Verea cualificábase a si mesmo como un librepensador. Non se ten coñecemento de onde parten as súas ideas sociais e políticas. Nas notas biográficas que se lle fixeron establécese como un feito que había de influirlle moito: a execución en Carral dos sublevados contra o goberno de Narváez que reivindicaban un trato máis xusto para Galicia e a restauración das liberdades abolidas. O historiador da USC Ricardo Gurriarán apunta a que posiblemente recibiu formación na Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo Popular e alí entraría en contacto con ideas alonxadas da escolástica. As ideas políticas de Ramón Verea están tinxidas de republicanismo:
"O Rei pasou de moda nos países civilizados. Conserva o nome, pero foi despoxado das bárbaras facultades que asumira [...]. O poder que antes se supoñía vir de arriba, descubiruse agora que vén de abaixo. As árbores non están prendidas á atmosfera polas pólas; estano á terra polas raíces"Tamén foi un firme defensor dos máis desfavorecidos. Nun seu artigo do que dá conta Waldo Álvarez Insua, denuncia que non se condene a un policía por asesinato dun mariñeiro galego. Moitas veces a súa crítica social vóvese en crítica política:
"Pesoume a morte deses compatriotas meus que traballan toda a vida, famentos e espidos, que viven en chozas que non serven para animais, e todo isto para manter na folganza un exército de gobernantes e pretendentes"Dóelle que os gobernos actúen como opresores dun pobo ao que utilizan e esquilman para manter unhas estruturas de goberno atrasadas. Usa a súa voz para denunciar as inxustizas sociais e ataca o trato que o poder mantén cos que teñen menos recursos. Encol dos campesiños di que
"Cando os seus fillos son crecidos e poderían axulado, arrebátanllos para o servizo das armas, onde van ser sacrificados, tal vez por un principio político que el non entende ou non lle importa, e en todo evento para apoiar ao goberno que o oprime. Antes de comer ten que pagar as contribucións á Igrexa e ao Goberno. Se non lle chega, élle forzoso empeñar as súas terras ou polo menos, o produto das súas futuras colleitas, en mans dalgún usureiro"Un exemplo mala xestión procedente de Europa, en concreto de España, é para Verea o caso de Cuba, "levamos a Illa ás portas da bancarrota e da miseria". Pola contra é moi belixerante cos movementos pola independencia pois consideraba que se Cuba chegara a romper os vecellos coa metrópoli sería para caer nas gadoupas doutra potencia, posiblemente os Estados Unidos. Verea identifica a Europa co atraso e xustifica que moita xente queira fuxir do vello continente para fuxir da miseria ou librarse dunhas levas que recollen o mellor do sangue social para devolver un zume inútil cando se xa se lle sacaron os mellores produtos para utilizalos en guerras ou campañas sen xustificación algunha.
Para que serven eses millóns de homes que compoñes os exércitos permanentes, máis que para soster autócratas e defendelos dos seus mesmos pobos?Dadas as circunstancias sociais, a extrema pobreza xustificaría que se promovese a emigración pois "neste caso non é obra de utilidade soamente: éo de humanidade". Pon como exemplo o edificio "Castle Garden" de Nova York onde empregados estatais e tradutores orientan aos inmigrantes como un caso de boa política de acollida que pode facerlle frente aos malvados que queren aproveitarse dos estranxeiros. Ramón Verea chega a ir moito máis alá ao opinar sobre o problema da emigración, problema que el ve como unha oportunidade chea de ventaxas:
"Cantos máis sexan os que se ausente, mellor estarán os que queden, porte faltando brazos será mellor remunerado o traballo"O estradense ve en América as potencialidades do progreso. Trátase dun continente por construir e que pode ser levantado polos emigrantes procedentes de Europa. En América aínda son posibles os ideais de liberdade e avance. Un dos aspectos nos que destaca como adiantado ás ideas imperantes na súa época é no da defensa da igualdade para a muller:
"Mentres o home se considere o amo da muller, mentres lle negue a igualdade civil, menres non a mida coa mesma vara que a si mesmo, non poderá dicir con verdade que dou un paso no sendeiro do verdadeiro progreso"Probablemente a bandeira da defensa das mulleres recóllea despois de romper coas forma tradicionais de poder simbolizadas polo altar e o trono (El altar y el trono é tamén o título dun dos seus libros). Do segundo xa falamos máis arriba. No relativo ás súas discrepancias coa Igrexa sabemos que xa as comenzara a dixerir estando no Seminario pois cando o abandona declara sentirse aliviado.
"Estudei a teoloxía e vin que era un castelo de naipes; que non resistía nin o máis leve sopro da razón"Usa reiteradamente un argumento que revela o seu carácter humanista, superador dos chauvinismos. Consideremos que nacemos noutro lugar, entón no canto de crer fervorosamente no noso deus, serímos xudeos, musulmáns,... en consideraríamos por simple filiación estarmos en posesión da única verdade. Non ten sentido a idea dun deus que non incrustara en toda a humanidade a luz da fe, cunha claridade total semellante á que inspira as verdades matemáticas, agás que ese deus sexa un ser cruel:
"Os que eninan que fóra da verdadeira relixión non hai salvación, non teñen entrañas nin llas supoñen a Deus. Se o mundo fose creado por un xenio infinitamente malo, explicaríase que fose imposible distinguir a relixión verdadeira das falsas, porque era o xeito de perder ao home; pero o que fixo o aire para o pulmón e aluz para a vista non podía, sen deixar de ser quen é, ocultar o aire e a luz da via espirtual"Así considera ás relixións como "as maiores pragas da humanidade". É especialmente crítico coa venda do perdón dos pecados, o cobro da impartición dos sacramentos,...en definitiva o abuso de poder da Igrexa
"A idea de Deus foi enxendrada polo medo, e as relixións positivas son enxendros da codida, alimentadas pola ignorancia"A máquina de calcular
Non pode ser casualidade que cada vez que fundaba un xornal a súa cabeceira fose sempre El Progreso. Ramón Verea confiaba no desenvolvemento da sociedade por medio do avance na tecnoloxía , aseguraba que o futuro viría por este camiño e laiábase de que se ensinara únicamente
"filosofía, ciencias, literatura. Temos sobrados médicos e avogados, algúns pintores e moitísimos literatos e poetas. Os enxeñeiros son moi escasos e educados case todos en países estranxeiros"Nesta mesma liña propugna o ensino da mecánica desde a secundaria. En coherencia con estas ideas establece dicotomías entre o progreso e o atraso:
"O deber fórzanos a censurar aos mexicanos, país onde case todos os progresos son importados, aplicouse a luz eléctrica ás corridas de touros. Se ese adianto moderno non poidese ter mellor aplicación, prefiriríamos que se suprimise"Despois de moitos esforzos e de dous intentos fracasados Ramón Verea consigue fabricar o que el mesmo cualifica como primeira máquina de calcular. Para alcanzar este obxectivo comenzara estudando a historia das máquinas aritméticas. Fai referencia á inventada por Pascal, a coñecida como Pascalina e presentada no 1642, tiña un mecanismo que só lle permitía facer sumas e restas. O invento de Leibniz, aínda que realizaba tamén produtos e divisións, nunca chegara a funcionar correctamente ata que a reloxería avanzou o suficiente Charles-Xavier Thomas de Colmar, director dunha compañía de seguros en París, inventara o seu aritmómetro mellorando o deseño de Leibniz, unha máquina da que fabricaría diferentes versións. Todas as máquinas aritméticas inventadas ata o 1878 partillaban un inconveniente pois os produtos efectuábanse con procedementos non automáticos. As multiplicacións obtíñanse por medio de adicións sucesivas. Verea explicaba isto moi claramente diferenciando entre os procesos de contar versus o de calcular:
Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación? O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña.[...] Aquilo é contar, isto é calcular.Sendo fieis ao sentido destas palabras, a máquina de Ramón Verea foi propiamente a primeira calculadora. Desafortunadamente o invento non chegou a comercializarse. Se atendemos ás súas declaracións foi porque o seu interese non residía nos cartos ou na celebridade que podía adquirir coa venda da calculadora, senón que o seu empeño era o de contribuir ao avance da ciencia e o de demostrar que a pesar da súa orixe era tan capaz na inventiva e na imaxinación como como un oriundo dunha nación culta. Despois de dous intentos sen éxito, o terceiro modelo,cun peso de 22 kg, funcionaba sen problemas. Tiña unha capacidade operativa para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor e para seis no multiplicador ou cociente. En consecuencia podíanse obter resultados de ata quince cifras. As súas dimensións en centímetros son de 36x30x20 cm. Para saber máis: ARCA CALDAS, Olimpio, Ramón Verea. Inventor estradense. Editado por galeguizargalicia.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario