De revolutionibus orbium coelestium, ou máis brevemente De revolutionibus, é o volume, en seis libros, escrito por Copérnico (1473-1643) e publicado, coma quen di, póstumamente, no 1643 pois cóntase que cando saiu do prelo o autor xa estaba no seu leito de morte. Deste xeito tan tráxico o astrónomo presentaba públicamente o seu sistema dun mundo heliocéntrico. O escritor Arthur Koestler (1905-1983) cualificaríao no best-seller Os sonámbulos como "o libro que niñguén puido ler". As razóns desta descrición aséntanse na prosa técnica e pouco amable que destila o texto copernicano xa que a partir do segundo libro o texto é unha obra especializada de astronomía matemática que intentaba competir co Almaxesto de Ptolomeo e os seus epígonos. A confrontación entre os dous sistemas fundamentábase nunha serie de mecanismos matemáticos moi técnicos. Con toto, o apelativo de Koestler é moi inxusto xa que o De revolutionibus, desde o momento da súa publicación, sería un punto de referencia ineludible para os astrónomos posteriores.
A Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo O libro que ninguén puido ler, unha publicación cun título digno de Raymond Smullyan, elaborada polos matemáticos Nicanor Alonso e Miguel Mirás xunto co profesor, tradutor e poeta Raul G. Pato. Esta edición, xira arredor da tradución dun manuscrito do Libro I do De revolutionibus. Nese manuscrito non aparecían os tres últimos capítulos dese Libro I, precisamente os de contido matemático. En consecuencia, non se adentra nos esotéricos artefactos mecánico-astronómicos copernicanos senón que trata da exposición e argumentación dunha revolucionaria visión do mundo. Tan revolucionaria que se enfronta aos fundamentos ideolóxicos dominantes. Non se podía remover a crenza da inmobilidade da Terra sen que se visen afectadas as estruturas de poder que controlaban o coñecemento, a visión e a organización do mundo. Isto xa se sente desde un primeiro momento. Nas primeiras edicións do De revolutionibus aparecía un aviso Ao lector sobre as hipóteses desta obra que non foi redactado por Copérnico nin polo seu axudante Rheticus (1514-1574), senón polo substituto deste, o teólogo protestante Andreas Osiander, Sorprendentemente, neste curioso prólogo retíraselle toda a credibilidade ao corpo do libro:
"E non é necesario que estas hipóteses sexan verdadeiras, nin sequera verosímiles, senón que basta con que amosen tan só un cálculo congruente coas observacións"
Porén, unhas poucas páxinas máis adiante, Copérnico (agora si é el quen escribe) é moi claro:
"Se por casualidade aparecen rexoubeiros que, alegando ser capaces de emitir un xuízo sobre calquera cousa relacionada coas matemáticas, aínda sendo ignorantes delas e terxiversando maliciosamente algunha psasaxe da Escritura para o seu propósito, ousen atacar e rexeitar esta miña empresa, eu non fago caso deles ata o punto de desprezar o seu xuízo cualificándoo de temerario"
Velaquí que Copérnico non só tiña un coñecemento profundo dos ceos, tamén era quen de desentrañar as reviravoltas da sociedade do seu tempo ata o punto que neste parágrafo parece adiviñar cal vai ser o futuro das teses do De Revolutionibus. Efectivamente, se por unha banda Lutero e Calvino son os primeiros en opoñerse firmemente ao heliocentrismo, a igrexa católica prohíbe defendelo ou sostelo no ano 1616 ao tempo que inclúe a obra copernicana no índice de libros prohibidos. Esta foi a atroz resposta a unha convincente campaña de Galileo na que todos e cada un dos seus descubrimentos co telescopio son punzantes argumentos pro-heliocéntricos. A pesar das prohibicións da Igrexa Galileo non ficaría inmóbil. Nunca deixaría de argumentar contra a física aristotélica, o principal sustento do modelo ptolemaico.
A xenialidade de Galileo destaca especialmente no Diálogo, publicado no 1632 despois de entrevistarse co propio papa Urbano VIII e de que se lle impuxeran varias condicións. Obrigóselle a que cambiara o título: xa non sería Do fluxo e refluxo das mareas, senón Diálogo sobre os dous máximos sistemas do mundo. Outra esixencia consistía na inclusión dun aviso ao lector (outro máis!) no que se forzou a Galileo a declarar que adoptaba o copernicanismo como se fose unha hipótese puramente matemática. Tamén se lle impuxo a conclusión final do libro na que debían aparecer as teses de Urbano VIII establecendo que o infinito poder de Deus podía presentarnos os fenómenos de múltiples maneiras. Noutras palabras: a indagación científica é un inútil sinsentido. Ademais o Diálogo foi revisado polo Maestro do Sacro Palacio de Roma, con atribucións plenas para dar permisos de edición. Galileo aceptou todas as condicións, por inxustas que fosen. Con todo, ao pouco da publicación o Diálogo foi secuestrado e Galileo tivo que enfrontarse a un xuízo inquisitorial que o acabaría condenando.
A publicación da Universidade de Vigo ofrécenos como apéndices tanto a sentenza como a abxuración de Galileo Galilei. Son dous documentos de innegable importancia na historia da ciencia e un bo epílogo para O libro que ninguén puido ler. Como prólogo ofrécesnos un estudo sobre Copérnico e a súa obra. En definitiva, temos diante unha publicación que pon o foco nun capítulo central no desenvolvemento do pensamento científico. Tamén, por ser unha das escasas publicacións de temática científica en galego, unha contribución á dignificación da nosa lingua que todos deberiamos agradecer.
Púxenme agora con el. Moi interesante, non podo senón celebrar que os autores se decidisen a publicalo.
ResponderEliminarQue che preste! Aproveitando a ocasión, eu recoméndolle sobre o asunto este da historia da astronomía desta época un libro marabilloso "Talento y poder" de Beltrán (Editorial Laetoli) sobre Galileo e a Igrexa.
EliminarApúntomo. Pero igual vou necesitando outra vida para ler todo o que teño pendente...
Eliminar