kokichi Sugihara creo que puiden comprendelos algo mellor.
E se a curvatura dunha función pode chegar a ser un concepto difuso, non digamos a apreciación do tempo. Así que vai de corolario outro artefacto do mesmo autor, que só dura un minuto, se é que vai ben o reloxo: