Páginas

xoves, 22 de novembro de 2012

A utlidade da terminoloxía matemática en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC promove unha rolda de discusión de terminoloxía matemática: o LEXI_GA_MATH, aberta a todos os interesados no uso correcto do vocabulario específico desta ciencia. Esta anotación quer ser tamén unha invitación a apuntarse nesta lista a todos os interesados en fornecernos dunha terminoloxía correcta no ámbito das matemáticas.  Apelo a un interese que non se pode desligar do uso. Para iso paso a facer algo de memoria.
Principios
No ano 1979 publícase o que , segundo o seu editor,  Xulián Maure, sería o primeiro libro "non só de Europa, senón do mundo enteiro, dedicado ó ensino das matemáticas en galego". Tratábase dun libro de texto para 1º de bacharelato, elaborado por un grupo de máis de medio cento de profesores coñecido como  Colectivo Vacaloura. Os seus integrantes tiveran que facer o traballo sen referencia terminolóxica algunha. A súa achega respondía a unha necesidade imperiosa da sociedade galega de prestixiar unha lingua prohibida, a súa lingua. Para continuar este traballo e facelo como correspondía, con rigor científico, precisábase un vocabulario de termos especializados que fose o resultado dun traballo que non nos aportara simples traducións do castelán. Compría que alguén que sentira a lingua e con coñecementos da área dera o primeiro paso. Velaí que por fin no ano 1995 se presenta na Facultade de Matemáticas un libro editado pola USC e coordinado por X. M. Masa Vázquez e  A. B. Fortes López. O seu título: Vocabulario de Matemáticas.  [Pode descargarse o documento de texto desde aquí.]. O amigo e compañeiro Manuel Vilariño tivo a feliz idea de subilo á plataforma Scribd para que a súa consulta fose máis accesible a todos
As matemáticas en galego comenza a ocupar o seu lugar De certo que este traballo contribuíu en moi boa medida a que a edición de libros de texto de matemáticas en galego nos anos seguintes se fixera de forma máis coordinada e pisando en chan firme. É o caso que cos comenzos do século XXI as normalización comenza a notarse no eido do ensino das matemáticas. Todas as editoriais que querían estar realmente presentes nos centros escolares, tiñan que ter o seu libro de matemáticas en galego. Isto contribuiría a que tradutores, pedagogos, profesores, e moitos outros profesionais desenvolveran un traballo que se agradecía acotío nas aulas. As matemáticas comenzaban a andar o seu viaxe da man da normalización lingüística, sobre todo co impulso dado polo decreto 124/2007 que establecía que o ensino das matemáticas se desenvolvería en galego. Esta decisión non foi otra cousa que a ratificación do que se indicaba no PXNLG, aprobado por todos os grupos políticos  do parlamento galego no ano 2004. Desta época temos dous traballos máis, desta vez da Universidade da Coruña, incluídos dentro dun listado de vocabularios que desenvolven a campaña 'Profesionaliza a túa lingua', gañadora do primeiro premio Luísa Vilalta ás iniciativas normalizadoras. Estámonos a referir a:
  • Pérez Vázquez, L.; P. Precedo Estraviz; N. Seoane Bouzas (2006): Profesionaliza a túa lingua: matemática. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
  • Pereiro Felípez, M. C. et alii (2008): Profesionaliza a túa lingua: estatística. A Coruña: Universidade da Coruña. [Accesible en liña desde aquí].
Todos estes documentos son esenciais para abordar a edición de propostas didácticas na nosa lingua. Así o foi, por exemplo, na elaboración de EDAD en galego que contén unha lista de 60 unidades didácticas que abarcan todos os contidos de matemáticas da ESO e accesible desde aquí. Hoxe este material é como un oasis no deserto da imposición do español. O estado actual.  A ruptura do consenso establecido no PXNL levou ao defenestrado estado actual de prohibición de impartición das aulas en galego no ensino non univeristario, asinado no funesto decreto 79/2010. Unha materia que sempre gozou de prestixio, a matemática, non podía ser explicada nunha lingua que se quería desprestixiar. Isto non significa que o traballo normalizador esté completamente pechado. Acaba de sair a noticia de que o Insituto Galego de Estatística (IGE) elaborou un vocabulario estatístico galego-inglés-castelán.   Grazas ao traballo do SNL da USC temos unha ferramenta terminolóxica que nos permite buscar, caso por caso, o termo no que estemos interesados. Trátase do bUSCatermos, aberto a todos os internautas desde comenzos do novembro pasado. Precisamente este buscador incorpora na súa base de datos o vocabulario publicado no ano 1995 e que agora se está a revisar na rolda do LEXI_GA_MATH.

A utilidade da terminoloxía matemática en galego. A cuestión central que se suscita despois de comprobarmos que dispoñemos de toda unha serie de recursos para establecer o vocabulario matemático é: para que queremos todo isto? A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) financia a base de datos bUSCatermos. Pola contra esa mesma SXPL é o maior valedor do decreto que prohíbe o uso do galego no ensino das matemáticas que é precisamente o eido natural que lle pode dar máis valor e uso a toda esta recompilación terminolóxica. En ningún outro caso se pode ver con máis claridade unha das características fundamentais da política lingüística dos úlitmos anos. Trátase dunha política que parte de considerar ao galego como unha lingua de museo.  Algarismo,  alxébrico, arranxo ... Que triste é ver todos eses termos disecados!  Contra unha política lingüística forense debemos propugnar unha medicina de habitos saudables pois única postura coherente é a que correlaciona interese pola lingua co seu uso. Temos que recuperar a necesidade imperiosa de prestixiar unha lingua prohibida e iso pasa por impartir as aulas de matemáticas en galego.

xoves, 8 de novembro de 2012

'Isto é matemática'. Programa de divulgación da TV portuguesa


Un que sempre anda na procura de materiais de matemáticas en galego fiquei gratamente sorprendido ao enterarme de que na canle portuguesa de televisión SIC Notícias, comenzou a emisión dun mini-espazo de divulgación matemática: 'Isto é matemática'. O programa emítese os sábados ás 20:50. Condúceo o matemático Rogério Martins con simpatía e procurando facer accesible esta ciencia a todos os públicos. Así se presenta:
A matemática vai muito para além dos números e das equações. A matemática são ideias. Ela acontece sempre que há um padrão... Sempre que algo se repete... no seu quotidiano, nas ruas, no trânsito. São ideias que se materializam em todos os objectos que alguma vez observou... e talvez nunca tenha dado conta. A matemática é vida. A sua vida... e a minha.Sou o Rogério Martins... e sou matemático.
'Isto é matemática' está promovido pola Sociedade Portuguesa de Matemática (SPM). Os programas emitidos ata o momento tráenme á cabeza o Ben Falado! da TVG, quizais pola pouca duración que teñen. Isto, no canto de ser un desventaxa, creo eu, é o seu maior valor. Cun guión e unha realización moi coidadas cada un destes capítulos é unha perla da divulgación matemática. Eu non os perderei de vista. Podemos seguir as novidades do programa nunha conta de facebook ou no seu portal da canle de televisión. Capítulo 1. Reinventar a roda. Capítulo 2. Como é que o google goola Capítulo 3. O bilhar, o dentista e o Teatro São Carlos Capítulo 4. O efeito borboreta

martes, 6 de novembro de 2012

Calculadoras: de Leonardo da Vinci a Ramón Verea

O Día da Ciencia en galego instaurouse como protesta contra o decreto de plurilingüismo que exclúe o galego do ensino das ciencias e da tecnoloxía. Na súa terceira edición escollénronse para centrar as actividades as figuras de Leonardo da Vinci e Ramón Verea. Como aportación ás reivinidcacións da celebración do III Día da Ciencia en galego vai esta anotación sobre a historia das máquinas de cálculo desde Leonardo da Vinci (1493) ata Ramón Verea (1978). O boceto de Leonardo da Vinci
Cun total dunhas 700 páxinas, no ano 1967 descúbrense na Biblioteca Nacional de Madrid os documentos que serían coñecidos como Códice de Madrid I e II. O seu autor era Leonardo da Vinci (1452-1519). No folio 36-verso do tomo I atopamos un debuxo dun mecanismo de transmisión mediante un engranaxe no que a relación de transmisión é de 1:10. Por cada 10 voltas que lle deamos a unha roda, a seguinte moverase unha décima parte. Como segundo o esquema de Leonardo, a máquina consta de 13 unidades ensambladas, para que se mova un dente da última cómpre que que deamos 1.000.000.000.000 (un billón) de voltas á primeira roda. No seguinte vídeo vemos unha versión dixital deste aparato con 7 rodas no canto de 13.
Ao pouco deste achádego o enxeñeiro Roberto A. Guatelli (1904-1993), experto mundial na obra de Leonardo da Vinci constrúe unha calculadora basándose no anterior esquema do Códice de Madrid I. Guatelli estaba especializado na construción de réplicas das máquinas de Leonardo, porén nesta ocasión ademais das indicacións do folio 36-verso Guatelli fai uso doutros mecanismos descritos tamén por da Vinci no Códice Atlántico pero que non eran da súa invención pois xa aparecían nun libro de Vitrubio do século I a. C. Con esta base constrúe unha calculadora para unha exposición da IBM que pretendía ser unha réplica do boceto de Leonardo pero á que se lle ven unha chea de defectos: nos comenzos do XVI  non ten ningún sentido unha calculadora con tantas cifras; non hai ningunha marca numérica; tampouco se enxerga ningún mecanismo para introducir novos sumandos, o rozamento que se produciría sería tal que ao cabo dunhas poucas voltas resultaría imposible mover a maquinaria,....

  O reloxo de Schickard
Por todo o exposto considérase que a primeira máquina de calcular foi construída no 1623 por Wilhelm Schickard (1692-1635) un astrónomo alemán. O seu reloxo de cálculo podía realizar as catro operacións básicas. Pero o único que se construiu foi destruído nun incendio no 1624 seguramente nun incendio provocado por alguén que non soportaba que a máquina fose quen de realizar as mesmas operacións que "un espíritu sagrado e inviolable" do ser humano. Velaquí unha reconstrucción do reloxo calculador de Schikard a partir dun esquema recollido dunha carta que lle enviou ao eminente astrónomo Kepler:
A pascalina No ano 1642 o filósfo e matemático francés Blaise Pascal (1623-1662) presenta unha máquina aritmética que realizaba sumas e restas. Construíronse varios exemplares que se distribuíron por Europa e servirían como referencia para que outros construíran as súas propias sumadoras.
A máquina de Leibniz
O maior defecto da pascalina era que non podía realizar produtos e divisións. Para superar esta limitación Gottfried Wilhelm Leibniz (1646-1716) , matemático, filósofo e diplomático alemán elabora unha máquina moito máis complexa que a de Pascal. Constrúe un exemplar no 1694 e outro no 1704, pero os seus mecanismos, demasiado complexos para o desenvolvemento tecnolóxico da época, nunca chegaron a funcionar satisfactoriamente. De todas formas, as innovacións que achegadas por Leibniz habían de ser utilizadas polos seguintes inventores.

O aritmómetro
Seguramente o deseño máis importante realizado sobre a base da calculadora de Leibniz sexa o aritmómetro. Esta  calculadora ideada por Charles-Xavier Thomas de Colmar (1785-1870), un enxeñeiro francés que era director dunha compañía de seguros en París. A primeira versión foi contruída no 1822. Foi a primeira calculadora con éxito comercial de toda a historia, a súa produción estederase con sucesivas versións desta máquina  durante todo o século XIX, incluso despois da morte de Thomas de Colmar, ata o ano 1915.

A multiplicadora de Ramón Verea.
Todas as caculadoras construídas ata o último cuarto do XIX tiñan un evidente incoveniente. Basaban o cálculo do produto nunha serie de sumas sucesivas. Ademais este procedemento non era automático. Todo isto cambiou coas aportacións que fixo Ramón Verea (1833-1899), cando no ano 1878 patentou en Nova York un mecanismo que podía realizar directamente multiplicacións cunha capacidade de obter resultados de ata quince cifras. Ramón Verea era plenamente consciente de cal fora a súa aportación á tecnoloxía das máquinas calculadoras. Nun artigo publicado no xornal Las Novedades de Nova York Verea afirmaba que
Non sei se algún dos inventores que me precederon soñou algunha vez cunha máquina de calcular; pero sei que todos os aparatos ata o de hoxe inventados non fan máis que contar,
Por iso, aínda que puxera como desculpa que só pretendía reforzar o orgullo da súa orixe,  resulta realmente estraño que non chegara a comercializar o seu invento. Outros si que o fixeron. É o caso de León Bollée, inventor do primeiro coche de gasolina, gañador no 1889 dunha medalla de ouro na Exposición Universal de París do 1889 por unha calculadora que realizaba rápidamente grandes produtos e divisións. No 1892 Otto Steiger, sobre a tecnoloxía desenvolvida por Bollée e Verea construirá un modelo que sería todo un éxito comercial: a millonaria.

Para saber máis:
The history of computing project
arithmometre.org
History of computers Rechnerlexikon. Die große Enzyklopädie des mechanischen Rechnens
Códice de Madrid
Storia d´ell informatica, pdf didáctico
Ramón Verea. Inventor estradense, libro de Olimpio Arca Caldas
Historia universal de las cifras, libro de Georges Ifrah, editado por Espasa

sábado, 3 de novembro de 2012

Simetría, enigma da realidade



Despois da anterior entrada, cunha curta biográfica de Galois, pareceume unha boa forma de continuar comenzar coa súa morte nun duelo a principios do XIX, que non é máis que a forma, orixinal e espectacular, coa que o divulgador Marcus du Sautoy, comenza esta conferencia encol da simetría, unha das principais claves das matemáticas no comenzo dos XXI.
Quen queira ampliar esta conferencia pode consultar esta outra, impartida en Barcelona no 2009, na que debulla os mesmos tópicos que no seu libro Simetría.

Recursos sobre Ramón Verea e a súa calculadora

No ano 2010 realizáronse unhas xornadas de divulgación da figura de Ramón Silvestre Verea García n´A Estrada. A Asociación Cultural Vagalumes gravou algunha das conferencias impartidas. Para que a lembranza de Ramón Verea perdurase encargouse unha escultura da que deixamos aquí unha imaxe recollida da Galipedia. Tamén se presentou unha biografía, que vén sendo o mellor material para achegármonos á figura deste inventor e periodista da segunda metade do XIX. Xunto con todo este material hai moitos outros máis recursos que nos achegan ao perfil dun librepensador que foi quen de inventar unha máquina que por primeira vez na historia podía facer produtos sen ter que realizar unha serie de sumas sucesivas.
  • Ramón Verea. Inventor estradense, libro de Olimpio Arca Caldas. Editado por galeguizargalicia.com. Descargar o pdf
  • Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo mestre Olimpio Arca no Recreo Cultural d´A Estrada o 23 de abril de 2010
  • Ramón Verea García en Curantes, vídeo da A. C. Vagalumes coa conferencia impartida polo historiador Ricardo Gurriarán
  • Ramón Silvestre Verea, traballo do escultor Molares, por encargo do Foro Enrique Peinador e o Concello da Estrada, para a homenaxe do escritor e inventor de Curantes.
Biografías e artigos sobre Ramón Verea e a súa calculadora:
    Para situar históricamente o dispositivo mecánico que inventou Verea tamén podemos consultar:
    • Verea Direct Multiplier, referencia da calculadora multiplicadora de Verea no museo da IBM. Neste apartado 'Antique artefacts' ([1], [2] [3]) podemos situar históricamente o invento de Verea.
    • Timeline of computing hardware 2400 BC–1949, liña de temporal na que situar o invento de Verea, da Wikipedia