sábado, 5 de outubro de 2013

Xornadas de léxico matemático

As Xornadas de léxico matemático celebraranse os vindeiros días 5 e 6 de novembro na Facultade de Matemáticas da USC. Organizadas pola Comisión de Normalización desa facultade, aspiran a ser un lugar de encontro de xentes interesadas no uso da nosa lingua nas matemáticas, para intercambiar experiencias e puntos de vista, para saber de nós e, idealmente, ir tecendo uns medios que permitan a colaboración regular neste terreo. A Facultade de Matemáticas vén esforzándose desde hai un tempo en facer agromar algúns destes medios, e estas Xornadas queren tamén servir de escaparate para difundilos e dinamizalos. Entre estes medios contamos coa rolda de léxico, o concurso de vídeos Explícoche matemáticas 2.0 e a  nova iniciativa sobre Galipedia, que pode axudar a visualizar as matemáticas en galego. Esperamos que esta iniciativa, que ten vocación de continuidade, marque un fito relevante na normalización da expresión matemática na nosa lingua. INSCRICIÓN A inscrición é gratuita. É necesaria para obter o certificado de asistencia, precísase nome e dni. Pódese facer enviando un mail indicando xornadas no asunto a: zmatdeca@usc.es . Data límite: 24 de outubro. Homologación da Consellería de Educación, en trámite

martes, 1 de outubro de 2013

Box

Curiosa curta chea de visualizacións xeométricas. O máis increíble é que os autores aseguran que foi gravada mediante unha cámara controlada robóticamente e a proxección de superficies en movemento, sen ningún tipo de post-produción. Pura xeometría.

luns, 23 de setembro de 2013

Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?



 A algunha xente gústalle a poesía, a outras observar cadros e tamén hai quen desfruta coa resolución de problemas. O que problema que se presenta aquí é, como se podía supoñer, o seguinte:
Canto variaría o radio da Terra se lle aumentásemos 10 m ao ecuador?
O enunciado deste problema vírao por primeira vez na revista Cacumen. Agora 30 anos despois atopeino neste simpático vídeo, un dos gañadores de videoMaT, un concurso catalán de vídeos para o alumnado non universitario no que solicitaban traballos nos que se respondese a preguntas que evidencien a aplicación das matemáticas no entorno. Imaxinemos  que a Consellería de Educación copia a idea e quer trasladala a Galicia. Para respectar o espírito do funesto decreto do plurilingüismo nas bases do concurso deberíase prohibir que o vídeo fose elaborado en galego, non si? Ah! e intendade resolver o problema antes de mirar o vídeo. É un gustazo dar coa solución, tan simple e inesperada!

mércores, 28 de agosto de 2013

Flatland

Escrito en 1884 por Edwin Abbott Abbott, Flatland, Unha Aventura en moitas dimensións, é unha novela satírica pero tamén é coñecida por facer uso das propiedades matemáticas das figuras en diversas dimensións. O protagonista, un cadrado no mundo bidimensional. Comenza describíndonos a sociedade e as leis que rexen o seu mundo. Despois de soñar cun mundo unidimensional é transportado a outro tridimensional onde se cuestiona a existencia de catro, cinco, ou máis dimensións. Recollo aquí a serie de 8 vídeos traducida ao porltugués: Episodio 1 Episodio 2 Episodio 3 Episodio 4 Episodio 5 Episodio 6 Episodio 7 Episodio 8

xoves, 8 de agosto de 2013

Calcule mais: Noção intuitiva de limites


 Vadeir Vioti, estudante de enxeñería, despois de coñecer o material da Khan Academy, pensou en que podía aproveitar esta idea para facer realidade o seu soño: ensinar matemáticas a persoas sen posibilidades económicas. Elaborou así 600 vídeo aulas que hoxe son seguidas diariamente por máis de 4.000 persoas.
O portal de acceso é Calcule mais. Temos aquí unha enorme colección de materiais para o ensino mediante material audiovisual e que pode ser aproveitado desde Galicia por seren creados en portugués. Outra vez batemos de frente cunha posibilidade de aprendizaxe que o funesto decreto 79/2010 rexeitaría por tratarse de aprendermos matemáticas nunha lingua distinta do castelán.

xoves, 1 de agosto de 2013

A soma das medidas dos ângulos em um triângulo é 180°. Ciencias en portugués

Noutra entrada anterior xa falamos do material da Khan Academy traducido ao portugués por Portugal Telecom e que está a ser divulgado pola Sociedade Portuguesa de Matemática. Daquela, nese portal dispoñíamos de 70 vídeos traducidos ao portugués. Agora fun dar con outro portal que debe ter aproximadamente uns 300 vídeos da Khan Academy tamén traducidos ao portugués por medio da Fundação Lemann. Ademais hai outros poucos centos de vídeos de bioloxía, física e química. Todo un mundo de utilidades para ese mundo arrasado polo decreto para o plurilingüismo que é o ensino das materias de ciencias en galego. Escollín para esta entrada a demostración de que a suma dos ángulos dun triángulo é de 180º, un teorema que é equivalente ao V postulado de Euclides. A aventura deste teorema no transcurso da historia levaríanos a facer un repaso da xeometría desde a antigüidade ata o desenvolvemento da teoría da relatividade no século XX. Hai un libro, marabilloso, que trata xustamente esta idea: Historias de espacio, de Jaremy Gray, editado por Mondadori (1992).