Pouco lle faltou ao estado estadounidense de Indiana para ser mofa dos historiadores e matemáticos cando a finais do XIX estivo a punto de aprobar unha lei que determinaba que o número era 3.2. O texto fora redactado por Edward Johnson Goodwin, un físico que convenceu a un membro do Parlamento estatal para que levara á Cámara de Representantes de Indiana unha lei establecendo ese curioso valor para o número . O texto foi aprobado en dous comités e proposto para a súa aprobación como lei no ano 1887. Porén un profesor de matemáticas e latín, Clarence Abiathar Waldo, ficou horrorizado ao enterarse da proposta polo que lle explicou aos senadores o disparate que estaban a punto de cometer. Finalmente os representantes fixéronlle caso a Waldo e a lei non cheou a aprobarse. En efecto, o número é un número irracional: ten infinitas cifras decimais que non se repiten periódicamente. Incluso máis, é un número trascendente. Isto significa que non é solución de ningunha ecuación alxébrica con coeficientes enteiros.
Decrétase unha aberración estatística.
Indiana librouse. Pola contra Galicia pode ser posta en ridículo por incluir nas letras dun DOG unha aberración estatística. No funesto decreto 79/2010, o do plurilingüismo sentenciase un kafkiano procedemento de recollida de datos como a disculpa fundamental para cambiar o marco legal do uso das linguas no ensino non universitario. Trátase da polémica 'Consulta ás familias' realizada en xuño do 2009, que no seu día foi moi cuestionada polo seu alto custo, 296.000 €. Calquera que teña un mímimo de idea dos fundamentos da estatística sabe que unha mostra de gran tamaño non ten por que ofrecer mellores resultados que outras con menos elementos. O que sí é fundamental é a boa escolla da mostra. Isto asegúrase con técnicas de mostraxe científicas. O proceso seguido neste caso, e sentenciado polo decreto 79/2010, é un exemplo perfecto do que non se debe facer.
Se realmeante se quixera saber cal era o estado de opinión sobre a linguas a empregar no ensino, bastaría con facer unha enquisa a unha mostra verdadeiramente representativa. Pola contra, Anxo Lorenzo quixo xogar a facer estatísticas e argallou unha monstruosidade científica. Vexamos.
A cuestión era obter información sobre as familias dos estudantes no ensino non universitario. Pouco hai que reflexionar sobre a poboación a estudar para concluir que é imposible unha recollida de datos con garantías. No canto de enviar un cuestionario a cada elemento da poboación, ou de escoller unha mostra representativa, tal e como se fai habitualmente nos estudos estatísticos:
1. Douselle aos alumnos (de entre 3 e 18 anos) o cuestionario o que imposibilitou de facto a verificación da chegada do cuestionario a quen realmente ía dirixido. A devolución do cuestionario cuberto pecou do mesmo defecto. Isto invalidaría os resultados en calquera consulta seria.
2. Ao haber pais con varios fillos, de certo que moitos deles cubriron varios cuestionarios, tantos como fillos tiñan. Isto invalidaría os resultados en calquera consulta seria.
3. Tampouco houbo control sobre o destinatario do cuestionario. Non se habilitou forma de detectar se quen cubría o cuestionario era o pai, a nai, un familiar, o propio alumno, ... ou calquera outro que tivera acceso ao mesmo. Isto invalidaría os resultados en calquera consulta seria.
4. O proceso de recollida de datos xenerou unha gran expectación social. Isto fixo que os grupos políticos e os medios de comunicación dirixiran as respostas. Isto invalidaría os resultados en calquera consulta seria.
5. Nos cuestionarios aparecían catro preguntas con resposta pechada, pero tamén había unha quinta na que se pedía: "Comentario ou suxestión que se queira facer". A resposta neste caso non é computable. A ninguén nun estudo serio cometería un erro como este. Isto constata a ignorancia dos creadores do cuestionario.
6. As preguntas deben ser redactadas de forma concreta e precisa. Porén no cuestionario fálase da preferencia da lingua para os libros de texto/ as probas orais e escritas, sen concretar en cales. Tamén se pregunta sobre se o pai gostaría de impartírense aulas en inglés, non se concreta de que materias, nin do peso sobre o total. Cal é a intención das preguntas? Que información obtemos dela? Só podemos extraer informacións xerais sobre a opinión dos pais, eventualmente sobre os seus prexuízos.
7. As preguntas deben ser redactadas de forma clara e inequívoca. Nunha das preguntas fálase de materias 'troncais' cando tal denominación non existe en toda a lexilación vixente e polo tanto é completamente descoñecida para os que deben contestar.
8. Ao ser un documento emitido pola Xunta, de vir redactado en galego, sería neutro, tal e como correspondería a un cuestionario destas características. O cuestionario está escrito todo el en galego e castelán ata extremos paroxísticos. Tendo en conta que o cuestionario trata precisamente do uso das linguas, e que o documento procede precisamente da Consellería de Educación, está mandándose a mensaxe de que a propia Consellería aposta por desprenderse da defensa do galego. Esta falta de coidado
invalidaría os resultados en calquera consulta seria.
En definitiva, estamos diante dun claro caso de escolla dunha mostra non representativa. Os resultados obtidos serán necesariamente nesgados, isto é, os datos non reflicten as verdadeiras características a estudar da poboación. Ademáis os factores para que isto sexa así son múltiples, o que nos dá idea de que o estudo non responde a motivos responsables de coñecemento social senón máis ben a unha estratexia propagandística.
Unha trapallada como a acometida co asunto da consulta pola Consellería de Educación debería ser motivo suficiente de dimisión para os seus responsables. Que ademais se faga desta aberración estatística o fundamento dun decreto legal, é razón para a vergoña de todo un pobo. E que agora se insista en reivindicar con orgullo este atentado contra os fundamentos da ciencia estatística (alén do desprezo pola lingua de noso), vén sendo algo así como anunciar en pleno século XXI que por fin se achou a cuadratura do círculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario