Páginas

luns, 7 de febreiro de 2022

A influencia de Vidal Abascal

Enrique Vidal Abascal foi o encargado de impartir o discurso inaugural do curso 1973-74 da Universidade de Santiago de Compostela. Agora, a USC tivo un duplo acerto ao publicalo, devolvéndolle así nesta edición unha parte do agradecemento que o primeiro decano da Facultade de Matemáticas merece. Se digo que o acerto é dobre é, por unha banda, polos propios méritos de Vidal Abascal, dos que falaremos despois, e pola outra, por realizarse a edición en galego. Calquera que lea a publicación, entenderá o porqué. Como xustificación recollo aquí un pequeno parágrafo desta obra que, como se verá, non só está escrito, tamén está pensado na nosa lingua. Os exemplos poderían multiplicarse:

En Galicia, a deserción da nobreza arrastrou as clases burguesas e acomodadas a arremedar o de fóra, aprendendo a falar castelán para se diferenciar do pobo

En moitas ocasións o profesor Vidal xogou o papel de defensor da lingua. Certifícano moitos artigos publicados na prensa nos ultimos anos da súa vida. Pero esta defensa non aparece neste momento vital, mantívoa de sempre. Teñamos presente que foi presidente do Partido Galeguista de Lalín desde 1935 ata o golpe de estado do ano seguinte. Moi significativo é un artigo en El Pueblo Gallego (03/06/1935), escrito durante a súa estancia en Zúrich onde estaba becado pola Junta de Ampliación de Estudios. Nese artigo relata as súas impresións da visita a unha escola infantil na que seguían os métodos pedagóxicos de Pestalozi para o ensino da lecto-escritura. Comenta que sufriu "a tristeza de comprender que estas novas formas non poderán implantarse en Galicia mentres siga dándose a ensinanza en castelán" pois o método consistía en escribir o nome debaixo dun debuxo de obxectos familiares. Claro que o nome debería ser o que lle dá o cativo (fento, feixe,...) non outro estraño que faría fracasar o procedemento. Outro aspecto que abrolla neste artigo é a súa sensibilidade coa atención á diversidade e a focalización do ensino no alumno, aspectos do ensino que eran sumamente inhabituais nesta época. 

O título do discurso, Influencia dalgúns matemáticos e universitarios no renacemento cultural de Galicia, indícanos as liñas principais polas que se vai desenvolver. De sempre Vidal Abascal tivo un vivo interese pola relación entre a investigación, o ensino e a sociedade. No ano 1945 ao ser nomeado director do Instituto Nacional "Arzobispo Gelmírez" preséntalle ao claustro as súas ideas sobre o ensino medio. Pensa que debe quedar atrás aquel profesor inasequible que exercía de xuiz en todo momento e que na práctica deixaba de ser profesor para converterse en exclusiva en examinador. Tratábase dun modelo elitista no que o instituto se adicaba en exclusiva á formación intelectual e deixaba a educación na man das familias. Cada profesor, illado dos demais, era rei exclusivo da súa materia. Unha materia puramente académica, sen ningún tipo de formación social. Isto non é do seu agrado, así el móstrase favorable aos encontros deportivos, ás prácticas de laboratorio, excursións, celebración de festividades e organización de actividades. Tamén criticaba duramente as reválidas nas que un auxiliar que non tiña por que ser licenciado na materia, daba o seu ditame cun exame oral de ¡¡7minutos!!. Vidal Abascal confrontaba isto cos 7 anos de clases de secundaria dadas por un catedrático "privado dunha función da que non se ve privado ningún outro profesor e isto é pouco xusto".

Os mesmos fundamentos e as mesmas preocupacións subxacen no seu discurso de ingreso na RAG no ano 1971, agora centrados na universidade. Se nos anos 40 E. Vidal Abascal detectaba unha crise no ensino medio debido ao acceso de cada vez máis estudantes e de clases máis populares, o mesmo diagnóstico aparece en A crisis da universidade europea . A vella universidade europea estaba pensada para minorías intelectuais. Esa universidade "non corresponde aos anceios a que é preciso dar paso para atopar unha sociedade sen privilexios frente á cultura e coa posibilidade de que todos poidan alcanzar os másimos coñecementos que o seu talento, vontade e discipliña merezan pra ser útiles á sociedade". Destaca como eiva a falta dun criterio para seleccionar acaídamente ao estudantado pois o único criterio existente reside na capacidade económica familiar. Con todo, afirma que o 80% do importe do ensino do univesitario é soportado polo estado; en conclusión as clases sociais máis modestas sosteñen a formación universitaria da burguesía. Neste marco, dunha "Universidade desfasada e anacrónica" é  lóxico que xurdan "mozos idealistas e audaces que desexan unha sociedade mellor" organizados nos movementos estudantís. 


O certo é que os intereses de Vidal Abascal sempre se mantiveron nos mesmos parámetros. Sabémolo porque dentro no amplo intervalo temporal que van entre os documentos que acabamos de citar publicou un libro no que volve outra vez sobre eses eixos: ensino, investigación e sociedade. Trátase de La nueva matemática (Editorial Dossat, 1961), un texto en boa medida divulgativo, no que intenta establecer as ideas básicas que orientan as matemáticas dese momento: o bourbakismo, o formalismo e o intuicionismo, a topoloxía, a xeometría diferencial, teoría de conxuntos, nocións da escola  matemática francesa,... Mais tamén recolle un capítulo no que reflexiona sobre o estado das matemáticas en España. A partir da idea de que nunha sociedade tan complexa e tecnificada como a de principios dos 60, defende a necesidade do incremento da formación de persoas con estudos especializados e fai un repaso histórico na procura do atraso científico español. Acaba concluíndo que así como Castela impuxo o seu idioma, tamén o fixo o caracter castelán, valente, decidido, pero dogmático, individualista e intraxisente e, sobre todo pouco propicio para a reflexión. Fronte a iso pon a súa esperanza en Galicia pois o caracter colaborativo das súas xentes é especialmente propicio para o cultivo da ciencia. Case 20 anos despois repite estas ideas nunha biografía de Ramón Mª Aller da serie Hombres que hicieron Galicia.

Entende que para cambiar as cousas cumpriría, por exemplo, multiplicar por dez o número de matemáticos, en consecuencia, bota en falta unha política que aposte pola educación. Cómpre unha  ampliación da universidade onde se formen profesionais pero engade que a ampliación debe ser tal que permita extraer un número suficiente de investigadores. Ademais a investigación non pode ser obra duns quixotes que teñan que enfrontarse a toda clase de penalidades; isto é, a investigación debe estar ben dotada. 

Vidal Abascal non só se preocupa polos estudos superiores pois atribúe á mala ordenación do ensino medio a causa que máis desfavorablemente contribúe ao mal estado do ambiente científico. Xustifícao botando man dalgunhas cifras. Para facer fronte a un total de 500.000 alumnos de secundaria hai só 117 catedráticos de matemáticas. Estaba claro que se necesitaba moito máis profesorado, pero non a calquera prezo. Vidal Abascal critica moi duramente o decreto 1723/1960 do 7 de setembro que permitía acceder ao ensino medio a persoas sen titulación especializada.

O discurso

Ao expoñer os principios baixo os que se movía o pensamento de Enrique Vidal poderemos centrar moito mellor o seu discurso de inauguración do curso 1973-74. Este ensaio está impregnado de moitas ideas que aparecerían posteriormente en artigos da prensa. Fálanos dunha Galicia espendorosa nos séculos iniciais do milenio recollendo o primeiro exemplo de parlamentarismo europeo co rei Alfonso IX nunhas cortes nas que a lingua era o galego. Porén ese esplendor decae e apágase desde o XIV chegando a extremos humillantes como o de estar representada nas Cortes Castelás por Zamora. Os séculos de prostración deron lugar á lenda de inferioridade do galego. Vidal Abascal fica perplexo ao debullar a nomina de desprezadores dos galegos. Fronte a isto considera que é preciso reforzar a dignidade a todo un país ofendido como pobo e cómpre facelo colectivamente. A consciencia da nosa personalidade como pobo débese a un conxunto excepcional de persoas nas que a universidade xoga un papel decisivo. Para demostralo cita a toda unha nómina de escritores e personalidades do XIX e principios do XX consignando a ligazón que tiveron coa universidade. 

O punto culminante do discurso é o adicado ao Seminario de Estudos Galegos que representa para Vidal Abascal "o expoñente máximo da longa historia da Universidade, o seu esforzo por contribuír ao acervo cultural autóctono e, ao mesmo tempo, a proba fidedigna do valor dunha obra impulsada por un espíritu xuvenil de amor á terra, cheo de fervor pola nosa cultura e de entusiasmo por este pobo". Non se poden ler estas liñas sen sentir a profunda amargura do profesor pola aniquilación do proxecto que representaba o seu ideal de universidade. Aínda quer destacar outro fito, o da creación de dous organismos universitarios. Un deles é a cátedra de galego detentada por Carballo Calero  (1965), e a outra a do ILG (1971).

Remata o seu discurso cunha breve biografía de catro matemáticos galegos:  o matemático de Bermés José Rodríguez (1770-1824), o autor da Carta Xeométrica de Galicia Domingo Fontán (1778-1836), o militar coruñés Juan Jacobo Durán Loriga (1854-1911), e o seu mestre e amigo D. Ramón Mª Aller Ulloa (1878-1966)

O legado de Vidal Abascal

Cando pronunciou este discurso estaba embarcado nun proxecto daquela incerto, o da creación dunha Academia Galega de Ciencias. El foi o primeiro primeiro promotor e xunto con Isidro Parga Pondal, Luís Iglesias Iglesias, Domingo García Sabell, Antonio Fraguas Fraguas e Eugenio Torre Enciso, comezaron os trámites co Ministerio de Educación que foron lentos e cheos de atrancos. Finalmente, despois de máis de cinco anos de espera, pode constituirse. Este foi un fito máis do que sería unha constante durante toda a vida de Vidal Abascal, a procura material da mellora do sistema educativo. Niso inverteu moito tempo e esforzos. Foron as súas xestións ante o rector Carlos Ruiz del Castillo as que levaron á chamada a Aller para impartir clases de matemáticas nunha universidade minguada despois da Guerra Civil. Foi tamén iniciativa de Vidal Abascal a creación no 1945 da Sección de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga", que intentaba recuperar a enerxía do Seminario Matemático do mesmo nome impulsado por José Rodríguez Sanz dez anos antes e que tivera unha impresionante produtividade nos escasos meses que estivo en funcionamento (outubro do 1935- xullo do 1936).

Vidal conta na súa biografía de Aller que ambos tiñan o proxecto de conseguir a dotación da cátedra de astronomía para a universidade santiaguesa pero "don Ramón non era doutor en ciencias, polo que pensamos na ceseidade de que conseguira ese tíduo". Entón Vidal toma de novo a iniciativa e ponse en contacto con D. Esteban Terradas para que lle apadriñara a tese. Así Aller obtén o doctorado no ano 1943, cando contaba con 65 anos. 

Uns anos máis tarde créase na Facultade de Ciencias a Sección de Matemáticas. Outra vez o mérito principal deste avance debémosllo a Vidal Abascal e ás súas moitas viaxes a Madrid. No libro A universidade, a cultura galega e outros ensaios (Edicións do Castro 1990) lembra orgulloso que "me corresponde a satisfacción  de inicia-la petición da sección de matemáticas de Santiago, falando directamente co ministro don Xesús Rubio". A de Santiago sería a primeira despois das históricas de Madrid, Barcelona e Zaragoza. Velaquí que grazas ao seu labor Galicia contou anticipadamente con estudos superiores de matemáticas. A primeira promoción de licenciados desta Sección é do curso 1962-63; estaba formada por cinco mulleres e un home. Nese curso tamén se celebra o Coloquio Internacional de Xeometría Diferencial, o primeiro destas características en España. O seu organizador foi Enrique Vidal Abascal e volvería a organizalos nos anos 1967 e 1972. Entre os 1966 e 1978 dirixe quince teses de doutoramento e aínda é quen de impartir cursos e conferencias no estranxeiro, esencialmente en Francia. Foi un pioneiro na xestión de profesores visitantes estranxeiros e na confianza do traballo en grupo. Así Xosé Masa atribúelle esta frase: "un máis un non son dous, fan once". Inesperadamente esta defensa do espírito colaborativo había de costarlle un disgusto. En abril do 1966 escribe un artigo no


xornal  La Noche,  "La Coruña en guerra contra Galicia" no que defende facer forza común para conseguir máis centros universitarios en Galicia e critica as actitudes localistas como as do diario La Voz de Galicia, que uns días antes reivindicaba a facultade de económicas para A Coruña. A resposta deste xornal á crítica de Vidal foi insultante tanto co contido do artigo como co propio autor. Contiña cualificacións tales como que o escrito era "una sentina de resentimientos y complejos del más torpe estilo" ou que Vidal "ni siquiera era gallego". Neses días, nunha praza de Santiago os estudantes queimaron  exemplares de La Voz nun acto simbólico de rexeitamento da actitude do diario que se negou a publicar unha queixa do propio Vidal Abascal.

Poderiamos dicir que ao profesor Vidal tería honra de ser o primeiro decano da Facultade de Matemáticas desde xaneiro do 1978 ata a súa xubilación en outubro dese mesmo ano pero máis preciso sería afirmar que a honra sería da da Facultade por telo a el como director. Fica claro, xa que logo, que a súa obra e os seus esforzos tiveron sempre como centro a universidade galega, da que di o seguinte no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (1971), cando ocupa a vacante deixada por Aller:

"Nela estudiéi e néla enseño hai trinta anos. As miñas ledicias e zozobras están en gran parte ligadas ás espranzas, ésitos e tristuras polas que nestes difíciles anos pasa a Universidade, néla paséi as máis das miñas horas, néla estudo, soño e enseño modestamente todo o que poido; a miña executoria pra merecer ser considerado galego no esprito, o mes escudo e o meu orgullo, é que nestes trinta anos, penséi, traballéi e loitéi pola Universidade, polo seu sentido da vida, motor e sublimación dos méritos e defeutos deste pobo galego [...]. A Universidade galega, será o refrexo consciente e  científico do impulso deste pobo que mansiñamamente vai tomando consciencia da rica e luminosa cultura que latexa no fondo das tradiciós e no esprito de estas xentes cheas de inquedanzas, pechadas ao desalento,..."



Bibliografía

Fernández Pérez, Iván et al, (2011) As Matemáticas e a Astronomía en Galicia, USC

García González, A. (2009) Historia de la empresa de La Voz de Galicia, Libros en Red

Souto Salorio, M.J. e Tarrío Tobar A.D.,(2016) Enrique Vidal Abascal (1908-1996). Un renacentista en el siglo XX, La Gaceta de la RSME. Vol. 19

Vidal Abascal, Enrique, (1945) Programa expuesto por el Sr. Director D. Enrique Vidal Abascal, con motivo de su toma de posesión

Vidal Abascal, Enrique,(1961) La nueva matemática, Editorial Dossat S.A. 

Vidal Abascal, Enrique,  Otero Pedrayo, Ramón, (1971)  A crisis da universidade europea, RAG 

Vidal Abascal, Enrique,(1979)  Hombes que hicieron Galicia. Ramón M. Aller Ulloa, Banco del Noroeste

Vidal Abascal, Enrique, (1990)  A universidade, a cultura galega e outros ensaios, Ediciós do Castro

Vidal Abascal, Enrique, Vidal Costa, E., Masa Vázquez, X., (1999) Dous matemáticos galegos, Consellería de Educación Universitaria, Lugo

 VV.AA.,(1982) Boletín da Academia Galega de Ciencias. Volumen I

VV.AA. (2008) D. Enrique Vidal Abascal. Sembrador de inteligencia colectiva. Discursos do Día do Científico Galego 2008 da RAGC.

Ningún comentario:

Publicar un comentario