mércores, 20 de maio de 2026

O círculo que mola

Hai uns meses un profesor de matemáticas recomendárame ver A serie clopen, o proxecto do Centro Dramático Gaglego (CDG) que se estaba representando nesa altura. A recomendación viña, en concreto, da conexión da obra coas matemáticas. Como a min me gusta tanto esa ciencia como o teatro, tiven o firme propósito de ir ver o espectáculo. Porén, unhas veces por unha cousa e outras veces por outra, non fun quen de dar co momento de acudir a unha representación. Resulta que o director escénico desta obra do CDG, Pablo Reboleiro, é o mesmo que está detrás deste vídeo que promete ser o primeiro dunha serie na que, facendo uso das artes escénicas, presentan ideas matemáticas. Para min unha doce e gorentosa sorpresa da que vou destacar sobre todo unha cousa: que está en galego. Isto non é raro no mundo do teatro pero si dentro do ámbito da transmisión das matemáticas. Esta estrañeza ten unha razón fundamental, a prohibición do uso do galego no ensino non universitario establecida no funesto decreto 79/2010. Esta prohibición afecta a este vídeo, na medida en que se pode entender como unha ferramenta para o ensino das matemáticas, en consecuencia (repárese no disparate!) é un material prohibido polo apartado 13.1 do citado decreto de exclusión da lingua galega que di que

 Os materiais e libros de texto das materias impartidas [...]  en castelán [como as matemáticas] estarán redactados na lingua en que se imparta a materia.

Diante desta evidencia vese, espido, o monstruo de radicalidade que senta nas cadeiras do goberno galego que é o menos galego dos gobernos, do que aquí damos evidencia constatable. Para colmo do disparate, a iniciativa, que ten o título de "As mates tamén molan", conta coa colaboración da propia Xunta (!) por medio do financiamento NextGenerationEU. Daqula, xa sabemos cal é a forma do monstruo, un ouróboros devorándose a si mesmo. Este é un círculo que non mola. 

Noutra orde de cousas, Pablo Reboleiro, preséntasenos aquí baixo un perfil youtubeiro, asinando como @pr2, o que nos leva directamente á área do círculo, $\pi r^{2}$ . El preséntase como actor, artista de circo, pallaso e director escénico. "As mates tamén molan" forman parte dos proxectos da compañía de teatro da que Pablo Reboleiro é fundador, Pista Catro. Se ademais sabemos que el é profesor de secundaria e licenciado en Matemáticas, a carreira por excelencia dos pallasos, vemos agora como se pecha o círculo. Este círculo si que mola.

Ningún comentario:

Publicar un comentario