Páginas

luns, 1 de xaneiro de 2018

Notas sobre as II Xornadas de terminoloxía matemática

Os pasados días 28 e 29 de novembro celebráronse na Facultade de Matemáticas as II Xornadas de terminoloxía matemática. Velaquí van unhas notas (parciais)  sobre como se desenvolveron. Os comentarios que non se atribúen a ninguén son meus.
As notas refírense sobre todo ás contribucións do primeiro día porque me interesaba especialmente dar conta tanto dos materiais en galego como dos aspectos terminolóxicos en discusión.

 Materiais didácticos de matemáticas para secundaria
Sandra Sambade tiña a difícil tarefa de pescudar polo material en galego para o ensino secundario. Adiantou que o funesto decreto 79/2010 foi como o cabalo de Atila e que pouco queda. Velaquí a recompilación dese escaso material:
Material elaborado en galego
Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas!. 8 Vídeo-conferencias dunha xornada organizada na Facultade de Matemáticas o 09/11/17
No espazo Abalar hai un total de 21 (16) recursos en galego para a ESO fronte aos 159 en castelán. Chama a atención que os poidamos atopar no repositorio Abalar, da Consellería de Educación, cando é precisamente este organismo o que prohíbe a impartición de aulas de matemáticas en galego. Ata este nivel chega a hipocrisía. 6 dos materiais foron elaborados por Pila para 1º da ESO (Xeometría plana no mobiliario urbano (aula virtual) , Áreas e perímetros, Circunferencia e círculo, Triángulos, Polígonos e Xeometría plana no mobiliario urbano)
Outros 6 de xeometría plana elaborados por Teresa Otero e Alicia Pedreira para 2º da ESO (Polígonos,  Puntos e rectas notables, Puzzles matemáticos, Semellanza. Teorema de Thales, Teorema de Pitágoras, Triángulos) Aparece 1 de álxebra (que realmente non existe) e outro, O xogo da oca (II), que é para Primaria Actividades de reforzo, Xeoclic  que a min non me funcionou, (1º ESO) Aprende xeometría (2º ESO)
Finalmente tamén están referidos os materiais EDAD da LOGSE de 1º, 2º e 3º da ESO pero trátase de aplicacións que requiren dunha versión obsoleta da máquina virtual Java, e que polo tanto non funcionan. Ao non haber persoal da Consellería con coñecementos da materia o desastre e a desorganización son a divisa do Abalar. Para o bacharelato atopamos 51 unidades didácticas procedentes do IES San Clemente e unha de integración numérica do Proxecto Descartes que volve a ter o problema da desactualización.

Material traducido.
Aquí temos a maior parte dos recuros, especialmente os do Proxecto EDAD, con 12 unidades didácticas interactivas para cada unha das 6 materias de matemáticas que se imparten na ESO. Tamén está Geogebra, que conta cunha versión en galego grazas aos contribuidores que verquen ao galego as actualizacións desta aplicación na que podemos elaborar e atopar recursos.

Libros
No relativo aos libros de texto, ao estar prohibida a publicación dos da ESO, non hai ningún. Pero prácticamente temos o mesmo panorama nos do Bacharelato, a pesar de que aquí si que podería habelos Sandra só os atopou en Anaya. Outras editoriais de gran implantación como S.M ou Santillana non os ofrecen en galego.

Publicacións
No apartado de publicacións temos os libros da colección Lemniscata e a revista Gamma, ambas distribuídas por AGAPEMA. (Aquí podemos acceder ao nº 13 de Gamma) e un libro de Antom Labranha O universo matemático (Xerais 2017).
Grazas ao labor dalgúns profesores promocionando e titorizando revistas elaboradas por alumnos temos Mathesis, do IES Otero Pedrayo (A Coruña) e no blogue Tetractis de Gonzalo Temperán, no IES Monelos (A Coruña).

Blogues
Tamén hai blogues de matemáticas en galego, (poucos) e neste artigo de Manuel Vilariño temos unha recompilación.

Outros materiais
Finalmente S. Sambade fixo referencia a outros materiais, que quizais non admiten clasificación nos apartados anteriores. Aquí temos, por exemplo, todos os recursos xeométricos do profesor de debuxo Paulo Porta e a unidade didáctica María Wonenburger. Unha matemática adiantada ao seu tempo. de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, unidade didáctica, editada pola Xunta e o portal Matemáticas en pé de igualdade, da U. de Vigo sobre mulleres matemáticas O concurso Explícoche matemáticas 2.0, que desafortunadamente non ten un portal propio, aínda que teñen os vídeos na canle de You Tube da facultade.

Materiais didácticos de matemáticas para a universidade
Alberto Cabada, catedrático da Facultade de Matemáticas, dou conta do breve listado de publicacións  de matemáticas do nivel universitario:
Tamén fixo referencia ás publicacións da SGPEIO. Aquí vou destacar as que se publicitan no seu portal: os boletíns INFORMEST e o libro Á Estatística, ¡en caricaturas!. Cabada tamén se referiu a unha publicación de carácter terminolóxico, Termos esenciais de matemáticas para a economía e a empresaFinalmente falou das máis de 200 unidades didácticas que se elaboraron por iniciativa do SNL da USC. De entre elas hai algunhas de matemáticas:
Evolución e fixación do léxico matemático en galego
Xusto Rodríguez explicou que se está traballando para mellorar e ampliar con certos termos propios da matemática o dicionario da RAG. Neste sentido comentou que a Academia non fixará léxico especializado. O obxectivo non é que a Academia nos forneza de léxico, somos nós, os usuarios, os que debemos facer uso del.
En termos xerais hai poucos conceptos matemáticos en galego e están pouco difundidos. Tamén temos a sensación de que está deficientemente fixado porque hai pouco material científico en galego. Para unha maior fixación cómpre que se aumenten os contidos matemáticos. Así e todo, o léxico matemático, está bastante ben asentado. Basta que o comparemos co propio da informática para decatármonos.

O caso do léxico da estatística
Carlos L. Iglesias Patiño demostrou ser o campeón da innovación terminolóxica estatística galega, non hai termo especializado desta materia que se lle escape. Un exemplo: propón o termo mostraxe por rebandamento paracutt-off sampling, e non perde a ocasión de lembrar que mostraxe é un substantivo feminino. Trasladou a idea de que a batalla da fixación terminolóxica en galego está perdida na imprenta pero que pode gañarse no mundo das TIC.
Lembrounos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) sempre empregou a lingua galega, aínda que considera que non o fixo coa suficiente precisión terminolóxica. Destacou que no portal do IGE hai un portal educativo e un vocabulario estatístico que poden ser de interese tanto para o ensino desta disciplina como para a divulgación da súa terminoloxía.

Algúns termos problemáticos
Xosé M. Masa centrou a exposición nas súas teimas terminolóxicas: alxébrico vs. alxebraico, euclidiano vs. euclídeo, veciñanza vs. entorno. Respecto a este último citou como o denominaba Hilbert -umgebung-, Frechet -voisinage-, ou como se di en portugués -vizinhança-. Rescatou da memoria propostas como a de carapucho esférico que aparece na versión dixital do Vocabulario de matemáticas (galego-castelán-inglés-portugués) [USC,1995], mentres que no libro aparece o termo calote esférico.
Lembrou con cariño o temro conxunto senlleiro (referíndose ao conxunto unitario) do colectivo Vacaloura. Tamén se referiu ao termo inglés countable, en referencia aos conxuntos, que significa "finito ou enumerable", e que se debería aceptar contable con esta acepción para non ter que repetir unha e outra vez esa alocución -finito ou enumerable-. En México usan o verbo mapear, traído do inglés mapping, outro caso de posible adaptación para a nosa lingua. Pola contra, por veces a contaminación do inglés parece excesiva, como exemplo está a denominación de esfera unidade -unit sphere- vs esfera unitaria. Isto lembroume outro caso, que Masa non comentou nesta ocasión, que é o de círculo osculador -osculating circle-, que non ten moito sentido, pois o concepto refírese á circunferencia polo que se debería denominar circunferencia osculadora.
Para rematar a súa intervención fixo algunhas críticas ás decisións terminolóxicas da RAG. Empezou por  lineal (exclusiva do español) vs linear, o termo recollido en portugués e inglés, lineare en italiano, linéaire en francés, linearen en alemán,... Tamén criticou que o dicionario RAG recollera polinómico no canto de polinomial mentres que si aparece binomial. Finalmente apostou polo termo limitado ou límite superior e límite inferior no canto de cota superior e inferior. 

A segunda xornada
Comenzou esta xornada tratando sobre A lexislación actual no ensino das matemáticas en galego. Neste apartado fixen un repaso da lexislación desde o final da ditadura ata os tempos actuais. Resumindo: actualmente estamos como ao final da ditadura. Despois tocoulle o turno a Valentina Formoso, quen fixo unha detallada exposición dos prexuízos presentes na sociedade hoxe en día e que son os que, en boa medida, dificultan un discurso hexemónico de consenso arredor da lingua.
Laura Díaz Calaza e Soraya Suárez Quintas debullaron as asúa contribucións no estudo da dialectoloxía e mostraon como a estatística é unha ferramenta versátil para este propósito.