domingo, 5 de novembro de 2017

As matemáticas, tamén en galego



Este é un dos tres vídeos ([1], [2] e [3]) cos que o ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol) celebra a xornada reivindicativa do Día da Ciencia en galego deste ano. Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Quixera chamar a atención que un dos rapaces do vídeo fainos partícipes da letra "xe", como a letra que fixo súa a matemática e que cómpre, nun sistema normalizado que reivindico acotío, que o profesorado repitamos nas aulas as ducias de veces que a temos que utilizar cada día.
Este vídeo tróxome á memoria aquel "Vocabulario de matemáticas" de Xosé Masa e Belén Fortes, editado no 1995, que sentaba as bases para unha lingua de calidade tanto nos libros de texto hoxe prohibidos, como na lingua oral, hoxe tamén prohibida, en todo o ensino obrigatorio para esta, e outras materias.
Un dos mestres que mellor nos contou como debiamos proceder tanto na escola como na vida foi Agustín Fernández Paz. Ben sabido é que el reclamaba a figura histórica de Rosa Parks como exemplo a seguir. Aquí e hoxe é ben pertinente lembralos pois ambos eran firmes defensores dos oprimidos. A lingua e dos dereitos humanos teñen neles dous referentes. O acoso lingüístico que sofrimos pais, profesores e alumnos por parte da Xunta que ten a encomenda de defender o noso maior sinal de identidade pero que se se vestiu coa casaca supremacista é inenarrable. Compría un exército de redactores para escribilo, aínda que unha soa frase da activista norteamericana sería bo resumo: "canto máis cedíamos e obedecíamos, peor nos trataban". Non digo máis, pero tampouco menos.
Encantáronme os vídeos. Parabéns.

Sem comentários:

Enviar um comentário