Páginas

sábado, 15 de novembro de 2014

O Chinn-Steenrod

O libro editado por Alhambra, Primeros conceptos de topología, foi o primeiro que comprei cando fixen a carreira e por iso lle teño un aquel especial. Os seus autores son W. G. Chinn e N. E. Steenrod.
O certo é que daquela non chegara a ler máis que unha pequena parte. Comenzárao coa ansia desaber ben en que consistía iso da topoloxía, unha materia que desde a súa propia denominación xa era esotérica. Por fin, trinta anos despois, desfruteino enteiro.
O libro está dividido en dúas partes, unha adicada sobre todo a desenvolver un teorema de existencia na dimensión un e outro na segunda parte para a dimensión dous.

A primeira parte
A estrutura do libro non é estándar. No canto de desenvolver conceptos e teoremas de forma ordenada (de menos a máis), comenza por un teorema e establécense as dificultades para a súa demostración para proceder a resolvelas e estudalas. O teorema principal desta primeira parte é o seguinte, referenciado en moitos manuais como teorema de Weierstrass:
Se unha función f, continua e definida nun intervalo cerrado [a,b], entón existe un valor mínimo m e un valor máximo M para a función. Ademais para cada valor y do intervalo [m,M], a ecuación f(x)=y ten polo menos unha solución no intervalo [a,b].
Con esta referencia como punto de partida pásase a facer un percorrido pola definición de distancia euclídea, a de conxunto aberto e cerrado, demostrar a completitude do conxunto dos números reais, o estudo da conexión ou a compacidade. Foi todo un gusto volver a repasar esas demostracións de propiedades nun conxunto compacto nas que xa se vía vir como ao construir unha colección, presumiblemente infinita, recubrindo o conxunto xurdía finalmente a propiedade ao escoller un subrecubrimento finito. E, por suposto, tamén aparece o teorema do punto fixo: toda aplicación continua f dun intervalo cerrado en si mesmo ten polo menos un punto no intervalo tal que f(x)=x.
Un toque de orixinalidade do libro é a inclusión deste par de teoremas:
Toda aplicación continua dunha circunferencia na recta ten algún par de puntos diametralmente opostos coa mesma imaxe
Teorema da tarta. Dados dous trozos de tarta colocados nunha bandexa é posible dividilos en dúas partes iguais con só un corte

O final da primeira parte é curioso para un libro de topoloxía pois fai referencia a un teorema puramente alxébrico: todo polinomio de grao impar ten polo menos unha raiz real. Non é un capricho, terá a súa xustificación.

Segunda parte
De xeito paralelo ao realizado na primeira parte vaise propoñer un teorema principal e desenvolveranse todos os pasos necesarios para poder demostralo. Velaquí o teorema:
Sexa f unha función dun disco D no plano, C a fronteira de D e y un punto do plano que non pertence a f(C).Se o número de voltas de f|C respecto de y é distinto de cero, entón y forma parte da imaxe do disco D.


Homotopía, da Wikipedia
Para abordar este teorema hai que definir estrictamente a difusa, pero intuitiva idea de "número de voltas dunha curva arredor dun punto". Tamén haberá que facer un parada no mundo das homotopías. Unha homotopía, tal e como se aprecia no gif da esquerda non é outra cousa que unha transformación continua entre dúas curvas. Resulta que o número de voltas respecto a un punto que non sexa varrido polo feixe de curvas da homotopía consérvase por esa homotopía.
Este repaso permite a demostración do teorema principal desta segunda parte do libro. Pero non remata aí. Sobre esta base chégase aos seguintes resultados:
Se f é unha aplicación continua dun disco D en sí mesmo, entón existe polo menos un punto x de D que f deixa fixo: f(x)=x.
Toda función continua da esfera sobre o plano aplica algún par de antípodas no mesmo punto.
Teorema do sándwich de xamón. Sexan A, B, C tres conxuntos limitados e coonexos do espazo. Existe un único plano que divide o volume destes tres conxuntos pola metade.

Nos últimos capítulos introdúcense os campos vectoriais e abórdase o célebre teorema da bóla cabeluda para rematar ofrecendo unha demostración orixinal do teorema fundamental da álxebra.
En definitiva, un texto ideal para mergullarse nas matemáticas nestas tardes de invernía.

4 comentarios:

  1. Oe, resultou moi interesante esta entrada. Eu, en troques, o Chinn-Steenrod vino por primeira en Homotopía de 4º (un profesor mangante tirou traballos del para a morea de alumnos que tiña). Mais os conceptos e teoremas que mencionas eu descubrinos no 1º libro que collín á marxe da corrente voraz que era a carreira, do cal non dou lembrado o autor (o título era Topología Algebraica, aínda que cubría os contidos habituais de Topoloxía Xeral de 2º)
    Por certo, bota unha ollada ao plano de estudos actual do grao e busca as materias de Topoloxía:
    Grao en Matemáticas - G1011V01 - 2014/2015

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O plan de estudos está moi cambiado. Daquela a cousa era por cursos completos.
      Había topoloxía en 1º, un semestre en 2º no que se estudaba a clasificación das superficies, despois xa en 4º con cousas tales como a teoría de filtros, paracompacidade.... e finalmente a topoloxía alxébrica que foi, onde se non recordo mal, vin por primeira vez as homotopias pero xa desdes un punto de vista completamente alxébrico, mediante os grupos fundamentais.

      Eliminar
    2. Pois eu vivín dous planos distintos con materias cuadrimestrais os dous. E aínda así había unha materia de Topoloxía en cada curso:
      En 1º: Topoloxía dos Espazos Euclidianos (consérvase agora)
      En 2º: Introducción á Topoloxía Xeral
      En 3º: Curvas e Superficies (Xeometría Diferencial en realidade) e no 2º cuadr. Teoría Global de Superficies, máis topolóxica, co Th. Egregium de Gauss, Gauss-Bonnet...
      En 4º: Topoloxía Xeral (formas diferenciais, diferencial exterior...)
      E despois as optativas. Fíxate que a clasificación de superficies que comentas non a vin eu ata unha optativa chamada Topoloxía de Superficies, na que cortábamos e pegábamos (en realidade todo estaba relacionado coa homotopía, pero como esa materia non era chave, simplemente eran símbolos a* b^-1 sen sentido alxébrico)
      Do plano actual chama a atención que atrasasen a Intro. á Topoloxía e adiantasen as Curvas e Superficies.

      Eliminar
    3. Pois por completar. Aparte das topoloxías estaban as xeometrías:
      2º: un cuadrimestre
      3º: xeometría diferencial (como a que ti contas no mesmo curso)
      4º e 5º optativas: en 4º: máis xeometría diferencial (variedades,...). Ten en conta que tamén neste curso estaba a topoloxía (ao mirar o plan actual vin o Margalef, nesta materia déramos os 5 tomos)
      5º: outra materia máis de xeometría diferencial. E a topoloxía alxébrica.

      Eliminar