luns, 8 de xaneiro de 2024

Retallos do 2023

Durante o ano 2023 este blogue tivo unhas 9600 visitas repartidas entre as 26 entradas publicadas. Quixera destacar algunhas series delas. Explícome.

A característica esencial deste blogue é que vou deixando por aquí o rastro dalgunhas cousas que me van interesando. De aí que o normal é que unha entrada pouco ou nada teña que ver coa seguinte. Os temas varían e van saltando nunha sucesión sen máis lóxica que un listado de asuntos que me chaman a atención. Pero sucede algunha vez que un asunto en particular me vai atrapando e así, o que había de ser unha entrada dunhas poucas liñas, vai estendéndose de tal forma que me vexo na obriga de dividir a entrada en varios capítulos. Foi este o caso este ano en varias ocasións, especialmente nunha que acabou nun total de 8 entradas. Todo comezou cun artigo, moi interesante, de Xosé A. Fraga no dixital Praza Pública no que se trataba a cuestión de se o primeiro libro de matemáticas publicado en América no 1556  tiña como autor a un galego. Para contextualizar esta cuestión, tanto desde o punto de vista histórico como do contido matemático, así como para profundizar no asunto, acabei redactando toda esta serie:

Unha segunda serie de entradas estivo motivada polo libro de David Linker e Alan Sultan Mathematics Problem-Solving Challenges for Secondary School Students and Beyond (Wordl Scientific 2016)

Como a sucesión de listados vai en progresión xeométrica, se a primeira constaba de 8 elementos e esta segunda de 4, a terceira (e a cuarta) só constará(n) de dous. No mes de xuño presentouse a publicación da tradución feita por Felipe Gago, do marabilloso libro de Rózsa Peter, Xogando co infinito. Velaquí a crónica desa presentación:

Debido á atolondrada optatividade da LOMCE no meu centro non se ofertaba a materia de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º de Bacharelato. Coa chegada da LOMLOE abriuse esa porta, e con ela a posibilidade de tratar a combinatoria con algo máis de profundidade. Isto derivou nun par de entradas dentro deste ámbito, ademais, entradas que están relacionadas entre si e cun libro dos xemelgos Yaglom:

Finalmente voume ocupar das entradas únicas. Algunhas teñen o sabor da crónica xornalística xa que tratan de eventos da pequena sociedade matemática. En Matemáticas próximas e números máxicos faise referencia ás xornadas protagonizadas por Elena Vázquez Cendón e Elena Vázquez Abal en Pontevedra no mes de febreiro. No mes de xullo resolveuse a edición 2023 do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 e aquí recollín os vídeos gañadores. Finalmente no mes de novembro dábase conta dunha nova publicación, Máis Mates, unha revista feita por estudantes da Facultade de Matemáticas da USC.

Houbo outras entradas únicas, Unha anotación xeométrica sobre as progresións xeométricas (o título xa o explica todo),  Reloxos triangulares, cadrados e redondos que se enmarca nas matemáticas recreativas ou Craps, que trata sobre un xogo de dados e, polo tanto, de probabilidades.

Dous casos especiais


O 2023 tivo tamén oco para un par de casos especiais, cadanseu pola súa razón. Un deles é o da entrada que máis visitas tivo, aínda que o caso é ben triste, pois trátase do asunto da eliminación de 169 unidades didácticas de Matemáticas do repositorio da Consellaría de Educación. Elimináronse moitas outras, pero estas, as de Matemáticas,  eran as que tiña recompiladas no portal dos Retallos. Pola contra, o outro caso vén da man dunha circunstancia feliz e que relatei como introdución á última entrada do ano, O problema bovino de Arquímedes. O problema histórico das vacas de Galicia que é obra de Andrés Ventas, un colaborador que lle xurdeu por vez primeira a este blogue, e que, xa o veremos, será só o comezo dunha nova serie de achegas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario