Páginas

martes, 26 de novembro de 2019

Que pasa coa lectura científica en galego?

Os 50 títulos máis lidos nos clubs de lecura 17-18

A Rede de Bibliotecas Escolares publicou estes tres últimos anos o listado do 50 títulos máis lidos nos clubs de lectura. Chama moito a atención que entre eses 150 títulos non encontremos ningún de divulgación científica. O caso aínda é moito máis rechamante se temos en conta que xa levamos 6 edicións de celebración "Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas" nas que se desenvolven, ou iso se di, toda unha serie de actividades, tales como lecturas nas bibliotecas, difusión de mochilas viaxeiras e a conseguinte multiplicación de entradas nos blogues de Bibliotecas ou de Equipos de Normalización coas máis diversas propostas. Aparentemente todo funciona como unha locomotora. Pero só aparentemente. Se miramos baixo esta capa de maquillaxe decontado comenzaremos a sentir renxer toda a maquinaria.
Botémoslle un ollo ás mochilas viaxeiras. De entre todas escollamos a de Matemáticas de Secundaria. Ten 31 títulos, 28 deles en castelán e os outros 3 en galego (menos dun 10%). Teñamos en conta que se trata dunha das actividades do "Mes da ciencia en galego". Significativamente un dos títulos en galego é precisamente "Alicia no país das marabillas". Aínda que foi escrito por un matemático, non se trata dun libro de divulgación científica, pero explica moi ben a situación. A Xunta, a Consellería de Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Rede de Bibliotecas, e como ovelliñas unha recua de bibliotecas e incluso de Equipos de Normalización din que se fai lectura en galego de obras de divulgación científica.  A realidade é xusto a contraria; nin hai lectura de ciencia, e moito menos, de ciencia en galego.

Creando un club de lectura matemática
Se eu quixera facer unha mochila viaxeira ou crear un club de lectura matemática en galego, podería facelo? Cal é o panorama? De que libros dispoño? Antes de nada, e para valorar a situación, vou indagar a mesma cuestión no caso de que procurara exclusivamente libros en castelán. Neste caso, as primeiras coleccións que me veñen á cabeza son:
Xa son moitos, pero hai máis? No portal Divulgamat, para o período 2000-2019 temos un total, a día de hoxe, de 947 libros, prácticamente poderiamos facer 31 mochilas viaxeiras con 31 libros de divulgación matemática. Isto danos un punto de referencia para intentar establecer unha comparación co mesmo hábitat, pero agora, por fin, en galego.
Vou comenzar, xa desde o principio, ampliando este hábitat ao incluir tamén aquelas publicacións que teñan como tema a astronomía, e non só as matemáticas. Por comenzar por aquí podemos iniciar a pescuda con *¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016) de Jorge Mira. Deste mesmo autor hai outro libro de divulgación xeral pero que contén algún toque de matemáticas, *A ciencia no punto de mira (Auga Editora, 2010). Continuemos con *E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará, que forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero aparentemente gorentosos títulos. Dos outros non,sei, pero deste de Salvador Bará si que podo afirmar que é excelente.
Seguindo coa astronomía non podemos deixar de citar a edición do libro de Ramón Mª Aller, Astronomía a ollo ceibe (USC, 2016), que estaba chamado a ser o primeiro libro de divulgación científica en galego, e así se anunciou ao Seminario de Estudos Galegos segundo se indica nunha nova do 20 de maio de 1936 no xornal El  Compostelano. O golpe de estado de 1936 e a posterior dictadura frustaron esta iniciativa, retrasando décadas a apertura da lingua galega ao mundo da ciencia.
De pasar a centrármonos naqueles libros nos que traten dalgún xeito algún tema relacionados coas matemáticas, ou mellor áinda, que traten en exclusiva desta ciencia, teriamos que iniciar a escolma cos libros da "Colección Lemniscata", editados por AGAPEMA e Anaya, agás o último no que Anaya xa non colaborou:
 1. Resolución de problemas. Seminario "Ramón Aller", AGAPEMA-Anaya, 2002  
*2. 13 matemáticos galegos, Ricardo Moreno Castillo, AGAPEMA-Anaya, 2004  
3. Matemáticas para disfrutar,  AGAPEMA-Anaya, 2005  
4. Competicións matemáticas escolares, AGAPEMA-Anaya, 2006  
5. Paseos matemáticos, AGAPEMA-Anaya, 2005  
*6. Un conto xeométrico, Julio Rodríguez Taboada, AGAPEMA-Anaya, 2008
7. Geometría dinámica, INTERGEO, AGAPEMA-Anaya, 2009. Este está escrito en partes en galego e noutras en castelán.  
8. Moodle con Geogebre e unhas pinceladas de Wiris, Grupo Xeodín, AGAPEMA-Anaya, 2011  
9. Estatística no ensino medio, AGAPEMA-Anaya, 2013  
10. O Pórtico da Gloria. Miradas matemáticas, Luís Puig Mosquera, AGAPEMA, 2015

De seguirmos rastrexando publicacións da primeira década do XXI chegaríamos a un oasis nun deserto, *As mulleres nas matemáticas (Bahía, 2008)  de Matilde Ríos Fachal, que hai tempo que está descatalogado. Desta época é o libro de Cecilia Alvarellos, O xornal na clase de matemáticas (Alvarellos, 2009), neste outro aso estamos diante dun manual escolar. 
Hoxe en día está publicándose a colección de Xerais Básicos da Ciencia onde temos as seguintes referencias matemáticas:
Vou abrir aquí un capítulo dos materiais descargables. A quen lle temos que agrader unha achega de calidade neste campo é ao Consello da Cultura Galega (CCG). Comenzo cun par de libros de Xurxo Mariño, dous clásicos da divulgación científica. *Os dados do reloxeiro: ciencia amena para mentes inquietas (CCG, 2005) e *Po de estrelas (CCG, 2007). Xa comentei que estaba disposto a abrir a man para poder facer esta escolma o máis ampla posible.  
Textos científicos en galego, 1916-1936 os inicios (CCG, 2016) coordinado por Alfonso Mato, contén os artigos de D. Ramón Mª Aller publicados na revista Logos orixinalmente en galego. Tamén publicaron Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral (CCG, 2017), de Albert Einstein. Un campo desfortunadamente moi pouco traballado nas publicacións de divulgación científica é o que ten que ver coa historia da ciencia. Outra vez o Consello da Cultura Galega intenta tapar este oco co libro *Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas (CCG, 2018) coordinado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xosé Antón Fraga e Alfonso Mato. Trátase dun volume fermosísimo que recolle algunhas das contribucións do portal do CCG,  Álbum da ciencia.
De seguido facemos referencia a dúas unidades didácticas, adicadas a dúas grandes figuras galegas nas matemáticas: María Wonenburger, unha matemática adiantada ao seu tempo (Xunta, 2015) de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, e Domingo Fontán e a Carta Geométrica de Galicia (CCG, 2018), coordinada por Xosé Antón Fraga e Elena Vázquez Cendón.
Durante unha temporada a Fundación Barrié, en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, publicaron unidades didácticas adicadas a algún científico destacado:
Continuando coas contribucións da RAGC, temos algunhas lecturas na súa Revista:
Xa que acabamos de nomear nesta última lista a Iván Fernández e a José Ángel Docobo, non podemos deixar de referenciar o seu libro As Matemáticas e a Astronomía en Galicia, (USC, 2011)
Hai uns poucos libros de matemáticas pero xa de carácter universitario, cítoos aquí por continuar a ampliar a nómina pero sabendo que nunca poderían formar parte dunha escoma divulgativa.

Imos pasar aos clásicos. O primeiro deles, o *Sidereus nuncius (MUNCYT, 2010) de Galileo foi traducido ao galego no V centenario da súa publicación. Este non está á venda, mais podemos descargalo legalmente (!) en PDF. Púxeno porque é un dos que recomendo aos meus alumnos a partir de 4º ESO.  A seguinte lista procede da colección Clásicos do pensamento universal, editada polo servizo de publicacións da USC:
  • *Unha breve historia do tempo, (USC-Fundación BBVA, 2018), de Stephen Hawking. Este tivo moito éxito de vendas na edición en castelán. Pódese dicir que é divulgativo. O resto dos da colección son "ladrillos" para especialistas. Pódese pensar se ten algún sentido adquirilos para unha biblioteca escolar se van facerse consultas puntuais e dirixidas.
  • O sistema de mundo (USC-Fundación BBVA, 2015), de Isaac Newton
  • Elementos (USC-Fundación BBVA, 2013), de Euclides, cunha excelente tradución de Ana Gloria Rodríguez Alonso e Celso Rodríguez Fernández, así como cun gorentoso prólogo de José Luís Gómez Pardo, que mesmo podería constituír un libro en sí mesmo. Quen lle dera ter en castelán unha versión dos Elementos coma esta!. Ademais basta premer na ligazón para poder descargalo en PDF.
Hai tamén unha tradución do primeiro libro: Elementos. Libro I (UdV, 2009) feita por José Nicanor Alonso Álvarez e José Montero Reguera, aínda que ésta é descargable A lista de Hilbert (UdV, 2019), de José Nicanor Alonso Álvarez, trátase un libro no que se ofrece a tradución da famosa conferencia de Hibert no II Congreso Internacional de Matemáticas. Seguindo cos clásicos, hai un libro inclasificable, pero moi ben editado, O soño (Huguin e Munin, 2014) de Johannes Kepler, da que ademais podemos ler esta impagable introdución do seu tradutor, Alfonso Blanco Quintela. Algúns divulgadores como Carl Sagan falan deste libro como o primeiro de ciencia ficción da historia. Eu non concordo, del destacaría que foi feito para facer propaganda do heliocentrismo cando a Kepler non lle permitían publicar sobre iso. O texto é pequeniño, 36 páxinas, pero ten unha enorme cantidade de notas (unhas 100 páxinas delas) para quen o queira ler en profundidade.  

En resumo
Pode ser que haxa máis publicacións, e pode haber mellores maneiras de escolmalas, porén, se nos quedamos co relatado ata aquí, o seguinte gráfico pode ser un bo resumo:

Concretando, neste período de 20 anos (1999-2019) só temos 4 libros que cualificar como de divulgación matemática:
  • 13 matemáticos galegos, Ricardo Moreno Castillo, AGAPEMA-Anaya, 2004 
  • Un conto xeométrico, Julio Rodríguez Taboada, AGAPEMA-Anaya, 2008
  • As mulleres nas matemáticas ,  Matilde Ríos Fachal, Bahía, 2008
  • Mate-glifos , José Nicanor Alonso e Miguel Mirás, Xerais, 2019
Con eles poderiamos facer unha oitava parte dunha mochila viaxeira. De seguir ao mesmo ritmo podería completala dentro de século e medio. Disto conclúese que a edición desta clase de libros é puramente arbitraria e non se enxerga unha continuidade para o futuro. Destes catro libros, o único que podemos conseguir na actualidade é o último.
Por outra banda, aínda que moi escasa, si que hai literatura científica en galego de carácter non especializado. Os seus destinatarios serían maioritariamente os docentes de secundaria. Basta comprobar que boa parte da escolma está formada por material didáctico. Con todo, as necesidades deste tipo de lecturas non están cubertas nin de lonxe e este colectivo ten que fornecerse nas edicións noutras linguas. Velaí que o campo para normalización neste eido está por cubrir en todas as direccións imaxinables. A situación é tan precaria que calquera paso que se dea, é un paso adiante.
Para finalizar vou desvelar o significado dos asteriscos que aparecen por esta entrada. Servíronme para marcar aqueles títulos que poderían formar parte da caixa coa que fornecer un club de lectura matemático. Ademais dos 4 citados hai outros 9 que abeiran os campos da física, a astronomía ou as ciencias naturais. Aínda con todos  eles non se poderían cubrir todos os niveis. Imposible facer un intento para os primeiros cursos da ESO. Noutros casos a imposibilidade é do acceso a materiais que en moitos casos xa tiveron unha difusión bastante limitada. En definitiva, intentar crear un club de lectura de matemáticas en galego é un labor heroico... no caso de que sexa posible. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario