mércores, 20 de febreiro de 2013

A conferencia de Olimpio Arca sobre Ramón Verea


O pasado mes de novembro, como unha máis das actividades arredor do Día da Ciencia en Galego  no IES Pintor Colmeiro, Olimpio Arca Caldas, autor da máis completa biografía de Ramón Verea ( inventor da primeira máquina de calcular que realizaba os produtos directamente alá polo ano 1878) Olimpio lémbranos que debemos recuperar a nosa historia. Os libros de texto falan de Isaac Peral como inventor do submarino, de Juan de la Cierva como inventor do autoxiro. Porén non falan de José Rodríguez, o matemático de Bermés, nin de Domingo Fontán, o xeógrafo de Portas, ou como é o caso que nos ocupa, de Ramón Verea, quen fixo un dos avances máis importantes na historia do cálculo. A conferencia O mestre Olimpio Arca Caldas ilustrounos co seu profundo saber sobre o inventor galego e explicounos que o seu obxectivo fundamental era dar a coñecer a historia que nos roubaron para que non teñamos orgullo de nós mesmos. Por iso deixounos para que compartísemos a presentación que nos ofreceu xunto coas súas notas.
Reitero o agradecemento do Equipo de Normalización do IES Pintor Colmeiro a Olimpio Arca por permitir que comunidade internauta poida coñecer de quen  máis sabe sobre Ramón Verea a biografía deste inventor. A seguir o relatorio desta presentación.
Presentación da biografía de Ramón Verea, por Olimpio Arca Caldas
1. Único retrato que coñecemos do estradense Ramón silvestre Verea García, home de mentalidade renacentista, orgulloso sempre e en todas as esferas da sociedade, da súa nacionalidade española e defensor a ultranza do labor de España no mundo.

Prestixioso escritor e inventor esquecido nas enciclopedias e nos libros de texto durante moitos anos, o meso que outros científicos galegos. As primeiras novas que tiven de Ramón Verea pertencen á prestixiosa revista “La Ilustración gallega y asturiana”. Buscaba eu máis datos acerca da persoa de Bernardo Rodríguez, outro emigrante estradense que desempeñou en Arxentina o cargo de bibliotecario na Universidade de Bos Aires.

Antes de entrar na extraordinaria e fecunda biografía de Verea,  paréceme importante coñecer os vieiros que me levaron a saber da súa apaixoada vida. Na devandita revista “La Ilustración” comentaba un anaco da súa vida o biógrafo Pérez Morris e, consultado o Espasa, comprobei que nacera na parroquia de Curantes.
O seguinte paso levoume aos cemiterios desa parroquia, coa esperanza de atopar nas lápidas dos panteóns posibles familias de Verea. Non había ningunha, en troques, aparecían moitos Brea. Comprendín que a ausencia do apelido Verea estaría motivada polas inscircións que os casteláns fixeran nos libros do resitro civil creado no 1870, así os Meixide pasaran a Meijide, os Texo a Tejo, os Docampo a Campos.
No Museo de Pontevedra atopo os dous volumes da colección da súa gran revista “El Progreso”, fonte segura de documentos autobiográficos para coñecer vida e escritos do noso personaxe. Estes volumes foran doados no seu día oa Museo Provincial por Pedro Trapote, único axente da revista en Pontevedra.
                Logo desta sinxela introdución, analizarei a vida e obra de Ramón Verea como escritor e inventor. Nace Verea o día 11 de decembro do 1833 na parroquia de San Miguel de Curantes, xurisdición
de Tabeirós, incorporada máis tarde ao concello da Estrada.
                No libro sacramental número 3, folio 140, do arquivo da devandita fegresía atópase a inscrición do bautizo do neno Ramón Silvestre Verea García. Oficia este sacramento, coa licencia experesa do párroco Miguel Silvestre de Lago, o presbítero Francisco Porto y Vila, tío avó do neófito. Medra Ramón no seo dunha familia labrega acomodada e, orientado no apecto cultural e relixioso polo Parente crego.

domingo, 13 de xaneiro de 2013

Lux Aeterna


LUX AETERNA from Cristóbal Vila on Vimeo.
Nova animación de Cristóbal Vila con referencias astronómicas e xeométricas. Comenza a animación coa galaxia espiral Messier 74 e a rexión LH 95, un lugar de formación estelar na Gran Nube de Magallaes. Continúa con espectaculares imaxes do Sol e da Terra.
O vídeo tamén contén referencias a Ibn Sahl, un matemático e físico persa que descubridor da chamada Lei de Snell. As notas manuscritas que aparecen xunto a unhas tazas de café fan referencia a traballos de Albert Einstein que chega a este traballo sobre a luz por medio das lentes gravitacionais. O alter ego de Einstein, Isaac Newton tamén aparece referido por medio da portada do seu libro Opticks e unha outra animación sobre un prisma. En fin, otro novo vídeo de Cristóbal Vila cargado de referencias ao coñecemento científico. Un gusto para os sentidos e a intelixencia.
Para saber máis sobre o vídeo, consultar este web do autor: Etérea

xoves, 10 de xaneiro de 2013

Dúas unidades didácticas para dous matemáticos galegos: Ramón M. Aller e Vidal Abascal

No ano 1999 celebráronse en Lugo as IX Xornadas de Aprendizaxe e Ensino das Matemáticas (JAEM). Para que os congresistas tiveran un recordo duradeiro desas datas a Consellería de Educación e o Cefocop editaran un libro titulado Dous matemáticos galegos que trataba sobre dúas figuras fundamentais nas matemáticas galegas: Ramón Mª Aller Ulloa e Enrique Vidal Abascal. Nos últimos tempos EducaBarrién ven de editar varias unidades didácticas sobre figuras da nosa ciencia. No ámbito das matemáticas as dúas persoas escollidas son precisamente as nomeadas anteriormente. Ramón María Aller Ulloa. Na unidade didáctica de EduBarrié adicada a Aller xunto a uns pequenos apuntes biográficos achégansenos unha introdución á astronomía usando múltiples recursos da rede. Velaquí a unidade que tamén se pode descargar en PDF.
Como complemento engado as seguintes ligazóns sobre Ramón María Aller:
Enrique Vidal Abascal
A unidade didáctica de Vidal Abascal editada por EducaBarrié pódese descargar en PDF ou desde esta presentación:
Velaquí algunhas ligazóns para coñecermos mellor a Enrique Vidal Abascal:

luns, 7 de xaneiro de 2013

10 Most Important Numbers In The World

Aínda que ten algunha inexactitude, ou precisamente por iso, quixen compartilo aquí. Pero sobre todo polo gratificante empeño posto en destacar a utilidade dos números que se presentan. Unha cuestión: son precisamente eses os números máis improtantes do mundo?

sábado, 8 de decembro de 2012

2+2=5. As matemáticas contra a normalización lingüística


Impactante e educativa curta. As matemáticas sempre estiveron no punto de mira das políticas educativas co fin de usar o prestixio que lle fornecían os seus esotéricos símbolos para proveito das máis variadas (e en moitos casos escuras) causas. Lembremos, por exemplo, que a gran revolución educativa no ensino da ciencia dos números que se quixo impulsar coa implantación nos anos 70 da matemática moderna, naceu como resposta nos países da órbita da OTAN ao gran sock que supuxo o programa Sputnik da Unión Soviética nun escenario de guerra fría. Hoxe as matemáticas son a punta de lanza do grupo de materias troncais, as áreas de coñecemento privilexiadas que o programa involucionista do PP está a impoñer nas nosas escolas. Aos nosos gobernos non lles importa nada o ensino das matemáticas. Os seus intereses están na permanencia no poder e para iso cómprelles dirixir un control ideolóxico que o faga posible. Por medio do decreto de plurilingüismo e a LOMCE os gobernos de Galicia e España só pretenden facer uso do  prestixio das matemáticas como base do desenvolvemento científico para estableceren políticas nefastas desde punto de vista educativo, e en definitiva, con consecuencias moi negativas para a sociedade do futuro. En Galicia estase a usar a formación en matemáticas como arma contra a normalización lingüística. Con cada clase de matemáticas impartida en castelán estase a ensinar tamén que o galego é unha lingua de segunda categoría, da que se pode prescindir para o desenvolvemento científico e, en definitiva, inútil socialmente. En Galicia estase a ensinar que "dos más dos es igual a cinco"

xoves, 22 de novembro de 2012

A utlidade da terminoloxía matemática en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC promove unha rolda de discusión de terminoloxía matemática: o LEXI_GA_MATH, aberta a todos os interesados no uso correcto do vocabulario específico desta ciencia. Esta anotación quer ser tamén unha invitación a apuntarse nesta lista a todos os interesados en fornecernos dunha terminoloxía correcta no ámbito das matemáticas.  Apelo a un interese que non se pode desligar do uso. Para iso paso a facer algo de memoria.
Principios
No ano 1979 publícase o que , segundo o seu editor,  Xulián Maure, sería o primeiro libro "non só de Europa, senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en galego". Tratábase dun libro de texto para 1º de bacharelato, elaborado por un grupo de máis de medio cento de profesores coñecido como  Colectivo Vacaloura. Os seus integrantes tiveran que facer o traballo sen referencia terminolóxica algunha. A súa achega respondía a unha necesidade imperiosa da sociedade galega de prestixiar unha lingua prohibida, a súa lingua. Para continuar este traballo e facelo como correspondía, con rigor científico, precisábase un vocabulario de termos especializados que fose o resultado dun traballo que non nos aportara simples traducións do castelán. Compría que alguén que sentira a lingua e con coñecementos da área dera o primeiro paso. Velaí que por fin no ano 1995 se presenta na Facultade de Matemáticas un libro editado pola USC e coordinado por X. M. Masa Vázquez e  A. B. Fortes López. O seu título: Vocabulario de Matemáticas.  [Pode descargarse o documento de texto desde aquí.]. O amigo e compañeiro Manuel Vilariño tivo a feliz idea de subilo á plataforma Scribd para que a súa consulta fose máis accesible a todos
As matemáticas en galego comenza a ocupar o seu lugar De certo que este traballo contribuíu en moi boa medida a que a edición de libros de texto de matemáticas en galego nos anos seguintes se fixera de forma máis coordinada e pisando en chan firme. É o caso que cos comenzos do século XXI as normalización comenza a notarse no eido do ensino das matemáticas. Todas as editoriais que querían estar realmente presentes nos centros escolares, tiñan que ter o seu libro de matemáticas en galego. Isto contribuiría a que tradutores, pedagogos, profesores, e moitos outros profesionais desenvolveran un traballo que se agradecía acotío nas aulas. As matemáticas comenzaban a andar o seu viaxe da man da normalización lingüística, sobre todo co impulso dado polo decreto 124/2007 que establecía que o ensino das matemáticas se desenvolvería en galego. Esta decisión non foi otra cousa que a ratificación do que se indicaba no PXNLG, aprobado por todos os grupos políticos  do parlamento galego no ano 2004. Desta época temos dous traballos máis, desta vez da Universidade da Coruña, incluídos dentro dun listado de vocabularios que desenvolven a campaña 'Profesionaliza a túa lingua', gañadora do primeiro premio Luísa Vilalta ás iniciativas normalizadoras. Estámonos a referir a:
  • Pérez Vázquez, L.; P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2006): Profesionaliza a túa lingua: matemática. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
  • Pereiro Felípez, M. C. et alii (2008): Profesionaliza a túa lingua: estatística. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
Todos estes documentos son esenciais para abordar a edición de propostas didácticas na nosa lingua. Así o foi, por exemplo, na elaboración de EDAD en galego que contén unha lista de 60 unidades didácticas que abarcan todos os contidos de matemáticas da ESO e accesible desde aquí. Hoxe este material é como un oasis no deserto da imposición do español. O estado actual.  A ruptura do consenso establecido no PXNL levou ao defenestrado estado actual de prohibición de impartición das aulas en galego no ensino non univeristario, asinado no funesto decreto 79/2010. Unha materia que sempre gozou de prestixio, a matemática, non podía ser explicada nunha lingua que se quería desprestixiar. Isto non significa que o traballo normalizador esté completamente pechado. Acaba de sair a noticia de que o Insituto Galego de Estatística (IGE) elaborou un vocabulario estatístico galego-inglés-castelán.   Grazas ao traballo do SNL da USC temos unha ferramenta terminolóxica que nos permite buscar, caso por caso, o termo no que estemos interesados. Trátase do bUSCatermos, aberto a todos os internautas desde comenzos do novembro pasado. Precisamente este buscador incorpora na súa base de datos o vocabulario publicado no ano 1995 e que agora se está a revisar na rolda do LEXI_GA_MATH.

A utilidade da terminoloxía matemática en galego. A cuestión central que se suscita despois de comprobarmos que dispoñemos de toda unha serie de recursos para establecer o vocabulario matemático é: para que queremos todo isto? A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) financia a base de datos bUSCatermos. Pola contra esa mesma SXPL é o maior valedor do decreto que prohíbe o uso do galego no ensino das matemáticas que é precisamente o eido natural que lle pode dar máis valor e uso a toda esta recompilación terminolóxica. En ningún outro caso se pode ver con máis claridade unha das características fundamentais da política lingüística dos úlitmos anos. Trátase dunha política que parte de considerar ao galego como unha lingua de museo.  Algarismo,  alxébrico, arranxo ... Que triste é ver todos eses termos disecados!  Contra unha política lingüística forense debemos propugnar unha medicina de habitos saudables pois única postura coherente é a que correlaciona interese pola lingua co seu uso. Temos que recuperar a necesidade imperiosa de prestixiar unha lingua prohibida e iso pasa por impartir as aulas de matemáticas en galego.

xoves, 8 de novembro de 2012

'Isto é matemática'. Programa de divulgación da TV portuguesa


Un que sempre anda na procura de materiais de matemáticas en galego fiquei gratamente sorprendido ao enterarme de que na canle portuguesa de televisión SIC Notícias, comenzou a emisión dun mini-espazo de divulgación matemática: 'Isto é matemática'. O programa emítese os sábados ás 20:50. Condúceo o matemático Rogério Martins con simpatía e procurando facer accesible esta ciencia a todos os públicos. Así se presenta:
A matemática vai muito para além dos números e das equações. A matemática são ideias. Ela acontece sempre que há um padrão... Sempre que algo se repete... no seu quotidiano, nas ruas, no trânsito. São ideias que se materializam em todos os objectos que alguma vez observou... e talvez nunca tenha dado conta. A matemática é vida. A sua vida... e a minha.Sou o Rogério Martins... e sou matemático.
'Isto é matemática' está promovido pola Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM). Os programas emitidos ata o momento tráenme á cabeza o Ben Falado! da TVG, quizais pola pouca duración que teñen. Isto, no canto de ser un desventaxa, creo eu, é o seu maior valor. Cun guión e unha realización moi coidadas cada un destes capítulos é unha perla da divulgación matemática. Eu non os perderei de vista. Podemos seguir as novidades do programa nunha conta de facebook ou no seu portal da canle de televisión. Capítulo 1. Reinventar a roda. Capítulo 2. Como é que o google goola Capítulo 3. O bilhar, o dentista e o Teatro São Carlos Capítulo 4. O efeito borboreta