Páginas

xoves, 9 de novembro de 2017

X. Matemáticas en galego

X. Matemáticas en galego from Cibrán Arxibai Queiruga

O primeiro que teño que dicir é que  uedei encantado co trato que recibín no centro. Grazas.
O pasado 03/11/17 fun ao famoso IES Félix Muriel (Rianxo) a falar sobre algo que non existe, as matemáticas en galego. Explícome a seguir.
O de famoso é polo seu ENDL, cargado de premios, sempre na fura de diante, un fervello de actividades, sempre con contido normalizador. Un exemplo para os que traballan na normalización lingüística desde as aulas.
O de que as matemáticas en galego non existen pode ser o preludio de que o galego deixe de existir. Quen está empeñado niso é a Xunta co seu funesto decreto mal chamado do plurilingüismo, que prohibe impartir aulas de matemáticas en galego en todo o ensino obrigatorio e que levou a que se aniquilaran todos os materiais didácticos da materia na nosa lingua, incluso para o bacharelato (aínda que non está prohibido nesta etapa, non hai editorial que publique nada de matemáticas en galego, ata este punto chega este Atila).
Ben, para ser exactos, si que hai recursos en galego. Temos o material EDAD e unha boa colección de aplicacións de geogebra (buscar e escoller idioma>galego). Disto, pero sobre todo da discriminación que sofre a nosa lingua, especialmente no ensino, e aínda máis especialmente no das matemáticas, foi do que tratei o pasado venres co alumnado de 1º da ESO do Félix Muriel. Para suavizar o tema, propúxenlles un xogo, que volvo a propoñer agora aquí: na 3ª diapositiva están marcados varios "x" (léase "xes"), pódese comprobar que tamén aparecen nas dúas primeiras. A cuestión é, en cantas, aparece ese símbolo?

O máis importante
Sobre o que lle contei a aqueles rapaces, quizais o máis importante é o da identificación de dúas formar de impartir clase, dous modelos didácticos. Un está representado polos os profesores que transmiten o saber do poder e que, por iso mesmo, non poden facer outra cousa que desprezar dalgunha maneira ao alumnado e á sociedade galega que o son de seu. No paradigma deste profesor está a transmisión do castelán e a exclusión do galego. O outro modelo é o que vive apegado á terra, aquel do que sabe que o principal non é a reprodución de toda unha restra de contidos, senón desmontar as capas de auto-odio e prexuízos. O ideal deste grupo represéntao un profesor que transmite a lingua e a cultura galegas.

Un texto de Vidal Abascal
Na preparación da presentación levei unha sorpresa moi agradable. Foi a recuperación dun texto que Enrique Vidal Abascal escribira nos anos 70 en La Voz de Galicia. Vidal Abascal adicou toda a súa vida a promover os estudos de matemáticas na universidade. Primeiro, no 1940,  chamou a atención do rector para que contrataran a Ramón Mª Aller e revitalizara a docencia das matemáticas despois dunha guerra que levara por diante ás persoas máis preparadas que tiñamos en Galicia. No ano 1957 convence ao Ministerio de Educación para crear a licenciatura de matemáticas en Compostela. Despois será un pioneiro na organización de congresos de ámbito internacional. Velaquí un retallo do mencionado artigo:
A situación do idioma galego é a seguinte: Durante preto de catrocentos anos ó galego obrigábaselle a falar castelán, na escola, na igrexa, no xulgado, na notaría... Durante catrocentos anos a alta burguesía avergoñábase de falar galego, e o idioma divide ós galegos en dúas clases sosciais, a dos señoritos que falan castelán e a dos proletarios e campesiños e pequenos burgueses que falan galego. Sábese ben cal foi a orixe disto, o obriga-los  Reises Católicos a ir vivir a Madrid á aristocracia galega. De todos é ben coñecida a anécdota do Conde de Altamira [ver conferencia de Cunqueiro]. O volver a Galicia os aristócratas falando castelán, as clases superiores quixeron imitalos. Despois de catrocentos anos desta situación a maioría do pobo galego segue falando galego. Menos matalos, fíxose todo o que se puido por desterra-lo galego. Obrigouse a fala-lo castelán en tódalas institucións docentes e colgaronslle o sambenito de lerdos e torpes ós que falaban galego, castigábanse na escola e nos seminarios os que se lle escapaba algo de galego, pasaron catro centos anos e o 70 por cento da poboación de Galicia segue falando galego; esta é a realidade que non se pode ocultar. O idioma de Galicia neste ano de 1979, segue sendo o galego. [...]Vexamos outras situacións similares as de Galicia. Dinamarca é un pequeno país de menos extensión que Galicia, e con unha poboación pouco maior, catro millóns de habitantes, o idioma danés só o falan no mundo eses catro millóns de persoas, pero Dinamarca cultiva ó danés por que é o soporte da súa personalidade, se alguén propuxese que se abandonase ó danés polo inglés, que estudian as clases cultas, ou polo alemán dos seus veciños, sería considerado un traidor ó se pobo.

4 comentarios:

  1. Sobre matemáticas en galego, estou tentando aportar o meu pequeno gran de area, sumando ao que facedes outros (moitos menos dos que nos gustaría) dende hai anos.

    Práceme compartir dende http://compaseregra.blogspot.com/ o meu blog de construcións con regra e compás, que tiña publicado en castelán e dende hoxe está só totalmente en galego.

    Iso suma a http://geogebra.paulo.gal, onde comparto tamén todas as miñas construcións usando GeoGebra.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola, por fin.
      Non me gusta nada o sistema de comentarios do blogger porque non dá aviso de cando aparece un. Xa ves cando o pillo.
      Xa me enterara por J.J. do teu blogue.
      Aproveito para comentarche un problema que vexo con el. Púxeno no blogroll de aquí á dereita, pero vin que ao poñeres entradas novas, non me aparecen no blogroll, saberás ti a razón?

      Eliminar
    2. Ao pasalo a galego cambiei tamén o nome do blog, e con el a url. Agora é http://compaseregra.blogspot.com/.

      Era consciente de que todo aquel que o tivera sindicado dalgún xeito tería que actualizar o enlace porque o vello non serviría. Pero tendo en conta a miña enoooorme masa de seguidores ;) recoñezo que non dubidei moito nin me desvelei por buscar unha solución óptima.

      É tan doado como, os poucos que me tiñades enlazados, cambiedes o vello enlace por http://compaseregra.blogspot.com/.

      Eliminar
    3. Volvín a cargalo, agora con esta dirección. A ver se agora vai.
      Non sei se moitos ou poucos son os que che ligan, a cousa é que existe polo menos un.

      Eliminar