domingo, 4 de xaneiro de 2015

"O soño" de Kepler

Se dispoñer na nosa lingua do libro O soño, de Johannes Kepler, é todo un luxo, esta xoia vén acompañada dunha impagable introdución do seu tradutor, Alfonso Blanco, na que se nos achega un perfil biográfico de Kepler e polo tanto tamén unha contextualización histórica ademais dunha introdución aos avatares sufridos por esta obra en particular. Por iso eu recomendaría  antes de nada ler primeiro as claves que nos debulla Alfonso Blanco. De certo que despois non hai quen pase sen ler O soño. Unha primeira lectura  pódese facer sen atender ás anotacións. Pois cómpre saber que a maior parte do texto está nas máis de 200 anotacións, introducidas por Kepler entre 10 e 20 anos despois de ter escrito o libro. Ademais hai unha boa colección de notas desta edición tanto ao corpo principal do texto como ás anotacións de Kepler. Da lectura de O soño obtemos un certificado de cal era o signo dos tempos. É do máis interesante comprobar por un mesmo como estamos diante dunha obra escrita nunha época cargada de supersticións pero que a un tempo é na que se está a incubar a revolución científica que daría un xiro copernicano á historia do pensamento da humanidade. Poño como exemplo un par de notas, case consecutivas, que contan moito da mentalidade da época, substanciada na curiosa personalidade de Kepler. Nunha, a número 55, Kepler comenta en broma, mais con toda naturalidade, como os malos espíritos son considerados poderosos nas tebras. Por esta razón, cando se producen eclipses de Lúa eses espíritos desprázanse polo cono de sombra da Terra e invaden a Lúa. Velaquí a parte máxica do pensamento que Kepler utiliza para viaxar ao satélite. Pola contra na nota 57 o astrónomo calcula a velocidade á que deben viaxar eses espíritos para chegar a tempo á Lúa, isto é, antes de que remate a eclipse: 90.390 km/h. Éste é o exemplo da outra cara da moeda; nun mundo que cría que a uns metros, baixo os seus pés, os demos do inferno e o purgatorio realmente estaban a aplicar  tormentos aos pecadores, comezaba a abrollar o espírito do tratamento científico da realidade. Un texto copernicano O obxectivo co que fora elaborado nun principio O soño aparece explicado nunha carta que Kepler lle envía a Galileo para comentarlle os revolucionarios descubrimentos feitos co telescopio polo astrónomo italiano no 1610: "fundei unha astronomía nova como se fose para aqueles que habitan a Lúa". Kepler era un gran astrónomo, un perfecto coñecedor das disposicións dos planetas e as estrelas. O ano anterior publicara unha das grandes obras da ciencia de todas as épocas, Astronomía Nova, na que despois dun pulso de varios anos cos datos de Marte herdados de Tycho Brahe, da súa imaxinativa mente xurdiron as leis que serían a rocha sobre a que se había de fundar a nova física. Polo tanto non podemos pensar en ninguén mellor para explicar como un astrónomo selenita vería os seus ceos. Non era da mesma opinión o emperador Rodolfo II, que non lle permitiu a publicación. O problema estaba en que a astronomía lunar kepleriana era profundamente copernicana. Tomar o punto de vista dun habitante de Lúa era un movemento estratéxico moi intelixente. Este selenita pensaría que vive nun mundo inmóbil e desde a súa posición no satélite ofreceríase unha astronomía moi distinta á nosa. O cambio de punto de vista evidencia a febleza do xeocentrismo. Para completar a xogada efectúa tamén un cambio de nomes. A Lúa recibe o nome de Levania e a Terra o de Volva. Así podemos distinguir dúas rexións ben diferenciadas na xeografía da Lúa: a cara que mira permanentemente á Terra, Subvolva, e a cara oculta, ou Privolva. Kepler debulla as características máis importantes da astronomía lunar. Os días na Lúa duran un mes terrestre, divididos en aproximadamente 15 días de sol e outros tantos de noite. Tamén fala de como na Lúa as eclipses solares e de Volva se suceden coa mesma cadencia que para nós as de Lúa e Sol respectivamente. Desde Subvolva obsérvanse as fases de Volva, e o que resulta un unha toma de postura plenamente copernicana, tamén se pode comprobar a rotación diaria do noso planeta. Este cambio de denominacións, lonxe de ser inocente é un dardo mortal na cerna do xeocentrismo. O libro, así concibido, era un excelente texto de divulgación científica. Precisamente o que pretendía divulgar era o que facía complicada a súa publicación. Lutero e Calvino xa levantaran as palabras da Biblia como garante da inmobilidade da Terra. A pesar de todo, Kepler non se rende. Convencido que a irracionalidade das críticas contra o De revolutinibus se debía á ignorancia en astronomía intenta unha nova estratexia. Engádelle unha historia para envolver esa xeografía lunar nunha narración imaxinaria recollendo a tradición das narracións de viaxes. O protagonista ten un soño que consiste na lectura dun libro. Ese libro relata a historia de Duracontus, un mozo islandés, quen finalmente grazas a unha invocación da nai comeza a escoitar na voz dun xenio a descrición da xeografía lunar kepleriana. Se ben con esta transformación o cambio de perspectiva proposto por Kepler pode perder forza ao estar adubado de xogos narrativos nos que incorpora a maxia, o estilo descritivo da parte científica é tan claro, tan distinto á primeira parte do Soño, que cómpre pouca perspicacia para que o libro siga mantendo a súa  carga de propaganda e defensa copernicana. Finalmente esta conversión do libro nunha historia fantástica tería indesexadas e terribles consecuencias tanto para a obra o como para a propio futuro de Kepler. Katharina, a nai de Kepler foi acusada de bruxaría e unha copia do Soño sería usada como material contra ela no xuízo. A lectura do manuscrito facía moi doada a identificación da nai de Kepler coa menciñeira nai do protagonista do Soño. O libro convertérase nun magnífico apoio para acusación de bruxaría de Katharina. Johannes asumiu directamente a defensa da súa nai . Isto foi unha preocupación continua e unha ruína económica durante os anos que durou o proceso. Moito se ten escrito e debatido sobre o proceso a Galileo e a prohibición da publicación do seu Diálogo. Estamos ante un caso das mesmas características, coa diferenza de que a represión protestante non estaba tan organizada como a Igrexa católica. Porén a súa ideoloxía e defensa fundamentalista estaba ben establecida na estrutura social da época.  Neste caso volvemos a ver un enfrontamento no que o poder actúa contra a nacente revolución científica que estaba a socavar os piares do coñecemento férreamente controlado pola oficialidade. Non hai ningunha dúbida de que O soño era un ensaio para a difusión do copernicanismo. Non concordo para nada coa adscrición, mil veces repetida, desta obra como  precursora da ciencia-ficción. Aínda que isto signifique ir en contra da clasificación dada por dous grandes xenios da divulgación científica como Carl Sagan e Isaac Asimov, se O soño pode ser considerada pioneira dun estilo, éste sería precisamente o da divulgación científica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario