Páginas

martes, 27 de marzo de 2018

Experimento Eratóstenes 2018



O IES Antón Losada (A Estrada) volveu a participar no Experimento Eratóstenes. A primeira parte do proceso consiste en medir a sombra dun pau de 1 metro colocado perpendicular á horizontal. Desta vez contamos coa axuda do Ciclo Medio de fabricación a medida e instalación de carpintería e moble, que nos fixo o obelisco que se pode ver nas fotos para intentar unha medida o máis precisa posible. A ferramenta utilizada neste apartado foi a seguinte:
Material

  • unha construción cun pau vertical de 1 metro
  • unha cinta métrica
  • unha escuadra de carpintería para poder realizar a medición máis cómodamente trasladando a posición do extremo da sombra ao borde do taboleiro sobre o que se realizaban as medidas
  • un nivel para asegurarnos de que mediamos na horizontal. Pódese ver nas fotografías que o chan das pistas deportivas está inclinado pois tivemos que calzar a mesa cun libro (para algo teñen que servir estes obxectos). Cómpre comentar que o ano pasado realizaramos as medicións sobre esta pista.
  • un móbil co que consultar a hora solar local para verificar que as medicións se realizaban ao mediodía

Desenvolvemento do experimento
Os libros son útiles
serven para nivelar o instrumental
O día estivo despexado, ata que comenzou a encherse de nubes xusto no momento de realizar as medicións. Tivemos bastantes problemas para realizalas. Había que esperar a que o sol aparecese entre as nubes e aproveitar a toda présa ese momento para efectuar a medición. Tiñamos feitos varios grupos de 3 ou 4 alumnos. Cada grupo realizaba a súa propia medición. Posteriormente, na segunda parte da experiencia cada grupo debía localizar outro centro escolar que participara no experimento Eratóstenes 2018 e, utilizando o google maps, medir a distancia entre ese centro e o noso e xa con eses datos calcular a lonxitude da circunferencia da Terra.

A maior parte do traballo
 realizouse na aula
Para simplificar o traballo ofrecinlles o resultado obtido o ano pasado por un centro que está no noso mesmo meridiano, o GDSR Youssoufia, en Marrocos. Alí a sombra era de 0,63 m polo que o ángulo de incidencia do sol sería de αY =arctan(0,63)= 32,21º. Hai unha alternativa consistente en escoller o punto do ecuador que teña a mesma lonxitude ca nós. Neste caso a ventaxa é que no ecuador non hai sombra ao mediodía, isto é, o ángulo de incidencia do sol é de 0º e así a explicación do experimento vólvese máis sinxela ao asemellarse ao relato que se fai do experimento realizado por Eratóstenes.
Con esta opción non temos que xustificar que para obter o ángulo no centro da Terra teñamos que restar os ángulos obtidos nas medicións dos dous institutos.
O alumnado estraba distribuído en grupos de 3 ou 4 alumnos. Cada un obtivo os seus propios datos e, consecuentemente os seus propios resultados. Estes foron todos distintos e distribuíronse entre os 21.201 km (!) e os 41.430 km. A maioría deron resultados na veciñanza dos 40.190 km, o cal non está nada mal tendo en conta que a medida do meridiano é de 40.013 km.




martes, 20 de marzo de 2018

Onde está a Meca



A Meca está aquí, en cada un de nós. A nosa Meca é o galego. 
Isto é o que deberon pensar no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago (USC) e por iso se meteron ao traballo de elaborar unha serie de vídeos  didácticos na que diversos especialistas desenvolven unha cuestión con rigor científico e académico. Ademais realizan as explicacións de forma moi clara, o cal os convirte en ferramentas didácticas para o ensino secundario de aproveitamento prácticamente obrigado.
Entre os primeiros vídeos que nos achega esta canle quixera destacar o que aparece nesta entrada porque trata un aspecto das matemáticas ..en galego! . Gustaríame que isto servira  para vergoña da Consellería de Educación que é quen prohíbe, vía o funesto decreto 79/2010, se poidan reproducir estes vídeos nunha aula do ensino secundario. Eu animo a todos os docentes a que o fagan, e de paso expliquen nas súas aulas a atrabiliaria prohibición emanada dunha Xunta enemiga do uso da lingua que debería defender.
A peza Onde está a Meca,  está protagonizada pola incansable profesora Elena Vázquez Abal, que sempre parece disposta a colaborar en proxectos de divulgación das matemáticas (nunca llo agradeceremos os sufiente). Trátase dunha  fermosa introdución á xeometría da esfera. O obxectivo é reflexionar sobre cales son as xeodésicas na superficie terrestre (se se me permite a redundancia).
O discurso do audiovisual que acabamos de desvelar tamén o usou Elena nesta segunda peza que deixo de regalo de seguido. O primeiro vídeo ben podería ser un anuncio promocional do segundo,  que formou parte das xornadas de divulgación científica Achegando a ciencia desenvolvidas noprogramadas noVello Cárcere de Lugo. Eu xa presenciei esta conferencia na Facultade de Matemáticas, na que se fala de xeometría e de mulleres no mundo científico. Un pracer que me encantou rememorar.
Velaquí O sexto sentido:

martes, 13 de marzo de 2018

Palabras secuestradas, palabras liberadas



Parémonos un momento a reflexionar en como valoraríamos un goberno que prohibe palabras como democracia,  referéndumliberdade de expresión,...
A mesma valoración merecía un goberno que non mermitise o uso destas palabras no seu contexto natural, isto é, no debate político, na lexislación, no sistema educativo....Nunha sociedade occidental actual iso sería inimaxinable.
Se o secuestro terminolóxico se referise a palabras como cotanxentegrafomultiplicación ou topoloxía, a nosa consideración iría aínda máis alá. Efectivamente, alén da valoración moral e política cualificaríamos a situación con adxectivos como kafkiana, irracional, surrealista.,...
E se vos dixera que isto está a suceder agora e aquí?
O pasado luns (11/03/18) o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o responsable do Seminario de Lexicografía desa mesma institución, Manuel González, presentaron xunto a uns representantes dun grupo de traballo de terminoloxía matemática, a actualización de 168 termos do dicionario da Academia. Esta boa nova non o é só desde o punto de vista puramente lingüístico. Chega máis alá porque “un paso imprescindible para a normalización é o establecemento dunha terminoloxía suficiente e precisa”. Nesta mesma liña, destácase a preocupación "pola prohibición do emprego da terminoloxía matemática no ensino non universitario vía o decreto 79/2010 "pois un segundo paso esencial para a normalización é o uso natural da lingua no seu contexto. No caso dos termos matemáticos este contexto está nas aulas de matemáticas, especialmente do ensino non universitario, que é onde se aprende o significado dos mesmos.
Velaquí un grupo de palabras secuestradas. Pídovos que as liberedes nas aulas de matemáticas. Son vosas:

anelaplicaciónarranxobasebicadráticabilinealcentenaconxunto (baleiro), cordacosecantecotanxentecovarianciacrebadocubocadrado (perfecto), desviacióndesvíodeterminantedivisorelipseesferafocofracción , grupografohomeomorfismohomomorfismohexadecimalimaxeinterpolacióninterpolarintervalolímitemaximizarmedianamediaminimizarmodamódulomultiplicaciónmultiplicadornegativonúmero (abstracto, alxébrico, composto, e, i mixto, perfecto, pi, números_congruentes), optimizaroctalóvaloparámetroperimetralpipolinomialrecíprocaregresiónrestasecantesecuenciasucesiónsumatanxentetopoloxíatransitivaunidadeuniónunitario (conxunto)varianciavarianza

Como vedes, non son todas mais en todas elas poderase ver unha mensaxe como na da imaxe que acompaña esta entrada, informando da actualización. Certamente hai máis palabras que estas que se referencian aquí, pero non teñades medo a usalas. Non se gastan. Máis ben ao contrario, canto máis se usan máis forza cobran.
E quen pode ter medo de que as palabras, e con elas a lingua, cobre forza?

xoves, 1 de marzo de 2018

Prentententoonstelling

Cacao recursivo
Acabo de rematar estes días unha lectura moi agradable, a os libros coordinados por Fernando Blasco, e editados pola RSME e SM, Gardner para principiantes e Gardner para aficionados. Cada un dos capítulos é dun autor distinto, polo tanto está asegurada a variedade. Iso si, o espírtito de Martin Gardner está por detrás de todos eles, o cal non deixa de ser unha garantía. Un efecto secundario destas lecturas foi a volta ao repaso dalgún daqueles libros de Gardner que había xa moitos anos, en moitos casos, que non tocaba.
O segundo dos volumes, Gardner para aficionados, tróxome á memoria a análise complexa, algo que nalgunha ocasión tiven que estudar (ou iso creo) xa que nun dos seus capítulos faise referencia ás funcións exponenciais e logarítmicas no plano complexo pois esta foi a forma en que o profesor Hendrik Lenstra, da Universidade de Leiden,  conseguiu reelaborar a transformación que fixera o artista M. C. Escher na súa obra Prentententonnstelling (Galería de gravados).
O capítulo que trata sobre estas cuestións fala do efecto Droste, unha forma de nomear unha forma de recursividade nas imaxes que fai referencia ao deseño das caixas de chocolate da firma do mesmo nome.
Con estes vimbios elaboránrose audiovisuais que poden dar medida do mareante e suxerente que pode ser o estudo da análise complexa.




Unha segunda versión: